Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos.
Ven
a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en
días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un
año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de
la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de
Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María
Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño
da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que
pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos.
No
texto da noticia se afirma o seguinte: La investigación documenta el paso de
peregrinos por Tomiño hacia Santiago desde por lo menos 1295, año del que data
la referencia más antigua conocida. Como señaló el investigador, Antonio
Soliño, el germen del paso del Camino por territorio tomiñés está en la villa
de la Barca, “hoxe xa desaparecida situada no actual Goián, topónimo que
certifica que era un dos pasos importantes do Miño”. Y si algo caracteriza a la
variante tomiñesa es “o alto valor do patrimonio construído pola arquitectura
de orixe medieval e barroca, pero sobre todo pola súa arquitectura militar e polo
elevado número de elementos etnográficos, especialmente polos cañizos,
cruceiros e petos de ánimas, algúns deles con moita importancia histórica[i]”.
Agardando
que os promotores desta iniciativa fagan público o estudo que afirman avala con
datos esta proposta, cos argumento ata agora expostos resulta evidente a
inexistencia de dato algún sobre a presenza de peregrinos por esa ruta
histórica. Unha falsidade que xa comeza polo pretendido nome desta ruta: Camiño
de Nosa Señora do Norte.
Este
pretendido camiño xacobeo foi “inventado” polo sacerdote e profesor de ensino
medio portugués Manuel Inácio Fernandes Rocha que no Boletím do Centro de
Estudos Regionais de Viana do Castelo publicou no ano 1988[ii] un estudo sobre esta
advocación mariana, hoxe perdida, que localiza na capela de Nossa Senhora do
Norte “situada na outrora chamada Quinta dos Moinhos, hoje mais conhecida
por Quinta do Bicho” cun apuntamento aos camiños de peregrinación a
Compostela pero que non aporta dato algún de apoio a esta pretendida ruta por
terras de Tomiño e Gondomar.
A
singularidade do Camiño de Santiago fronte a calquera outra ruta deriva dunha
historia mantida ao longo de moitos séculos e testemuñada nos documentos, que
recollen a presenza de peregrinos -a
inmensa maioría de carácter anónimo-, e na literatura odepórica. Na
documentación ata agora coñecida todos, absolutamente todos, os peregrinos que
temos documentados que percorrendo o Camiño Portugués da costa chegan a Caminha
toman a vía fluvial para dirixirse a Valença e Tui no seu itinerario á tumba do
apóstolo na catedral de Compostela. Exemplos como Cosme de Médicis, como
Buonafede Banti e tantos outros documentan esta afirmación. Ningún documento
avala que haxa peregrino algún que cruza o Miño, nin cara a Pasaxe (A Guarda) nin
cara a Goián ou outro lugar da ribeira do Miño.
Cómpre
resaltar unha vez mais a evidencia: se non temos documentados historicamente
peregrinos como é posible afirmar a
existencia dun Camiño de Santiago?. É preciso non confundir, ou enganar,
mesturando Camiño de Santiago e cultura xacobea. Esta última está completamente
espallada por toda Europa e nomeadamente no territorio da antiga Gallaecia. A
presenza de culto a Santiago, ou á Virxe Peregrina -no caso de Estás-, de
representacións iconográficas do apóstolo como peregrino, de hospitais, etc.
non acredita por si mesmos a existencia dun Camiño de Santiago.
Temos
de indicar, ante todo, que na Idade Media os hospitais eran institucións
promovidas pola Igrexa católica - primeiro a través dos mosteiros e logo tamén
por medio de confrarías e obras pías-, dedicados a atender a pobres e
peregrinos. Non esquezamos os mandatos evanxélicos, logo codificados nas “obras
de misericordia”, que abranguen, entre outras, a visita aos doentes e a obriga
de dar posada aos peregrinos. Por tanto, a creación dun hospital é dar
cumprimento a estes mandatos e dar resposta ás necesidades de atención da
poboación, maioritariamente pobre e sen recursos propios. A existencia dun
hospital era un elemento de prestixio para unha institución e paralelamente un
atractivo para a recepción de servos ou foreiros no seu territorio. Xunto a este
obxectivo primario estaba tamén a atención aos peregrinos a calquera santuario
e mesmo a aqueles que tiñan feito da peregrinación un modo de vida.
