Ir al contenido principal

"Pulcher Pelagius" unha lectura teolóxica e patrimonial da exposición




Admirar os iconos, e en xeral os grandes cadros da arte cristián, nos conduce por unha vía interior, unha vía de superación de un mesmo e, nesta purificación da mirada, que é purificación do corazón, revélanos a Beleza, ou alomenos un raio do seu esplendor. Precisamente desta xeito nos pon en relación coa forza de la verdade. A miúdo  teño afirmado a certeza de que la verdadeira apoloxía de la fe cristián, a demostración máis convincente da súa verdade contra calquera negación, atópase, por un lado, nos seus santos e, por outro, na beleza que la fe xera. Para que actualmente a fe poida medrar, tanto nos como os homes que encontramos, debemos dirixirnos cara os santos e cara o Belo.(Mensaxe enviado polo cardeal Joseph Ratzinger aos participantes no «Meeting» de Rímini (Italia) celebrado do 24 ao 30 de agosto de 2002 por iniciativa del movemento eclesial Comuñón e Liberación sobre o tema «A contemplación da beleza»)

Esta cita do actual Papa Bieito XVI escrita anos antes da súa elección como bispo de Roma introduce adecuadamente este comentario arredor da exposición organizada pola Asociación de Amigos da Catedral de Tui, na Capela das Reliquias, que baixo o nome de  “Pulcher Pelagius” dedicada á conmemoración do MC aniversario do nacemento do mártir San Paio. É dabondo coñecida a súa historia, o neno deixado como refén polo seu tío, o bispo Hermioxio, en Córdoba na corte de Abderramán III e que logo de tres anos e diante do rexeitamento ás insinuacións de caracter político e logo sexual do califa é martirizado á idade de trece anos, estendéndose axiña o seu culto. San Paio é posiblemente a figura máis salientable do santoral tudense e na nosa cidade están baixo o seu patrocinio dúas institucións educativas (o Seminario e o Instituto) con máis de cento cincuenta anos de traxectoria.
No percorrido por esta exposición, sinxela na súa montaxe pero rica polo seu contido e os materias expostos,  podemos vislumbrar como a vida de San Paio resulta moito máis rica se a situamos nos seu contexto histórico. Paio nace no ano 912, segundo as biografías da época, en Tui, aínda que unha tradición conservada ata os nosos días sitúa este natalicio na parroquia de Alveos, en Crecente. Paio era membro dunha importante familia da alta aristocracia galaica que xogaba naquel momento un papel protagonista na vida social e política do reino de León. Velaí a razón pola que o seu tío, o bispo Hermoixio, participa na batalla de Valdejunquera (Navarra) xunto as tropas do rei sendo tomado prisioneiro xunto o bispo de Salamanca Dulcidio polos musulmáns e trasladado á capital do califato, Córdoba.
Como era práctica habitual naquel tempo, para a liberación do bispo tudense é solicitado un elevado rescate que o propio interesado ten de xestionar na súa terra e deixa cono refén no cativerio cordobés ao seu sobriño, Paio, daquela un neno de arredor de dez anos de idade. A estadía carceraria de Paio, pola súa condición nobiliaria, posúe certos privilexios, como era habitual naqueles tempos. Paio que xa comezaría a súa formación en Tui prosegue agora con ela, e así o seu biógrafo Raguel sinala que era casto, sobrio, apracible, prudente, atento á oración e asiduo á lectura, non esquecía os preceptos do Señor e promotor de boas conversas. Podemos conxecturar que Paio mantivese relación coa comunidade mozárabe cordobesa, que dalgún xeito tutelaría ao rapaz, o que explicaría a actuación destes cristiáns logo do seu martirio (ao recoller os seus restos e custodialos como reliquias martiriais)
Non sabemos concretamente as razóns, posiblemente ligadas a unhas negociacións sobre o seu rescate que se dilatan en exceso, polas que Abderramán chama ao mozo á súa presenza. A corte cordobesa daquel tempo era un dos lugares de mais elevada cultura do mundo, e o califa promovía as artes, as letras, o pensamento... nunha corte onde ocupaban altas responsabilidades na xestión escravos e criados ennobrecidos que garantían a súa fidelidade ao califa, e onde existía, xunto aos eunucos do harén califal, unha tradición de practicas homosexuais con mozos. Considerando ambos elementos entendemos o diálogo entre Abderramán e Paio, que para acceder á sala califal debe mudar de indumentaria. Alí élle ofrecida unha alta dignidade naquela corte que rexeita, xunto ao convite a adherirse a fe en Mahoma –este era un costume preceptivo establecido para os cristiáns-. Logo de certas insinuacións sexuais de membros daquela corte e do propio califa Paio proclama, aínda con máis forza, a súa negativa provocando a súa condena a morte. Para os cristiáns a morte de Paio é un martirio glorioso, para os musulmáns unha execución xusta
Froito do relato de Raguel e da utilización posterior do seu culto a figura de Paio estivo de sempre vencellada á súa castidade, entendida como absterse do goce sexual, realzando asi a acusación de homosexualidade dos musulmáns nun contexto de Reconquista. Esta acusación era unha poderosa arma de propaganda que explicaría, en parte, a difusión do seu culto. Pero hai outra acepción de casto que abrangue mellor a condición vital de Paio; casto é aquel que se axusta ao que considera licito, neste caso á lei divina, á lei natural. Neste contexto unha persoa xusta é tamén unha persoa casta. Velaí como a castidade de Paio é expresión dunha condición máis profunda, da vida de alguén que procura vivir, como sinala Raguel, nos preceptos do Señor. Este biógrafo expresara que a beleza exterior de Paio –que atrae ao Califa- é expresión dunha beleza interior proporcionada por unha vida baseada na fe en Cristo. É o exemplo do “miles” cristián, unha imaxe recorrente na representación iconográfica de Paio, un mozo adornado pola beleza da cultura, do coñecemento e mesmo pola súa beleza física pero sobre todo da beleza da súa vida interior e de oración que explica que desbote os ofrecementos do Califa por ficar con aquelo que Paio estima superior.
Esta condición de Paio, cunha vida de valores alternativos aos do mundo no que vive, que é feliz coa súa condición, coa súa vivencia chegando a preferir o martirio á renunciar a súa identidade, posúe, logo dun milenio, unha vixencia certamente sorprendente. No contexto actual, dunha cultura globalizada que tentan uniformizarnos e mesmo dunha Igrexa e dunha fe reducidas a ámbitos cada vez mais minoritarios, lembrar a figura de Paio é comprender como a afirmación da propia identidade, neste caso, a súa condición de cristián plenifica as persoas ata convertelas en alternativa ao seu entorno que, tantas veces, nos envolve e atorde.
O propio titulo da exposición “pulcher” relaciona a figura de Paio coa súa condición de persoa fermosa, pero que tamén podemos traducir por glorioso, excelente, bo... Esta beleza, interior e exterior, de San Paio é transmitida pola Igrexa ao longo dos séculos a través da arte, vehículo privilexiado dunha comunicación que ten coma obxectivo conmover ao espectador. As modernas teorías da comunicación foron sempre empregadas pola Igrexa que comprendeu que a comunicación por medio das emocións, da sensibilidade é moito máis eficaz que simplemente a verbal. Os elementos patrimoniais que integran esta exposición procedentes da nosa Catedral evidencian este papel de transmisores dunha experiencia de fe.
Na mostra “Pulcher Pelagius” podemos contemplar tres lenzos do século XVI, de escola italiana, que o Cabido encargou a Roma para ilustrar o santoral tudense, e onde figuran dous ascendentes de San Paio, o bispo Hermoixio e o bispo San Vimara, xunto co lenzo do martirio pelaxiano. Conservados na Sancristía estes óleos conforman un conxunto de grande categoría artística.
O “Pasional tudense”, outra das pezas expostas. é manuscrito do século XII que recolle a copia más antiga conservada da “Passio Pelagii” realizada polo presbítero cordobés Raguel a poucos anos do martirio de Paio. Este “Pasional” é unha expresión do culto e da liturxia catedralicia que testemuña a continuidade da fe.
Culmina a exposición coa reliquia que hai agora cen foi entregada polo Mosteiro de San Paio de Oviedo á Catedral tudense e que expresa, ata fisicamente, a memoria dunha vida que nos ten transmitido unha experiencia de fe que nos enriquece e afirma a través do seu culto público.
Unha magnifica talla en madeira de San Paio, do século XVIII, procedente da Capela de Santa Catalina da nosa Catedral centra o espazo expositivo cunha representación do mozo San Paio como “miles Cristi” acompañado da palma símbolo da súa condición de mártir.
Completan a mostra outras representacións iconográficas pelaxiana e unha alusión as festas celebradas en Tui no ano 1925 co gallo do milenario do seu martirio, recollidas nunha serie fotográfica realizada pola fotógrafo norteamericana Ruth Mathilda Anderson, nunha das súas xiras por Galicia financiadas pola Hispanic Society.
Singulares pezas artísticas conservadas na Catedral tudense pero non especialmente coñecidas e que con esta mostra revelan a riqueza patrimonial que atesoura este templo, exemplo sobranceiro desta sabia combinación de arte e de fe, expresión da nosa singularidade.
Recuperando as palabras de Ratzinger, que abrían este post, esta exposición realiza unha ollada á beleza da fe expresada na traxectoria de San Paio e na producción artística realizada para a transmisión desta vida exemplar. Convidamos a visitala ata o vindeiro 20 de outubro.

Comentarios

  1. El Rey de León ordenó trasladar el cuerpo de San Pelayo a León, donde fue depositado en la iglesia de San Juan Bautista y San Pelayo (actual basílica de San Isidoro y antigua iglesia palatina de los monarcas de León). Desde allí, ante los ataques de Almanzor a finales del s. X, el Rey Bermudo II confió las religuias del santo a las benedictinas de Oviedo, conocidas actualmente como "las pelayas". La difusión del culto a san Pelayo en España lo hicieron los súbditos de la corona leonesa: gallegos, leoneses y asturianos.

    ResponderEliminar
  2. Tras su martirio, el cuerpo de San Pelayo fue trasladado, por orden del Rey, a la corte de León y depositado en la Iglesia de San Juan Bautista y San Pelayo. Ante la invasión de Almanzor a finales del s. X, el Rey Bermudo II ordenó su traslado a Oviedo, al monasterio de monjas benedictinas, conocidas desde entonces como "las pelayas de Oviedo". El culto a San Pelayo en el resto de España se extendió gracias a gallegos, leoneses y asturianos.

    ResponderEliminar
  3. O seu tio, o bispo Hermioxio, foi todo nobreza e demostración de fe en Cristo ó deixar a un rapaciño de refén. A verdade, é que non sei como a igrexa católica acadou tantos seguidores visto o comportamento "exemplar" dunha boa parte dos seus ministros. Todo un milagre.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

A lenda do túnel baixo o MIño

As lendas ou narracións populares, transmitidas oralmente, relatan xeralmente acontecementos ficticios que se teñen por reais, en moitas ocasións mesturados con feitos históricos. Pola súa capacidade de evocación, pola súa transmisión xeracional as lendas conforman un acervo do que chamamos patrimonio inmaterial que cómpre recoller e preservar. Na nosa cidade conservamos varias lendas vencelladas ao caracter histórico da nosa localidade, ao seu caracter fronteirizo e consecuentemente a súa fortificación fronte aos posibles invasores. A máis asentada no imaxinario colectivo tudense é a relativa ao “túnel” que comunica Tui coa outra beira do Miño, coas terras de Valença. Resulta moi significativa esta lenda pois testemuña como na mentalidade dos tudenses a fronteira e a súa condición de limite, de aillamento fronte ao estranxeiro era superada polas nosas xentes que a través do túnel escapaban destas “imposicións” e mantiñan a comunicación coas terras irmáns que as estructuras políticas t…

A Semana Santa tudense e as súas posibilidades

Xa na noite do Venres Santo xorde de novo unha reflexión sobre a Semana Santa tudense, pois quizais na nosa cidade non chegamos albiscar as súas potencialidades como elemento que forma parte do noso acervo patrimonial que temos a responsabilidade de conservar, sen privala da súa dimensión relixiosa, e dende esta valorización é tamén un posible recurso turístico para Tui, pois poucos lugares de Galicia teñen unha riqueza similar nestas xornadas.


Neste mesmo blogue temos sinalado que inmediata celebración das festas patronais de San Telmo distorsiona a visión destas xornadas de celebración do misterio pascual de Xesús, configuradas como un preludio das festas e, consecuentemente, infravaloradas non xa na súa dimensión espiritual senón na súa significación cultural. Cómpre valorizar as actividades litúrxicas ou para-litúrxicas destas datas, pois, independentemente da súa significación relixiosa ou espiritual, conservan requintadas expresións da nosa historia colectiva da que somos custodi…

O grupo "Ultreya" tudense (I)

A comezos do ano 1932 o daquela profesor do Instituto de Noia, Álvaro de las Casas, funda con varios rapaces alumnos seus os Grupos Ultreya que terán un curto pero activo papel no desenvolmento da nacionalismo entre a mocidade galega.
Alvaro de las Casas (Ourense, 1902 – Barcelona, 1950) é unha persoalidade apaixoante (o estudo de Uxio Breogan Dieguez asi o documenta). Tras os seus estudos de Filosofía e Letras (especialidade de Historia) en Valladolid, trasladouse a Madrid sendo nomeado secretario particular do conde de Vallellano, alcalde de Madrid. Mantivo de sempre grande relación con intelectuais galegos especialmente con Vicente Risco.
Pero en 1930 da un xiro a súa actividade, adoptando unha actividade galeguista e republicana, incorporándose ao ensino público. Chega en 1930 como profesor de Xeografía e Historia ao Instituto de Noia, posto no que continuará ata a súa destitución polos sublevados en agosto de 1936, cando xa tiña fuxido para Portugal. Tivo unha traxectoria ás veces …