A implantación da República en Portugal tivo diversas consecuencia que afectaron a Tui como cidade veciña das terras lusitanas. Xa falamos nun post do pasado mes de outubro da evolución histórica dos primeiros días de implantación do novo réxime en Portugal e as súas consecuencias en Tui. (http://tudensia.blogspot.com/2010/10/proclamacion-da-republica-portuguesa-no.html).
Unhas das características que adopta, na súa primeira hora, o republicanismo portugués é o seu laicismo militante promovendo a expulsión das ordenes relixiosas do territorio lusitano e a confiscación dos seus bens. Desta forma, numerosos frades, monxas e cregos cruzaran a fronteira na procura do exilio en terras galegas. Era bispo de Tui naquela altura, 1910, Valeriano Menéndez Conde que ocupaba a cadeira episcopal dende 1894. No seu episcopado constatamos a chegada á nosa cidade de novas ordenes e institucións católicas xurdidas na segunda métade do século XIX como resposta ás novas necesidades sociais. En 1908, gracias á doazón dun tudense residente en América se instalan en Tui ás “Fillas da Caridade” de San Vicente de Paul (as que coñecemos popularmente como “da Milagrosa”) que abren a popular “Cociña económica” e no ano seguinte o seu colexio de “La Milagrosa”. Procedentes de Portugal se instalan en Tui nos inicios da segunda década do século XX as Franciscanas Hospitaleiras da Inmaculada Concepción ou as Relixiosas de Santa Dorotea, que aínda manteñen a súa presenza na nosa cidade (véase: http://tudensia.blogspot.com/2011/02/centenario-das-rr-doroteas-en-tui-carta.html)
Será o 1 de xaneiro de 1911 cando a comunidade das Franciscanas Hospitaleiras chegue a Tui fuxindo da persecución en Portugal, pois non tiñan outra opción no seu país de orixe que vivir na clandestinidade. Esta Congregación nacera o 3 de maio de 1871, co nome de Congregação das Irmãs Hospitaleiras dos Pobres pelo Amor de Deus, logo trocado polo actual de Congregação das Irmãs Franciscanas Hospitaleiras da Imaculada Conceição. En 1870 o crego portugués Raimundo dos Anjos Beirão (1810 - 1878) enviou un grupo de franciscanas terciarias que traballaban nos hospitais para enfermos pobres en Lisboa a Calais, para facer o seu noviciado na congregación local das Franciscanas Misioneiras. As irmás regresaron en 1871, abrindo en Lisboa unha casa dedicada a San Patricio. A primeira superiora da comunidade foi Libania do Carmo de Albuquerque Galvão Telles Mexía ( 1843 - 1899 ), que adopta o nome de María Clara do Neno Xesús –e cuxa beatificación vai reaizarse en Lisboa neste mes de maio-, e é considerada coma fundadora do instituto. En 1875 esta comunidade lisboeta se independiza dos “padres” de Calais: sendo concedido o permiso pola Santa Sede o 27 de maio 1876. O 27 de febreiro 1876 as Franciscanas Hospitaleiras da Inmaculada Concepción foron agregados á Orden dos Frades Menores (agregación renovada o 9 de agosto 1905). O carisma desta institución é a hospitalidade e a vivencia das Bienaventuranzas no exercicio das obras de misericordia.
A primeira presenza desta Orde en Tui foi a “Colégio da Ponte” que acolle a relixiosas e alumnos do Colégio Santa Clara de Valença pechado polas disposicións do novo goberno republicano portugués en outubro de 1910.
A iniciativa do Consello Xeral da Orde, e con axuda dos Franciscanos portugueses instalados en Tui, se tiñan establecido en Tui un primeiro grupos de relixiosas nos primeiros días de 1911 nun soltar sito logo da Ponte do río Tripes; coma o seu aluguer era alto logo se instalaron noutra casa da rúa Cuenca, case en esquina coa rúa San Telmo. Foi a primeira casa adquirida fóra de Portugal, establecendo nela unha residencia que chegou contar con 40 camas e acollía as monxas procedentes de país veciño e que fuxían da persecución iniciada nos primeiro tempos republicanos. Nun primeiro momento, ao parecer, o bispo tudense Valeriano Menéndez Conde non as recoñece como relixiosas, pero foi unha situación moi breve. No ano 1914 trasládanse as irmáns enfermas e maiores a outra casa na Cuesta Hernández, xusto por fronte da Sarabia, integrándose nesta casa e servindo para albergar tamén ás “meninas seráficas” ou postulantes de menor idade.
Paralelamente a Irmá Aurora do Meninho Jesús chega a Tui procedente de Leiria ao prohibir o goberno portugués a impartición de ensino a quen tivese pertencido a calquera orde relixiosa, onde organiza un colexio de nenas, reunindo a rapazas procedentes de Portugal. Instalouse nunha casa na rúa Martínez Padín, 34, na “Casa do Piñeiro” ou Colexio “San José”, onde recibía alumnas internas e externas e acollendo tamén a numerosas relixiosas hospitaleiras. A Directora deste Centro foi nomeada por Roma Superiora Xeral da Congregación en agosto de 1912 e durante algún tempo dirixe dende este centro a vida da orde. Diversos problemas derivados do alto número de irmás, e o escaso número de alumnas xunto aos cambios políticos en Portugal levan a que este colexio fose transferido para Ponte de Lima a comezo de 1915, onde tomou o nome de Colégio Vasco de Gama.