A única
referencia documental, na que se basean os promotores desta iniciativa, é a
existencia dun hospital, do que hoxe conservamos o topónimo, entre Tomiño,
Vilameán e Taborda. Segundo o erudito Hipólito de Sá figura citado xa no ano
1295 sen aclarar de onde procede esta referencia documental. Compre lembrar que
o mesmo benemérito investigador vigués foi quen asegurou a presenza de Santo
Tomás Beckett no mosteiro cisterciense de Santa María de Oia como peregrino,
afirmación que se ten demostrado como absolutamente falsa carente de calquera
base documental.
No
estudo de Hipólito de Sá sobre as boticas monacais recolle nunha nota unha cita
que dí expresamente o seguinte[iii]: documento recollido en Galicia
Histórica. Colección diplomática. Págs. 294 y sigs. Testamento de María Eans
hacia el año 1305 en que hay varias mandas piadosas para los monjes de Melón,
para la enfermería y albergueria de los pobres del mismo monasterio, y la mismo
tiempo deja “una manta y un lecho para la enfermería y hospital de los pobres
de los monjes de Santa María de Oya: “outra manta e hun feltro para a
enfermeería dos pobres dos frades do mosteiro de hoia”. Revisado este documento
accesible na web (http://biblioteca.galiciana.gal/es/consulta/registro
.do?id=6760 ) non figura esta cita ao “mosteiro de hoia” en ningún lugar, o
que resulta realmente paradóxico e por tanto cuestiona completamente as súas
afirmacións.
Igualmente
resulta unha mera especulación a outra cita da mesma nota na que basea a súa información
sobre ese hospital entre Tomiño e Vilameán, onda Taborda. Cita un traballo de Fr.
Manuel Yañez Neira “El monasterio de Oya y sus abades”[iv], no que textualmente dí: En
1295, Fr. Gonzalo Eánez, caballero en otro tiempo de Amorín, a la sazón novicio
de Oya, donó al monasterio toda su legítima radicante en Mouriz, Pousadela y un
agro junto al puente del hospital.
Baseando
nestes textos, Hipólito de Sá elucubra sobre a igualdade de apelidos entre
ambas mandas e conclúe que la donación de Gonzalo Eans y la manda de María
Eans está relacionadas con el hospital que regentaban los monjes de Oya. Unha
afirmación que non deixa de ser unha mera hipótese sen base documental algunha,
aínda que a conservación do topónimo “Hospital” é unha referencia de apoio.
Cita
tamén un documento real de Fernando IV de 1311 que recoñece dereitos á Granxa
do Hospital ou outro posterior de 1409 sobre a Estada Real en Borreiros... chegando
a afirmar que correspondería coa vía romana XVIII chamada “por loca maritima”,
un tema suxeito a unha enorme controversia entre os arqueólogos que non acaban
de fixar o seu trazado. Mencións documentais que non ofrecen unha base mínima
para sustentar a presenza de peregrinos por estas rutas medievais.
Pero,
como xa sinalamos, os hospitais medievais eran primariamente hospitais para
pobres e como segunda ocupación tamén como lugares de acollida temporal para
peregrinos. Por conseguinte, existencia dun hospital non outorga historicidade
a unha ruta como Camiño de Santiago, é preciso documentar o paso de peregrinos
por ese territorio ao longo dos séculos.
Tamén
Ernesto Iglesias Almeida no seu traballo sobre “Caminos portugueses a
Santiago (en la diócesis de Tuy-Vigo)”[v]
fala desta ruta que partindo de Goián pasaba por este lugar do hospital de
Taborda, citando tanto o que vimos comentado de Hipólito de Sá como unha cita
de Elosa Ferreira do seu libro sobre os camiños medievais en Galicia no que
sinala: El Hospital de Taborda documentado con su puente en el
siglo XIV, tal como indica Elisa María Ferreira Priegue: "La existencia de
este Hospital se explica por que seguramente nos encontramos sobre uno de los
caminos Portugueses a Santiago que, cruzando el Miño por San Pedro da Torre,
donde todavía hay un paso de lancha, procediese de la zona de Caminha”. De novo conxecturas sen o imprescindible apoio
documental.
![]() |
Mapa de 1762. Arquivo do Servicio Geográfico del Ejército |
No
ano de edición desta obra de Iglesias Almeida en torno ao ano santo de 1993, cabe
lembrar que a Asociación viguesa “Amigos de los Pazos” promovía esta ruta como
o camiño xacobeo que pasaba por Vigo, substituído posteriormente polo que deron
en chamar “camiño monacal” e, finalmente, “Camiño portugués da costa”, outra
falacia histórica no que atinxe ao paso de peregrinos. Tanto Baiona como Vigo,
pola súa condición de portos, eran lugar de chegada e saída de peregrinos pero
non hai referencia documental algunha no que atinxe a A Guarda ou Oia.
