Ir al contenido principal

Manuel Fernández-Valdés Costas, cronista oficial de Tui


Manuel Fernández Costas (Tui, 1887-1962) reclama una biografía que nos achegue a súa importancia e significación. Trátase dun dos principais investigadores da historia tudense e tamén, curiosamente, dos mais esquecidos na actualidade. Neste blog temos recollido en diversas oportunidades referencias á súa actividade e, incluso, algún dos seus artigos xornalísticos.

No volume III da revista “Tuy. Museo y Archivo Histórico Diocesano” (1980) o seu fillo Eloy publica un moi breve apunte biográfico do seu pai xunto a unha moi interesante achega das súas publicacións, especialmente en xornais e revistas, pois en formato libro unicamente saíron dos prelo dúas obras da súa autoría. Unha de carácter profesional (foi funcionario do Corpo Pericial de Aduanas) titulada “Arbitrios, impuestos y recargos que liquidan las aduanas en la importación y exportación de mercancias” (Madrid, Editorial Plutarco, 1948) e outra sobre historia tudense e que recolle e amplía unha serie de artigos publicados no “Faro de Vigo” nos anos cincuenta: ”Familias antiguas de Tuy” (Pontevedra, Talleres de Artes Gráficas del Hogar Provincial, 1958).

O seu coñecemento da documentación tanto catedralicia como municipal así como de diversos arquivos privados e o seu rigor como investigador acreditan a Manuel Fernández –Valdés Costas (uniu os apelidos paternos no ano 1947, pois ata daquela asinaba como Manuel Fernández Costas) como un dos referentes da investigación histórica sobre a nosa cidade. Pero hai que salientar que comezou a súa andaina na investigación destacando como un dos principais especialistas, ao longo da segunda e terceira década do século XX, do estudo da arqueoloxía de Galicia, especialmente polas súas achegas arredor das industrias líticas e do mundo castrexo. Naqueles anos a figura de Manuel Fernández Costas era recoñecida como unha das principais autoridades na prehistoria de Galicia.

Manuel Fernández Costas foi membro do Instituto de Estudos Galegos, colaborou en varias oportunidades na revista “Nós", foi correspondente da Real Academia Galega, da Asociación de Arqueólogos Portugueses e do Instituto Histórico do Miño, amáis de recibir o título de Cronista Oficial da cidade de Tui, nomeado pola Corporación Municipal que presidía o alcalde  Luis Álvarez Rodríguez-Lasso no ano 1958.



Concretamente, na revista “Nos” comeza a súa colaboración en 1926 cun traballo titulado “Unha nova vía romana” que asina con Manuel Fuentes Canal; publica logo no número de setembro de 1929 un artigo sobre “As Industrias líticas d'a Guardia” e no ano seguinte continuará afondando no tema cunha nova aportación: “Notas en col do asturiense na bisbarra d'A Guardia : campaña de 1929”.

No Boletín de la Comisión de Monumentos de Orense publica o estudoso gardés Juan Domínguez Fontenla un comentario sobre o traballo de 1929 no que sinala: Manuel Fernández Costas entusiasta por los estudios prehistóricos, dedicose a recorrer las playas del litoral de La Guardia y tuvo la suerte de descubrir nuevos e importantísimos depósitos de instrumentos líticos que testifican la intensidad que tuvo la vida en la boca del Miño en las remotísimas edades en que esta industria estuvo en vigor (...) y se ha hecho acreedor con su producción al aplauso de todos los amantes de los estudios prehistóricos, pues viene a ampliar estos conocimientos, dando a conocer estas nuevas estaciones en los ámbitos del mundo científico.

Antes da Guerra Civil foi un incansable investigador, como xa indicamos, especialmente da prehistoria e protohistoria de Tui e a súa contorna. Froito das súas pescudas e do seu empuxe foi a creación, en torno a 1933, do Museo de Tui instalado nas dependencias do antigo convento de San Domingos, onde tamén estaba comezando a súa andaina -dende 1934- o Instituto de Segunda Enseñanza tudense. Este Museo acollía os materias que o Grupo Ultreya tudense, que promovía él mesmo, obtivera nas campañas de escavacións arqueolóxicas no castro do Alto dos Cubos ou Cabeza de Francos e noutros xacementos de Tui e o Baixo Miño. Nestas campañas colaboraba tamén Xosé María Álvarez Blázquez, que viña de rematar os seus estudos de Maxisterio, e que sempre tivo a Manuel Fernández Costas como o seu mestre e referente.

