Ir al contenido principal

O grupo "Ultreya" tudense (I)

A comezos do ano 1932 o daquela profesor do Instituto de Noia, Álvaro de las Casas, funda con varios rapaces alumnos seus os Grupos Ultreya que terán un curto pero activo papel no desenvolmento da nacionalismo entre a mocidade galega.

Alvaro de las Casas (Ourense, 1902 – Barcelona, 1950) é unha persoalidade apaixoante (o estudo de Uxio Breogan Dieguez asi o documenta). Tras os seus estudos de Filosofía e Letras (especialidade de Historia) en Valladolid, trasladouse a Madrid sendo nomeado secretario particular do conde de Vallellano, alcalde de Madrid. Mantivo de sempre grande relación con intelectuais galegos especialmente con Vicente Risco.

Pero en 1930 da un xiro a súa actividade, adoptando unha actividade galeguista e republicana, incorporándose ao ensino público. Chega en 1930 como profesor de Xeografía e Historia ao Instituto de Noia, posto no que continuará ata a súa destitución polos sublevados en agosto de 1936, cando xa tiña fuxido para Portugal. Tivo unha traxectoria ás veces polémica, pero ninguen dubida do seu activismo, do seu caracter dinámico e innovador.

O 10 de febreiro de 1932 pois constitúese de forma oficial a Agrupación Xuvenil Galeguista Ultreia, exclusivamente masculina, malia que o instituto de Noia era mixto, que terá por principais obxectivos o coñecemento pleno de Galicia por parte da mocidade (cultura, economía, natureza...), así como tamén o melloramento físico do corpo a base de excursións, exercicios ximnásticos e paseos.

  
Álvaro de las Casas cun grupo de mozos "Ultreyas"

Xorden os Ultreyas a imitación doutras asociacións excursionistas e nacionalistas como os Palestra en Catalunya, os Mendigotxales en Euskadi, e doutros nalgúns países europeos, como Alemaña, por eso en xeral o seu nacemento foi ben recibido polo galeguismo cultural e político, de tal forma que o Partido Galeguista introduciu como secretario xeral a Francisco Fernández del Riego. O apoio do partido durou escasamente un par de anos, pois pronto recoñeceron á Federación de Mocidades Galeguistas como unica organización xuvenil do nacionalismo en maio de 1934, o que significou un debilitamente progresivo dos grupos Ultreyas e as súas actvidades, pese a que moitos militaban en ambas organizacións. Xa anteriormente, en setembro de 1932, Álvaro de las Casas abandonara o Partido Galeguista, sen por eso renunciar ao seu galeguismo nin á dirección dos Ultreias. Mesmo en 1935, cando os folgos iniciais xa estaban esmorecendo, participaban no seu Consello homes tan significativos como Vicente Risco, Ánxel Casal ou Camilo Díaz Valiño xunto a Xosé Filgueira Valverde. Fernández del Riego e o propio Álvaro de las Casas que ocupaban estes postos dende os inicios dos grupos.

O logotipo escollido como símbolo desde o comezo foi un tríscele que, malia ás opinións contrarias dos que non lles gustaba pola manifesta semellanza coa esvástica hitleriana, manteríano ata a extinción da agrupación a partir do 18 de xullo de 1936 como sinal identificativa da súa indumentaria..

Nun primeiro momento o crecemento foi espectacular; en pouco meses eran mais de 800 afiliados, con agrupacións en Noia, Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, Ourense, Santiago, Redondela, A Estrada, Padrón, Lugo e Tui.

Francisco Fernández del Riego, secretrario xeral dos Ultreias, escribiu sobre as súas actividades:
As peregrinaxes polos litorais galegos (como a excursión marítima polas Rías Baixas ou polo Barbanza)  e por terras do interior (á Misión Biolóxica de Galicia ou polo Ribeiro de Avia), en autobús ou a pé, acadaban proveitosos resultados formativos. Por outra banda, o labor de formación cultural cifrouse na edición e espallamento de amplas series de cantigas populares, de refraneiros, de romances. Ou de publicacións postais coa “Carta das nacións céltigas”, así como de pequenas biografías de personalidades da Galicia histórica e literaria. Os membros dos diversos grupos saían cada domingo a venderen libros na nosa língua por vilas e cidades. Espallaron centos e centos do folleto “Dez cursos de traballo do Seminario de Estudos Galegos”.

