Ir al contenido principal

Notas sobre toponimia



Estes días ten chegado as miñas máns unha obra recentemente editada “Toponima de Galicia” de Fernando Cabeza Quiles, pola editorial Galaxia na súa colección “Guías AZ”. Unha obra fermosa e altamente recomendable, que nos achega ás orixes de numerosos toponimos da nosa terra, un traballo rigoroso lonxe das etimoloxias, aínda en boga e que non fan senón rebuscar por orixes ignotas e imaxinarias, as raigames dos nomes dos lugares.

Dunha ollada selectiva da obra entresacamos unha serie de párrafos vencellados ao noso concello e que ofrecen interesantes aportacións para o coñecemento do noso territorio, da orixe de certos toponimos espallados pola xeografia tudense.

1.- “En canto ao hidrónimo Miño, o primeiro que resalta, ao tratar de coñecer a súa procedencia significativa e etimolóxica, é a súa posible relación coa voz latina “miniu(m)” , ‘minio, vermellón, óxido de chumbo de cor vermella’. Esta conxectura cadra coas primeiras teorías sobre o nome do Miño. Así, San Isidoro, nas súas célebres Etimoloxias, asegura que a voz minium, definidora da citada cor, entón moi abondosa en Galicia, deu nome ao río. Algo parecido atopamos en Xustino, cando escribe. “Regio cum aeris ac pumbi uberrima tuum et minii quod etiam vicino flimini nomem dedit” (Xustino, XLIV, 3, 4), ou, o que é o mesmo: “Rexión (Galicia) riquísima de cobre e chumbo e tamén de minio que mesmo lle deu nome ao rio veciño (O Miño)” (...) Outra posible base etimolóxica deste hirónimo é a indoeuropea *mi/*mei/*moi , proposta por Krahe que estaría presente no nome doutros ríos europeos, coma o polaco Minia, o alemán Main, afluente do Rhin; e o irlandés Maoin, así como na palabra do letón maina, ‘pantano’ (Moralejo, 1980, 167-168)” (p. 241.242).

2.- Volvendo aos toponimos vencellados con prantas ou cultivos está “Malvas de malvales, que debe facer referencia á pranta chamada malva.” (p. 426).

3.- Tamén están os topónimos Rebordáns, na Galicia occidental, e Rebordaos, preferentemente na central ou continental, que poderían facer referencia a arbores silvestres, se é que estes nomes de lugar reproducen o vocábulo galego rebordán igual a ‘árbores silvestre ou breva” (p. 537).

4.- “O topónimo Sobrado, para o que cómpre reconstruir un antigo superatu ou superato, ‘altura’, ‘que está sobre ou enriba’, aparace na documentación medieval con esa forma (...) Outros topónimos dos mesmo significado que Sobrado os de Sobrada, Sobradas, Sobradelo. (...) pero non debese confundir, dada a súa forma similar, cos de Sobredo, Sobreda, Sobrido, e algo menos cos de Sobral, Sobreiral e Sobroso, que son abundanciais, coas súas respectivas terminacións –edo, -eda, -ido, -al e –oso, da árbore chamada sobreira, presente nalgunhas partes abrigadas e temperás de Galicia, como poden ser determinados lugares costeiros e os vales dalgúns ríos, onde tamén se documentan os topónimos Sobreira (referido a unha sobreira soa), A Sobreira (seguramente máis moderno có anterior, pola presenza do artigo) e Sobreiras, provenientes do latín serodio *suberaria e este do latín clásico suber.” (pax. 583-585).

5.- “Segundo a profesora Elisa Ferreira, os topónimos Encuarte, Enguarde Engarde corresponderían a un termo relativamente recente do tempo dos coches de cabalos, oa ser un encuarte os cabalos de reforzo que se unían ao tiro principal antes de subir unha pendente particularmente forte. Referiríanse, xa que logo, os devanditos topónimos a lugares situados ao pé das costas, onde se efectuarían os “engardes” ou uniòn dos devanditos cabalos suplementarios (Ferreira, 1983: 31-32).

Ao anterior respecto, existe un lugar chamado Souto de Engarde, na parroquia de Caldelas, Tui (Pontevedra), onde se debía facer a anterior operación; emprazamento que debe estar, polo tanto, ao pé dunha forte costa ou pendenye pola cal discorrería un camiño real.” (pax. 590)

6.- O topónimo Anta, en singular, “o máis probable é que nos atopemos perante un topónimo arqueolóxico, que nos sinala a presenza dunha ‘anta’, denominación popular dos dolméns do período megalítico, sendo tamén posible que en ocasións os topónimos Antes e Antas, en plural, alundan a varias antas ou dolmens ou, simplemente, a varias pedras cavadas en forma de marco ou en forma de laxe plana.” (p. 43).

7.- Outro abundancial é topónimo Barrocal, Barroca ou Barrocas que ven da voz galega barroco, “que o dicionario de E. Rodríguez dá cos significados de ‘barrueco, berrueco, perla irregular’; voces castelás, as devanditas de barrueco e berrueco, de orixe prerromana que teñen o significado de penedo, gran rocha granñitica redondeada. A partir, xa que logo, da palabra galega, hoxe ausente nos dicionarios modernos, barroco=’penedo, rocha’, formaríase este topónimo abundancial, en alusión a unha agupación de grandes pedras” (p. 103-104).

