Ir al contenido principal

O grupo "Ultreya" tudense (e II)

O principal froito do fecundo labor dos “Ultreyas” tudenses é a creación do “Museo de Tui” nunhas dependencias cedidas polo Concello de Tui ao grupo  no antigo convento de San Domingos, onde estaba instalado o Instituto de Segunda Enseñanza. 

Antigo convento de San Domingos

A creación deste Museo é un fito na historia cultural de Tui e situaba á nosa cidade no panaorama da investigación arqueolóxica e histórica de Galicia. Unha inicitiva que será interrumpida pola Guerra Civil e que non atopará continuidade ata a apertura do Museo Diocesano no ano 1976. Por mágoa non temos atopado imaxe algunha deste Museo.

No semanario tudense “Tribuna” se informa, en 1934, sobre este novo Museo:
Llega a nosotros la noticia de que esta agrupación local de jóvenes bajo la dirección de nuestro distinguido amigo Manuel Fernández Costas está organizando un notable museo de arte y prehistoria. En él figuran ya curiosos útiles de piedra de las edades prehistóricas recogidos en La Guardia y Tuy por esta entusiasta agrupación ávida de cultura y saber, que tan bien dice de nuestra ciudad. Su labor es hasta ahora desconocida del pueblo tudense, que muy en breve podrá admirar el fruto de sus constantes excursiones y excavaciones, que por diversos lugares de este distrito vienen llevando a cabo”.



A descrición dos contidos deste Museo figura nun traballo editado no libro “Xosé María Álvarez Blázquez e Tui”, trátase do inventario das pezas expostas e que nos aproxima á importancia dos materiais, especialmente, de carácter arqueolóxico, que este centro reuniu e organizou.
O Claustro do noso Instituto, sempre aberto e cobexento, ofresceunos local e mobles i-o Concello d’entón deunos dous centos de pesetas. I-eisí temos vivido un ano. Agora ollade o que se ten feito e decide dimpois se o noso “Museo” non merezce unha axuda que ninguén debia de lle refugar

Nas páxinas seguinte realiza un minucioso traballo de descrición dos obxectos integrantes deste museo procedentes especialmente do xacemento de Cabeza de Francos, das pescudas polas terrazas fluviais do Miño e doutras achegas vencelladas, na súa grande maioria, a Tui:
A coleizon de asturiense do “Museo de Tuy” é sen dúvida a máis intresante de Hespaña, pois ainda na mesma Guardia se non teñen recollido no “Museo” pezas tan caraiterísticas nin en tan outo número a mais que ali adoecen de falla de crasificación. N-isto a man do devandito Sr. F. Costas ten feito todo

O Museo enriqueciase especialmente cos materias procedentes dos traballos de investigación daqueles mozos ilusionados polo descubrimento da terra, con todo ao medrar en idade e ocupacións o crecemento do museo resíntese:
Fechado o pirmeiro rexistro do noso Museo na data de 24 de Nadal de 1934, compre agora ao cabo de un ano rexistrare os seus progresos na campaña de 1934-1935. Pouco, certamente, é o que hoxe imos anotar, pois espallados pol-a terra adiante a maioria dos que traballamos na súa orgaizazón, non poidemos ista anada facer como o devanceiro unha boa colleita. Nen embargantes, ainda algunha cousa medrou o noso Museo, e a leda espranza de o levar a un termo que encha os nosos degaros, danos azos e emprestanos forzas

Este Museo foi pechado cando o estoupido da Guerra Civil, ao ocupar as tropas militares as dependencias do Instituto no antigo convento de San Domingos. Posteriromente foron trasladados os materiais a un inmoble próximo. No ano 1937, Xosé María Ávarez Blázquez obtén permiso do Alcalde tudense para revisar os materiais, comprobando que, pese a desaparición dunha parte, conservábanse daquela case integramente.
Los objetos contenidos en el Museo hubieron de ser trasladados a una ruinosa dependencia propiedad del Ayuntamiento. Autorizado amablemente por el Sr. Alcalde me hice cargo uno o dos años más tarde de aquello que era posible recuperar; el piso del local, lleno de agujeros que daban a un sótano insondable, se había tragado buena parte de las piezas hasta allí llevadas, pero aún asi tuve la fortuna de recuperar la mayoría y también las más interesantes


Xosé María Álvarez Blázquez


Sospeito que parte deses materias foron devoltos aos seus propietarios, pois eran depósitos realizados ao Museo, e logo chegaron a outros museos da nosa zona como o Museo de Pontevedra ou o Museo Municipal de Vigo “Quiñones de León”, ao que tantos desvelos entregou Xosé María Álvarez Blázquez, e onde hoxe podemos contemplar parte destes materiais así coma no Museo Diocesano de Tui que exhibe outra escolma de fondos líticos doados a ambas institucións polo propio Álvarez Blázquez.