Para documentar a actividade da agrupación tudense dos Ultreyas existen grandes dificultades derivadas dunha parte da ausencia dun achegamento histórico ao período da II República na cidade do Miño e da parquedade das fontes documentais e xornalísticas sobre este grupo xuvenil.

O nacemento dos Ultreyas de Tui está ligado, como no caso de Noia, ao Instituto de Segunda Enseñanza creado pola II República no ano 1933 e que ocupa as dependencias do antigo convento de San Domingos. Foi o seu director Manuel Losa Álvarez (catedrático de lingua e literatura española),  e entre os seus profesores estaban: Salvador Parga y Pondal (profesor de xeografía e historia, é un dos guías da segunda Xeira dos Ultreyas consistente nun cruceiro polas Rías Baixas no verán de 1933) substituído en 1936 por María del Pilar Delgado Piñar; Benito Prieto Cussent (de debuxo e inesquecible pola súa actividade); Xesús Ferro Couselo (de latín e literatura e que asumirá a dirección da revista escolar “Tude” da que saíron tres números), Efrilde  Jasdon Lidner (de francés), Jesús Gómez Somoza (de agricultura e ciencias naturais), Teodoro Aparicio Gutiérrez (de física e química) que foi reemprezado en 1936 por Luis María Iribarren Irurzun e Demetrio Espurz Sánchez (de matemáticas).

Cuartel de San Domingos

Álvaro de las Casas cita unha conferencia impartida no Instituto de Tui en 1933, a pouco de iniciarse o curso; de seguro que a súa presenza influiría decisivamente na creación da agrupación de “Ultreyas” de Tui. O animador documentado deste grupo tudense será Manuel Fernández Costas (que dende 1947 usuará o nome de Manuel Fernández-Valdés Costas). Nado en 1887 foi administrador de aduanas, membro do Seminario de Estudios Galegos, colaborador da revista “Nos” onde publica senllos artigos sobre o paleolítico nos anos 1929 e 1930, converténdose no máximo especialista galego neste período, cun alto coñecemento das investigacións europeas. Fernández Costas será o impulsor dos traballos destes mozos, estudantes de bacherelato, ou de estudos superiores como é o caso de Xosé María Álvarez Blázquez. Nunha carta de 1963 o propio Xosé María chámao  “mi inolvidable amigo, mi querido maestro que me enseñó a amar estas cosas de nuestra ciudad y que hubiese gozado conmigo al arrancar del misterio un trozo de ánfora romana”.



Manuel Fernández - Valdés Costas

Manuel Fernández-Valdés que logo sería nomeado Cronista oficial de Tui é un  dos grandes nomes propios da investigación na historia tudense pero que segue aínda sumido no descoñecemento público. Morre en Tui no ano 1962.

Carecemos dunha documentación directa sobre a actividade dos “Ultreyas” tudenses e temos de conformarnos con seguir as noticias soltas e fragmentarias que atopamos en diferentes medios de comunicación e, especialmente, rastrexar nos escritos de Xosé María Álvarez Blázquez as referencias a este colectivo e a súa actividade.


Xosé María Álvarez Blázquez

No primeiro número, de abril de 1935, da revista “Tude”, que editaban os alumnos do Instituto, figura unha noticia breve que avanza os traballos dos “Ultreyas”:
Para los primeros días del próximo mes de mayo se está organizando por el grupo Ultreya una gira de profesores y alumnos de este centro al Castro de Cabeza de Francos, con el fin de reanudar en él las excavaciones interrumpidas en los últimos meses”.

