Ir al contenido principal

O Castro do Alto dos Cubos




Este enclave xeográfico, na parroquia de Pazos de Reis, nas abas do Monte Aloia e integrado hoxe na superficie do seu Parque Natural, é un espolón avanzado no macizo montañoso do Aloia, unido por unha lingua de terra estreita que xunto ás abruptas pendentes converten a este lugar nun espazo de grande interese estratéxico. O propio topónimo “Cabeza” ou “Alto” fai referencia directa a este carácter do lugar, dende onde contemplamos unha impresionante panorámica do val do Miño.

Neste espazo coñecido como “Cabeza de Francos” ou “Alto dos Cubos” temos documentados diversos momentos históricos vencellados á historia da terra tudense e que o dotan dun valor engadido constituíndo un intenso testemuño histórico para Tui e as súas xentes. Centrarémonos hoxe no ámbito da prehistoria, ao coñecer o anuncio de que este xacemento castreño está incluído nun programa que promove a Deputación Provincial de Pontevedra para a posta en valor de diversas enclaves da cultura galaico-romana na nosa provincia.

Este castro do “Alto dos Cubos” esta estruturado en tres niveis ou recintos, un superior e mais elevado que está defendido por una muralla pétrea que delimita o seu perímetro, e outros dous recintos situados en dúas terrazas en pendente cara ao noroeste, magnificamente defendidos polas condicións naturais do terreo. Estamos diante dun exemplo dos chamados, castros de ladeira de monte.

Na Idade do bronce este lugar foi ocupado por unha comunidade humán do que hoxe coñecemos como cultura castreña. Diversas escavacións foron realizadas neste lugar: nos anos 1933-1935 polo grupo “Ultreya” tudense, dirixido por Manuel Fernández-Valdés Costas, coa colaboración de Xosé María Álvarez Blázquez, logo continuadas no ano 1954 baixo a dirección do Comisario Provincial de Excavacións, José Filgueira Valverde, e finalmente no ano 1997 unha nova intervención pola Escola Obradoiro de Restauración tudense coa dirección do arqueólogo tudense Juan José Perles Fontao, recuperando e consolidando os restos anteriormente descubertos.

Das primeiras intervencións realizadas no anos trinta foi publicado en 2008 un manuscrito de Xosé María Álvarez Blázquez no que recolle nun breve artigo unha pequena memoria e inventario daquela intervención e dos avatares daquela colección arqueolóxica que integraba o Museo de Tui, creado no ano 1935 nas dependencias do Institito tudense no convento de San Domingos, e que tras a súa desaparición logrou recuperar en boa medida e que logo depositou no Museo Municipal “Quiñones de León” de Vigo.

Aínda hoxe podemos contemplar diversas estruturas habitacionais deste castro, en concreto no cume existe un sector consolidado de 190 m2 con tres vivendas circulares, dúas delas con vestíbulo, e parte da muralla defensiva deste castro.

Entre os achágedos máis interesantes está un “phalus”, descuberto no ano 1934. É un cilíndro de granito de 165 mm que foi obxecto dunha investigación por parte de Manuel Fernández-Valdés Costas publicada no Boletín da Comisión Provincial de Monumentos de Ourense. Neste traballo sinala que “podemos suponer que se trata del númen tutelar de una vivienda, amuleto doméstico, que protegía a la familia contra hechizos y espíritus adversos”. O erudito tudense indica que estaba no seu poder, descoñecendo na actualidade o seu paradoiro. 


Álvarez Blázquez subliña entre os materiais atopados, unha moeda de bronce romana, o fragmento dun esencieiro de vidro e abondoso material cerámico castreño e romano, entre eles, un fragmento decorado con palmas e cruces posiblemente de época posterior.

A adscrición cronolóxica é ampla; dende o século VII a.C. ata os primeiros tempos da nosa era, pero podemos valorar como o momento temporal de maior ocupación deste castro o situado entre os séculos II a C. ata o III d. C.  pois o material arqueolóxico atopado posue ampla influencia romana: tegullas, sigillata

O enclave castrexo do Alto dos Cubos parece ter cobrado un certo protagonismo a partir do século II a.C. coa ampliación do seu espazo habitacional que estaría en correspondencia coa existencia, na nosa demarcación, dunha estrutura social prerromana, un “populus”. Este xacemento do Alto dos Cubos asumiría, segundo Perles Fontao, ata a chegada dos romanos, un papel de cabeceira de comarca concentrando á poboación en detrimento doutros enclaves, como o situado no outeiro tudense.

