Ir al contenido principal

Parlamentarios tudenses nas Cortes de Cádiz (I)


Nos vindeiros días se conmemora o bicentenario da proclamación na cidade de Cádiz da Constitución Española de 1812, a primeira constitución liberal, no seu proceso de redacción a nosa cidade estivo representada por tres parlamentarios aos que queremos lembrar con este “post”. Pero cómpre antes unha pequena contextualización destas Cortes de Cádiz.
Durante a Guerra da Independencia, iniciada en 1808, as revoltas populares contra a invasión francesa levaron á creación de Xuntas Locais e Provinciais ou Rexionais para artellar a resistencia e ocupar o baleiro de poder derivado da abdicación de Fernando VII e a súa retención en Baiona (Francia) e a negativa recoñecer a José I, popularmente chamado “Pepe Botella”, como monarca lexitimo.

Estas Xuntas, en xeral, integradas por funcionarios, membros da nobreza e do clero, nomeadamente de caracter conservador, deron o poder a unha Xunta Suprema Central que acordou a celebración de Cortes. Como sinala o historiador Antonio Elorza “prevaleció un policentrismo de una revolución juntista, donde en las principales ciudades cada junta era suprema en su territorio, con la vocación de formar una Junta Central, encargada a su vez de convocar Cortes Constituyentes”, que, ao final, foron convocadas polo Consello de Rexencia, constituído tras a disolución da Xunta Suprema en 1810. Desta Xunta Central formou parte, como vocal en representación da Xunta galega, entre o 12 de outubro de 1808 e o 30 de xaneiro de 1810 o tudense Manuel María Avalle, señor de Fiolledo e rexedor da cidade.

As Cortes comezaron as súas sesión o 24 de setembro de 1810 na Real Illa de León (hoxe San Fernando) trasladándose á cidade de Cádiz o 20 de febreiro de 1811. Cando se reúnen só se presentan 95 deputados dos 240 previstos, porque moitos non puideron chegar polo impedimento francés ou non tiñan sido elixidos; 42 eran titulares, elixidos polos seus cidadáns; 53 eran suplementarios, persoas que procedían dos territorios que non tiñan acudido ninguén, e vivían cerca ou arredor de Cádiz e asumían así a representación da súa circunscrición.

Galicia estará representada nestas Cortes por representantes de cada una das antigas provincias do Reino e amáis enviou dous representantes: un pola Xunta Suprema de Galicia e outro pola representación das sete ciudades de Galicia que, tradicionalmente e de xeito rotatorio, enviaban un deputado ás Cortes. Ao convocar o Consello de Rexencia aos representantes das ciudades, correspondialle a Tui facer o nomeamento, o que explica que o deputado tudense Benito María Mosquera e Lira representa nas Cortes de Cádiz á cidade de Tui e non a súa provincia.

A moitos deputados foilles imposible nun país en guerra chegar ata Cádiz e os elementos estamentais, en xeral, non participaron no proceso. Por esta razón son escollidos deputados entre as persoas que residían en Cádiz, das provincias non representadas pois moitos burgueses, funcionarios, etc tiñanse refuxiado na cidade gaditana, único reducto libre das tropas francesas e protexida pola mariña inglesa.

Nas reunións tomaron parte representantes das provincias españolas e dos territorios americanos e de Filipinas, identificados con tres tendencias: os absolutistas, que defendían a volta da monarquía dos Borbón; os ilustrados defensores das reformas, e os liberais, que preconizaban cambios máis radicais.

“Las Cortes de Cádiz, sinala o historiador Pierre Vilar, resulta unha representación artificial; no hay verdaderas elecciones; abogados, intelectuales, negociantes, “americanos”, en su mayoria liberales, legislan en nombre de España. Pero sin ningún contacto, desde Cádiz sitiado, con el pueblo de las guerrillas. En las guerrillas actos sin ideas; en la Cortes, ideas sin actos (...). El liberalismo español no vacila en referirse a la tradición y respeta la fidelidad religiosa. Pero ataca al poder material eclesiástico, suprime la Inquisición, impulsa la desamortización de los bienes de la Iglesia. Políticamente la Constitución de 1812 transpone los principios franceses: soberania nacional, división de poderes, libertades fundamentales, cámara elegida por dos años por sufragio indirecto y que debe votar obligatoriamente los presupuestos, rey constitucional provisto del derecho de veto, organización uniforme de los municipios y provincias. Y sobre todo el 6 de agosto de 1811, las jurisdicciones de señorío son abolidas (...). Pura apariencia: la separación entre las Cortes y la nación tuvo sus consecuencias; la obra constitucional quedó ignorada. Pese a la reunión de las Cortes ordinarias, las muchedumbres se impresionaron sobre todo por la derrota francesa y el regreso del rey (...) las aclamaciones populares de Valencia y Madrid autorizaron a Fernando a anular por completo la obra gaditana en mayo de 1813. Y a confundir en la represión afrancesados y liberales patriotas. Fue este el fracaso no sólo de unos cuantos años, sino de todo un siglo (...). Por último, la guerra había comprometido los fundamentos económicos, y la reacción, los fundamentos jurídicos que hubiesen llevado a España al siglo económicamente capitalista y políticamente liberal”.

