Ir al contenido principal

Nomes do anarquismo e sindicalismo tudense ata 1936

 O mundo de internet ofrece múltiples recursos de información, tantos que, en moitas oportunidades, resulta toda unha aventura internarse no mundo web na procura dalgunha información. Ás veces estas procuran levan ao internauta  a atoparse con interesantes e, incluso, sorprendentes traballos ou informacións ás que doutro xeito sería impensable acceder.

1918. Fábrica de galletas "La Peninsular" na revista "Vida Gallega"

Unha estas búsquedas levoume ata un traballo inxente de recompilación titulado “Apuntes para unha enciclopedia histórica do anarquismo galego” publicado na web do sindicato anarquista CNT Galicia e coordinado está por Eliseo Fernández https://cnt.gal/enciclopedia/

Nesta enciclopedia se recollen nomes de persoas e colectivos anarquistas ou relacionado co movemento anarquista logrados gracias ao baleirado de arquivos, fondos xornalísticos e achegas de colaboradores desta obra documental. Na introdución desta obra se sinala: Este é un traballo que se enmarca dentro da corrente historiográfica que considera a prosopografía (o estudio das biografías das persoas protagonistas) como método da investigación dun acontecemento de carácter histórico. No caso do anarquismo galego será fácil constatar por medio deste traballo a similitude nas orixes e destinos dalgúns movementos migratorios, así como a influencia das expulsións de militantes de países de América Latina; tamén se poden visualizar os diferentes ritmos da organización sindical segundo esteamos falando do mundo rural, vilego ou urbán, así como a maior ou menor influencia do anarquismo en cada un dos diferentes espazos xeográficos; e vaise saber algo máis dos efectos da represión, co coñecemento da mortandade en diferentes lugares, os cárceres aos que foron levadas as persoas presas ou tamén os lugares do exilio onde remataron establecéndose.

Como xa temos sinalado neste blog en diversas oportunidades carecemos dunha achegamento sistemático á historia contemporánea de Tui. Unicamente os traballos de Bieito Alonso aportan unha análise do anarquismo e o movemento obreiro en Tui e que son o complemento para este listado que achegamos.

Unha relación de nomes tomada da documentación consultada por Eliseo Fernández e de xornais e revistas da época, por tanto nalgún caso haberá erros na transcrición dos nomes ou botaremos en falla unha maior profundidade na achega biográfica. Calquera aportación dos nosos lectores será sempre de utilidade para enriquecer esta lista de nomes e o seu contido. Con todo, é unha excelente aportación ao coñecemento da evolución social de Tui e a súa comarca nas primeiras décadas do pasado século. Agradecemos dende Tudense a xenerosidade do autor que nos permite compartir esta investigación.


ADÁN RIVAS, José.

Sae tamén como José A. Riba, José A. Rivas ou Adán Rivas, indistintamente. Colabora economicamente dende Tui para a publicación do diario CNT de Madrid en 1932. Militante de Tui, procesado despois da folga xeral de maio de 1932, por asinar unha circular. A súa compañeira Isolina Sousa Castro estivo tamén detida e foi expulsada a Portugal; José Adán non podía ir a Portugal porque fora expulsado dali. Escribe a “Solidaridad Obrera” da Coruña dende o cárcere de Tui, en xullo de 1932. Despois da liberación doutros sete militantes tudenses en agosto de 1932, quedou na cadea, procesado por chamar ao boicot a certos industriais. Correspondente de “Solidaridad Obrera” da Coruña en Pontevedra en xullo de 1933. Uniuse civilmente con Isolina Pousa Castro en Porriño, en xuño de 1934. Paqueteiro de “Solidaridad” en Tui en marzo de 1936. No Congreso de Zaragoza, en maio de 1936, representou ao Sindicato de Vendedores Ambulantes e ao Sindicato de Confiteros y Similares de Vigo. Responsable da Comisión de Propagada y Cultura das Juventudes Libertarias de Vigo en xullo de 1936. En xuño de 1939 estaba nunha listaxe de refuxiados galegos en Francia. En xullo de 1939 no Campo de refuxiados de Argelès sur Mer en Francia.