O semanario tudense Tribuna, recolle nas súas páxinas unha breve información sobre este Museo: “Llega a nosotros la noticia de que esta agrupación local de jóvenes bajo la dirección de nuestro distinguido amigo Manuel Fernández Costas (refírese ao grupo Ultreya tudense a quen temos dedicado recentemente senllos posts neste blogue) está organizando un notable Museo de arte y prehistoria. En él figuran ya curiosos útiles de piedra de las edades prehistóricas recogidos en La Guardia y Tuy por esta entusiasta agrupación ávida de cultura y saber, que tan bien dice de nuestra ciudad.”

Por estes anos colabora tamén coa prensa tudense daquela época como “Hoy, semanario independiente”, “Tude, revista estudiantil del Instituto de Tuy” tamén no “Faro de Vigo” e como acreditado especialista local asina o capítulo sobre Tui no “Libro de oro de la provincia de Pontevedra” (1931).

A Guerra Civil rachou con todas estas iniciativas que non tiveron continuidade, como foi o caso do Museo de Tui cuxos materiais almacenados nunha casa do barrio de San Domingos foron recuperados en parte por Xosé María Álvarez Blázquez en 1937. Parte destes materiais voltaron ás mans dos seus descubridores e co tempo se entregaron, parte deles, tanto no Museo de Pontevedra como no Museo Municipal “Quiñones de León” de Vigo no que colaboraba con intensidade Álvarez Blázquez.

Nun artigo titulado “Industrias paleolíticas de la comarca de Tuy” que asinan o propio J. M. Álvarez Blázquez e Fermín Bouza-Brey en Cuadernos de Estudios Gallegos (1949), o tudense descrebe asi este proceso: Durante las vacaciones estivales de 1933 y 1934, un grupo de entonces estudiantes del que formaba parte uno de nosotros (A.Blázquez), bajo la acertada dirección del distinguido prehistoriador don Manuel Fernández Costas, se empeñó en la búsqueda, a través de la comarca de Tuy, de útiles prehistóricos, con que nutrir un Museo que al efecto se organizó en el Instituto de 2ª Enseñanza de aquella ciudad. Aparte de someras excavaciones en los Castros de Cabeza de Francos y A Guía, nuestro objeto principal fue explorar las proximidades de los depósitos fluviales de cantos rodados, en busca de posibles instrumentos líticos, que esperabamos no faltarían en una zona tan fértil y bien defendida como aquella, y estimulados por la vecindad de las pródigas estaciones de La Guardia y Camposancos. Y, en efecto, recorriendo los caminos aldeanos, orientándonos especialmente hacia aquellos de pronunciada pendiente, fáciles al arrastre de las aguas invernales , hemos tenido la fortuna de reunir hasta un total de 61 instrumentos paleolíticos, todos ellos en cantos rodados de cuarcita, único material lítico apropiado existente en aquella zona.
(...) Aquella colección, clasificada entonces provisionalmente, en espera de un acopio mayor de materiales – que, por desgracia, no pudo realizarse – pasó después, en ocasión de la contienda desarrollada en España, por la azarosa fortuna de diversos traslados y la lamentable pérdida de una gran parte del conjunto, hasta el extremo de que hoy solamente se conservan 26 piezas de las 61 que comprendía. Suprimido el Instituto de Tuy y desaparecido el Museo, uno de nosotros (A. Blázquez) pudo hacerse cargo más tarde de lo que éste restaba, recuperando esos 26 instrumentos que en su mayor parte él mismo había hallado en sus excursiones por las aldeas. Pero se extraviaron algunos ejemplares magníficos y también un curioso pico asturiense, que el Sr. Fernández Costas encontrara en la localidad portuguesa de Monçao, frente a Salvatierra de Miño, no incluida en el total de las 61 piezas tudenses, y que representaba un interesante eslabón entre las estaciones lusitanas del bajo Miño.

