Esta vindeira fin de semana celébrase na cidade de Tui a festividade de San Roque que goza de grade sona na bisbarra; a entusiasta comisión das festas de San Roque e San Bartolomeu editou un programa no que figura o seguinte artigo que deseguido reproducimos.
O ARCO DA FESTA DE SAN ROQUE

As festas populares, como estas de San Roque e San Bartolomeu, posuen unha longa tradición. Así, Avila y La Cueva infórmanos que xa no ano 1681 o bispo tudense Frei Simón García Pedrejón “mandó a suplicas de la Justicia y Ayuntamiento de Tui que el día de San Roque, 16 de agosto, se guardase a lo subcesivo por día festivo en la ciudad y aldeas de Pazos de Reis y Randufe (...) y empezó este precepto el 16 de agosto de aquel año”. A devoción a San Roque está case sempre vencellada á peste, pois este santo tiña sona de protector fronte a estes terribles sucesos, consecuentemente o seu culto está amplamente espallado e congregaba a moreas de xente. Aínda na actualidade a procesión de San Roque é, posiblemente, a que mais participantes congrega das que se realizan na nosa cidade evidenciando a pervivencia secular desta devoción.
As festas teñen asociadas ás celebracións litúrxicas unha serie de elementos que as singularizan e conforman unha mostra da cultura tradicional ou popular. No noso caso, eran as festas de San Bartolomeu ás que, ata hai décadas, conservaban varias manifestacións deste caracter: a presenza das “ostreiras”, a feira do liño, a entrega de pitas negras ao apostolo Bartolomeu, etc. Pero hoxe queremos mostrar unha tradición ata agora escasamente coñecida e que formaba parte das celebracións das festas de San Roque.
A foto que acompaña a estas liñas foi publicada na revista madrileña “Blanco y Negro” no ano 1934 e ofrece unha imaxe da procesión de San Roque ao seu paso polo torreiro. Podemos observar o ambiente desta celebración popular, mulleres e homes que acompañaban a imaxe coas súas altas velas, o grupo de gaiteiros que abría a marcha procesional, o palco de madeira colocado xunto ao muro do adro, o artístico cruceiro, os faroliños de papel que alumerían pola noite no decurso da verbena.
Pero nesta imaxe sobresae especialmente o arco dedicado a San Roque colocado na entrada ao adro da igrexa parroquial. Un sinxelo arco realizado con paos de madeira, que cruzándose forman debuxos xeométricos, recubertos de verde, posiblemente buxo, adobiado con faroliños e cun debuxo ou lámina sobre San Roque no seu centro. Xunto á figura do santo aparece unha inscrición da que, por mágoa, únicamente podemos ler: “San Roque libranos de la peste”, resultando imposible a lectura do resto; posiblemente fose unha oración ou un “gozo” sobre o noso santo.
A representación iconográfica de San Roque reproduce os seus típicos elementos: representado como peregrino, con traxe corto e capa, portando un bordón e ao seu carón o can, elemento imprescindible na súa iconografía. Entre os santos sanadores, no noso caso da peste, San Roque é o máis popular de todos. A súa historia está baseada en lendas, carecendo doutras testemuñas, e conta que naceu en Montepellier (Francia) a mediados do século XIV e tras repartir os seus bens as pobres, marchou como peregrino a Roma (de aí que moitas veces no seu chapeu de abas figuren cruzadas as chaves pontificias, símbolo do peregrino á Cidade Eterna), onde viviu tres anos dedicado a atender aos enfermos de peste. Logo de contaminado pola pestilencia, que nas imaxes aparace representada nunha perna, retirouse a un monte onde, por misericordia divina, era atendido por un anxo que lle curaba as feridas e un can que proveialle de comida, representado cun boliño de pan na súa boca.
Erguer arcos conmemorativos é unha tradición que temos documentada xa no mundo romano, aínda que de seguro ten orixes máis remotas. Levantábanse para celebrar acontecementos sociais, triunfos militares, visitas de persoeiros ás vilas e cidades, etc. En xeral eran arcos vexetais, pero ás veces eran realizados noutros materiais, pero sempre de caracter efémero vencellados a unha festa ou acontecemento. Excepcionalmente estes arcos eran realizados en pedra coa intención de que perdurasen no tempo, hoxe conservamos exemplos deste tipo tanto de época romana como posteriores.
Estes arcos vexetais eran correntes ata hai algunhas décadas nas festas, nas entradas aos adros e torreiros por onde ía transitar unha procesión... ou cando visitaba unha parroquia o seu bispo ou algun persoeiro de sona. Con este arcos expresaban a ledicia dunha festa ou un acontecemento salientable para unha comunidade local. Na nosa bisbarra consérvase esta fermosa tradición na parroquia de San Miguel de Tabagón que todos os anos o sábado anterior ao primeiro domingo de febreiro erguen un espectacular “arco-maio”.
Esta tradición espallada, e perdida, en numerosos lugares de Galicia está ligada ao coñecido como ciclo do maio, ou manifestacións relacionadas coa chegada da primavera e o conseguinte renacer do mundo vexetal, que nunha sociedade agraria tiña unha grande importancia. Unha manifestación deste ciclo, os arcos-maios, foron co tempo asociados a outros momentos da vida social, nomeadamente festas ou eventos pero que continuaban testemuñando a pervivencia destas antergas tradicións.
Velaí pois este arco de San Roque erguido polos veciños do noso barrio amosando unha expresión da nosa cultura tradicional que cómpre non esquecer.
Rafael Sánchez Bargiela
Habería algunha relación entre estes arcos e os habituais que engalanan as rúas dos pobos portugueses en festa? Un saúdo e moitos parabéns polos artigos tan traballados e interesantes.
ResponderEliminarAi! San Roque, san Roquiño; os nosos santos e as nosas santiñas. Non deixan de ser os totems das nosas tribos.
ResponderEliminarRAF