A chegada anual das festividades litúrxicas da Semana Santa son unha excelente oportunidade para afondar nas diversas tradición locais relacionadas con estas datas, pois posúen unha alongada historia e conservan un patrimonio cultural, material e inmaterial, digno de coñecemento e valorización. Ao longo do tempo as confrarías e irmandades promoveron, entre outros moitos aspectos, ás celebracións, especialmente ás procesión da semana maior do cristianismo, e foron un instrumento de axuda e cohesión social que segue manténdose como un os aspectos da identidade colectiva de moitos pobos e cidades.
![]() |
Debuxo da Semana Santa de Tui de Gonzalo Álvarez Besada |
Animados, de seguro, por este
encomiable espírito se celebran na vila de Baiona diversas actividades
conmemorativas do 450 aniversario da fundación da Irmandade da Santa Casa de
Paz e Misericordia, creada o 5 de abril de 1574. Os titulares da prensa local
nestas ultimas xornadas repiten que trátase da confraría decana de Galicia
(Faro de Vigo, 27.03.2024) ou a confraría veterana de Galicia (La Voz de
Galicia, 20.03.2024).
Cando recorremos á historia como “timbre de gloria” dunha tradición, dun
costume, dun ben inmoble, etc. cómpre unha documentación acreditativa e o
máximo rigor na análise dos datos e nas conclusións ás que chegamos. Tanto a
Irmandade de Baiona como o propio Concello na súa calidade de promotor deste
aniversario amosan a eiva dun localismo sen fundamento ao falar da antigüidade desta congregación baionesa, afirmando a súa condición de decana de Galicia
Abonde citar datos referidos á
confraría do Cristo de Ourense, datada en 1411, á Confraría do Rosario de
Santiago de Compostela, fundada en 1516, ou ás diversas confrarías da Vera Cruz
documentadas en Galicia ao longo dos séculos XV e XVI. Xeograficamente mais
próxima está a Irmandade da Santa Casa de Misericordia tudense fundada en 1542
na igrexa de Santa María da Oliveira. Aos poucos anos tivo de mudarse á parte
posterior da Catedral onde levantaron a capela da Misericordia, aínda hoxe
conservada con numerosas reformas, que segundo a inscrición da súa portada
renacentista levantouse en 1571 por Melchor Alonso Feal. Ao abeiro desta
irmandade naceu en 1647 a Congregación do Doce Nome de Xesús, que xa en 1691
encárgalle ao escultor tudense José Bugarín unha imaxe do Nazareno. Na
actualidade esta dúas entidades fusionáronse e seguen organizando anualmente os
cortexos procesionais tudenses na Semana Santa. Son pois 32 anos os que preceden
á fundación tudense á da vila de Baiona.
Abonden estes sinxelos datos para
matizar, en aras do rigor e a veracidade, as información publicadas sobre a
condición decana da confraría de Baiona, que non lle restan ápice algún a súa
fecunda traxectoria histórica digna de recoñecemento e admiración.
As tradicións da Semana Santa en
Galicia, con características de seu que non teñen que imitar ás expresión
propias doutros territorios, testemuñan vellos costumes que non están referidos
unicamente a un fenómeno relixioso senón que forman parte do noso acervo
patrimonial, tanto material como intanxible, que precisamos valorar para
coñecérmonos mellor, para asumir a nosa identidade colectiva forxada ao longo
do séculos.
Nota: Este artigo foi enviado para a súa publicación ao xornal "Faro de Vigo" sen que fose finalmente editado
Comentarios
Publicar un comentario