 

ALONSO

En novembro de 1933 mantén correspondencia con “Tierra y Libertad” de Barcelona desde Tui.


ALONSO

Militante de Tui, procesado despois da folga xeral de maio de 1932, por asinar unha circular. Despois da liberación doutros sete militantes de Tui, en agosto de 1932, aínda seguía no cárcere, procesado por chamar ao boicot a certos industriais.


ALONSO, José.

Secretario da Federación Obrera de Tui, estaba detido no cárcere de Tui a finais de xuño de 1932, procesado por inxurias; liberado a mediados de agosto. Elixido nun pleno da Federación Obrera de Tui en marzo de 1933 para integrar unha comisión cara ao Congreso Nacional. A fins de abril de 1933 participou nunha reunión da Federación de Trabajadores, integrando unha comisión para redactar as conclusións da manifestación do 1º de maio. Detido pola folga xeral de Tui en maio de 1933, acusado de poñer un arame de espiño no monte Aloia; á altura do día 20 de maio pasou de detido gobernativo a xudicial. Presentou aos oradores do mitin do 1º de maio de 1934 en Tui. Participou nunha ponencia do Congreso da CRG de Ourense en decembro de 1935. Mantén correspondencia con “Solidaridad” dende Tui en marzo de 1936. Participa no mitin do 1º de maio en Tui en 1936.

 

ALONSO, Manuel

Contador da Sección del Ramo de Construcción da Federación Obrera de Tui en xuño de 1931.

 

ALONSO, Rosalía

De Tui. Era a tía de Gumersindo Rodríguez e foi detida despois da folga de solidariedade cos folguistas de Ferrol, en xuño de 1932. Ao seu enderezo dirixíase a correspondencia da FAI en Tui, en 1934.

 

ALONSO FERNÁNDEZ, Rogelio (Rebordáns-Tui, 28-4-1895 – ?).

Panadeiro. Secretario da Federación Obrera de Tui, detido en xuño de 1921, por inxurias á garda civil. Detido en Tui en novembro de 1922, como vocal do Comité de Folga. Procesado por coacción, decretouse a súa liberdade baixo fianza a comezos de decembro de 1922. En novembro de 1932 escribe dende Vigo sobre a folga pesqueira. Panadeiro, enlace da organización clandestina nos anos 40. Procesado na causa 156/47, pedíronlle 3 anos e foi condenado á esa pena.

 

ALONSO GREGORES, Manuel.

En marzo de 1933 era contadora da Federación Obrera de Tui, e desexaba deixar o cargo, ao levar máis de seis meses. Detido pola folga xeral de Tui en maio de 1933, en calidade de preso gobernativo. Foi posto en liberdade a finais de maio.

 

ALONSO MARTÍNEZ, José.

Tamén sae como Jesús. Representou á Federación de Trabajadores de Tui no Pleno Regional de Ourense en decembro de 1935.

 

ÁLVAREZ ROCHA, José “Rocha” (Randufe-Tui, 13-2-04 – ?).

Detido en novembro de 1934 por reunión clandestina no local da CNT en Vigo, estivo na cadea uns vinte días. Cando o golpe de estado estivo vixiando a carreteira Tui-A Garda e requisando algunhas armas. Detido en agosto de 1936 no seu domicilio en Bornetas-Tui. Ferreiro, condenado a 30 anos por rebelión militar en novembro de 1936. En liberdade atenuada en setembro de 1940, sae do Penal de Burgos. En maio de 1943 estaba traballando na Sociedad de Grandes Redes Eléctricas, en Tudanca-Santander. Participou nos traballos de reorganización da CNT clandestina en Tui cara a 1947. Procesado na causa 156/47, pedíronlle 15 anos e foi condenado a 3.

 

BAÑOS, Ramón.

Militante de Tui, detido no cárcere de Tui a finais de xuño de 1932; liberado a mediados de agosto.

 

BARREIRO, José.

Presidente da Federación Obrera de Tui a finais de setembro de 1930, asinou un telegrama de protesta polos sucesos do mitin monárquico de Lugo. Elixido nun pleno da Federación Obrera de Tui en marzo de 1933 para integrar unha comisión cara ao Congreso Nacional. A finais de abril de 1933 foi elixido contador da Federación de Trabajadores, mais ao final rematou permutando o seu cargo con Fernando Martínez e ocupou o de secretario xeral. Detido pola folga xeral de Tui en maio de 1933, foi conducido a Pontevedra. Paqueteiro de “Solidaridad” de A Coruña en agosto de 1935 en Tui.

 

CABALEIRO DIZ, Juan.

Detido pola folga xeral de Tui en maio de 1933, acusado de poñer un arame de espiño no monte Aloia.

 

CASTILLO.

Participou nun pleno da Federación de Trabajadores de Tui en abril de 1933.Traballador do taller onde se publicaba o semanario “Tribuna”, este denunciou que deixara de traballar para eles por orde da Federación de Trabajadores, provocando a suspensión durante unha sema.

 

CASTIÑEIRA GONZÁLEZ, José.

Detido en Paramos-Tui en novembro de 1922, por impedir a chegada de produtos ao mercado na folga agraria.

 

CASTRO, Valentín.

Detido en novembro de 1922 pola colocación dunha bomba na redacción do xornal “La Integridad” de Tui.

 

CASTRO RODRÍGUEZ, José.

Detido pola folga xeral de Tui en maio de 1933, por coacción.

 

COMESAÑA, José.

Actúa de secretario nun pleno da Federación Obrera de Tui en marzo de 1933.

 

CORREAS TRALLERO, Gregorio.

Detido pola folga xeral de Tui en maio de 1933, á altura do 20 de maio pasou de detido gobernativo a xudicial.

 

CORTÉS, Enrique.

Militante de Tui, detido no cárcere de Tui a finais de xuño de 1932; liberado a mediados de agosto. Detido pola folga xeral de Tui en maio de 1933, foi conducido a Pontevedra; a finais de mes aínda estaba detido.

 

CORTÉS, José.

Paqueteiro de “Solidaridad” en Tui en febreiro de 1936. Paqueteiro de “Solidaridad” en Goián en xullo de 1936.

 

COSTAS, Alejandro.

Mantén correspondencia con “Solidaridad” dende Tui en marzo de 1936.

 

COSTAS FERNÁNDEZ, Emilio (1913 – ?).

Colaborador do xornal “Mar y Tierra”. Panadeiro en Vigo, detido en novembro de 1932 por un tiroteo no que foi ferido Valentín Paz Andrade, xunto a Vicente Vales, no transcurso da folga pesqueira. Era veciño de Teis e tiña 19 anos. En febreiro de 1933 asinando unha subscrición nun grupo de presos sociais do cárcere de Vigo. En xuño de 1933 envía unha colaboración a “Tierra y Libertad” de Barcelona, asinada con Vicente Vales, pedindo a realización dunha campaña de propaganda anarquista. En xullo de 1933 asina un artigo en “Tierra y Libertad” co título “A la juventud revolucionaria de Galicia”. En Vigo en setembro de 1933. En outubro de 1933 asina un artigo en “Tierra y Libertad” de Barcelona sobre unha campaña de organización anarquista na Galiza. Denuncia as pésimas condicións do cárcere de Vigo en outubro de 1933. Para o xuízo, en novembro de 1933 polas feridas a Paz Andrade se lle pediron 18 anos de cárcere. Absolto a mediados de novembro de 1933. En setembro de 1934 se lle quixo aplicar a Lei de Vagos en Tui. No Congreso de Zaragoza, en maio de 1936, representou ao Sindicato de Alimentación y Similares e Sindicato de Construcción y Similares de Tui, e Sindicato de Oficios Varios de Guillerei. Falou no enterro de Ramón Domínguez en xuño de 1936.

 

COSTAS FERNÁNDEZ, José.

