Ir al contenido principal

A masonería tudense: Triángulo "El Ibérico" en 1907


A historia tudense dos últimos séculos aínda agarda por quen a rescate da indefinición ou da nebulosa onde habita. Contamos certamente con numerosas achegas sobre aspectos diversos dos século XIX e XX pero carecemos dunha visión global que nos permita identificar os movementos sociais e políticos tudenses nestas centurias. Nin sequera posuímos unha visión dos partidos políticos na vida municipal.

Achegamos hoxe un novo aspecto de interese para o discorrer das dinámicas políticas tudenses daqueles anos: a fundación no ano 1907 dunha agrupación masónica na nosa cidade: o Triángulo “El Ibérico”. Unha escasa documentación, catros breves folios, custodiada no Centro Documental da Memoria Histórica, en Salamanca, nos informa sobre a constitución deste agrupación da francmasonería na episcopal cidade tudense.

Na masonería universal denomínase “triángulo” á mais reducida expresión orgánica, e que está integrada por un mestre masón e dous aprendices, en dependencia sempre dunha loxia nai que tutela esta agrupación ata a súa futura conversión, se fose o caso, en loxia.

Cómpre contextualizar a aparición deste grupo masónico no espazo e no tempo. Nos últimos anos do século XX a cidade tudense, que vivía nunha xa alongada crise pois as circunstancias socio-económicas e políticas daquel tempo impedían o seu desenvolvemento, pero era escenario dunha intensa vida social e política, especialmente en oposición ao poderío electoral da familia Ordoñez que controlaba politicamente o distrito tudense. Será a prensa o principal medio de expresión destas correntes políticas, tamén en Tui nas últimas décadas do século XIX e primeiras do XX, saen do prelo diversas publicacións, algunhas de caracter crítico: “El Eco del Miño” (1879-1883), “El Miñoto” (1886), “El Vencejo” (1905-1906), “El Aloya” (1907-1912), “La Opinión” (1908-1910), “La Tetera” (1913-1914), etc.

Desactivado, arredor de 1895, o grupo integrista tudense, que xiraba arredor do xornal tudense “La Integridad” (1888-1925) polo novo bispo Valeriano Menéndez Conde, aparecen tamén os primeiros xermolos do sindicalismo e anóvanse os grupos republicanos, pero que pouco poden fronte o dominio case omnímodo do partido conservador representado por Ezequiel Ordoñez e o seu fillo, que ocupan a representación tudense nas cortes dende 1879 ata 1923.

Neste contexto social e político constitúese nos inicios de 1907 un triángulo masónico denominado “Ibérico”. O documento conservado é a carta desta agrupación tudense pola que solicita ao Gran Oriente Español autorización para o seu funcionamento. Este grupo esta presidido polo avogado, recentemente asentado en Tui, Jesús Rivas Solla, que posuía un alto grado dentro da masonería, o grao 24 (dos 33 que posúe o Rito Escocés) acadado amais nunha das loxias con máis historia da Península, a “Logia Ibérica nº 7” de Madrid. Esta loxia fora fundada co nome de “Luz de Mantua” en 1870 e fusionándose no ano 1889 coa loxia “Hijos del Progreso” toma o nome de “Ibérica”. Acompañan a Rivas Solla na fundación desta agrupación Alfredo Alcaide, como tesoureiro, e Arturo Prieto coma secretario.

Jesús Rivas adopta o nome masónico de “Robespierre”, ilustrativo do seu carácter e tendencia, e polo seu alto grado indica que estamos diante dunha persona cunha alongada experiencia masónica e un importante nivel de compromiso con esta. Arturo Prieto adopta o nome simbólico de “Mito” e Alfredo Alcaide o de “Libertad” e ambos son iniciados por “comunicación”, de seguro que polo seu compañeiro Jesús Rivas Solla que os introduce nos principios masónicos. E conforman un “triángulo” que na masonería é a denominación que regulamentariamente posúe a mínima expresión orgánica, integrada por un mestre masón e dous aprendices, dependendo sempre dunha loxia nai que tutela o proceseo ata a súa futura conversión nunha nova loxia. Proceso que no caso tudense, segundo os datos que coñecemos, nunca chegou a completarse. O nome adoptado polo “Triángulo” tudense “El Ibérico” apunta a unha continuidade coa loxia da que proviña Rivas Solla e apunta, quizais, a unha inquietude iberista, propia dalgúns sectores politicos daquel tempo que preconizaban unha unión dos pobos da Península Iberica.