Estas visitas arqueolóxicas ao xacemento de Pazos de Reis dirixidas por Manuel Fernández Costas están realizadas con poucos medios e moita ilusión e asi as lembra Xosé María Álvarez Blázquez:
En la primavera de 1933 un grupo de estudiantes tudense, capitaneados por el entusiasta y culto prehistoriador Don Manuel Fernández Costas, iniciamos los trabajos de excavación del castro, seducidos por su magnifica situación, su singular factura de atalaya y el hecho evidente de haber sido poblado, como lo mostraba su doble muralla posterior. El trabajo era penoso, más no contando apenas con aportaciones económicas habíamos de manejar nosotros la azada y el pico. En algunas ocasiones cuando el trabajo del desescombro se hacía pesado, el Sr. Fernández Costas, pagaba de su peculio particular el jornal de uno o dos peones. Aquella primavera y el verano siguiente trabajamos con intensidad (...) Durante el 1934 nuestro trabajo se limitó casi en exclusiva a la práctica de calicatas, que dieron por resultado conocer que la total superficie de la meseta había sido habitada. Otras veces exploramos las laderas y, en fin, no proseguimos la sistemática excavación, convencidos de que ello no estaba ya encomendado a nuestras flacas fuerzas, nuestro objetivo se limitara apenas a comprobar aquello que a simple vista se advertía (...). Proseguimos aún durante el año 1935 la búsqueda superficial (...). Pero al surgir la guerra española en 1936 aquel haz de estudiantes se desperdigó”.


Vista actual do castro de Cabeza de Francos / Alto dos Cubos

Noutro escrito o mesmo autor descrebe asi o labor no castro:
Un fato de mozos e mozas “Ultreyas”, âs ordes do mestre D. Manuel Fernández Costas, rubimos unha serán ao Monte de Cabeza de Francos, c-unha eixada na man i-un pouco de romanticismo no miolo. Ao empardecer baixamos cos petos ateigados de testos de barro. De entón para adiante os nosos folgos, remataban no castro, i-o segredo do castro remataba en nos. D-iste xeito fumos faguendo una morea de materiais recollidos, que era perciso organizare i-eispoñer. E entón xermolou a ideia de un museo, no que xa se tiña matinado e onde se ofresceran, non soilo aquiles ouxetos apañados no Castro, senón tamén todo o que fora merescedor de tal honra”.

Na primeira campaña, no verán de 1933, participa Xurxo Lorenzo, irman de Xaquín Lourenzo, e grande animador deste colectivo e da actividade arqueolóxica na Galicia daquel tempo e que morrera prematuramente en Zaragoza en abril de 1934, onde tiña acudido para completar os estudos tras a persecución á que fora sometido na Universidade de Santiago.

Directamente relacionadas coa actividade do grupo “Ultreya” son as pescudas de carácter arqueolóxico que realiza no Nadal de 1934 o propio Xosé María Álvarez Blázquez en dous castros de A Guía – Randufe, en concreto os xacementos de Cotarel e Bicavaca, publicando na revista “Tude” un breve diario das escavacións. Acompañaban a Álvarez Blázquez os mozos, de seguro que tamén “ultreyas”: Ignacio Díz Rodríguez (que chegará a xefe da inspección de traballo en Vigo e “fabricará” unha excpecional colección de soldadiños de chumbo de 6.000 pezas por el realizadas), Eloy Fernández Rodríguez (fillo de Manuel Fernández-Valdés Costas e enxeñeiro de camiños na Deputación Provincial de Pontevedra) e Alberto González Varela (que logo será en Arxentina un reputadisimo médico).

Unha nova cita, algo longa, do propio Xosé María, no traballo titulado “Industrias paleolíticas de la comarca de Tuy”, explica outras das facianas deste labor arqueolóxico dos Ultreyas tudenses:
Durante las vacaciones estivales de 1933 y 1934 un grupo de entonces estudiantes del que formaba parte bajo la acertada dirección del distinguido prehistoriador don Manuel Fernández Costas, se empeñó en la búsqueda, a través de la comarca de Tuy, de útiles prehistóricos, con que nutrir un Museo que al efecto se organizó en el Instituto de 2ª Enseñanza de aquella ciudad. Aparte de las someras excavaciones en los castros de Cabeza de Francos y A Guía, nuestro objeto principal fué explorar las proximidades de los depósitos fluviales de cantos rodados, en busca de posibles instrumentos líticos, que esperábamos no faltarían en una zona tan fértil y bien definida como aquella y estimulados por la vecindad de las pródigas estaciones de La Guardia y Camposancos. Y, en efecto, recorriendo los caminos aldeanos, orientándonos especialmente hacia aquellos de pronunciada pendiente, fáciles al arrastre de las aguas invernales, hemos tenido la fortuna de reunir hasta un total de 61 instrumentos paleolíticos, todos ellos en cantos rodados de cuarcita, único material lítico apropiado existente en la zona.”

