Ir al contenido principal

Ermenexildo Gutiérrez e Alfonso Betote repoboadores de Tui


Dende posiblemente o século XVIII a cidade de Tui posúe como armas heráldicas unha media lúa e tres estrelas que representan, segundo a tradición conservada, as repoboacións que nos primeiros tempos medievais tivo á cidade. A primeira promovida por Alfonso I, no ano 739, cando libera a Tui do poder dos musulmáns, a segunda corresponde á repoboación efectuada por Ordoño I, en torno ao ano 850, e a terceira á de Fernando II cando “traslada” á cidade a súa actual ubicación e pretende mudarlle o nome por “San Buenaventura” no ano 1170.
Agás este terceiro episodio poucos son os datos que se teñen ofrecido sobre estas repoboacións promovidas polos reis da monarquía astur. Neste breve artigo intentaremos unha aproximación aos dous protagonistas dunha destas vagas repoboadoras, a promovida por Ordoño I

A conquista musulmán
Tui formaba parte  das terras mais desenvolvidas do antigo reino suevo e visigodo, onde desempeñaba no tempos de Vitiza o papel de capital política da provincia de Gallaecia, namentres que Braga posuía a sede episcopal metropolitana. A invasión musulmán prodúcese logo do acceso ao poder de Rodrigo que orixina un conflito civil contra os tres fillos de Vitiza e os seus partidarios, chegando as tropas árabes en apoio deste sector. Esta función capitalina converte a Tui, de seguro, en obxectivo preferente para a conquista polos musulmán. Aínda que para outros historiadores se estes musulmáns veñen en auxilio dos vitizianos e antirrodriguistas resultaría innecesaria a súa intervención na provincia da Gallaecia, controlada por este sector, que en connivencia coa España musulmán,  mantiñan o seu poderío.
Da información acreditada, que hoxe se acepta pola historiografía, so podemos afirmar que no sur da actual Galicia a presenza musulmán foi pouco duradeira. Tradicionalmente se adoitaba aceptar que “ademais das incursións militares da primeira época dirixidas por Tarik, Muza e Abdelaziz, tivo lugar, entre o Douro e o Miño, o asentamento de continxentes berberiscos. Pero permanecerán alí moi pouco anos, porque no 714 vémolos abandonando estas posicións norteñas para reclamar a súa instalación nas márxenes do Gualdalquivir”. Este xeneral Abdelaziz, antes mencionado, conquistou Lisboa, Coimbra, Porto e Braga, chegando ata Tui. Apunta Ávila y Lacueva que os tudenses buscaron refuxio nos cumes do Aloia. Os árabes se apoderaron da cidade “causando en ella y su país grandes estragos y ruinas con que lo redujeron todo a un estado de suma miseria”. Como comprobamos moitas conxecturas e escasas realidades contrastadas.
A presenza dos invasores musulmáns e do conseguinte clima bélico provoca a fuxida da poboación, cos conseguintes danos sobre o tecido produtivo, o abandono dos cultivos, etc pero sobre todo, provoca a desintegración das estruturas de goberno. O bispo, un dos referentes da organización de poder, -que algunhas tradicións sinalan era San Adelfio (que aparece como asinante no XV Concilio de Toledo no ano 688 e no seguinte concilio no ano 693)- fuxe cara a Iria –a única que permanece “allea” a estes acontecementos- onde é acollido polo seu bispo que lle concede unha dotación territorial para o seu sustento. En concreto, se trata dos territorios de “Nemitos, Faro, Brecantinos e Somnaria” que se atopan situados na zona norte da diocese. Todos estes acontecementos agravan o baleiro de poder na cidade e en todo o territorio circundante, pois era a estrutura eclesiástica quen unificaba estas entidades territoriais e administrativas dun xeito máis efectivo.

A reconquista e a repoboación
Con todo, esta fuxida e ruptura parece afectar mais aos cumes do poder que reflectir unha despoboación real da nosa bisbarra. Cómpre lembrar que o sistema viario herdado de época romana segue completamente operativo e que Tui segue sendo lugar de paso obrigado neste itinerario; amais pese á desorganización, que as escasas fontes documentais existentes traducen, se manteñen minimamente as estruturas organizativas; así P. David documentou como os límites diocesanos de Tui mantéñense perante séculos a pesares da ocupación musulmán. Abofé que algún magnate local seguiría, en base ao seu poder territorial ou a súa forza militar, detentando un feble poder sobre a cidade, moi afectada pola breve ocupación árabe, e a súa comarca.