8.- Outra tautoloxia ou repetición de pedra parace o topónimo Coto do Galo ou Cota de Galo, “que está composto polas palabras ‘coto’, na súa acepción do altura pedrosa, e ‘galo’, nome de moitos lugares que se caracterizas por seren moi pedrosos” (p. 222)

9.- Funchal, “para explicar este toponimo cómpre reconstruir a palabra do latín serodio *fenuculu, (e este de feniculu), ‘fiúncho’ ou ‘funcho’ (como di o portugués), en alusión a un terreo abundante en fiúnchos, nome galego máis frecuente do Foeniculum vulgare, planta herbácea e perenne, pertencente á familia das umbelíferas, tamén chamada vulgarmente ‘anís’ especialmente a súa semente, porque esta planta aromática e de sabor doce semellante ao do anís se usa para substituir este nos alcohois caseros.” (p. 294).

10.- Outro topónimo de procedencia xermánica, en canto procederen de antigos xenitivos rematados en –edi, de apelativos xermánicos de posesores ou propietarios terratenentes dunha vila ou gran posesión territorial, que non de posesores xermánicos necesariamente é Guillarei (p. 109-110).

Convido aos interesados a achegarse a esta interesante obra onde atoparan moita máis información sobre unha das meirandes riquezas que posuimos: a nosa toponimia. Difundir e conservar este legado (especialmente a microtoponimia, por exemplo, os nomes de fincas) é un importante reto para a nosa sociedade.


Comentarios

  1. Felicitacións pola creación deste blog!!! Noticias interesantes para todos, tanto tudense como persoas que tan só queren achegarse un pouco máis á nosa cidade.

    Un cordial saúdo e as miñas felicitacións de novo!!

    Samuel Diz
    www.samueldiz.com

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Nova desidia co patrimonio tudense: Os materiais históricos do Viveiro Forestal de Areas son retirados do noso municipio

A través da prensa teño seguido, nos últimos anos, o litixio xudicial emprendido pola Comunidade de Montes en Man Común de Areas para a recuperación da titularidade do monte “Seixos Albos” quen ten desembocado nunha sentenza que anula a cesión realizada no ano 1926 polo Concello de Tui ao Estado desde monte para o funcionamento do Viveiro Forestal de Areas.


Aínda que o viveiro, promovido polo enxeñeiro tudense Rafael Areses Vidal, estaba xa en funcionamento dende o ano 1906, será o 16 de maio de 1926 cando o Pleno da Corporación Municipal acorde á cesión ao Estado destes terreos teniendo en cuenta la grandisima importancia que para la región gallega y, especialmente, para este municipio, tiene la conservación y mejora de dicho vivero, a propuesta del Sr. Alcalde, se acuerda por unanimidad, prestar mayor el apoyo para que el Vivero de Areas alcance el grado de desarrollo que exigue el cultivo del arbol y la repoblación de los montes. (...) acuerda además, ya que su situacion económica n…

As feiras e os mercados de Tui, unha continuidade de máis 750 e 387 anos respectivamente

A función comercial da cidade de Tui é unha das súas principais características ao longo dos sécuos e a expresión máis sinalada da súa base económica, aínda na actualidade.

A documentación medieval ofrece noticias diversas que inciden nesta dedicación da cidade ao comercio. Xa no ano 1125 a infanta Dona Tereixa de Portugal concédelle á sede tudense o monopolio do tráfico de barcos no porto da cidade. O apoio rexio a esta dinámica comercial queda ratificado pola concesión do Emperador, Alfonso VIII, en 1142 do portádego (imposto que se cobrabapor entrar na cidade para vender ou transitar mercancías) á catedral tudense. Testemuños da actividade de intercambios comerciais, tanto por vía fluvial como terrestre, que protagonizaba a cidade. Aínda que a documentación non cita expresamente a celebración dunha feira en Tui, haberá que agardar máis dun século, resulta verosímil que este acontecemento comercial existise como lugar privilexiado do comercio.
Posteriormente, en 1170, Fernando II aten…

Mulleres tudenses

A historia é unha disciplina que evoluciona na súa concepción e na súa análise do pasado, pois os historiadores analizando os feitos ofrecemos unha visión do pasado, das sociedades pretéritas e das súas dinámicas. Pero esta visión responde basicamente aos requirimentos do presente, ás necesidades e reflexións que xorden no tempo actual. Así dunha historia baseada nos grandes feitos políticos do pasado, temos evolucionado a unha análise das estruturas sociais e económicas que condicionan e determinan os acontecementos e a evolución da sociedade. Hai varias décadas a historia centrouse na análise das mentalidades, da vida cotiá, da historia dos sen historia, dos que non figuran nas crónicas nin nos relatos do pasado e en esporádicas ocasións aparecen nalgún documento que teña chegado aos nosos días.

En paralelo ao proceso social que vivimos na actualidade de reivindicación do papel da muller na sociedade, dos procesos de igualdade en todos os ámbitos, dunha lectura feminina, e ás veces f…