Militante de Tui, detido no cárcere de Tui a finais de xuño de 1932; liberado a mediados de agosto. Detido pola folga xeral de Tui en maio de 1933, en calidade de preso gobernativo. A finais de maio de 1933 polemizaba no xornal “Tribuna” de Tui; foi contestado no mesmo xornal a comezos de xuño. Secretario do Sindicato del Ramo de la Alimentación de Tui en setembro de 1933. En agosto de 1935 escribía en “Solidaridad” dende o cárcere de Tui. Detido en setembro de 1935, nunha reunión do Sindicato de Alimentación de Tui, foi procesado por reunión clandestina e condenado a tres meses de cárcere. Participa nun acto organizado polo grupo “Mar y Tierra” de Cangas en abril de 1936.

 

DÍAZ RODRÍGUEZ, Benigno.

Procesado en Tui por coacción, decretouse a súa liberdade baixo fianza a comezos de decembro de 1922.

 

DOMÍNGUEZ, Antonio

Elixido nun pleno da Federación Obrera de Tui en marzo de 1933 para integrar unha comisión revisora de contas.

 

DOMÍNGUEZ, Ramón.

Secretario da Federación Obrera de Tui a finais de setembro de 1930, asinou un telegrama de protesta polos sucesos do mitin monárquico de Lugo. Participou nun pleno da Federación de Trabajadores de Tui en abril de 1933, sendo elixido na comisión que ía elaborar as conclusións da manifestación do 1º de maio. Detido pola folga xeral de Tui en maio de 1933, foi conducido a Pontevedra; a finais de mes aínda estaba detido. Faleceu ao caer dun andamio na Corredoira-Tui en xuño de 1936. O seu corpo foi depositado no local da CNT de Tui.

 

ESTÉVEZ, J.

Correspondente de “Solidaridad Obrera” da Coruña en Tui en novembro de 1933. Paqueteiro do xornal “Brazo y Cerebro” en Tui en xaneiro de 1936.


ESTEVEZ, Joaquín

Na enciclopedia figura erroneamente como Joaquín Alonso. Veciño de Soutelo, asasinado en novembro de 1922 nos sucesos de Sobredo.

ESTÉVEZ, Manuel.

Nun pleno da Federación de Trabajadores de Tui en abril de 1933 foi elixido membro dunha comisión para tratar co Concello da cesión dun solar para o edificio social. Detido pola folga xeral de Tui en maio de 1933, foi conducido a Pontevedra.

 

ESTÉVEZ AREAL, Severino.

Segundo Manuel Fernández, un dos máis destacados anarquistas de Tui de comezos de século. No final da década dos 10 e no inicio da década dos 20 Juan Noya, José Villaverde e Severino Estévez formaron parte da redacción dun xornal mensual editado en Vigo. En xaneiro de 1921 falou en nome do Ateneo Obrero Sindicalista de Vigo nun mitin na Guarda. Anarquista expulsado da Arxentina, residente en Vigo, foi detido en novembro de 1922 pola colocación de pasquíns en Tui.

 

ESTÉVEZ GÓMEZ, Manuel

Detido en marzo de 1932 en Tui con David García de Altamira, sospeitoso de ter apedrado un automóbil; tiña 29 anos.

 

FERNÁNDEZ, Antonio.

Militante de Tui, detido no cárcere de Tui a finais de xuño de 1932; liberado a mediados de agosto. Detido pola folga xeral de maio de 1933 en Tui; a finais de xuño de 1933 era o único detido que aínda quedaba no cárcere.

 

FERNÁNDEZ CABANAS, Luis

Falou en representación de Tui no mitin de protesta organizado pola FLO da Coruña polos sucesos de Sobredo, en decembro de 1922.

 

FONTÁN NÚÑEZ, Juan.

Detido pola folga xeral de Tui en maio de 1933, acusado de poñer un arame de espiño no monte Aloia.

 

FUENTES, Manuel.

Chofer, detido pola folga xeral de decembro de 1933 en Tui. Foi condenado a dous meses polo Tribunal de Urxencia, que cumpría no cárcere de Pontevedra.

 

GARCÍA, Félix.