No mes de setembro de 1911 chega a Tui instalándose nunha casa da rúa San Telmo a Superiora Xeral, Nai María de Asis, xunto con outras superioras e profesas ubicándose na nosa cidade a Casa-Nai da Congregación e o seu noviciado. Nesta casa terá lugar o 26 de abril de 1912 a primeira toma de hábito de varias novicias. A principios de decembro de 1911 abren unha cuarta casa en Tui, na rúa Sarabia, como a Casa de Noviciado na rúa San Telmo resultaba pequena para as súas necesidades, en febreiro de 1916 se traslada este Noviciado á casa da Sarabia, onde estaba dende 1913 a Casa Nai da Congregación, manténdose neste lugar ata o inicio da Guerra Civil española.
Deste xeito, no ano 1913 as “Hospitaleiras” dispuñan en Tui de catro casas: “a da Calle San Telmo, com o Noviciado, que pela sua pequenez, se assemelhava à Santa Casa de Nazaré e nâo acomodava máis de 20 pessoas; a da Calle Cuenca, para as Irmâs velhinhas, onde estavam mais de 30; a do Pinheiro, onde tínhamos o colégio com internato de meninas portuguesas e externato de meninas espanholas; e a da Sarávia, que nesse mesmo ano foi reconhecida como Casa-Mâe da Congregaçâo”.
Pero axiña mudan as cousas. Tras a desaparición da Casa da rúa Cuenca, do Colexio “San José” e do Noviciado da rúa San Telmo en 1914, 1915 e 1916 respectivamente a casa da Sarabia foi adquirida pola Congregación en setembro de 1915, acollendo esta triple función: Casa Nai, Noviciado e Colexio Seráfico. As necesidades derivadas do crecemento do Orde obrigan a unha ampliación grande do convento inaugurada o 19 de marzo de 1929.
O inicio da Guerra española forzou unha precipitada saída das relixiosas que trasladan o Noviciado para Caminha, o Colégio para Ermesinde e o Consello Xeral para a Casa da Saúde da Boavista de Porto. Había daquela na Sarabia 80 novicias, 40 postulantes e 20 seráficas. Ao longo destes anos tiveron lugar en Tui 744 profesións de ingreso nesta Congregación, 23 na Casa de San Telmo e as restantes na Sarabia.
Esta dilatada presenza da Orde na nosa cidade xustifica que as “Franciscanas Hospitaleiras” teñan á cidade de Tui como o segundo berce da súa congregación e que dende a nosa cidade se ampliase a expansión internacional da orde.
Ficarán na Sarabia algunhas irmás para coidar do covento e haberá que agardar ao fin da guerra mundial para que esta casa retorne a posuír actividade, agora como “Casa de Exercicios Espirituais Nosa Señora de Fátima” e “Casa Sacerdotal” da diocese de Tui que mantivo a súa actividade ata a década de 1980, converténdose, logo dunha reforma integral do edificio, no ano 1992, na residencia “Paz y Bien” para enfermos e anciáns, que continua actualmente en funcionamento e que acolle a sede da provincia
Neste percurso pola presenza das franciscanas hospitaleiras en Tui apuntar, por último, que os acontecementos da revolución portuguesa de 1974 atemorizaron ás superioras desta congregación que de novo retornaron á Tui ocupando as dependencias do “palacio episcopal” coa súa sede xeneral durante varios anos, ate que retornaron definitivamente a Portugal.
As “Hospitaleiras” tiveron acollida tamén en Baiona –onde continúan presentes-, O Porriño ou Verín. Tamén as irmás Hopitaleiras estaban presentes na cidade de Valença do Minho onde tiñan o Colégio de Santa Clara, sito na rúa San Francisco, do que foron expulsadas a finais de outubro de 1910; a súa directora a Irmá Escolásticas do Anxos mudou o centro educativo para unha casa fronte a Aduana tudense creando o “Colégio da Fronteira” ou “Colégio Portugués” ao que acudían as alumnas valencianas, que logo eran levadas á exame á profesora oficial en Valença. O colexio foi de novo aberto en Valença en 1916, como un “Externato ou Escola” aínda que con certa polémica na prensa rexional e do profesorado oficial, que leva a que o Ministerio de Justiça decrete o seu peche en 1917, suscitando a oposición de moitos valencianos. En xaneiro de 1918 revócase esta decisión autorizando a “reabertura da Escola Valenciana tamén denominada Colégio de Santa Clara”, que de novo tiña voltado á casa da fronteira tudense.
Pasado o tempo, en 1928 este Colexio de Valença é trasladado ao grandioso edificio do “Asilo Apolinario da Fonseca”, promovido pola Santa Casa da Misericordia, construído perto da estación do ferrocarril de Valença, no que acollerían alumnos externos, internos e orfos (segundo o contrato asinado tiñan de acoller a cinco orfos e un máis por cada dez alumnos pensionistas). Este centro tivo un alto prestixio e nel estiveron as irmás “hospitaleiras” ata 1974, cando a revolución portuguesa dos “cravos”.
Comentarios
Publicar un comentario