Ir al contenido principal

A Eurocidade Tui-Valença, herdeira da veciñanza baixomedieval


Valença e Tui no Livro das Fortalezas de Duarte D'Armas 

O pasado venres, 10 de febreiro, o Alcalde de Tui xunto ao Presidente de Cámara Municipal de Valença asinaron oficialmente o protocolo de creación da eurocidade Tui-Valença ou Valença-Tui. Unha vella aspiración das administracións locais valenciana e tudense que finalmente foi acadada.
A creación desta entidade de cooperación resposta a unha histórica necesidade de ambas poboacións que, a pesares de atoparse na máis antiga fronteira europea, nunca se sentiron afastadas e historicamente comprobamos como a interrelación entre ambas comunidades locais foron de sempre intensas. A posición periférica de ambas cidades favoreceu que as directrices gobernamentais, emanadas das capitais do Estado, chegasen ata estas ribeiras cunha reducida efectividade.
Di o historiador Carlos Barros que esta fronteira mantivo un caracter medieval, non tanto pola súa conformación no século XIII, senón porque sempre conservou unha mobilidade social, cultural e económica, similar á existente na Galicia altomedieval. Unha condición que, con avatares diversos, temos conservado ata os tempos contemporáneos. Moitos exemplos poderiamos aportar como ao longo dos séculos perdurou esta intensa comunicación entre os miñotos galegos e portugueses, da que esta eurocidade que agora enceta o seu camiño é herdeira directa.
Citaremos un dos exemplos mais sobranceiros cando xa, a finais da Idade Media, a fronteira “legal” era nidiamente recoñecida por todos os habitantes das terras miñotas. Sen embargo, as políticas xa de caracter “nacional” que promoven as monarquías de Castela e Portugal, levan a que en 1455 o rei lusitano Afonso V ordeáselle ao Marqués de Valença e ao Conde de Ourém que dispoñan gardas fiscais que impidan a entrada en Portugal de mercancías prohibidas como era  caso do gando, cabalos, armas, moedas, etc.
As protestas das vilas das ribeiras do Miño conseguiron que aos poucos anos, en 1462, o mesmo monarca conceda á cidade de Tui e as vilas galegas da fronteira do río Miño a posibilidade de comprar e vender nas feiras de Caminha, Cerveira, Valença... sen pagar tributos, como se fosen portugueses... Así o outorga o propio rei Afonso V na súa visita a Valença, do 30 de xuño ao 3 de xullo de 1462, permitindo a comercialización do pan, carne, viño e peixe procedente de Tui, confirmando un privilexio que, afirman os valencianos, era un costume xa antigo. Son as chamadas cartas ou costumes de veciñanza que o monarca lusitano concede ás vilas da ribeira do Miño, que intentan deste xeito subtraerse da presión dos axentes fiscais da Coroa, aínda que sen moito éxito.
Xa no ano 1459 o procurador de Vila Nova de Cerceira, Lourenço Guilham, proclamaba nas Cortes de Lisboa: “Senhor vosa alteza (saberá) que antre os moradores desta villa e termo com os galegos ha o rrio en meyos conversamos huus com os outros como irmaaos seendo casados huus com outros”.
Hoxe seguimos sendo herdeiros, as xentes de Valença e Tui, daquelas afirmacións. Esta conciencia dunha mesma identidade, dunha mesma condición está contida, por exemplo, no documento do acordo asinado en 1485, superados os dificiles tempos da “ocupación” dos Soutomaior sobre a cidade de Tui e das guerras de sucesión, sobre as barcas de pasaxes entre ambas cidades. Neste documento sinalase como “estrangeyro o (que) non seia vezinio da dita cidade nen vasalo do dito Sr. Obpo. nen vizinio de Valença nen do seu termo (...pois...) compre aboa vezinages de uns e dos outros”.
As positivas expectativas que agroman coa sinatura deste acordo de creación da eurocidade Tui – Valença oxalá poidan desenvolverse axeitadamente e non resulten frustradas, como nos tempos de finais da Idade Media, pola presión dos Estados e polas circunstancias históricas.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Cristobal Colón Fonterosa e Tui

Ás veces un rato de navegación pola rede na procura dalgún dato nos conduce a outra liña de investigación ou coñecemento inesperado. Rebuscando nos primeiros números da revista gráfica “Vida Gallega” que fundou en 1909 o xornalista Jaime Solá, e que con diversos avatares chegou ata o ano 1963, demos cun artigo sobre Celso García de la Riega e a súa teoría sobre o Colón galego.

García de la Riega (1844-1914) é un funcionario, deputado, xornalista e investigador pontevedrés, pero sobre todo é coñecido por ser o inicador e impulsor da teoría da orixe galega de Cristobal Colón, sendo o primeiro en atacar a teoría xenovesa nunha conferencia realizada en Madrid en 1898 a petición da Sociedad Geográfica de Madrid. Cristobal Colón e a súa biografia estiveron sempre rodeadas de incognitas e dúbidas, mesmo antes da súa morte. A súa personalidade e os pleitos que emprendeu el mesmo ou os seus herdeiros pola sucesión do seu morgado non fixeron máis que contribuír a este afastamento que explica, en…

Manuel Fernández-Valdés Costas, cronista oficial de Tui

Manuel Fernández Costas (Tui, 1887-1962) reclama una biografía que nos achegue a súa importancia e significación. Trátase dun dos principais investigadores da historia tudense e tamén, curiosamente, dos mais esquecidos na actualidade. Neste blog temos recollido en diversas oportunidades referencias á súa actividade e, incluso, algún dos seus artigos xornalísticos.

No volume III da revista “Tuy. Museo y Archivo Histórico Diocesano” (1980) o seu fillo Eloy publica un moi breve apunte biográfico do seu pai xunto a unha moi interesante achega das súas publicacións, especialmente en xornais e revistas, pois en formato libro unicamente saíron dos prelo dúas obras da súa autoría. Unha de carácter profesional (foi funcionario do Corpo Pericial de Aduanas) titulada “Arbitrios, impuestos y recargos que liquidan las aduanas en la importación y exportación de mercancias” (Madrid, Editorial Plutarco, 1948) e outra sobre historia tudense e que recolle e amplía unha serie de artigos publicados no “Fa…

O grupo "Ultreya" tudense (I)

A comezos do ano 1932 o daquela profesor do Instituto de Noia, Álvaro de las Casas, funda con varios rapaces alumnos seus os Grupos Ultreya que terán un curto pero activo papel no desenvolmento da nacionalismo entre a mocidade galega.
Alvaro de las Casas (Ourense, 1902 – Barcelona, 1950) é unha persoalidade apaixoante (o estudo de Uxio Breogan Dieguez asi o documenta). Tras os seus estudos de Filosofía e Letras (especialidade de Historia) en Valladolid, trasladouse a Madrid sendo nomeado secretario particular do conde de Vallellano, alcalde de Madrid. Mantivo de sempre grande relación con intelectuais galegos especialmente con Vicente Risco.
Pero en 1930 da un xiro a súa actividade, adoptando unha actividade galeguista e republicana, incorporándose ao ensino público. Chega en 1930 como profesor de Xeografía e Historia ao Instituto de Noia, posto no que continuará ata a súa destitución polos sublevados en agosto de 1936, cando xa tiña fuxido para Portugal. Tivo unha traxectoria ás veces …