Detido pola folga xeral de decembro de 1933 en Tui, acusado de desacato á autoridade. Foi condenado a catro meses polo Tribunal de Urxencia, que cumpría no cárcere de Pontevedra.

 

GARCÍA DE ALTAMIRA, David (Tui, 1910 – ?).

Panadeiro. Sospeitoso de ter apedrado un auto en Tui en marzo de 1932, con Manuel Estévez Gómez. Detido en Lugo despois do movemento de maio de 1933. Preso social no cárcere de Lugo en xullo de 1933. En xullo de 1933 publicábase unha nota en “Tierra y Libertad” pedindo que os que mantiveran correspondencia co grupo “Júpiter” de Lugo se abstiveran de facelo até novo aviso; asina o aviso David García, desde o cárcere de Lugo. En xaneiro de 1935 detido en Barcelona, nunha redada contra un suposto grupo de atracadores. Presidente do Ateneo Libertario “Humanidad Libre” de Lugo en maio de 1936. Electricista natural de Tui, de 33 anos, foi xulgado en maio de 1943, acusado de ter cometido un atraco en 1933, de ser vocal dun tribunal popular en 1936, ser home de confianza de Aurelio Fernández, estar no fronte de Huesca e participar no atentado contra o xuíz Andreu. Condenado á pena de morte, foi executado no Campo da Bota o 27 de xullo de 1943; soterrado en Fossar de la Pedrera.

 

GONZÁLEZ, Andrés

En 1928 entregoulle ao Presidente do Consello de Ministros unha carta en nome dunha comisión de obreiros sen traballo de Tui, pedindo se executaran os traballos de amaño da estrada de Porriño á Ponte Internacional, que foron finalmente aprobados en xuño de 1928.


Vista da fábrica de Hijos de Justo M. Estéllez


GONZÁLEZ, Manuel

Participa nun pleno da Federación Obrera de Tui en marzo de 1933, como militante dos serradoiros. Nun pleno da Federación de Trabajadores de Tui en abril de 1933 foi elixido membro dunha comisión para tratar co Concello da cesión dun solar para o edificio social.

 

GONZÁLEZ IGLESIAS, Jesús.

Secretario da Sección del Ramo de Construcción da Federación Obrera de Tui en xuño de 1931. Representou ás Federaciones Locales de Tui e A Guarda no Pleno Regional de Santiago de febreiro de 1933. Elixido nun pleno da Federación Obrera de Tui en marzo de 1933 para integrar unha comisión cara ao Congreso Nacional. En marzo de 1933 era vicepresidente da Federación Judicial Agraria de Tui, representando á organización de Guillarei; nesta data foi reelixido como vicepresidente mais non aceptou o cargo por non ser delegado; tempo atrás fora presidente da Federación Municipal Agraria. Detido pola folga xeral de Tui en maio de 1933, en calidade de preso gobernativo. En xuño de 1933 contesta a un artigo sobre o “reparto de utilidades” no que fora citado. Participa no mitin do 1º de maio en Tui en 1936.

 

GONZALEZ ROMERO, Venancio

Veciño de Budiño e dirixente agrario, asasinado en novembro de 1922 nos sucesos de Sobredo.

 

GUTIÉRREZ A(R)MANDI, Manuel.

Alta na F.L. de Metz-Moselle no segundo semestre de 1949. Viña de España, e estivera afiliado ao Sindicato de Transporte de Tui.

 

IGLESIAS, Cándido.

Detido pola folga xeral de Tui en maio de 1933, en calidade de preso gobernativo, foi liberado a finais do mes.

 

IGLESIAS, Francisco.

Actúa de secretario nun pleno da Federación Obrera de Tui en marzo de 1933.

 

JASO

Participou no 1º Congreso Regional Galaico en Vigo en agosto de 1922, como delegado de Tui.

 

JASO, Enrique.

Fillo de Enrique Jaso Paz, foi detido en decembro de 1933 xunto a Gumersindo Rodríguez, acusado de tentar sublevar á tripulación da canoneira “Cabo Fradera”; foron conducidos a Ferrol.

