Ir al contenido principal

Apuntes para unha cronoloxia da restauración da igrexa de San Bartolomeu: precisións aos comentarios de Alberto Estévez Piña

Retablo central da igrexa de San Bartolomeu ata1966

Publicaba hai unhas semanas un “post” sobre as intervencións arqueolóxicas efectuadas na igrexa parroquial de San Bartolomeu de Rebordáns dirixidas por Manuel Chamoso Lamas e Jose´F. Filgueira Valverde.  No artigo  da súa autoria “Excavaciones arqueológicas en la iglesia y atrio de San Bartolomé de Rebordanes de Tuy (Pontevedra)” publicado en “Noticiario Arqueológico Hispánico” do ano 1976,e que seguimos naquel "post· indicaban o seguinte: “Los trabajos realizados fueron comenzados en los primeros meses del verano de 1970 (... y) quedaron totalmente finalizados el día 21 de noviembre de 1970” abranguendo a escavación das tres naves do templo e unha intervención no adro. Con base ás afirmacións deste artigo, ás propias lembranzas persoais e á lóxica que leva a que unha actuación arqueolóxica sexa previa ao proceso de obras, afirmaba na introducción daquel “post”: No ano 1970 comezou un proceso –que demorou varios anos- de restauración deste templo. Como paso previo a esta intervención foi realizado na segunda metade do ano 1970 un proceso de escavación arqueolóxica.

Posteriormente os amigos de “Tui ruegos y preguntas” me informan que a través de Facebook o amigo e erudito tudense Alberto Estévez Piña cuestiona estas datas reclamando unha rectificación “en favor del rigor histórico” por medio dun amplo comentario onde mestura as súas lembranzas con datos xornalísticos. Evidentemente o amplo coñecemento de Alberto Estévez levoume a afondar neste tema sobre a cronoloxía das obras de restauración deste templo histórico.
Cómpre resaltar que nos dous comentarios aos que tiven acceso, Aberto Estévez comeza falando que estas obras de restauración se iniciaron no ano 1966 e logo retrotrae as mesmas a 1963 indicando “para la buena comprobación de todo lo referido se puede consultar el Boletín de Información y Turismo de Tui de fecha 1 de agosto, página 3, y 1 de octubre, página 3 de 1963 donde se encuentra referido todas mis manifestaciones”. Consultado o Boletín do Centro de Iniciativas e Turismo de Tui (ese é o seu nome correcto) nas datas indicadas sorprendentemente non figura noticia algunha ao respecto. Podería pensar nun erro de datas pero é que nos comentarios figura citado o ano 1963 máis de dez veces e o ano 1966 unicamente nunha ocasión. O rigor reclamado non aparece nesta oportunidade.

Pola miña banda, manteño unha lembranza persoal ao respecto, pois no ano 1968  efectuaba naquel templo a miña Primeira Comuñón, non estando por tanto afectado por obras que impedisen o seu normal funcionamento. Será no ano 1970 cando pase a empregarse a igrexa de San Domingos como templo parroquial arredor de tres anos, pois ali fun confirmado no ano 1971 polo bispo Delicado Baeza, que ocupaba a cátedra tudense dende outubro de 1969. Estes recordos encaixan cos datos achegados por Chamoso e Filgueira.
Na procura de datos mais concretos fixen un seguimento das informacións publicadas no Boletín do CIT (editado entre os anos 1960 e 1968) e podemos establecer a seguinte cronoloxía, coa salvedade dunha consulta aos expedientes conservados no Arquivo Diocesano de Tui que poderían aportar algunha precisión. Temos pois as seguintes secuencias cronolóxicas:

-         En decembro de 1960 o Boletín do CIT informa de recente visita a Tui do Comisario de Zona do Patrimonio Nacional que tras percorrer os diversos monumentos da cidade, solicita que a Deputación Provincial recoñeza como monumentos provinciais diversos bens, entre eles a Igrexa de San Bartolomeu.

-         O párroco de San Bartolomeu, Francisco Xavier González Vázquez, promoveu tras a súa toma de posesión, unha intervención na cabeceira deste templo para retirar os retablos existentes e rebaixar o seu chan ata alcanzar o nivel orixinal do templo. Así no Boletín do CIT de xaneiro de 1964 aparece na páxina 10 a foto dunha capeliña lateral de San Bartolomeu co seguinte texto: “La foto representa la capilla lateral izq. recientemente restaurada, sin ningún tipo de subvención, por el actual Abad. Rvdo. D. Francisco Xavier González Vázquez”.

-         En agosto do mesmo ano 1964 figura no Boletín do CIT outra foto da capela lateral esquerda na que parece no ter existido aínda ese proceso de restauración.

-         Sera en xullo de 1966 cando ese proceso de intervencións promovido polo abade aborde a ábsida central do templo. Na devandita publicación figura unha noticia titulada “Hallázgos arqueológicos en San Bartolomé” onde detalla o proceso: o abade decide retirar o “extemporáneo retablo neoclásico” (sic) que presidía este templo deixando ao descuberto a ventá románica da ábsida cos seus capiteis, un friso axadrezado, unha cruz de consagración e as pinturas murais do século XVI. En días posteriores, informa a crónica, inspeccionaron os achádegos o Director do Museo do Prado, Dr. Sánchez Cantón, e o representante da Junta Provincial de Monumentos, Sr. Filgueira Valverde. Aos poucos días achegárase ao templo o Comisario de zona do Patrimonio Histórico, Sr. Chamoso Lamas.