Estes sucesos e o drama da contenda civil coas súas consecuencias conxeturtamos teñen relación co silencio de Manuel Fernández Costas durante mais dunha década en que non realiza publicación algunha. Logo, en torno a 1946, xa non retomará a actividade arqueolóxica senón que achégase á historia local e á investigación en materia etnográfica con interesantes aportacións aínda non superadas.

Entre os artigos sobre temática histórica tudense e por orde cronolóxico e sen afán exhaustivo cabe sinalar: “Las grandes pesquerias del Miño: notas folclóricas)”  e “San Telmo patrón de mareantes, VII centenario” (Finisterre, 1946);”El Monte Medulio es el Monte Aloya” (Construcciones, 1947);  “En torno a una copla popular“ (Cuadernos de Estudios Gallegos, 1950); “Juegos infantiles en la comarca de Tuy” (Revista de Dialectología y Tradiciones Populares, 1952); “La catedral de Tuy y su primitivo emplazamiento” (Cuadernos de Estudios Gallegos, 1952; ”El terremoto de Lisboa: su repercusión en la antigua provincia de Tuy” (Cuadernos de Estudios Gallegos, 1955);  “Señoríos jurisdiccionales de la antigua provincia de Tuy” (Revista Museo de Pontevedra, 1956); “Francisco Sánchez, el escéptico” (Boletín da Real Academia Galega, 1956); “Una relación de la batalla de Puente Sampayo” (El Museo de Pontevedra, 1957);  “Un gallego ilustre; Dr. Martín Spuch Martínez” (Lar – Buenos Aires, 1957); “Una página inédita de la historia de Tuy: la reacción absolutista de 1823” (Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos de Orense, 1957-58);  “Manuel Prieto Marcos, músico y poeta” (Lar – Buenos Aires, 1959); “El P. Feijoo y el benedictino tudense Fr. Mauro Piñeiro Falcón” (Compostellanum, 1959); “El Phalus de Cabeza de Francos” (Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos de Orense, 1959-1960); “Prudencio Areal Alonso” (Lar-Buenos Aires, 1960);El ‘phalus’ de Cabeza de Francos” en Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos e Orense, vol. XX (1959-1960), pp 267-275;  Monseñor Enrique Pérez Serantes, un gallego destacado” (Lar – Buenos Aires, 1961);  “Antecedentes históricos de las murallas de Tuy” (Revista Museo de Pontevedra, 1962;) “Artistas de Tuy durante el siglo XVIII” (Boletín da Real Academia Galega, 1970), etc.

Engadamos as numerosas colaboracións xornalísticas no Faro de Vigo, coas series “Familias antiguas de Tuy”, “Estampas retrospectivas” ou “Efemerides de Tuy”, asi como en El Pueblo Gallego, La Noche, Vida Gallega ou, no caso de publicacións tudenses, en “Tuy, publicación del Instituto Laboral de Tuy” ou  no “Boletín Informativo do Centro de Iniciativas y Turismo de Tuy” (do que él era un dos seus dirixentes e impulsores)....




Estas liñas nos aproximan a unha figura agora practicamente descoñecida e que reclama un estudo que nos descubra a transcendencia da súa aportación á vida tudense e á investigación histórica da nosa cidade e a súa contorna. Nas primeiras décadas do século XX Manuel Fernández Costas (así asinaba daquela) era un dos mais senlleiros investigadores da nosa prehistoria en contacto directo coa investigación que nesta materia se realizaba en Europa e que lle servía como base de referencia para os seus traballos sobre as industrias paleolíticas do Baixo Miño. A figura de Manuel Fernández-Valdés Costas é tamén referencial ao ligar a nosa cidade á actividade dos grupos galeguistas como Nós ou o Seminario de Estudos Galegos nos que colaboraba asiduamente. Todos este elementos reclaman afondar nesta achega biográfica dun dos mais senlleiros historiadores que tivo a nosa cidade.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis