Ir al contenido principal

"Tui, capital da fronteira" en A Nosa Terra

No pasado número do semanario "A Nosa Terra", de 23 de xullo, figuraba na sección "Visitar" unha pequena reportaxe sobre a nosa cidade; a vocación de Tudensia é tamén recoller estas achegas sobre Tui que poden pasar inadvertidas para moitos dos nosos lectores.


Tui, a capital da fronteira
Non é mala idea botar a andar unha fin de semana por Tui, capital dunha daquelas provincias que facían de Galiza un puzzle de sete pezas.
Habitada dende o paleolítico, esta cidade pasou polas mans dos Grovios, foi habitada polos homes dos castros, logo polos romanos e mais tarde polos suevos. Fundada e refundada por moitos, segundo quen conte a lenda, foi tamén berce de moitos reis. Dende Witiza até dona Urraca, suevos, visigodos e incluso árabes, camiñaron por riba destas pedras polas que hoxe camiño eu.
Houbo un tempo, tamén agora inconcibible, no que o río non era fronteira. A unidade mantívose até o século XII, até que Portugal se converte en reino independente e tamén en inimigo. Así Tui adquire o seu caracter fronteirizo do que endexamais se desprenderá.
E constrúese esa catedral fortaleza, que nin é igrexa nin é palacio, pero que aínda segue a vixiar a cidade dende o alto do outeiro. Maxestosa. Enorme, oito séculos despois. Obxectivo de moitas guerras, agora obxectivo dos disparos -fotográficos- de moitos turistas.
E é que Tui, coma moitas cidades de Europa, ao estar situada na fronteira foi moitas veces propósito de ataque e obxectivo de agresión. E é precisamente esta fronteira o que lle outorga á cidade esa “vida particular, de tránsito”, roubándolle as palabras a Otero Pedrayo.
Pasear polo seu casco histórico, hoxe apracible, calmo, case pantasma a determinadas horas, non fai pensar nese pasado belicoso. Pero as súas pedras foron testemuñas das distintas invasións viquingas, árabes, e máis tarde napoleónicas. Amalgama de pobos e culturas, as súas casas albergaron a xudeus e cristiáns. Agora estas rúas baleiras de comercios, non falan da actividade comercial que acolleron durante tantos séculos. Rueiros de pedra que soben ata a catedral e baixan até o Miño. As augas miñotas que neste lado do bordo non dividen países se non dúas cidades. Augas atravesadas por unha ponte “internacional”, camiño de ferro cara o país lusitano.
E ao lado do Miño, tamén, o mosteiro de San Domingos, parede de fusilamento de tantos homes que lideraron a resistencia republicana e que fixeron deste pobo o último en caer nas mans dos fascistas en toda Galiza. E a carón da igrexa dominica, onde repousan os restos da belicosa nobreza dos últimos séculos medievais, atópase a Alameda que hoxe so conserva unha pequena parte do esplendor pasado.
E da Alameda pasamos polos carreiros do que un día foi muralla e chegamos á Corredoira, centro neurálxico da cidade e dos seus homes. E sento nas súas terrazas e observo o balbordo dos coches e das xentes, dos paisanos abrumados e orgullosos a partes iguais dunha cidade que foi histórica pola súa importancia e que fará historia pola preguiza duns gobernantes que se resisten a inverter no futuro recuperando o pasado. Porque é necesario rehabilitar todas esas casas derrubadas que caen no abandono pola pasividade de donos e institucións e que incumpren sen miramentos a lei de vivenda galega.
Porque Tui alberga un rico patrimonio histórico que pola pasividade, esquecemento ou nalgúns casos imposibilidade dos seus habitantes e dirixentes está sendo devorado polo tempo que sen piedade demoleu o Teatro Principal, edificio no que por vez primeira a lingua galega resoou nun acto público, e tantas outras casas que aínda que anónimas, os seus muros agochan os segredos de centenares de vidas.
Mais Tui non remata na pedra gris do seu casco antigo. Ten o río e tamén ten a montaña, o monte Aloia, que foi o primeiro parque natural de Galicia. Que engaiola ao visitante pola beleza das súas paisaxes e das súas vistas igual que engaiolou aos nosos antepasados, habitantes dos castros, que no medio deste outeiro estableceron o seu poboado. Vestixios castrexos dos que aínda se conservan algunhas edificacións e unha quilométrica muralla agochada entre natureza do parque.
Aínda que neste relato faltan xustificacións abondan os motivos para facer de Tui parada obrigatoria e un destino inevitable dos que queiran coñecer un pouco máis a historia deste país.
C.S.

Comentarios

  1. Ola Rafael,

    unha dúbida. É certo que Tui foi a última cidade galega en caer en mans franquitas? Descoñecía ese dato. Interesante.

    Saúdo,
    Samuel Diz

    ResponderEliminar
  2. Ola Samuel, pois é certo que Tui foi a última cidade galega en ser sometida ao golpe militar de xullo de 1936 (xunto con Lavadores, hoxe integrado en Vigo). A resistencia tudense, na que participaron algúns militares, foi dos veciños e tivo nas trincheiras da "Volta da Moura" o seu principal fito. Esto sucedeu o 26 de xullo de 1936, para lembrar este acontecemento a principal vía de acceso á cidade chamouse durante a ditadura "Avda. 26 de xullo" ata que por iniciativa veciñal foi sustituida esta denominación pola actual de Avda. da Concordia. É tamén foi, posiblemente, a razón pola que a represión posterior foi tan intensa en Tui. Pero por mágoa a nosa historia máis recente aínda está por facer.
    Gracias por seguir este blogue e participar cos teus comentarios.
    Un saudo

    Rafael

    ResponderEliminar
  3. Encantoume este artigo, bo traballo Rafael.

    ResponderEliminar
  4. Encántame o artículo da nosa terra. Bo traballo!

    ResponderEliminar
  5. Estupendo artigo que xa lera en A Nosa Terra. Parabéns a súa autora e comparto as súas opinións. Saúdos.

    ResponderEliminar
  6. Após varias semanas sen entrar polo blogue atopo uns artigos ben interesantes. Parabéns ao señor Bargiela polo traballo realizado, e agardo que continue así por moito tempo.
    Por certo, tamén gostei moito do artigo d'A Nosa Terra.
    RAF

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

A lenda do túnel baixo o MIño

As lendas ou narracións populares, transmitidas oralmente, relatan xeralmente acontecementos ficticios que se teñen por reais, en moitas ocasións mesturados con feitos históricos. Pola súa capacidade de evocación, pola súa transmisión xeracional as lendas conforman un acervo do que chamamos patrimonio inmaterial que cómpre recoller e preservar. Na nosa cidade conservamos varias lendas vencelladas ao caracter histórico da nosa localidade, ao seu caracter fronteirizo e consecuentemente a súa fortificación fronte aos posibles invasores. A máis asentada no imaxinario colectivo tudense é a relativa ao “túnel” que comunica Tui coa outra beira do Miño, coas terras de Valença. Resulta moi significativa esta lenda pois testemuña como na mentalidade dos tudenses a fronteira e a súa condición de limite, de aillamento fronte ao estranxeiro era superada polas nosas xentes que a través do túnel escapaban destas “imposicións” e mantiñan a comunicación coas terras irmáns que as estructuras políticas t…

A Semana Santa tudense e as súas posibilidades

Ricardo Blanco Cicerón

O pasado martes 15 de decembro foi inaugurada no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, unha exposicion que co titulo de “Olladas dunha época” recolle unha escolma das fotografias do chamado “Fondo Blanco-Cicerón” que se custodia no devandito Museo. Como podemos comprobar na portada do catálogo que acompaña a este “post” a cidade de Tui é unha das protagonistas desta mostra que amosa unha selección das fotografías que conformaban a colección de Ricardo Blanco-Cicerón (Tui 1844 – Santiago 1926). Son na súa meiranda parte instantáneas da época do cambio de século, entre 1890-1910, e que respostan ao interese coleccionista de D. Ricardo que conformou ao longo da súa vida a, posiblemente, a máis ampla colección de caracter cultural que teña existido en Galicia: obxectos prehistóricos, artísticos, etc. que nutren hoxe en boa medida os museos da nosa terra. Esta mostra organizada conxuntamente polo Museo do Pobo Galego e o Centro Galego de Artes da Imaxe poderá ser visitada na nosa…