Ir al contenido principal

As feiras e os mercados de Tui, unha continuidade de máis 750 e 387 anos respectivamente

A función comercial da cidade de Tui é unha das súas principais características ao longo dos sécuos e a expresión máis sinalada da súa base económica, aínda na actualidade.


A documentación medieval ofrece noticias diversas que inciden nesta dedicación da cidade ao comercio. Xa no ano 1125 a infanta Dona Tereixa de Portugal concédelle á sede tudense o monopolio do tráfico de barcos no porto da cidade. O apoio rexio a esta dinámica comercial queda ratificado pola concesión do Emperador, Alfonso VIII, en 1142 do portádego (imposto que se cobraba  por entrar na cidade para vender ou transitar mercancías) á catedral tudense.  Testemuños da actividade de intercambios comerciais, tanto por vía fluvial como terrestre, que protagonizaba a cidade. Aínda que a documentación non cita expresamente a celebración dunha feira en Tui, haberá que agardar máis dun século, resulta verosímil que este acontecemento comercial existise como lugar privilexiado do comercio.

Posteriormente, en 1170, Fernando II atendendo o crecemento da poboación acorda o “traslado” da cidade ao outeiro sobre río Miño  para mellorar a súa defensa pero tamén a dota de recursos coa concesión do foro á cidade de Tui e os seus habitantes onde sinala “que los mercaderes de Tui que vayan e vengan seguros por todo el Reino”. A cita aos mercadores  tudenses patentiza, de novo, a existencia dun mercado regularizado e estable na cidade, cun grupo de persoas que se dedican a esta actividade comercial e que serán á base da especialización comercial tudense.

Haberá que agardar ao documento de Fernando III, en 1250, cando ratifica os foros tudenses de 1170 onde menciona a existencia de dúas grandes feiras anuais na cidade: mandamos que asi sea tenido que el Obispo haya el detallo cada anno ocho dias  en la Feria de Pascoa et otros ocho en la feria de Sancta María de Agosto

Temos pois a constancia da existencia dende, ao menos, o século XIII de dúas grandes feiras anuais na nosa cidade que certifican o papel de centro comercial. Unha feiras que xa existían no ano 1250 pois o monarca concede non a creación da feira senón o cobro dun importo por parte do bispo tudense.
En consecuencia, son alo menos 750 anos de continuidade, dunhas feiras que marcarán o devir da cidade ao longo dos séculos, e das que hoxe conservamos como testemuño, como veremos logo, as chamadas feiras dos cabalos de San Telmo e San Bartolomeu.

Aínda que carecemos de referencias concretas posiblemente ao lugar de celebración das feiras serían as dúas prazas do entorno da Catedral, a Praza de cerca de Santa María do Portal e a praza do Carballo, ou, andando os anos, xa extramuros, na Corredoira.

Posteriormente, en data sen determinar pero xa na Idade Moderna, se incorpora ao calendario unha nova feira a celebrar en torno á festividade de San Andrés (festividade de consagración da Catedral) o 30 de novembro, así como unha feira mensual o día 4 de cada mes.

Xa na metade do século XIX tiña desaparecido a feira da San Andrés, a feira mensual desaparece nas primeiras décadas do século XX. A mellora das comunicación impulsan unha mellora na distribución de alimentos, dos diversos tipos de subministracións, dos “abastos”, o que deixa sen función estas grandes feiras que van ficando reducidas á compra e venda de gando que coa transformación da agricultura de subsistencia en industrial deixan de ter funcionalidade. Un proceso máis acelerado nos espazos urbanos (como é o caso tudense) e máis serodio, pero irreversible, no ámbito rural.


Con todo, en Tui conservamos a testemuña destas grandes feiras anuais na celebración das feiras de cabalos nas mesmas datas que historicamente, coincidindo coa festividades de San Telmo (na Pascua) e San Bartolomeu o 24 agosto. Son cerca de oito séculos de continuidade histórica que chegan ata os nosos días. Un acervo de séculos que temos de valorar pois en moi poucos lugares pódese acreditar unha tradición tan alongada. Unha expresión do patrimonio inmaterial tudense ao que tantas veces prestamos escasa atención.


Pola súa banda, os mercados tudenses dan inicio coa decisión do bispo Diego de Vela, como señor da cidade, de crear en 1632 un mercado semanal a celebrar cada sábado. Este bispo ao pouco de tomar posesión da sede tudense escrebeu al efecto a los curas párrocos del Obispado para que propusiesen a sus feligreses que tragesen a vender a esta ciudad todos los sábados del año lo que les pareciese, ofreciéndoles toda conveniencia.  Crea así o mercado semanal dos sábados na praza da Catedral e do seu Pazo episcopal. Un mercado que contribúe á dinamización da vida comercial da cidade, evidenciando como as tres feiras anuais resultaban insuficientes para satisfacer a demanda urbana. Cabe lembrar tamén que nesa altura histórica o reino de Portugal formaba parte da monarquía de Felipe IV. A posición fronteiriza de Tui resultaba agraciada por esta integración que favorecía as relacións de todo tipo co inmediato Reino de Portugal. A Guerra da Restauración ente 1640 e 1668 racha con esta dinámica e mesmo os diversos episodios bélicos que acontecen en Tui e na fronteira hispano lusa arruínan á propia cidade de Tui.

