Ir al contenido principal

Dous poemas sobre Tui para celebrar o Día da poesía


No ano 1999 a Unesco proclamou o 21 de marzo como “Día Mundial da Poesía”, dende aquela nesta data agroma, como na primavera que tamén hoxe comezamos, numerosas iniciativas que tratan de valorizar e visibilizar a arte poética, que é unha ferramenta para a comunicación, a transmisión de valores e afirmar a identidade propia e colectiva. Naquela declaración a Unesco proclamaba
La poesía es una manifestación de la diversidad en el diálogo, de la libre circulación de las ideas por medio de la palabra, de la creativ Xosé idad y de la innovación. La poesía contribuye a la diversidad creativa al cuestionar de manera siempre renovada la forma en que usamos las palabras y las cosas, y nuestros modos de percibir e interpretar la realidad. Merced a sus asociaciones y metáforas y a su gramática singular, el lenguaje poético constituye, pues, otra faceta posible del diálogo entre las culturas (…). El principal objetivo de esta acción es apoyar la diversidad lingüística a través de la expresión poética y dar la oportunidad a las lenguas amenazadas de ser un vehículo de comunicación artística en sus comunidades respectivas.
Hai unha ampla relación de poetas que, ao longo dos tempos, teñen escrito versos sobre a nosa cidade, as súas xentes, a súa paisaxe e vivencias. Cabe citar nomes como Ramón Cabanillas, Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez, Xosé María Álvarez Cáccamo, Teodosio Vesteiro Torres, Prudencio Areal, Camilo Bargiela, Manuel Lago González, Antonio Rotea, Marga do Val, Manuel Prieto Marcos, Tirso Lorenzo, Manuel María, Manuel Forcadela, Manuel Rivas, Roque Cameselle, Samuel Solleiro tamén ou o portugués Eugenio de Castro…


Vista de Tui, debuxo de Martín Rodríguez
 
Unha cidade como Tui precisa de poetas, de escritores que saiban descubrirnos novas visións da nosa realidade, novas perspectivas para achegármonos ás vellas pedras das nosas rúas e canellas, ás augas silentes do Miño, as arbores que se erguen nas abas do Aloia e, sobre todo, ás vidas que compartimos sobre este territorio que nos engaoila e poidan aprendernos a percibir a través das súas palabras novos xeitos de diálogo cos outros, cos nos mesmos e co noso entorno.
Hoxe dende Tudensia queremos sumarnos a este evento publicando dous breves poemas dedicado as terras tudenses. Un da autoría de Emilio Álvarez Blázquez, o máis descoñecido dos irmáns Álvarez, pero que era tamén un requintado poeta cunha obra escasa pero de grande interese.  Trátase dun poemiña que ben podería se aprendido polos nosos escolares. No caso de Manuel Rivas, que residiu hai anos entre nós, pouco se pode engadir sobre un dos mais afamados escritores contemporáneos de Galicia.

TERRA DE TUI

O Monte de San Xulián,
coa Cruz, coa ermida, coa fonte,
co Ceo case na man.

Verdes panascos de Frinxo,
onde se deitou o sol
a ver pasar o camiño.

Terra baixa de Baldráns,
O río, ao pasar, levouse
A primavera pra o mar.

San Mamede de Guillarei
Que ten a paisaxe rota,
Ai, miña nai, polo tren.

San Miguel de Pexegueiro,
Tan, lonxe, que se me esquece
Que estiven alí de neno.

Festa no Monte, ai, lalá,
A man dereita da alma
Ao subir como ao baixar...

Emilio Álvarez Blázquez
En“Poemas de ti e de min” (1949)


DIAS DO BAIXO MIÑO

Ti fuches o neno.
Era teu o laranxo
e o limón que queimaba como amores de cedo.
Túas as canicovas da cidade da lúa
e as guedellas da néboa
do cabalo das beiras.

Así foi que miramos os osarios do bosque
devalar polo río,
a sombra montesía das baleas soñadas
en fume de barcazas.
Así foi que os nosos pasos bravos
abrangueron toda a terra do merlo
e a doce corrente da súa fala.
Foi así que os ecos da cinza,
o sol doente do día dos fuxidos,
tiña corpos vizosos
que hedraban engado no altarelo dos mares.

Na vella lei,
todo se sostén, todo apodrece.
A meia lúa dorme e acoitela.
O río baixa calmo, entolecido.
E nós, da man, nenos
grandes, reis, vencidos.

Manuel Rivas
En “Do descoñecido ao descoñecido. Obra poética (1980-2003)”. Espiral Maior, 2003. O poema está incluído en “Baladas nas praias do Oeste” (1985).

Comentarios

Entradas populares de este blog

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...

Bo Nadal cun texto de Manuel Lago González: “Noite Boa” (1892)

Felicitamos hoxe aos seguidores de Tudensia estas festas do Nadal recuperando un breve texto, non o chamaría nin relato, sobre como se celebraba a Noiteboa nas aldeas de Tui nas últimas décadas do século XIX, nun momento en que os labregos galegos vivían nunha economía de subsistencia e nunhas moi duras condicións de vida. Anxo no capitel do arco triunfal da igrexa de San Domingos de Tui, sec. XV Trátase dun texto de Manuel Lago González publicado o 24 de decembro de 1892 no xornal tudense “La Integridad”. Daquela Manuel Lago era un presbítero que formaba parte do claustro de profesores do Seminario tudense e que tiña unha activa participación como xornalista e na vida social en Tui. Ao xornalismo entregouse Lago con verdadeira ardentía e a tarefa que se impuxo foi querer incorporar a defensa das tradicións e os intereses de Galicia ao ideario católico de signo integrista (oposto radicalmente ao liberalismo). Este texto, que non foi publicado posteriormente a súa edición en “La Int...