Retrato de familia dos Jaso: Enrique Jaso Paz (sentado no chan); Josefa Martínez San Juan (sentada na cadeira); a filla máis vella, Evangelina Jaso González, con cabeleira; o rapaz, Enrique Jaso González (ambos os dous son o froito do primeiro matrimonio do pai); outra nena máis nova, Josefita (no chan, acariñando ao can); e Loliña, no colo da nai.

LÓPEZ, Avelino

En marzo de 1928 asinaba un comunicado protestando pola paralización das fábricas de madeira de Tui, en nome dunha comisión nomeada para reclamar a execución dalgunhas obras.

 

LORENZO, Baldomero.

Secretario da Sección del Ramo de la Alimentación da Federación Obrera de Tui en novembro de 1924.

 

MALLEIRO, Paulino.

Detido pola folga xeral de Tui en maio de 1933, en calidade de preso gobernativo.

 

MÁRQUEZ, Álvaro.

Detido pola folga xeral de Tui en maio de 1933, en calidade de preso gobernativo.

 

MARTÍNEZ, F.

Escribe en “Solidaridad Obrera” da Coruña sobre a inxustiza no reparto de utilidades, dende Tui, en xaneiro de 1933.

 

MARTÍNEZ, Fernando.

Preside varios plenos da Federación Obrera de Tui en marzo de 1933; a finais de mes foi nomeado secretario xeral da Federación por dimisión do anterior por razóns de saúde. Ratificado por un Pleno a finais de abril de 1933, terminou permutando o seu posto con José Barreiro e ocupando o cargo de contador. Detido pola folga xeral de Tui en maio de 1933, en calidade de preso gobernativo. Á altura do 20 de maio pasou de detido gobernativo a xudicial.

 

MÉNDEZ, Francisco.

Vicepresidente da Sección del Ramo de Construcción da Federación Obrera de Tui en xuño de 1931.

 

MÉNDEZ NIÑO, Manuel.

Detido pola folga xeral de Tui en maio de 1933, en calidade de preso gobernativo.

 

MOREIRA MARTÍNEZ, Francisco.

Detido pola folga xeral de Tui en maio de 1933, acusado de poñer un arame de espiño no monte Aloia.

 

MOTA OTERO, A.

Paqueteiro do diario CNT de Madrid en Tui, en xullo de 1933.

 

MOTA OTERO, Manuel

Presidente da Federacion Obrera de Tui, ingresou no cárcere en xullo de 1920 polo conflito da Panadería Reguladora. Presidente dos canteiros e vicepresidente da Federación Local de Tui foi detido en agosto de 1920 na folga xeral, e quedou a disposición gobernativa. Participou no mitin do 1º de maio de 1922 en Tui, como presidente da Federación de Trabajadores.

 

PEIXOTO, Antonio.

Militante de Tui, detido no cárcere de Tui a finais de xuño de 1932; liberado a mediados de agosto.

 

PÉREZ, Heriberto.

Detido en Ourense como suposto implicado na folga xeral de agosto de 1917. Designado para intervir no mitin do 1º de maio en Ourense en 1922, finalmente non participou; estivo no 1º de maio en Tui, dando unha conferencia na sociedade de agricultores e falando no mitin en nome da Federación Agraria de Tui. Participou nunha ponencia na primeira sesión e foi secretario na segunda sesión do Congreso Obrero de Vigo, en agosto de 1922, como delegado da Federación Agraria de Ourense.

 

PÉREZ, J.

Correspondente de “Solidaridad Obrera” da Coruña en Tui en novembro de 1933.

 

PÉREZ, Venancio.

Elixido nun pleno da Federación Obrera de Tui en marzo de 1933 para integrar unha comisión revisora de contas.

 

PÉREZ ESTÉVEZ, Francisco.

Pronunciou un discurso en Sobredo en nome dos traballadores de Pontevedra no acto de colocación do monumento aos mortos do 22, a finais de novembro de 1931. Nomeado delegado ao Congreso Nacional da CNT pola Federación de Trabajadores de Tui en abril de 1933. Detido pola folga xeral de Tui en maio de 1933, en calidade de preso gubernativo; á altura do día 20 pasou a detido xudicial.