Cómpre salientar, nunha pequena digresión, o feito de que Xosé María Álvarez Blázquez ou o propio Manuel Fernández.Valdés describan, anos despois, con detalle os traballos realizados nestas campañas de investigación arqueolóxica pero prescindan en todo momento de identificar co nome propio ao grupo dos “Ultreyas”; a censura do franquismo e a persecución política ao galeguismo explicarían esta omisión.


Xosé María Álvarez Blázquez, colabora nestas actividades dos Ultreyas tudenses nas súas estadias vacacionais en Tui namentras estuda Maxisterio en Pontevedra e logo no curso 1934-935 cando realiza as prácticas de Maxisterio na escola de nenos da nosa cidade. Daquela xa era membro activo da Federación de Mocedades do Partido Galeguista e coma outros compañeiros militantes, por exemplo Francisco Fernández del Riego ou Xaime Illa Couto, participaban tamén activamente nos grupos “Ultreyas” ainda logo das diverxencias políticas que xorden entre o partido e Álvaro de las Casas, como xa sinalamos anteriormente.

Comentarios

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

A lenda do túnel baixo o MIño

As lendas ou narracións populares, transmitidas oralmente, relatan xeralmente acontecementos ficticios que se teñen por reais, en moitas ocasións mesturados con feitos históricos. Pola súa capacidade de evocación, pola súa transmisión xeracional as lendas conforman un acervo do que chamamos patrimonio inmaterial que cómpre recoller e preservar. Na nosa cidade conservamos varias lendas vencelladas ao caracter histórico da nosa localidade, ao seu caracter fronteirizo e consecuentemente a súa fortificación fronte aos posibles invasores. A máis asentada no imaxinario colectivo tudense é a relativa ao “túnel” que comunica Tui coa outra beira do Miño, coas terras de Valença. Resulta moi significativa esta lenda pois testemuña como na mentalidade dos tudenses a fronteira e a súa condición de limite, de aillamento fronte ao estranxeiro era superada polas nosas xentes que a través do túnel escapaban destas “imposicións” e mantiñan a comunicación coas terras irmáns que as estructuras políticas t…

A Semana Santa tudense e as súas posibilidades

Xa na noite do Venres Santo xorde de novo unha reflexión sobre a Semana Santa tudense, pois quizais na nosa cidade non chegamos albiscar as súas potencialidades como elemento que forma parte do noso acervo patrimonial que temos a responsabilidade de conservar, sen privala da súa dimensión relixiosa, e dende esta valorización é tamén un posible recurso turístico para Tui, pois poucos lugares de Galicia teñen unha riqueza similar nestas xornadas.


Neste mesmo blogue temos sinalado que inmediata celebración das festas patronais de San Telmo distorsiona a visión destas xornadas de celebración do misterio pascual de Xesús, configuradas como un preludio das festas e, consecuentemente, infravaloradas non xa na súa dimensión espiritual senón na súa significación cultural. Cómpre valorizar as actividades litúrxicas ou para-litúrxicas destas datas, pois, independentemente da súa significación relixiosa ou espiritual, conservan requintadas expresións da nosa historia colectiva da que somos custodi…

Ricardo Blanco Cicerón

O pasado martes 15 de decembro foi inaugurada no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, unha exposicion que co titulo de “Olladas dunha época” recolle unha escolma das fotografias do chamado “Fondo Blanco-Cicerón” que se custodia no devandito Museo. Como podemos comprobar na portada do catálogo que acompaña a este “post” a cidade de Tui é unha das protagonistas desta mostra que amosa unha selección das fotografías que conformaban a colección de Ricardo Blanco-Cicerón (Tui 1844 – Santiago 1926). Son na súa meiranda parte instantáneas da época do cambio de século, entre 1890-1910, e que respostan ao interese coleccionista de D. Ricardo que conformou ao longo da súa vida a, posiblemente, a máis ampla colección de caracter cultural que teña existido en Galicia: obxectos prehistóricos, artísticos, etc. que nutren hoxe en boa medida os museos da nosa terra. Esta mostra organizada conxuntamente polo Museo do Pobo Galego e o Centro Galego de Artes da Imaxe poderá ser visitada na nosa…