O Concello e os Xustizas da cidade acordan na sesión do 24 de xuño de 1679 o traslado mercado semanal dos sábados para o xoves por cuanto en el sabado había otros en diferentes pueblos del Obispado e impedían la concorrencia al nuestro. A medida municipal debeu ser exitosa e contribuíu ao desenvolvemento do mercado semanal e así no ano 1693 os Xustizas e o Concello acordan, na sesión celebrada o 3 de xuño, que a celebración da feira mude de localización. Avila y La Cueva nos informa:
Haciase atiguamente en esta ciudad el mercado semanal de los jueves en la plazuela que está frente a la puerta principal de la Catedral, y como el sitio era muy reducido para poner tiendas, vender y comprar todas las especies que concurrían al mercado, y con este motivo se ocupaba toda a calle sin dejar sitio para transitar la gente, caballerizas y carros; y llegaban los concurrentes hasta ocupar todo el pórtico de la Catedral y Palacios Episcopales con gran irreverencia del templo, hallandose los asistentes  sumamente oprimidos en tan pequeño espacio mandó la Justicia y Ayuntamiento en 3 de junio que de aquí en adelante se trasladase el mercado a la calle de la Corredera donde se celebravan las ferias anuales de los días de San Pedro Telmo y apostoles San Bartolomé y San Andrés.

Pero o mercado, e non digamos as feiras, ocupaban un espazo máis amplo á propia Corredeira daquel tempo (moito máis reducida que na actualidade) e así hai diversas referencias ao longo dos anos á especialización dalgunhas rúas e prazas. Así na Praza de San Fernando se vendían as sementes, na actual rúa Ordoñez (xunto á Praza da Verdura) vendíanse os coellos, a leña, o leite, etc.

Cando escribe a súa “Historia civil y eclesiástica de la ciudad de Tui y su obispado” Francisco Avila y La Cueva, que conclúe arredor de 1852, sinala o seguinte:
Desfruta esta ciudad de un mercado principal todos lo jueves del año muy concurrido y provisto de todo, y otro menor los domingos: feria mensual el día 4; y anuales en el del Apostol San Bartolomé, 24 de agosto, y en el de San Pedro Telmo que es en el lunes siguiente al domingo de Cuasimodo: y poco ha también tenía en el día de San Andrés Apostol, 30 de noviembre.

O mercado semanal tudense acada tamén os 387 anos de existencia e 340 anos de celebración os xoves e tamén unha localización no Paseo da Corredoira que chega ata os nosos días logo de 326 anos de continuidade, aínda que, actualmente, ampliando a súa área a outras rúas da cidade, primeiro adxacentes e na actualidade ás denominadas “rúas novas”. Como no caso das feiras unha tradición histórica de longo percorrido no tempo.

Amais da regulación do mercado e feiras, o Concello tamén tiña o control da venda de carne, especialmente das pesas e medidas coas que se cobraba aos clientes e da salubridade da carne en venda. No ano 1669 o Concello acorda na sesión do 23 de febreiro a reedificación das Casas Consistoriais pois naquel inverno houbera un derrube nas mesmas pois eran antiguas y viejas. Nos baixos estaba localizada a Carnicería da cidade pero debido a la mucha indencencia da mesma deciden o seu traslado extramuros da cidade. Así se constrúen neste momento onda a Porta da Pía, en dirección á Porta das Trabancas, a Praza da Verdura e no outro lado, a Praza do Peixe.

No ano 1813 se acorda realizar unha nova Praza do Comestible; para este obra, como sinala Suso Vila, tiñase que derrubar a Torre das Estrabancas (que tiña pranta pentagonal) que obstruía á rúa, reedificouse ese tramo de muralla, colocándose á súa beira os cubertos para a venda. Estaba formada por piares de canto biselado que sostiñan as trabes de castiñeiro para o tellado. Rematouse de facer esta obra en 1824 pois como sinala Avila y La Cueva houbo falta de medios para llebar adelante la obra.


A reedificación deste tramo da muralla medieval (hoxe rúa Ordoñez) foi adxudicada no ano 1823 polo Concello aos mestres de cantería Juan Francisco Alonso y José Areal, veciños de Pazos de Reis, conxuntamente con Francisco Fernández e Benito Alonso, veciños de Rebordáns, na cantidade de 5.800 reais. Tamén foi preciso acometer unha intervención na Porta da Pía coa supresión do baluarte existente nese lugar e incluso coa transformación da propia Porta realzando o seu arco de entrada, de seguro de demasiado baixo para o paso dalgún transporte. Esta obra foi realizada por Francisco Fernández de Rebordáns por 16.000 reais aboables en tres prazos.