-         Segundo o Boletín de setembro de 1966 o 14 de agosto visita Tui e nomeadamente San Bartolomeu o Director Xeral de Bellas Artes, D. Gratiniano Nieto, acompañado dos especialistas antes citados, do alcalde de Tui (José Casal Aboy, que ocupaba o cargo dende o ano anterior) e representantes do Cabido, citando agora xa a imaxe pétrea de San Bartolomeu achada no chan da ábsida ao procurar o seu nivel orixinal.

-         O proceso seguido ata agora é claro: retirada dos retablos e posteriormente rebaixe do chan ata o nivel orixinario, pero sen que exista unha escavación arqueolóxica propiamente dita. É amplamente coñecido como o descubrimento da imaxe de San Bartolomeu é efectuada polos propios obreiros que afondaban no chan daquel templo co evidente risco de non apreciar axitadamente os restos arqueolóxico que poideran existir.

-         No Boletín de outubro de 1966 se informa que dende finais de agosto unha equipa de restauradores da Dirección General de Bellas Artes, dirixida polo Sr. Ballester, procedeu á restauración das pinturas murais. E continúa esta nota sinalando o seguinte: “esperamos (que esta intervención) sea continuada con alguna subvención al objeto de devolverle su primitivo suelo y proporcionar a todo el conjunto una mayor esbeltez. Tenemos además la casi seguridad de que a favor de esta liberación de tierras, que constituiría una verdadera excavación, puede proseguir la interesante labor de hallazgos importantes, dada la solera histórica de esta antigua iglesia y sus relaciones con el viejo y desaparecido monasterio”. Por tanto no outono de 1966 non tiñan comezado as obras de restauración propiamente ditas desta igrexa agás as puntuais intervencións realizadas anteriormente, en 1964 e nese mesmo ano, polo abade daquela parroquia e que abranguían unicamente á cabeceira do templo coa retirada de retablos e rebaixe do chan.

-         Corrobora esta afirmación unha nova nota do Boletín do CIT de febreiro de 1967 ao referir unha nova visita de Chamoso Lamas ás obras da Catedral na que falouse tamén de que existía unha proposta “a la Dirección General de Bellas Artes de dos subvenciones de cien mil pesetas: una para proseguir las excavaciones y la restauración del piso primitivo de la iglesia de San Bartolomé y otra, probablemente, para la urbanización de la Plaza de la Misericordia”.

-         Ningunha nova referencia figura no Boletín a estas posibles intervencións de San Bartolomeu nos seguintes números editados ata a súa desaparición no verán de 1968. Resultaría extrano que esta publicación tan atenta a estes temas patrimoniais silenciase estas posibles obras.

-         Completamos estas informacións coas vivencias persoais xa referidas. Ata 1970 non se traslada o culto parroquial á Igrexa de San Domingos ao iniciarse o proceso de restauración deste templo románico promovido pola Dirección General de Bellas Artes, concretamente segundo referencias orais de veciños foi a misa de San Brais, o 3 de febreiro de 1970, a última efectuada naquel templo. Un proceso de restauración que signifca, en primeiro lugar, unha intervención arqueolóxica previa coa escavación das naves da igrexa -onde descobren o que resumimos no noso anterior "post"- e a continuación unha intervención arquitectónica coa reposición do piso primitivo do templo, etc. Rematan as mesmas no ano 1973 cando se reabre de novo ao culto esta igrexa parroquial. 

-    Certamente os datos cronolóxicos aportados por Chamoso Lamas e Filgueira Valverde e que recollímos en Tudensia se axustaban á realidade, pois a auténtica obra de restauración do templo de San Bartolomeu foi a realizada pola Dirección General de Bellas Artes a partires de 1970. Esta restauración tivo o seu precedente e elemento motivador nas obras promovidas polo párroco Francisco Xavier González Vázquez, pero que polo seu alcance non impediron en ningun momento o desenvolvemento do culto  que evidencia a súa escasa dimensión no que atinxe á obra que non aos achádegos ocasionados. 
     Amaís Chamoso e Filgueira dirixen as escavacións arqueolóxicas e nunca "toda la obra de la nueva solera del templo" como afirma Alberto Estévez pois non eran arquitectos. Tampouco escavan "alrededor de todo el atrio de la iglesia" senon exclusivamente fronte á porta central de acceso dando continuidade ao escavado no interior do templo. E finalmente non é en 1970 cando publican o seu traballo senón ao cabo de seis anos, en 1976.

-         Aos poucos anos haberá unha nova e importante intervención, que tamén obriga ao traslado do culto a San Domingos, para proceder á restauración da cuberta que deixou á vista un novo axedrezado ata daquela oculto por un falso teito de madeira.

Con estas notas, que por falta de tempo non podo facer mais amplas e concretas, espero fiquen clarexados os principais fitos na cronoloxía das obras de restauración da igrexa de San Bartolomeu, que non concordan exactamente coas que refire Alberto Estévez Piña nos seus comentarios onde mestura datos e datas, baseados unicamente nas súas lembranzas persoais e, evidentemente, sen contrastar as citas que emprega para rebater as afirmacións contidas en Tudensia. Tamén no noso "post" omitíamos as obras promovidas nos anos 1964 e 1966 precedente do auténtico e completo proceso de restauración iniciado no ano 1970 ata 1973, único que pode recibir este nome de restauración.

Agradecemos a Alberto Estevez Piña as súas achegas e comentarios, sempre de interese. Todos agardamos que este caudal de coñecemento sobre a nosa cidade e as súas xentes chegue a plasmarse nunha publicación para que non fiquemos privados destas amplas lembranzas e datos que, axeitadamente contrastados, a todos nos enriquecerían e que corren o risco de perderse coa súa persoa.

Velaí, fronte as numerosas vantaxes, os riscos das novas tecnoloxias da comunicación e da información que pola súa inmediatez, caso das redes sociais, non posibilitan unha análise tranquila e axeitada. Cando se aportan nos nosos escritos e comentarios datos erróneos sen un labor rigoroso de investigación e contraste contribuimos á confusión dos nosos lectores 

Finalmente, aproveito esta ocasión para reclamar que a imaxe pétrea de San Bartolomeu colocada na actualidade na ventá románica da ábsida central (que segundo Alberto Estévez Piña "encaja a las mil maravillas, coadyugando para aumentar el singular arcaismo de la iglesia...") ocupe outro lugar máis axeitado neste templo, pois os vanos non  foron construidos para acoller imaxes e non é prudente alterar a linguaxe arquitectónica cando existen outras alternativas máis idóneas para a contemplación desta excepcional talla.

Comentarios

  1. Agradecemos a TUDENSIA esta aclaración sobre el asunto. Un saludo, TRP

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

A lenda do túnel baixo o MIño

As lendas ou narracións populares, transmitidas oralmente, relatan xeralmente acontecementos ficticios que se teñen por reais, en moitas ocasións mesturados con feitos históricos. Pola súa capacidade de evocación, pola súa transmisión xeracional as lendas conforman un acervo do que chamamos patrimonio inmaterial que cómpre recoller e preservar. Na nosa cidade conservamos varias lendas vencelladas ao caracter histórico da nosa localidade, ao seu caracter fronteirizo e consecuentemente a súa fortificación fronte aos posibles invasores. A máis asentada no imaxinario colectivo tudense é a relativa ao “túnel” que comunica Tui coa outra beira do Miño, coas terras de Valença. Resulta moi significativa esta lenda pois testemuña como na mentalidade dos tudenses a fronteira e a súa condición de limite, de aillamento fronte ao estranxeiro era superada polas nosas xentes que a través do túnel escapaban destas “imposicións” e mantiñan a comunicación coas terras irmáns que as estructuras políticas t…

A Semana Santa tudense e as súas posibilidades

Xa na noite do Venres Santo xorde de novo unha reflexión sobre a Semana Santa tudense, pois quizais na nosa cidade non chegamos albiscar as súas potencialidades como elemento que forma parte do noso acervo patrimonial que temos a responsabilidade de conservar, sen privala da súa dimensión relixiosa, e dende esta valorización é tamén un posible recurso turístico para Tui, pois poucos lugares de Galicia teñen unha riqueza similar nestas xornadas.


Neste mesmo blogue temos sinalado que inmediata celebración das festas patronais de San Telmo distorsiona a visión destas xornadas de celebración do misterio pascual de Xesús, configuradas como un preludio das festas e, consecuentemente, infravaloradas non xa na súa dimensión espiritual senón na súa significación cultural. Cómpre valorizar as actividades litúrxicas ou para-litúrxicas destas datas, pois, independentemente da súa significación relixiosa ou espiritual, conservan requintadas expresións da nosa historia colectiva da que somos custodi…

O grupo "Ultreya" tudense (I)

A comezos do ano 1932 o daquela profesor do Instituto de Noia, Álvaro de las Casas, funda con varios rapaces alumnos seus os Grupos Ultreya que terán un curto pero activo papel no desenvolmento da nacionalismo entre a mocidade galega.
Alvaro de las Casas (Ourense, 1902 – Barcelona, 1950) é unha persoalidade apaixoante (o estudo de Uxio Breogan Dieguez asi o documenta). Tras os seus estudos de Filosofía e Letras (especialidade de Historia) en Valladolid, trasladouse a Madrid sendo nomeado secretario particular do conde de Vallellano, alcalde de Madrid. Mantivo de sempre grande relación con intelectuais galegos especialmente con Vicente Risco.
Pero en 1930 da un xiro a súa actividade, adoptando unha actividade galeguista e republicana, incorporándose ao ensino público. Chega en 1930 como profesor de Xeografía e Historia ao Instituto de Noia, posto no que continuará ata a súa destitución polos sublevados en agosto de 1936, cando xa tiña fuxido para Portugal. Tivo unha traxectoria ás veces …