Ir al contenido principal

Parlamentarios tudenses nas Cortes de Cadiz (e II): Agustín Rodríguez Vaamonde



A celebración ao longo deste ano do Bicentenario da proclamación da Constitución de 1812 ten contribuído a recuperar a memoria deste importante acontecemento e dos parlamentarios que teñen participado na elaboración da primeira constitución liberal española.
Entre os parlamentarios que representan a Galicia destaca a activa participación do avogado tudense Agustín Rodríguez Bahamonde. Nace en Ponteareas sendo bautizado na súa parroquial o 10 de xuño de 1769, fillo de Don Agustín Rodríguez, cunhas orixes familiares en Valeixe, e de Dona Luisa Vaamonde, cuxos pais eran oriúndos de Santa María de Xermar (Cospeito – Lugo). Aínda que carecemos de noticias sobre a situación social da familia, esta debia ter recursos dabondo para enviar ao seu fillo a estudar tres anos de Filosofía no convento franciscano de San Antonio en Tui (1786-1788) e logo cursar Leis e Cánones na Universidade de Santiago de Compostela. Recibe o grao en Leis o 11 de xuño de 1791 “precedido para ello el riguroso examen, prevenido en Real Cédula del que salió aprobado némine discrepante”. De inmediato o recen licenciado comeza as súas prácticas no despacho de D. Pedro Fernández Vaamonde e Sanjurjo (¿será parente seu?), avogado da Real Audiencia do Reino de Galicia, con exercicio na ferigresia de Santa Cristina de Bugarín. Unhas prácticas que van do 15 de xuño de 1791 ao 18 de abril de 1795. Neste momento trasládase a Madrid para realizar, e superar, os exames establecidos para o exercicio da avogacía.
Posteriormente casa en Tui con Xoana Roca Portela, establecéndose xa na nosa cidade, daquela, capital provincial e centrando nela a súa actividade no ámbito xudicial e político. Segundo nos informa Manuel Fernández-Valdés (1958), en 1807 era xuíz maior real da cidade e xurisdicción tudense. Tras a ocupación francesa, en 1809, foi de novo xuíz e organizou “os servizos de defensa da provincia ata a constitución da Xunta de Armamento e Defensa da provincia tudense, da que foi secretario” e tivo un destacado protagonismo na organización do sitio da cidade fronteiriza. Consecuentemente foi electo, o 21 de febreiro de 1810, como representante da provincia tudense nas Cortes de Cádiz.
A súa actividade nas Cortes foi tan intensa que podemos asegurar que foi o deputado galego máis traballador, aínda que non gustaba de pronunciar longos discursos, quizais porque como recoñecía un cronista ‘fala a trompicóns como falamos os galegos’. En Cádiz residía no barrio de San Felipe, na rúa de Santa Inés, número 32.