Finalmente,
reseñar un amplo capítulo do libro do promotor desta iniciativa que vimos
comentando, o investigador Antonio Soliño, “Percorridos polo patrimonio cultural da
vila e concello de Gondomar de Miñor”[vi] dedicado ao Camiño Nosa
Señora do Norte. Ocupa das páxinas 384 a 405 desta obra, curiosamente sen mención
algunha ao Camiño de Santiago ou á presenza de peregrinos xacobeos.
Resulta case pueril a argumentación da existencia de elementos patrimoniais ao longo dese pretendido itinerario xacobeo, pois qué relación existe entre a arquitectura militar ou os bens etnográficos como petos de ánimas, cruceiros, etc... coa peregrinación xacobea?
Todo é unha entelequia fronte a inexistencia de historicidade algunha. Pero o dano que realizan ao Camiño de Santiago, tanto na súa dimensión espiritual como cultural e mesmo turística, é irreparable. Estamos diante dunha nova proposta que contribúe á banalización, a deturpación e ao desprestixio do propio Camiño de Santiago, declarado como primeiro itinerario cultural polo Consello de Europa. Cómpre respectar a historia e o patrimonio cultural documentando con veracidade os feitos e os fenómenos históricos.
O
despropósito desta iniciativa é superior cando anuncian que o seu obxectivo é o
recoñemento oficial desta falacia como Camiño de Santiago por parte da Xunta de
Galicia, pois resulta evidente que non coñecen o artigo 73 e seguintes da Lei
5/2016 de patrimonio cultural de Galicia. Abonda citar o parágrafo 3 de
expresado artigo: Poderán ser recoñecidas como Camiño de Santiago aquelas rutas das
que se documente e xustifique convenientemente a súa historicidade como rutas
de peregrinación a Santiago de Compostela e a súa influencia na formalización
da estrutura do territorio polo que transcorren.
O Camiño de Santiago é unha realidade viva, cuxa vitalidade leva aparella a aparición de novas rutas, os neo-camiños, pero sempre cun aval dende a historia e a tradición. Tomiño e Gondomar teñen recursos patrimoniais con potencialidade turística abondo, con singularidade e atractivo que xustifican unha visita ou unha estadía, a creación de produtos turísticos... non resulta comprensible, máis aló do cortopracismo oportunista, que se prescinda da propia identidade para promocionar novas propostas completamente falsas e por tanto carentes de necesaria singularidade que garantan o seu futuro.
[i] Véase: https://tomino.gal/tomino-inicia-o-seu-camino-de-santiago/ ou https://telemarinas.com/tomino-y-gondomar-inician-su-camino-de-santiago/
so por citar dúas fontes ao respecto.
[ii] Nossa Senhora do Norte nos
Caminhos de Santiago Separata composta e aumentada do
Boletim Cultural nº 4 do Centro de Estudios Regionais. Viana do Castelo, 1988.
[iii] Sa
Bravo, Hiplólito de: Boticas monacales y medicina naturista en Galicia.
León, Editorial Everest, 1983, pp.131-144.
[iv] Separata da revista do Museo de
Pontevedra, tomo XXXVIII, 1974
[v] Editado
pola Asociación de Amigos de los Pazos. Vigo, 1992.
[vi] Gondomar,
Instituto de Estudios Miñoráns, 2018. Accesible en https://concellodegondomar.gal/wp-content/uploads/2022/03/Percorridos-polo-patrimonio-de-Gondomar-01.pdf
La historia, hasta ahora, se tergiversaba.
ResponderEliminarPero ahora con tanto bulo en política, con tanta coz suelta…
Todo es negocio, toda mentira pueda hacerse verdad.
La culpa la tiene ETA.
En el fondo, y en la superficie, lo que subyace a esta iniciativa es el interés económico, por el gran atractivo turístico que tiene el Camino de Santiago. Los tudenses harían mejor en cuidar algo más su ciudad y aportar distinto algo a los peregrinos, que entrar en polémicas con los vecino de Tomiño y Goyán. Con todo lo que se podría hacer en Tuy aprovechando el río, el casco antiguo, el Aloya, el Paseo de la Corredera etc, la "competencia" no tendría nada que hacer. ¡¡Así que manos a la obra!!!
ResponderEliminar