Ir al contenido principal

Estragos nos gravados rupestres de Rozacús - Randufe

Gravados de Rozacús

Unha das principais manifestacións da cultura prehistórica en Galicia son os chamados petroglifos ou gravados rupestres que atopamos nas rochas de granito, xeralmente situadas en outeiros de escasa altitude. En xeral se admite que a súa cronoloxía podemos situala entre o final do Neolítico, na transición entre o Calcolítico e a Idade do Bronce, é dicir entre o III e o II milenio a. C.

A técnica empregada para realizar os gravados foi o labrado mediante percusión, cun instrumento de pedra co que se trazaron os sucos, sendo o desgaste destes, a consecuencia da erosión, unha proba irrefutable da súa antigüidade.
Existen dous tipos de deseños nestas manifestacións da arte rupestre: figurativos, como por exemplo os cervos, cabalos, figuras humanas e armas; e os abstractos, aqueles que non sabemos qué representan, como son as combinacións circulares ou con coviñas.

No municipio tudense non conservamos, quizais pola falla dun traballo de campo sistemático, abondosos exemplos destas manifestación culturais. Salientan especialmente dúas estacións, a chamada “As carneiras” en Baldráns, na propia beira do río Miño –unha ubicación moi excepcional- e a estación denominada “Rozacús” na parroquia de Randufe, descuberta no seu día polo inesquecible “Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño” que conformaban Jesús Gómez Sobrino, Aquilino González Santiso e Xoán Martínez Tamuxe. Case no termo municipal tudense está un dos máis impresionantes conxuntos de gravados rupestres, no monte Tetón, inmediato á parroquia de Malvas.

Gravados de Rozacús

Este gravados están declarados expresamente como monumentos histórico-artísticos, hoxe dicimos Ben de Interese Cultural, polo decreto 3741/1974, de 20 de decembro (BOE de 10 de marzo de 1975) que estende esta declaración a 195 estacións rupestres da provincia de Pontevedra, entre elas a de “Rozacús”.

Esta estación está situada na parroquia de Randufe nunha aba do monte “Alto do Coello”. Son seis rochas situadas no lugar de Fontiñas gravadas con variedade de signos, unha delas recibe o nome de “Rozacús” por ser tradición de moitas xeracións de nenos e nenas o seu uso como tobogán, xa que logo, por asimilación o conxunto recibe o nome de Petróglifos de Rozacús.

Gravados de Rozacús

Juan José Vilches Saco descrebe esta estación arqueolóxica do seguinte xeito:  “repartidos entre varias rocas muy cerca de la carretera a Gondomar y desgastados algunos por la acción de los agentes atmosféricos, muestran diversidad de motivos: “coviñas” o cazoletas, cuadrados, crírculos, cruciformes, combinaciones circulares, serpentifomes, etc. Entre ellas, destaca un par de figuras de animales enfrentados, quizás caballos debidos a la ausencia de cuernos y a su larga cola” (Pregón das festas de Chan do Carrasco, 1992). Xa daquela Vilches sinalaba o preocupante estado de deterioro que sufrían estes gravados rupestres por diversas agresións vandálicas e pola ausencia dun coidado do lugar que provocaba que a vexetación ocultase todo este conxunto e contribuíse ao deterioro do mesmo.

Agora esta estación arqueolóxica ven de padecer unha nova agresión. Segundo a información proporcionada pola Comunidade de Montes de Randufe, e que temos comprobamos no terreo, os labores de limpeza e mantemento das liñas do tendido eléctrico efectuada por conta da empresa propietaria deste tendido supuxo unha intervención con medios mecánicos especialmente agresivos coa rocha que ten de provocado un novo estrago neste Ben de Interese Cultural.





Detalle dos estragos nunha laxe

Aínda que aparentemente non foi afectado ningún gravado –resta realizar un estudo pormenorizado-, lamentablemente o deterioro dalgunhas rochas e do seu entorno resulta irrecuperable e compre que os autores desta agresión asuman as responsabilidades que corresponden. Este feito, froito dun descoñecemento e dun desleixo inxustificables, agardamos sirva para impulsar o proxecto que a Comunidade de Montes de Randufe posúe de comezar -coa xuda do Concello de Tui e doutras das institucións que poidan implicarse- a limpeza e posta en valor deste enclave arqueolóxico que difunda os seus valores históricos e culturais e contribúa a evitar o seu deterioro e novas agresións que nos priven deste testemuño do noso pasado máis remoto.


Nova laxe afectada


Aspecto da zona afectada

Información e imaxes desta estación arqueolóxica neste enlace do CEIP de Randufe: http://ceiprandufe.blogaliza.org/2011/11/17/prehistoria-7%C2%AA-parte/
As fotos que acompañan este post mostran os gravados de Rozacús resaltados cunha técnica moi agresiva para os mesmos e que cómpre desbotar, para a súa correcta observación o método idóneo é aproveitar a luz rasante que permite a súa correcta visualización, outras técnicas precisan de autorización.




Comentarios

  1. Xa temos quen pague as obras de recuperación e posta en valor dos petroglifos: A empresa responsable da atropelo. Concello e Comunidade de Montes urxan a recuperación.

    ResponderEliminar
  2. Pode alguén indicarme cómo chegar ata os gravados? Coñezo o Alto do Coello, estiven en varias ocasións buscando a pedra do rozacús, pero non os atopo. Solo atopei dous muiños naviculares moi próximos ó mirador principal. Grazas.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Lembranza agradecida a Xabier Añoveros

Onte á tarde, nos comezos de setembro, cando xa as horas diúrnas minguaron, o aire nos anticipa a proximidade do outono e as conversas se centraban nestas intranscendencias, recibín a triste noticia do falecemento, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, de Xabier Añoveros Trías de Bes, navarro de berce, barcelonés de vida e traxectoria e tudense de corazón.   “ Tuy (con i grego como adoitaba a escribir pois con este arcaísmo semellaba reflectir mellor a antigüidade da nosa cidade) es una ciudad de la que estoy enamorado desde hace muchos años ” e, como é propio dun noivo, a esta vella cidade lle ten dedicado horas, estudos, e moi especialmente un agarimo permanente centrado na súa querida “Casa da Canicouba”. O seu noivado e posterior matrimonio con Julia García-Valdecasas Salgado, filla da tudense Julia Salgado Peñarredonda, o ligou dende 1968 a este outeiro pétreo sobre o Miño, que é Tui. Non sei se foi a longa tradición tudense da familia de Julia, o rico arquivo da Casa da Ca...