Este “populus” prerromán ocuparía o espazo xeográfico asignado ao territorio dos “Grovii” ou grovios que posteriormente á época Flavia se constitúe como “civitas”. Falaremos entón dunha “comunidade politicamente autónoma e territorialmente definida que pouco a pouco vai perdendo os seus carácteres étnicos en favor dunha organización e articulación interna máis xenuinamente romana” sendo Tui a súa capital. Xa que logo Tude sería a “polis”, ou núcleo urbano, dun extenso territorio de preto de 2000 km2, entre o Lima e o Verdugo.

Manuel Fernández-Valdés apunta unha teoría sobre a posible ocupación deste outeiro no século III por unha comunidade franca, e así recolle as teorías do historiador Pierre David que lembra como nos anos 253 e 258 houbo na Hispania senllas invasión dos francos, perdurando ata doce anos. “Este nome de Francos permite pensar que grupos de invasores fixáronse en certos cantóns” e deste posible asentamento derivaría o seu topónimo. A falla de evidencias materiais ao respecto dificulta a aceptación desta hipótese.

Estamos diante do principal enclave da cultura castreña nas terras de Tui pero arredor do cambio de era acollía, posiblemente, a maior concentración de poboación desta contorna, decaindo posteriormente en favor do asentamento romano de "Tude".

Bibliografía:
Álvarez Blázquez, Xosé María: “El castro de Cabeza de Francos. Vigo, 27 de maio de 1948” en Sánchez Bargiela, Rafael, ed.: Xosé María Álvarez Blázquez e Tui, da vella casa do corazón aberto. Tui, Concello, 2008, pp. 87-95
Fernández-Valdés Costas, Manuel: “El ‘phalus’ de Cabeza de Francos” en Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos e Orense, vol. XX (1959-1960), pp 267-275.
González Soutelo, Silvia: O Tui antigo: unha aproximación histórico-arqueolóxica. Noia, Toxosoutos, 2007.
Perles Fontao, Juan José: “Castellum Tyde ou a existencia dun xacemento castrexo no conxunto histórico da cidade de Tui. Elementos de valoración” en Castellum Tyde, revista do Instituto de Estudios Tudenses, nº 1 – 2007, pp. 21-39.
Perles Fontao, Juan José: Rutas arqueolóxicas no Parque Natural do Monte Aloia. Tui, Fundación Comarcal Baixo Miño, 2009.

Comentarios

  1. Muy interesante este artículo, así como las referencias documentales que se acompañan. Una vez más hay que felicitar a Rafa Sánchez por esta labor de divulgación de todo lo que afecta a la historia de Tui y de su comarca.
    Un cordial saludo desde León, Víctor-Manuel Ferrero León.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Lembranza agradecida a Xabier Añoveros

Onte á tarde, nos comezos de setembro, cando xa as horas diúrnas minguaron, o aire nos anticipa a proximidade do outono e as conversas se centraban nestas intranscendencias, recibín a triste noticia do falecemento, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, de Xabier Añoveros Trías de Bes, navarro de berce, barcelonés de vida e traxectoria e tudense de corazón.   “ Tuy (con i grego como adoitaba a escribir pois con este arcaísmo semellaba reflectir mellor a antigüidade da nosa cidade) es una ciudad de la que estoy enamorado desde hace muchos años ” e, como é propio dun noivo, a esta vella cidade lle ten dedicado horas, estudos, e moi especialmente un agarimo permanente centrado na súa querida “Casa da Canicouba”. O seu noivado e posterior matrimonio con Julia García-Valdecasas Salgado, filla da tudense Julia Salgado Peñarredonda, o ligou dende 1968 a este outeiro pétreo sobre o Miño, que é Tui. Non sei se foi a longa tradición tudense da familia de Julia, o rico arquivo da Casa da Ca...