 

PÉREZ NÚÑEZ, Josefa.

Detida en Paramos-Tui en novembro de 1922, por impedir a chegada de produtos ao mercado na folga agraria.

 

PINTOS, Joaquín.

Nun pleno da Federación de Trabajadores de Tui en abril de 1933 foi elixido membro dunha comisión para tratar co Concello da cesión dun solar para o edificio social.

 

PRADO VILANOVA, Ricardo

Obreiro carpinteiro, en setembro de 1920 foi detido no centro sindicalista de Riomolinos, en Tui, e quedou a disposición gobernativa.

 

RIVEIRO, Perfecto.

Elixido nun pleno da Federación Obrera de Tui en marzo de 1933 para integrar unha comisión revisora de contas.

 

RODAL LANZÓS, Rafael

Carpinteiro de Tui, en xullo de 1920 ingresou no cárcere polo conflito da Panadería Reguladora.


RODRÍGUEZ, Antonio.

Sindicalista de Tui, deixou a vila en agosto de 1934, levando a ferramenta da barbearía onde traballaba, segundo denunciaba o xornal “La Tribuna”.

 

RODRÍGUEZ, Cándida.

Veciña de Pazos de Rei-Tui, asasinada en novembro de 1922 nos sucesos de Sobredo.

 

RODRIGUEZ, Gumersindo “Santiaguiño”

Presidente do gremio de panadeiros de Tui, en xullo de 1920 ingresou no cárcere polo conflito da Panadería Reguladora. Presidente da Federación Obrera de Tui, detido en xuño de 1921, por inxurias á garda civil. Participou no 1º Congreso Regional Galaico en Vigo en agosto de 1922 como delegado da Federación de Trabajadores de Tui. Detido en Tui en novembro de 1922, como presidente do Comité de Folga. Procesado por coacción, decretouse a súa liberdade baixo fianza a comezos de decembro de 1922. Secretario xeral da Federación Local Obrera de Tui en outubro de 1924. Presidente da Sección del Ramo de la Alimentación da Federación de Trabajadores de Tui en novembro de 1924. Mitin en Tui xunto a Pestaña e Villaverde en setembro de 1930. Participou no mitin do 1º de maio de 1931 en Tui. Representou á Federación Obrera de Tui no Congreso da CNT en xuño de 1931 en Madrid. Mitins en Tui e Tomiño, con Villaverde, Moreno e López, en outubro de 1931. Nunha reunión das Comarcales Campesinas e de Oficios Varios en Sada, en novembro de 1931, foi nomeado delegado dos agrarios ao Pleno de Madrid, no que tomou parte. Intervén nun mitin organizado por “La Antorcha del Porvenir” de Beade en xaneiro de 1932. Nos mitins de Tui e A Garda o 1º de maio de 1932. En xuño de 1932 de unha conferencia na Agrupación Cultural “El Libro” de Moledo-Sárdoma. A fins do mes de xuño de 1932 estaba no cárcere de Tui xunto a outros seis militantes da Federación Obrera; foron liberados a mediados de agosto. Mitin no Tamberlick en Vigo xunto a Eduardo Collado, José Láuzara e Avelino Gonzalez en xullo de 1932. Estaba previsto que intervira nun mitin da Federación de Trabajadores de Tui e a súa contorna, no Teatro Principal de Tui, en abril de 1933, mais foi suspendido. A finais de abril de 1933 foi nomeado delegado da Federación de Trabajadores de Tui ao Congreso Nacional mais non aceptou; estaba previsto que intervira no mitin do 1º de maio. Detido pola folga xeral de Tui en maio de 1933, foi conducido a Pontevedra; a final de maio aínda estaba detido. En xuño de 1933 escribe varios artigos para “Tribuna” dende o cárcere de Tui. Detido en decembro de 1933, xunto a Enrique Jaso (fillo), acusado de delito de sedición por ter intentado sublevar á tripulación do canoneiro “Cabo Fradera”; foron conducidos a Ferrol.