Sinatura de Agustín Rodríguez Vaamonde



Tivo unha participación moi activa na vida parlamentaria, formando parte da comisión de once deputados encargada de elaborar un proxecto de arranxo e organización das provincias; integrouse tamén nas comisións de Exame de documentos e Reformas do Exército. Presentou na comisión de Constitución unha serie de proposicións relativas á unha nova demarcación dos correxementos en Galicia. Apostaba por unha Rexencia de cinco membros e amosase partidario da abolición das matrículas do mar, formando parte da comisión de Guerra.
Na sesión do 5 de febreiro de 1812 solicita o recoñecemento aos patriotas que loitaron en Tui fronte aos mariscais Ney y Soutl para a reconquista de Vigo, proposta que resulta aprobada.
Ideoloxicamente, Rodríguez Vaamonde era liberal pero moi moderado. As actuacións máis destacadas nas Cortes sempre tiveron que ver cos intereses ou a defensa de Galicia. Unha das súas primeiras propostas parlamentaria, que non pasou da tentativa, propuña a supresión dos vasalaxes e contribucións feudais, e estaba precedida dunha breve introducción onde aludía á dobre dirección da loita que o pobo español sostiña naqueles momentos: pola independencia e a liberdade. Independencia fronte ao estranxeiro pero liberdade tamén fronte as relacións feudais de dependencia verbo dos señores xurisdiccionais, cabidos, mosteiros e os seus administradores e apoderados (Hernández Moltaban, 1999)
Continua a súa actividade con novas propostas así o 1 de marzo de 1812 solicitou a suspensión dunha onerosa contribución porque entendía que Galicia xa non podía pagar máis. El foi quen solicitou constituir en Cádiz un batallón formado por residentes galegos (sesión do 18 de xullo de 1812). Foi quen na sesión de 13 de febreiro de 1813 presentou en representación da cidade de Vigo o cambio do símbolo representativo da cidade. Antes era unha cuncha,que facía referencia aos dereitos que o arcebispo de Compostela posuía sobre a cidade viguesa, e por iso se muda o símbolo e pasa a ser un ramo de oliveira. Na sesión do 14 de febreiro de 1813 denunciou o xefe político de Galicia, marqués de Camposagrado, por entender que se excedía nas súas funcións contra os veciños de Domaio e de Moaña, polo que o marqués foi destituido (Barreiro Fernández 2001).
A Agustin Rodríguez Vaamonde cábelle a honra de ser un dos asinantes da Constitución Española de 1812 e foi logo elixido, substuindo ao deputado canario Santiago Key y  Muñoz, como secretario das Cortes o 24 de xaneiro de 1813, testemuñándose o prestixio do que gozaba naquel parlamento. Remata o seu mandado o 24 de maio, sendo reemprazado polo deputado de Jaen, Juan Manuel Subrié Martínez. En Cádiz reside no barrio de San Felipe, calle de Santa Inés, n 32
A restauración absolutista supuxo o seu abandono temporal da vida política e padeceu persecución polos seus ideais de caracter liberal. O seu nome figura nun informe presentado por Caballero del Pozo en 1814, impreciso e con probas moi fracas, sobre un intento de golpe de Estado liberal que querería proclamar unha república e tentaba prolongar o período de sesións das Cortes Extraordinarias.
No trienio liberal (1820-1823) retornan ás Cortes os deputados liberais entre eles Agustín Rodríguez Vaamonde, agora como representante do reino de Galicia ao non existir distritos máis cativos. Tivo unha destacada actividade política nas Cortes de 1820, formando parte de numerosas comisións parlamentarias e promovendo múltiples iniciativas.
Formou parte das seguintes comisións: de poderes, do tribunal para xulgar aos deputados, de persecución de malfeitores, de infraccións á Constitución, da división provincial, da que promove unha lápida no Congreso ao xeneral Porlier, etc. Resaltar a súa defensa das capitais provinciais: A Coruña, Ourense, Lugo, Pontevedra ou Tui, aínda que prefería unha quinta provincia para Santiago; ou o seu proxecto sobre a normativa legal para a navegación entre España e Portugal e o seu apoio á supresión dos señoríos eclesiásticos e civís. Agustín Rodríguez Vaamonde destacou especialmente no medio da mediocridade da representación galega nas Cortes de Cádiz e do Trienio (Barreiro Fernández, 2001)
Ao longo da década onminiosa (1823-1833) en que sofre de novo represalias pola súa posición política de caracter liberal, seguramente foi privado, cando menos, de calquera emprego público. Asi o seu fillo Florencio para facer fronte aos pagamentos da súa licencia universitaria nestes anos xustifica "por medio de varios certificados que seu pai era avogado pero debido a conflictos y trabajos estaba nunha moi mala situación económica ata a punto de que Florencio, di o correxidor de Tui, pode chamarse pobre desgraciado" (Barreiro Fernández, 2001). A situación familiar chega pois a unha situación dramática por mor da represión política que sofre polo réxime absolutista de Fernando VII.
En 1833 ao recuperarse o réxime liberal, tornan as circunstancias, e será nomeado “oidor” ou maxistrado da Real Audiencia de Galicia, na Coruña, da que chegará a ser decano e rexente interino. Algúns autores sinalan que xa ocupara un posto na Audiencia de Valladolid no último ano do trienio liberal, en 1823, sendo posteriormente cesado na conseguinte etapa absolutista.
Finalmente, nas eleccións de 2 de outubro de 1836 retorna ao parlamento Agustín Rodríguez Vaamonde, agora deputado pola provincia de Pontevedra; renunciando ao escano por enfermidade o 22 de novembro de 1836 culminando así unha intensa actividade política. Ao pouco tempo morre na cidade da Coruña sendo soterrado no cemiterio de San Amaro. Pero axiña os seus fillos, o tudense Florencio, do seu primeiro matrimonio coa tudense Xoana Roca, e logo Teófilo, da súa unión coa ribadavense Juana Portela continuarán, especialmente o primeiro, unha intensa carreira política.
Co gallo do bicentenario da proclamación da Constitución de 1812 lembramos a esta egrexia figura tudense que tivo un papel destacado na súa redacción e que traballou intensamente por establecer en España un réxime liberal que respostara aos novos tempos.


Bibliografía:
Barreiro Fernández, Xosé R.  Coord. (2001): Parlamentarios de Galicia. Santiago de Compostela, Parlamento de Galicia e Real Academia Galega.
Fernández-Valdés Costas, Manuel (1958): “Familias antiguas de Tuy”. Pontevedra.
Hernández Moltanbán, Franciso J.(1999): La abolición de los señorios en España, 1811-1837. Universidad de Valencia.
Sánchez Bargiela, Rafael (20109: "Agustín Rodriguez Vaamonde" en Pregón, Concello de Pontereas.




Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le