Ir al contenido principal

O monumento á cidade de Tui (entrada rectificada)


A escultura pública non é especialmente abondosa na nosa cidade, con todo posuímos obras de Silverio Rivas, Xoán Oliveira, Xoán Piñeiro ou Alfonso Quinteiro coma exemplos sobranceiros que engalanan algunha das nosas prazas e rúas. Na Praza de Galicia, recentemente remodelada, existe un conxunto escultórico realizado en pedra, encargado polo Concello tudense durante o goberno de Ángel Álvarez Durán, da autoría de Magin Picallo, escultor afincano no Baixo Miño onde posúe unha obra ampla e espallada polos nosos concellos.
Magin Xulio Picallo Durán é natural de Troáns - Cuntís, onde naceu en 1943. Estudou na Escola de Artes e Oficios de Compostela e foi discípulo do egrexio escultor galego, Francisco Asorey. Tras casar, radicouse na parroquia de Goián onde reside e ten o seu obradoiro. Ten obra espallada por España e en Galicia resulta especialmente coñecida a súa escultura "Encontro de dous mundos", monumento conmemorativo do quinto centenario da chegada da carabela "Pinta" a Baiona, instalado no Parque da Palma daquela vila.
Na Praza de Galicia tudense está ubicado outro monumento da súa autoría dedicado á cidade de Tui, un conxunto pétreo con diversos personaxes pero que fica especialmente deslucido pola inapropiada base sobre a que está instalado, pois fronte á pedra cincelada do monumento a súa base, que querería lembrar unha barcaza, realizada en pedra pulida contrasta moi negativamente deslucindo o conxunto escultórico.
A voz popular, por veces tan acertada e ás veces tan cruel, ten batizado a este conxunto e a súa praza como a “do Sida”, en referencia aos personaxes ateigados uns sobre outros.
Con todo, este conxunto monumental responde a unha simboloxía que xira arredor da propia cidade de Tui e cuxa explicación tomamos dunha folla solta e mecanografada existente no Arquivo Municipal tudense:
“1.- A figura máis salientable debe interpretarse coma un caudillo celta, en actitude de arrastre –como tirando- e, ao mesmo tempo, indicando o camiño. Remata nun salto ao vacío que simboliza o futuro.
2.- Está tamén o gaiteiro, en actitude de camiñante, formando conxunto co resto, expresa o folclore galego.
3.- A parella de home e muller, porta o primeiro dous seixos, un en cada mán, tentando de provocar unha “chispa” para o lume do sacrificio ordeado polo druida. A muller leva o muiño na mán. Ambos caracterizan ao pobo celta.
4.- A continuación, un guerreiro caído simboliza á Idade Media, plagada de mártires, guerreiros vencidos, atropelos históricos, etc.
5.- Remátase o monumento nun petroglifo, insinuando o núcleo central ao arranque da nosa cultura.
6.- A outra parte do monumento descompóñese en tres figuras entrelazadas, todos mozos, apoiándose e tendendo a mán, elevando e en movemento cara adiante cunha columna en medio e un mozo tallando un capitel; quérese expresar a riqueza arquitectónica e histórica de Tui, antiga capital do reino de Galicia.
7.- A figura central leva na man uns pergameos que representan a cultura.
A obra está pensada en forma de carro ou proa de barco elevada, buscando o futuro, descompoñéndose en catro conceptos: traballo, arquitectura, cultura e folclore.
Podemos ver tamén o escudo de Tui, aínda que non na súa representación heráldica tradicional. A lúa a leva o caudillo celta na mán e as tres estrelas se ven, de xeito abstracto, no núcleo central do monumento.”
Coñecer o que o escultor quixo representar con esta obra axudará a súa valorización, ainda que a principal virtualidade dunha peza escultórica de carácter monumental como está da que hoxe falamos é acadar unha comunicación co espectador para converterse nun referente do espazo público que ocupa, para articular este espazo. E certamente esta obra non logra esta función tanto pola súa inapropiada base, como polas suas dimensións e a súa propia estructura compositiva; non chega a converterse no referente simbólico da cidade ao que aspiraba. Pero é unha peza singular que merece a nosa estima, obra dun digno e acreditado artista da nosa comarca do Baixo Miño.

Comentarios

Entradas populares de este blog

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...

Bo Nadal cun texto de Manuel Lago González: “Noite Boa” (1892)

Felicitamos hoxe aos seguidores de Tudensia estas festas do Nadal recuperando un breve texto, non o chamaría nin relato, sobre como se celebraba a Noiteboa nas aldeas de Tui nas últimas décadas do século XIX, nun momento en que os labregos galegos vivían nunha economía de subsistencia e nunhas moi duras condicións de vida. Anxo no capitel do arco triunfal da igrexa de San Domingos de Tui, sec. XV Trátase dun texto de Manuel Lago González publicado o 24 de decembro de 1892 no xornal tudense “La Integridad”. Daquela Manuel Lago era un presbítero que formaba parte do claustro de profesores do Seminario tudense e que tiña unha activa participación como xornalista e na vida social en Tui. Ao xornalismo entregouse Lago con verdadeira ardentía e a tarefa que se impuxo foi querer incorporar a defensa das tradicións e os intereses de Galicia ao ideario católico de signo integrista (oposto radicalmente ao liberalismo). Este texto, que non foi publicado posteriormente a súa edición en “La Int...