Completamos dende Tudensia a información sobre Gumersindo Rodríguez, engandindo que tras o golpe militar do 18 de xullo de 1936 forma parte da Comité en Defensa da República tudense, e participa no intento de deter as tropas na Volta da Moura. O 26 de xullo fuxe ao Monte Aloia, onde foi executado xunto a outros republicanos e guindárono nunha fosa. Ferido de bala na cabeza, o crego don Basilio, descubrindo que seguía vivo antes de soterralo, mandou que o enviasen ao Hospital Provincial de Pontevedra. Quedou cego sendo rexistrada a súa morte aos poucos días, que algunhas fontes atribúen a un envelenamento.

 

RODRÍGUEZ, Manuel.

Detido pola folga xeral de decembro de 1933 en Tui, acusado de desacato á autoridade.

 

RODRÍGUEZ AMANDI, Ramón.

Ou Domínguez Amandi. Detido en novembro de 1922 pola colocación dunha bomba na redacción do xornal “La Integridad” de Tui. Foi liberado sen cargos.

 

RODRÍGUEZ DOVAL, Ramón.

Detido pola folga xeral de Tui en maio de 1933, acusado de poñer un arame de espiño no monte Aloia.

 

RODRÍGUEZ IGLESIAS, Bernardino.

Detido pola folga xeral de Tui en maio de 1933, acusado de poñer un arame de espiño no monte Aloia.

 

ROIBAL, J.

Correspondente de “Solidaridad Obrera” da Coruña en Tui en novembro de 1932.

 

SILVA, Eduardo Da “Coriño”

Panadeiro de Tui, portugués, en xullo de 1920 ingresou no cárcere polo conflito da Panadería Reguladora. Panadeiro portugués, ingresou no cárcere do partido a finais de agosto de 1920.

 

SOUSA CASTRO, Isolina Celeste (?-Portugal, 1906 – ?).

Noutras fontes figura como Pousa ou Isolina Celeste Laura Castro. Compañeira de José Adán Rivas. Despois dos sucesos de Tui en xuño de 1932, na folga en solidariedade con Ferrol, participa na preparación dunha manifestación contra a represión, xunto a Josefa Prado. As dúas foron detidas e Isolina foi entregada ás autoridades portuguesas días despois. Detido na folga xeral de decembro de 1933 en Pontevedra, nunha casa da rúa Oliva, na que se atoparon documentos e folletos; por esta causa foi expulsada a Portugal. Uniuse civilmente a José Adán Rivas en xuño de 1934.

 

SUÁREZ FERNÁNDEZ, Peregrina.

Detida en Paramos-Tui en novembro de 1922, por impedir a chegada de produtos ao mercado na folga agraria.

 

TAGES, Marcelino.

Presidiu un pleno da Federación de Trabajadores de Tui en abril de 1933.

 

TAJES, Manuel.

Presidente da Sección del Ramo de Construcción da Federación Obrera de Tui en xuño de 1931.

 

VICENTE TABOADA, Modesto.

Detido pola folga xeral de Tui en maio de 1933, en calidade de preso gobernativo; despois do 20 de maio pasou a detido xudicial.

 

VIÑAS ALONSO, Jaime

Foi detido por dous gardas de seguridade en Tui en maio de 1925 por reparto de follas clandestinas, e foi posto a disposición do comandante militar da praza. A folla referíase a necesidade de evitar a disolución da Federación Obrera, moi resentida despois da folga na fábrica de Salcedo. En marzo de 1928 asinaba un comunicado protestando pola paralización das fábricas de madeira de Tui, en nome dunha comisión nomeada para reclamar a execución dalgunhas obras. En 1928 entregoulle ao Presidente do Consello de Ministros unha carta en nome dunha comisión de obreiros sen traballo de Tui, pedindo se executaran os traballos de amaño da estrada de Porriño á Ponte Internacional, que foron finalmente aprobados en xuño de 1928.

 

 

En : Apuntes para unha enciclopedia histórica do anarquismo galego: https://cnt.gal/enciclopedia/

Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le