Segundo nos informa o amigo e historiador, José Ramón Fernández –a quen expresamos a nosa gratitude- “Chucho” Rivas casara en Tui, en segundas nupcias, cunha irmá do coengo tudense M. Uriz, e tiveron unha familia numerosa. Montou unha axencia de aduanas que logo foi mercada polos Estéllez e finalmente ocupou, con xa moitos anos, a vacante de profesor de debuxo no Instituto tudense tras o cese de Benito Prieto Coussent no curso 1936-1937. Foi unha persona moi coñecida na nosa cidade na que participou activamente en numerosas actividades de caracter asociativo, formando parte da Falange logo do golpe militar de Franco. Entre os escasos datos que atopamos arredor da súa traxectoria, é a súa condición de membro correspondente da Real Academia Galega, na nosa cidade no ano 1905 o que lle outorga a condición de fundador desta entidade.

Sen embargo, cómpre investigar mais arredor da súa traxectoria, que pode semellar sorprendente (de masón a falanxista) pero que lembra ás seguidas por outros elementos vencellados ao Partido Radical de Alejandro Lerroux. Segundo os datos da Real Academía Galega morre en Tui en 1911, dato que contrasta coas outras fontes consultadas que sinalan o seu pasamento na década de 1940. Sen embargo existe un amplo expediente personal nos arquivos sobre a masonería, que agardamos consultar e que nos ilustren sobre este personaxe.

Arturo Prieto Pérez, que neste documento se denomina perito mercantil, é o pai do poeta e músico tudense radicado en Buenos Aires, Manuel Prieto Marcos, de quen xa falamos en Tudensia. Residia na rúa Martínez Padín. Sen embargo os datos aportados polo seu fillo nos informan que en 1904 tiña fundado unha escola para nenos e que completaba os seus ingresos levando a contabilidade de varias casas comerciais. Sen embargo unha infección pulmonar acabou coa vida de Arturo Prieto Marcos no 1918 e aos poucos meses coa da súa esposa Tomasa Marcos Romo, natural de Hinojosa del Duero (Salamanca) ingresando os seus tres fillos no orfanato de Pontevedra.

Finalmente, Alfredo Alcaide Burillo, dentista, tiña a súa consulta no Paseo da Corredoira, onda o calexón de San Domingos.

Carecemos doutros datos sobre esta agrupación masónica tudense, mesmo se tivo continuidade chegando a formar unha loxia, aínda que o máis probable é que non tivese continuidade algunha, pois carecemos doutras referencia á masonería na nosa cidade, evidenciando a febleza da francmasoneria na vida tudense contemporánea. Mesmo os integrantes deste “Triangulo” non desenvolven actividade política algunha, pois non os temos localizado nin coma concelleiros. Tampouco podemos desbotarse o importante peso que a Igrexa posúe na nosa cidade, a súa condición episcopal –ocupada daquel por Valeriano Menéndez Conde, un bispo de ideas posibilistas na política pero que acadará importante sona pola súas opinións críticas, especialmente no tema do matrimonio civil, converténdose nun dos máis significados bispos españois- supón un importante factor de presión social sobre movementos como a masonería, rexeitada enerxicamente pola Igrexa Católica.

Máis significativo é este feito ao comprobar como noutras vilas e cidades pontevedresas si houbo loxias masónicas cunha actividade alongada no tempo: Vilagarcia de Arousa, Redondela, Caldas de Reis, A Estrada ou O Rosal, co triángulo Miguel Servet e Caridad nº 99 e a loxia Siete Hermanos nº 187. Con todo, podemos sinalar que a primeira loxia constituída en Galicia foi na cidade da Coruña no 1814, a "Logia Constitucional de la Reunión Española", constituída por francmasones militares galegos, dándolle continuidade á constituída anteriormente en Brest na estadía da armada naquela cidade francesa. En Vigo haberá que agardar a 1870 1870 para que se conforme a primeira loxia, "Hiram Nº 51", impulsada polo Grande Oriente Lusitano. Dita loxia fusionase en 1871 coa recén creada "Oliva" pasando a denominarse "Oliva e Hijos de Hiram Nº 12" dependente do Gran Oriente de España. Os avatares políticos promoverán a prohibición das actividades da masonería en diversos períodos.

Non é intención deste post adentrarse na historia e análise do movemento masónico, tanto polos escasos estudos que existen ao respecto verbo de Galicia, e moito menos nunha valoración ética ou política desta sociedade que se podemos caracterizar por algo é polo seu laicismo militante e polo seu secretismo; promoven a creación dun “humanismo secular”, baseado nas ideoloxías do racionalismo e naturalismo invocando unha utopía dunha nova orde baseada na “liberdade, igualdade e fraternidade”. Son os que denominaban no seu momento como “librepensadores” e que tiveron unha capital importancia na vida social e política dende o século XIX.

De todos os xeitos, seguiremos pescudando nos arquivos e hemerotecas para completar, nun futuro, esta pequena achega sobre a presenza da masonería na nosa cidade. Pasamos pois á ofrecer a transcrición dos documentos xa mencionados:

TRIANGULO “EL IBÉRICO”

Al Gr. Consejo de la Orden

Ilustr. GR. Maestro y Ven. HH. Consejeros

Los masones que suscriben, deseosos de la prosperidad de la Francmasonería y de contribuir a bien de la Humanidad, hemos resuelto organizar una Triangulo en estos Valles de Tuy, provincia de Pontevedra, con el titulo distintivo de “El Ibérico” y adoptamos para nuestros trabajos el Rito Escocés Antiguo y Aceptado, declarando y prometiendo obedecer la Constitución del Grande Oriente Español, sus Estatutos y Reglamentos generales, leyes, decretos y demás disposiciones.

Solo nos falta, Ilustr. Gr. Maestros y Ven. HH., la autorización del Gr. Consejo para constituir el triangulo en forma legal y para obtener dicha autorización os rogamos que os dignéis otorgárnosla.

Recibid Ilustr. Gr. Maestro y Ven. HH. Consejeros, la respetuosa expresión de nuestros fraternales sentimientos.

Trazado en los Valles de Tuy a los diez y seis dias del mes de enero del año 1907

El presidente, Jesús Rivas Solla

El Tesorero, Alfonso Alcaide

El Secretario, Artº Prieto

Lista duplicada de los hermanos el Triangulo “El ibérico”

Jesús Rivas Solla, simb. Robespierre, natural de Redondela, nacido el 16 de marzo de 1854, casado, abogado, vecino de Tuy. Miembro activo de la Logia Iberica nº 7 en los valles de Madrid, posee el grado 24, con titulo expedido el 7 de mayo de 1905 y registrado en el número 376, folio 18. Es presidente del Triangulo

Arturo Prieto Pérez, simb. Mito, natural de Orense, nació el 2 de febrero de 1856, casado, perito mercantil, vecino de Tuy. Iniciado por comunicación con autorización del Gr. Consejo de la orden. Es grado 1º con certificado expedido en fecha. Es secretario del Triangulo

Alfredo Alcaide Burrillo, simb. Libertad, natural de Madrid, nació el 3 de septiembre de 1880, soltero, cirujano dentista, vecino de Tuy, iniciado en la misma forma que el anterior. Es grado 1º con certificado expedido en ----. Es tesorero del Triangulo.

(Documento do Centro Documental de la Memoria Histórica, signatura SE-MASONERIA, A 728.8)

Comentarios

  1. un artículo muy, muy interesante. Fántástico. Es curioso, los que forman elTriángulo fundacional en Tui, ninguno era tudense de nacimiento. Esta ciudad tan levítica pesa mucho.

    ResponderEliminar
  2. Me gustaría saber si alguien dispone de los nombres y apellidos de la primera esposa y la segunda de Jesús Rivas Solla. Gracias

    ResponderEliminar
  3. Buenas tardes, mi nombre es Emilio Leandro Prieto y Arturo Prieto Perez fue mi tatara abuelo. Por esas cuestiones de la familia no tenemos mas datos sobre el como el nombre de sus padres, origen, etc.
    Cualquier informacion al respecto me sera de muchisimo interes para reconstruir mis origenes. Muchas gracias.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Hola. Carezco de otros datos que los apuntados en este "post", pero cualquier información que Usted pueda aportar será bienvenida.
      Gracias

      Eliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall