Ir al contenido principal

A barca de San Telmo, unha tradición perdida

Se preguntásemos aos nosos conveciños cal é o evento principal das nosas festas estou certo que habería unha unanimidade en afirmar que é a procesión dedicada a San Telmo, na tarde do luns da infraoitava de Pascua, coa que practicamente rematan as festas patronais.

Detalle do altar relicario de san Telmo na catedral de Tui, sec. XVIII

Aínda que a devoción a San Telmo é inmediata a súa morte, o 14 de abril de 1246, pois xa daquela o bispo e o Cabido acordan o seu soterramento na entrada do propio templo catedralicio expresando xa a fama de santidade coa que foi venerado dende aquel mesmo momento. A súa tumba se realiza reaproveitando un fermoso sepulcro de mármore de época romana que aínda hoxe afortunadamente se conserva no Museo Diocesano tudense.

Naquel lugar, como recolle o texto das milagres de San Telmo, houbo afamadas curacións que aumentaron a sona de taumaturgo de Frei Pedro González, “O Corpo Santo” como era coñecido ata o século XVI. Este recoñecemento milagreiro levou a moitos romeiros a acudir en peregrinación ata a catedral tudense na procura da axuda do frade dominico.

En 1529 o bispo Diego de Avellaneda decide trasladar a sepultura á capela chamada daquela dos bispos, no lado norte do cruceiro da catedral hoxe denominada capela do Santo Cristo da Agonía, realizando unha fermosa decoración plateresca e un altar de prata para acoller as reliquias do noso patrón, que é por este tempo cando comeza a recibir o nome de San Telmo, que se une á súa tradicional denominación de Frei Pedro González.

Sinala o erudito tudense Manuel Fernández Valdés que nesta altura é cando os veciños de Tui comeza a celebrar anualmente as festas patronais dedicadas a San Telmo e que hoxe nos seguen convocando a tudenses e visitantes logo de catro séculos.

As celebracións litúrxicas na festividade de san Telmo chegan ata a metade do século XX centradas no culto catedralicio: vésperas solemnes no día anterior, misas á primeira hora na igrexa de San Telmo, procesión das reliquias e a continuación Misa Pontifical como música e sermón solemne, para rematar á tarde coas Vésperas e a continuación a exposición pública das reliquias de San Telmo e doutros santos conservadas no fermoso altar relicario da catedral realizado en 1735 por Francisco Alonso de Castro.

Esta procesión coas reliquias unifica dous desfiles tradicionais anteriores segundo recolle Suso Vila no seu libro “Corpo Santo, san Telmo” (2009): por unha banda a que realizaba a Confraría de San Telmo, tal como establecen as súas constitucións o segundo domingo despois de Pascua, coas reliquias do santo pola zona da “coroa” da cidade, dende a Catedral ao convento das Clarisas e retornando ao templo catedralicio. Paralelamente, segundo os cerimoniais da catedral do século XVII na propia festividade se realizaba unha procesión polo Cabido coas reliquias de San Telmo, ás que progresivamente se incorporan outras, polas naves da catedral e o claustro. Posiblemente, conclúe Suso Vila, a finais do XVIII desaparece a procesión da Confraría, restando unicamente a celebrada polos capitulares tudenses.

Será en 1944 cando muden os costumes procesionais relacionados con San Telmo, organizándose dende aquel ano a solemne procesión na tardiña do luns de San Telmo que ten chegado aos nosos días. A este desfile procesional se incorporan as imaxes que participaban tradicionalmente na procesión do Corpus Christi e que agora coas novas normativas das autoridades eclesiásticas deben deixar lugar unicamente á custodia co Corpo de Deus.

Así pois dende ese ano comeza a procesión de San Telmo acompañada, como cita a propaganda daqueles anos, polos “patronos dos antigos gremios” aos que progresivamente se irán incorporando outras imaxes de devoción e os santos titulares das diversas parroquias tudenses. Hoxe logo do oitenta anos esta procesión é a grande cita festiva tudense á que concorren milleiros de persoas.