Esta praza, posteriormente denominada Paza da Verdura ao reunirse nela os días de mercado os vendedores de produtos do campo, foi derrubada nos anos setenta do pasado século, perdéndose un obra de arquitectura urbana de grande interese patrimonial. Na actualidade no seu lugar hai unha zona de aparcamento e o monumento ao arcebispo Manuel Lago, obra do escultor Xoán Piñeiro.


No plano da cidade de 1856 de Francisco Coello figura xa sinalado o campo da feira xunto ao cemiterio municipal, creado no ano 1833, dedicado basicamente ao gando vacún. Nun espazo que debía ser amplo, pois no ano 1876 ao realizarse a estrada de Baiona (actual rúa González Besada) a obra obriga a desprazar as feiras mensuais de cabalos e gando vacún.


Ambos equipamentos, a nova Praza de Abastos e o Campo da Feira, se constrúen sobre o espazo do foso do sistema amurallado tudense do século XVII que ao derrubar as murallas é utilizado para estes novos espazos públicos.


No ano 1894 diante da necesidade de atopar un novo lugar para o desenvolvemento das feiras e maçercados o Concello acorda abrir un expediente para realizar un proxecto de traslado do lugar do mercado para os chamados xardíns da “Media Luna” hoxe tamén coñecidos como Xardíns de Rosendo Troncoso, en lembranza deste entusiasta tudense fundador da Liga dos Amigos de Tui nos anos trinta do pasado século. O proxecto nunca foi realizado.

Pero os mercados especializados se distribuían polo entramado urbano tudense. O xornal tudense “El Eco del Miño” no seu número de 26 de xuño de 1880 informa que los tratantes de huevos de la villa del Porriño que acostumbran venir a los mercados de esta ciudad tienen generalmente por teatro de sus negocios la calle del Piñeiro. No exemplar de 4 de setembro do mesmo anos informa que se acordó trasladar el mercado de los cerdos a la plazuela de los castaños, que limita con las huertas de los señores Amoedo, viuda de Marquina, y Martínez.  Posteriormente en 1885 este mercado dos porcos se sitúa xa no Campo da Feira (na actual Praza de Galicia).

Na mesma liña, o Pleno da Corporación Municipal acorda no ano 1915 que continúe na rúa Elduayen (Corredoira) á venda de legumes e outros artigos, e a venda de aves cambiase da Glorieta á praza do Cantón de Diomedes.


O proceso de modernización dos equipamentos urbanos tudense, conleva que nas primeiras décadas do século XX, no cantón entre a rúa Augusto González Besada (daquela Colón) e Leopoldo Martínez Padín se constrúa unha Praza de Abastos, realizada coa estética funcionalista propia daquel momento, con muros de pilastras todo arredor e no interior, unha estrutura de ferro e  longos mostradores de pedra.


No ano 1911 o Concello aproba o proxecto desta Praza de Abastos redactado por Bonifacio Menéndez Conde y Riego, comandante enxeñeiro militar con destino en Tui dende 1901, este retomara un  proxecto iniciado polo tamén capitán de enxeñeiros Enrique Cánovas Lacruz que non completou ao ser destinado a Gudalajara. Pero o comandante Menéndez-Conde solicita ao concello o nomeamento dun arquitecto para completar o proxecto, sendo designado José Franco Montes que realiza o proxecto final. Franco Montes era arquitecto municipal en Vigo con numerosas obras na cidade olívica e no sur da provincia de Pontevedra, ao que contribuíu o seu nomeamento como arquitecto da diocese tudense en 1916. O contratista encargado da obra será Emilio Cortegoso.


O deterioro da Praza logo de varias décadas levan a que o Concello de Tui no ano 1936 acordouse sacar a subasta o proxecto dunha nova Praza de Abastos realizado polo arquitecto Juan Argentí Navajas, con data 10 de setembro de 1935; unha obra que conta coa subvención pola Junta Nacional del Paro Obrero.  Obras que continúan e amplían no ano 1937. Juan Argentí, arquitecto madrileño afincado en Pontevedra e autor de numerosas obras, realiza un deseño de arquitectura do ferro de gran interese. O contratista será Serafín Fernández, logo fusilado polas forzas franquistas en outubro de 1936.


No ano 1969 se aprobaron e adxudicaron as obras do novo Mercado de Abastos, na rúa Alcalde Casal Aboy, á empresa “Construcciones Emilio Suárez” por un importe de 10.977.177 pesetas das que 7.684.024 pesetas serían de achega municipal e o restante por unha subvención estatal, comezando o seu funcionamento no ano 1972, ata o ano 2005 e que foi trasladada a súa actual localización na zona da Lagoa.
ais
Foi derrubada no ano 1972 cando se acordou a construción dunha nova Praza na rúa Alcalde Casal Aboy (daquela Chau-Chau) dado o seu estado ruinoso. Os terreos foron obxecto dunha urbanización especulativa carente de racionalidade e estética, con edificios de ata oito alturas que racharon co equilibro urbanístico desta zona da nosa cidade.


Sirvan estas liñas como referencia á continuidade secular que feiras e mercados teñen na nosa cidade e que supuxeron e supoñen unha das principais funcións do núcleo urbano tudense ao longo do tempo.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis