Hai varios meses publicamos neste blog un breve listado de diversos elementos do noso patrimonio cultural ou natural que polo seu interese e significación pagaba a pena coñecer e, moi especialmente, visitar: http://tudensia.blogspot.com/p/visitas-ao-patrimonio-tudense.html
Agora
cando o tempo de verán anima ao paseo pode ser unha boa oportunidade para
achegarse a novos bens integrantes do noso acervo patrimonial tantas veces escasamente coñecidos e valorados.
Cama do Santo
Rocha
localizada no cumio do Aloia, denominada Cama de San Xiao, pois a tradición afirma
que sobre esta pedra durmía o santo e foi onde repousou o corpo deste santo logo
do seu martirio, e vincula esta “cama” coa fertilidade. As parellas que non
lograban ter fillos acudían a este lugar e, tras xacer no mesmo, acadaban a ansiada
descendencia.
A
pedra inmediata a esta “cama” é identificada tradicionalmente como a almofada
de San Xiao. En consecuencia, se vincula este lugar coa protección dos males da
cabeza (migrañas, etc.). Os devotos pois tras rezar ao carón da “Cama de San
Xiao” e antes de marchar dan tres corques coa testa para protexerse destes males.
Na web de “Galicia encantada” figura testemuña de Roberto Gómez González: dinos que a súa avoa contáballe que antigamente os romeiros que padecían de dores de cabeza ían a pé ata a Cama de San Xulián no Aloia cunha tella do país na cabeza durante todo o camiño. Unha vez chegados alí deixaban a tella no tellado da capela e ían á Cama de San Xulián, sentábanse de costas ao burato e daban tres veces coa parte de atrás da cabeza contra a pedra e así milagrosamente aliviaba San Xulián estas dores. Di que lembra facer isto ao chegar á Cama de San Xulián.
https://galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=18&id=2413
Pedra do acordo
Marco
de pedra situado no Aloia, ao carón da estrada a Prado. Posúe unha forma
pentagonal e sinala os límites de término de tres concellos: Tui, O Porriño e
Gondomar, e de cinco parroquias: Malvas, Pazos de Reis, Rebordáns, Morgadáns e
Chenlo.
Cabe
engadir que este lugar marca o límite de Tui e a súa xurisdición dende a concesión
polos condes de Galicia, Don Reimundo e Dona Urraca, do couto de Tui ao bispo
da cidade no ano 1095. Unhas lindes que como comprobamos neste lugar de
referencia histórica mantivéronse dende aquela ata a actualidade.
Os
interesados atoparan máis información no blog Ferruxadas: http://ferruxo.blogspot.com/2013/11/a-pedra-do-acordo-no-monte-aloia.html
Monumento a Rafael Areses
Localizado
tamén no cumio do Aloia pero que pasa inadvertido para a maioría dos visitantes,
pese a situarse a carón dos lugares mais transitados.
Este
monumento esta rodeado de arbores e accedese a través de dezanove banzos. Foi
realizado por iniciativa do Club Montañeros Celtas en setembro do ano 1956.
É
obra do mestre canteiro tudense Francisco Gómez González, coñecido por Manteigada.
É unha sinxela estrutura cun dintel en forma triangular onde figura a
dedicatoria: “Testimonio de admiración y gratitud al ingenierio D. Rafael
Areses”.
Igrexa de Santiago de Malvas
Na
antiga vila medieval de Maloes de Jusaos, denominada Malvas dende
inicios do século XVI. A súa igrexa parroquial pertenceu ao morgado da Picoña,
por elo figuran as armas dos Troncoso de Lira no exterior da súa ábsida. É unha
igrexa barroca do século XVIII, reaproveitando material da anterior igrexa
románica. Na fachada conta cun nicho onde figura unha escultura pétrea de
Santiago a cabalo.
Muíños de Paredes ou do río Deique
Conxunto
de oito muíños no rio Deique neste barrio de Rebordáns e que forman parte do
territorio do Parque Natural do Monte Aloia.
Son
case todos de cubo rectangular e cuberta dunha auga, a maioría restaurados hai
anos pero hoxe con evidentes sinais de grave deterioro por non existir unha
conservación axeitada dos mesmos.
Non
son únicos existentes neste río Deique, afluente do Louro, pois Ernesto
Iglesias Alemida no seu documentado estudo sobre “Os muíños do Concello de Tui”
recolle ata dezasete destas edificacións, con referencias documentais que
podemos datar, nalgún caso, ata o século XVII. Un dos muíños, o muíño da Ponte
Pequena, ten gravada na porta a data de 1791.
Fonte da Matanza
Na
parroquia de Ribadeouro, preto da súa igrexa parroquial, atopamos esta fonte que
conserva na súa denominación a lembranza dun feito histórico na Guerra da
Independencia.