Pero hoxe queremos dar noticia doutro desfile co que se celebraban as festas de san Telmo. Nun traballiño editado no folleto das festas do ano 1961 o xa mencionado cronista oficial de Tui, Manuel Fernández Valdés, escribe o seguinte referíndose aos anos finais do século XIX: Tuy celebraba a su patrón con grandes festejos. Estrépito de bombas, ruído de campanas, músicas y gaitas, chirimias... Número obligado era el barco de San Telmo, una gran carroza representando un buque y tripulada por los hospicianos que arrojaban almendras a los balcones.

Anos antes, o presbítero Basilio González Domínguez no folleto das festas do ano 1953 escribe: Ya no hay imagineros que sepan hacer el barco, la vela y la seductora figura del castellano tudense. Se está a referir ao mesmo barco do que falaba Fernández Valdés?

Referir, por último, que Suso Vila, no citado libro sobre San Telmo, ao recoller o "Prontuario de ceremonias", escrito entre 1615 e 1624 polo cóengo Francisco de Alcoba ao describir o cerimonial da procesión do Corpus tudense sinala a presenza do “navío de San Pedro González Telmo”.

Con tan escasos vimbios non podemos facer un cesto, pero si albiscamos unha tradición cuxa memoria fica perdida: a existencia dun gran barco de san Telmo, que figuraba na procesión do Corpus Christi, xunto coa tradicional e popular Coca -dragón ou ser mitolóxico que loita con san Xurxo-, os danzantes e os xigantes e cabezudos, pois neste cortexo procesional se concentraban dende época medieval numerosas expresións da cultura popular. Logo coa Contrarreforma católica, que xorde do Concilio de Trento no século XVI, estas manifestacións foron paseniñamente desaparecendo das procesións da festividade do Corpus Christi.  Pero este “barco de San Telmo” polo que apuntan as anteriores referencias volveu a recorrer as rúas tudenses nun desfile secular, que podemos sospeitar se enmarca nas modas burguesas do século XIX dos desfiles de carrozas ou as batallas de flores coas que se enriquecían os programas festivos de cidades e vilas. Un gusto burgués no que encaixa perfectamente a participación dos nenos e nenas do hospicio tudense neste desfile festivo.

Existen algunhas referencias iconográficas sobre un barco que serve de anda procesional a san Telmo en lugares como no porto de Santa Cruz de la Palma da illa canaria homónima, ou na igrexa do Corpo Santo de Salvador de Bahía ou tamén aparece na escultura de San Telmo na súa vila natal de Frómista obra de Mariano Timón do ano 1970.

Galeón de san Telmo no Porto de Santa Cruz, illa da Palma - Canarias


Barco de san Telmo na Igrexa do Corpo Santo en Salvador de Bahía - Brasil

                 Escultura de San Telmo de Mariano Timón (1970) en Frómista


Non fomos quen de atopar máis noticias ao respecto desta barca de San Telmo na prensa do finais do século XIX ou inicios do XX pero os dous artigos citados de Fernández-Valdés e Basilio Domínguez testemuñan a súa existencia e que formaba parte das actividades festivas arredor do noso patrón, San Telmo, quizais recollendo unha antiga tradición da procesión de Corpus. En definitiva, unha nova expresión da vitalidade e a evolución do culto e devoción a San Telmo ao longo do séculos polas xentes de Tui.

Emprazamos aos nosos seguidores a achegar algunha información que poida documentar esta “barca de san Telmo”.

 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Bo Nadal cun texto de Manuel Lago González: “Noite Boa” (1892)

Felicitamos hoxe aos seguidores de Tudensia estas festas do Nadal recuperando un breve texto, non o chamaría nin relato, sobre como se celebraba a Noiteboa nas aldeas de Tui nas últimas décadas do século XIX, nun momento en que os labregos galegos vivían nunha economía de subsistencia e nunhas moi duras condicións de vida. Anxo no capitel do arco triunfal da igrexa de San Domingos de Tui, sec. XV Trátase dun texto de Manuel Lago González publicado o 24 de decembro de 1892 no xornal tudense “La Integridad”. Daquela Manuel Lago era un presbítero que formaba parte do claustro de profesores do Seminario tudense e que tiña unha activa participación como xornalista e na vida social en Tui. Ao xornalismo entregouse Lago con verdadeira ardentía e a tarefa que se impuxo foi querer incorporar a defensa das tradicións e os intereses de Galicia ao ideario católico de signo integrista (oposto radicalmente ao liberalismo). Este texto, que non foi publicado posteriormente a súa edición en “La Int...