Alfonso I

Paralelamente nace no norte da Península o reino astur, unha organización política e territorial, que se basea na tradición belicosa dos pobos cantabro-astures e a chegada dalgúns dirixentes hispano-godos. Un reino que inicia o seu despunte no centro de Asturias. Será Alfonso I (739-757) quen tras consolidar o seu poder no territorio astur inicia unha serie de incursións, que moitos identifican con expedicións de saqueo, polos territorios que os sarracenos tiñan abandonado debido as loitas internas que sofre. A crónica Rotense sinala que recupera as cidades de Lugo, Tui, Porto, Braga, etc pero non parece factible que tivese de loitar moito para “conquistar” estas cidades, máis ben se trataría de expedicións de control e limpeza, pero non de ocupación real e efectiva destas zonas, en concreto da nosa cidade. A nacente monarquía astur carecía nesta altura de capacidade para administrar un territorio tan amplo. Tui ficaría feblemente poboada e sometida ao control dalgun magnate local.
Haberá que esperar case un século para que en tempos de Ordoño I (850-866) a monarquía asturiana estea en condicións de levar adiante unha “repoboación” de signo oficial de Tui e a súa bisbarra. “Civitates antiquas desertas. Id est Legionem, Astoricam, Tudem et Amaquiam patriciam muris circumdedit…” Esta relación de Ordoño I coa repoboación da nosa cidade aparece tanto nas dúas versións da Crónica de Alfonso III como na Crónica Albeldense. Neste proceso repoboador o monarca encomenda a unha persoa da súa confianza, normalmente un membro da aristocracia, a repoboación dunha bisbarra con amplos poderes para distribuír terras, a creación dunha xerarquía de poderes locais, o establecemento de centros eclesiásticos, etc- Este delegado rexio, que moitas veces aparece citado nos documentos como “comes” ou conde lembrando ás vellas institucións do reino visigodo, se establece nun centro urbano dende onde dirixe esta tarefa repoboadora. Desta forma, se acadaba a plena e efectiva integración dun espazo territorial, neste caso o tudense, nos dominios da monarquia astur.

Ordoño I

Os repoboadores de Tui
A repoboación de Tui será o fito máis importante desta xeira. A cidade permanecía seimi-abandonada, sen xerarquía eclesiástica, co seu bispo aínda acollido na diocese de Iria. A súa repoboación estará encomendada a dous aristócratas do mais alto rango en torno aos anos 860/865. Trátase de Ermenexildo Gutiérrez e Alfonso Betote. Dende Tui levan adiante a reocupación do vello territorio tudense, asi está documentado como Alfonso Betote se apropia da vella poboación de “Borbene”. Tamén ambos nobres aproveitarán a estratéxica situación de Tui para iniciar a ocupación do territorio ao sur do Miño (o actual Minho portugués), labor que continuarán os seus fillos, antecesores do posteriores monarcas portugueses.
Paga a pena lembrar a personalidade deste aristócratas, que tan importante papel desenvolven na historia tudense, e que seguen agochados nos acubillos do pasado permanecendo descoñecidos para a inmensa maioría dos tudenses. Ermenexildo Gutiérrez, casado con Ermesinda Gatóñez (filla do conde Gatón repoboador de Astorga e “comes” do Bierzo) proven da zona meridional da actual provincia de Lugo e aparece citado na documentación como “comes” ou conde de Tui, Coimbra e Caldelas (territorio da zona meridional ourensá) asi como doutras xurisdiccións de Galicia; está emparentado coa familia real pois a súa filla Elvira casará con Ordoño II, e él mesmo aparece citado na documentación como maiordomo real no no ano 883. En torno ao 895 aporta as súas tropas para acabar coa rebelión do conde Witiza e recibas as posesións do derrotado. Anteriormente, no ano 878 conquista e repoboa as terras de Coimbra. Os seus descendentes formarán un dos grupos aristocráticos máis poderosos da Galicia do século X, por exemplo o seu fillo Guiter Menéndez é o pai de San Rosendo, namentres que outros dos seus fillos acadarán o condado portucalense.
Pola súa banda, Alfonso Betote tamén tomará parte nestas tarefas figurando como conde do territorio do Deza e logo tamén de Tui. Actúa como representante dos intereses do bispo de León, aspecto que coñecemos por un diploma do ano 878 do bispo Mauro, que lle encomenda as igrexas que lle foran concedidas por Alfonso III entre os ríos Eo e Masma, no norte de Galicia, así como os posibles dereitos desta sede leonesa no bispado de Tui e en toda Galicia: “sive etiam et fe omn(ia)… a plebe ubicumque inveneris sancte Maie Tudensis sedis”. Posiblemente estamos diante dun intento de integración da diocese tudense, e outros territorios galegos, na sede de León, pero que non debeu perdurar no tempos pois carecemos doutra noticia algunha ao respecto. Os descendentes de Alfonso Betote estarán tamén intimamente ligados ao goberno do condado de Porto, en concreto o seu neto Menendo González, e foron repoboadores doutras zonas do norte do actual Portugal.

Ordoño II

Esta vaga repoboadora, que asegura unha certa estabilidade, leva ao rei Ordoño II (914-924) a restaurar no ano 915 a sede tudense, retornando o bispo do seu refuxio nas terras de Iria. Neste ano asume a cátedra Hermoxio, quen posteriormente, no ano 921, será apresado polos musulmáns na batalla de Jorquera e levado cativo a Córdoba, onde foi rescatado entregando como refén ao seu sobriño Paio, de dez anos, que será martirizado no 925, esténdese axiña o seu culto polo reino astur-leonés.
A reocupación do territorio seguramente coa chegada de poboadores procedentes doutras zonas do reino astur, aseguran unha certa revitalización da vida socio-económica de Tui e a súa bisbarra. Sen embargo esta vida é efémera , pois novos ataques musulmáns unidos ás continuas incursións dos viquingos, levan a un novo esmorecemento da cidade que de novo perde ata a súa condición episcopal sendo agregada á de Compostela por Alfonso V no ano 1024.


Nova edición corrixida do artigo co mesmo título publicado no libro das festas de San Telmo do ano 2003.

Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le