O
27 de marzo de 1809 o xeneral Lamartinière, que ocupaba a cidade e Tui, dende o
3 de febreiro, ordena a saída dun forte continxente de tropas, ao mando do
comandante Chapuzetl, para auxiliar as tropas francesas que ocupaban a cidade
de Viqo e que estaban sitiadas e son derrotadas ao día seguinte. Por tanto,
este grupo enviado dende Tui non chega a entrar en combate e no seu retorno son
atacadas en Ribadelouro ocasionándolle numerosas baixas.
Manuel Osuna Rey no seu libro sobre “Los franceses en Galicia” recolle o testemuño do párroco de Ribadelouro, Rvdo. Faustino Vázquez, no seu libro de defuntos no que relata o seguinte: En veintiocho de marzo de mil ochocientos nueve subieron por esta parroquia como unos cuatrocientos hombres de infanteria francesa en socorro de los que estaban posesionados de la villa de Vigo y mataron impunemente a Juan Besada, marido de Josefa Romero; Juan Ignacio Rodríguez; Juan González, marido de Antonia Fernández, mis feligreses; y a un militar español disperso y enfermo de tercianas, sin que se sepa su oriundez; a todos con la mayor crueldad, como que al Rodríguez lo pasaron a cuchilladas despues de haberle tirado cuatro balazos; al González haberle pasado la frente con un balazo y le cortaron la mano derecha, y al disperso le dieron hasta cinco balazos solo porque le encontraron comiendo un poco de pan; bien lo vengaron nuestros tiradores la vuelta de Vigo, que de los cuatrocientos franceses solo entraron de vuelta a Tuy, de catorce a quince sanos; quedaron en esta parroquia seis muertos, uno de los cuales auxilié del modo posible y está enterrado en el atrio de esta iglesia, tres prisioneros, dos heridos, uno con la pierna tronzada de un balazo, el otro con un muslo...
Agradecemos a Christian Lago a cesión da fotografía..
Pazo e Capela do Pilar
Localizados
na actualidade na zona urbana tudense, na confluencia entre as rúas Casal Aboy
e Irmás Maristas.
A
orixe do pazo non é coñecida, pero apunta ao século XVIII polo escudo que
conserva na fachada lateral coas armas dos Lira, Castro, Aldao e Quiroga.
Quizás fose o seu propietario Juan de Castro e Lira, rexedor de Tui en 1715.
Segundo recolle Suso Vila en 1833 era propietario do mesmo D. José de Castro y
Taboada.
No
ano 1936 o pazo e os seus amplos terreos foron comprados polo industrial portugués
radicado en Tui, Juan Alberto de Oliveira, que rehabilita a edificación cun
proxecto do prestixioso arquitecto vigués Manuel Gómez Román que imprime o seu
característico estilo neo-pacego que podemos apreciar especialmente na solaina
e soportal que caracterizan a fachada deste pazo, cuxo deseño achegamos.
O
escudo da fachada é contemporáneo coas armas dos Vieitez de Puga, familia oriúnda
de Sela, á que pertencía a esposa de Juan Oliveira.
Pola
súa parte, a capeliña do Pilar foi fundada a mediados do século XVIII polo cóengo
da catedral tudense, Domingo Antonio de Castro e Lira, da familia fundadora da
casa. Destacan a imaxe de Nosa Señora do Pilar no exterior e o retablo barroco
do interior, onde se conserva o balcón sobre ménsulas para que os propietarios
da casa asistisen aos oficios relixiosos sen saír da casa.
![]() |
Estación de ferrocarril de Tui
Esta
estación xorde coa apertura la liña Guillarei – fronteira portuguesa, que tiña
como misión unir as redes ferroviarias de España e Portugal a través da ponte
internacional inaugurada en 1886.
Esta
pequena liña foi proxectada no ano 1880 e será a empresa MZOV (Compañía del
Ferrocarril de Medina a Zamora y de Orense a Vigo abreviada por Medina a Zamora
y de Orense a Vigo como MZOV) a encargada de construír esta liña e a estación
tudense, inauguradas ambas o 1 de xaneiro de 1884. Naquela altura era unha
estación provisional.
A
actual estación de ferrocarril tudense foi proxectada por MZOV en 1890 como
unha estación de 4ª categoría cun orzamento de 101.228 pesetas. Foi realizada
polo contratista Victor Bibaltúa Olaveaga, oriúndo de Logroño e casado en
Redondela. Será o seu fillo Apolinar quen remate a obra tras a morte do pai, e
asine a liquidación da mesma en xaneiro de 1896.
Na
actualidade o edificio, que sofriu diversas reformas e adaptacións ao longo dos
anos, é testemuño das liñas de comunicación ferroviarias entre España e
Portugal e carece practicamente de actividade o que non lle resta valor.
Xunto á estación se conserva un pequeno espazo axardinado con interesantes especies arbóreas, que reclama un acondicionamento.
Comentarios
Publicar un comentario