Esta longa cita historiador francés explica as luces e sombras do labor desenvolvido polas Cortes de Cádiz que proclaman unha Constitución novidosa que é considerada coma o primeiro código politico da liña constitucionalista europea contemporánea, pero que só moi serodiamente será asumida pola sociedade española coma referente da súa vida política.

Pero xunto a esta visión alongada da Constitución de Cádiz de 1812 tampouco podemos renunciar a reivindicar o labor daquelas Cortes que desmontaron enramado do Antigo Réxime e que, a pesares dos posteriores intentos absolutistas de Fernando VII, abriron un camiño irreversible consonte aos tempos. Foi un labor excepcional do que agora ceebramos o se bicentenario.

O Reino de Galicia está representado por vinteseis deputados que formaron parte das Cortes entre 1810 e 1813. Deputados como o avogado compostelán Benito Ramón Hermida Maldonado, que foi o primeiro presidente provisional do primeiro parlamento español e iberoamericano e que estivo especialmente activo nos debates sobre a abolición do tormento, a lei de señoríos e sobre a Inquisición; o avogado coruñés Antonio Payán, que participou en debates tan cruciais como o do proxecto de Constitución, Tribunais especiais, Honor e Agricultura; o ferrolán José Alonso López, liberal radical e autor de numerosos proxectos lexisativos; o betanceiro e oficial da Mariña, Luis Rodríguez del Monte de grande prestixio e que chegou ser presidente das Cortes ou o tudense Agustín Rodríguez Bahamonde.

A provincia de Tui estará representada xunto ao devandito Rodríguez Bahamonde e por Antonio Duran e Castro e Benito María Mosquera e Lira representa á cidade. Lembrar os seus nomes é un acto de xustiza pola súa participación neste intenso proceso político que culmina coa proclamación da Constitución de Cádiz o 19 de marzo de 1812.


DURAN DE CASTRO, Antonio


Natural de Tui, cursou latinidades no colexio do convento franciscano de Tui, co frade Álvaro Estévez, e primeiro de Filosofía, pasando de seguido á Universidade de Santiago, onde remata Filosofía e logo Leis. Avogado da Real Audiencia da Coruña e Alcalde maior e rexedor decano do Concello de Tui e das súas tierras, foi elixido deputado pola provincia de Tui polos seis electores o día 21 de febreiro de 1810 na cidade de Tui, dacordo coa Instrucción particular para as eleccions de diputados de Cortes polo reino de Galicia.


Outorgouselle o seu poder o mesmo día da súa elección que foi ratificada polas Cortes o día 20 de septiembre. Formou parte da comisión de “supresión de empleos públicos”, composta por catro deputados e creada na sesión do día 1 de abril de 1811, sendo substituido por Quiroga y Uría tres meses despois.

Pertenceu á comisión de prebendas eclesiásticas, compota por cinco deputados e creada na sesión do día 21 de maio. Votou a favor da liberdade de prensa na sesión de 19 de outubro de 1810. Concedéronlle catro meses de licencia para regresar a Tui por motivos de saúde. Non sabemos se regresó, pero o certo é que as Cortes non accederon a unha solicitud súa na que, atopándose en Santiago de Ribarteme, pedía que se lle excusara de presentarse ante elas. Voltou conseguir prórroga polo mesmo motivo o 30 de novembro de 1812 e, posteriormente, comunicou ás Cortes que se atopaba sumamente enfermo e, por conseguinte, ata que non se restablecera, no podería trasladarse a Cádiz


Sen ser liberal apoiaba as reformas, pois posuía xunto a abondosos coñecemento xurídicos a convicción da necesidade destas reformas.

 


MOSQUERA e LIRA, Benito María

 
Deputado por Galicia, pola cidade de Tui. Nalgunhas obras e documentos aparace o seu segundo apelido modificado como “Lera”. Caballero Maestrante e Rexedor da cidade, membro dunha familia fidalga da antiga provincia tudense, un irmá seu, Antonio Mosquera e Lira, foi un dos caudillos das Alarmas de Achas na Guerra da Independencia.


Elixido o día 6 de agosto de 1810 polos seis electores correspondentes no concello de Tui polo procedemento para as cidades con voto en Cortes, segundo a Instrución de 1º de xaneiro de 1810 e a Instrución particular para as eleccións de Deputados polo reino de Galicia. Entregóuselle o seu poder o mesmo día da súa elección, sendo aprobado pola comisión de Poderes, o 20 de setembro de 1810, xurando e tomando posesión o día 24.


Non tivo ningún tipo de participación activa, supoñendo que estaría en Galicia neste tempo. De carácter absolutista en correspondencia coa súa orixe como se reflicte ao votar en contra da liberdade de prensa. Con todo, foi un dos asinantes da Constitución. Despois, marchou a Tui, a restablecer a súa saúde. En Cádiz, aloxouse na rúa de Sacramento, núm. 160.


Deixaremos para un novo post a figura egrexia de Agustín Rodríguez Bahamonde un dos más destacados parlamentarios naquelas Cortes de Cádiz e persoeiro de grande significación para a historia tudense.

Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le