Tamén a etnografia foi unha preocupación dos “Ultreyas” tudenses; seguro que a influencia de Manuel Fernández Costas non foi pouca xa que él tamén traballou e publicou sobre esta materia. A investigación arqueolóxica atopou sempre na etnografia e no folclore unha ferramenta básica. Froito dese interese é un manuscrito de xaneiro de 1935 de Xosé María Álvarwez Blázquez “Algunhas verbas sen recoller da comarca de Tui”, no que inventaria 87 palabras, coa súa descrición, centradas especialmente nos xogos infantís. Completa esta laboura coa publicación en Portugal dun traballiño sobre “Os tratos dos nenos na bisbarra de Tui” de 1959, que está en relación directa con outros traballos xa publicados por Manuel Fernández Costas e nos que publican o resultado daqueles traballos de campo.

A derradeira actividade dos Ultreyas, no xa de Tui senón de toda Galicia, foi unha excursión organizada polo grupo tudense ao monte Aloia o 17 de xuño de 1936, da que dá novas o periódico Guieiro, autavoz patriótico da F.M.G., feito que testemuña que nesta época as relacións entre a Agrupación Ultreya e as Mocedades Galeguistas eran moi boas, e que, de non ser pola revolta militar que estouparía un mes despois, a súa coordinación avanzaría de seguro:
Os mozos “Ultreias” de Tui, orgaizaron o pasado 17 unha verdadeira eiscursión ao monte Alvia (sic, Aloia) con ouxeto de tratar n-aquelas outuras da sua total reorganización. O camiño e a estancia no monte constituiron unha verdadeira festa de galeguidade: colocouse a bandeira da Galiza n-un outeiro, cantáronse canciós populares, leéronse poesías de Curros, Rosalía, Pondal, e falouse logo do ouxeto da eiscursión, acordándose nomear unha xunta provisional encarregada de dar os pirmeiros pasos. Xa no solpor voltaron todol-os mozos a Tui, entoando os hiños galego, de Bratras e os dos “Ultreias”



Correspondeulle pois a agrupación “Ultreya” tudense o último capítulo na traxectoria deste colectivo xuvenil que achegou a tantos mozos á súa terra e a súa identidade. No caso de Tui foi un colectivo que descoñecido na actualidade agrupou a un fato de mozos aos que a guerra civil tronzou as súas traxectorias, que moitos poideron reconstruir en medio de grandes dificultades. Recuperar a súa memoria e a do seu animador, Manuel Fernández-Valdés Costas (a quen agardamos dedicarlle no futuro un post neste blogue) e do seu principal e entusiasta colaborador, Xosé María Álvarez Blázquez é un acto de xustiza coa nosa memoria histórica..


Bibliografía

BERAMENDI, Justo: De provincia a nación. Historia do galeguismo político. Vigo, Xerais, 2007
DIEGUEZ CEQUIEL, Uxio Breogan: Álvaro de las Casas. Vigo, Galaxia, 2003
GONZALEZ PEREZ, Clodio: Mar adiante. As xeiras dos Ultreias.
SANCHEZ BARGIELA, Rafael: “Os Ultreyas tudenses” en en Faro de Vigo, sábado 29 de xullo de 2006 (especial Louriña/Baixo Milño).

SANCHEZ BARGIELA, Rafael: Xosé María Álvarez Blázquez e Tui: da vella casa ao corazón aberto. Tui, 2008.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Lembranza agradecida a Xabier Añoveros

Onte á tarde, nos comezos de setembro, cando xa as horas diúrnas minguaron, o aire nos anticipa a proximidade do outono e as conversas se centraban nestas intranscendencias, recibín a triste noticia do falecemento, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, de Xabier Añoveros Trías de Bes, navarro de berce, barcelonés de vida e traxectoria e tudense de corazón.   “ Tuy (con i grego como adoitaba a escribir pois con este arcaísmo semellaba reflectir mellor a antigüidade da nosa cidade) es una ciudad de la que estoy enamorado desde hace muchos años ” e, como é propio dun noivo, a esta vella cidade lle ten dedicado horas, estudos, e moi especialmente un agarimo permanente centrado na súa querida “Casa da Canicouba”. O seu noivado e posterior matrimonio con Julia García-Valdecasas Salgado, filla da tudense Julia Salgado Peñarredonda, o ligou dende 1968 a este outeiro pétreo sobre o Miño, que é Tui. Non sei se foi a longa tradición tudense da familia de Julia, o rico arquivo da Casa da Ca...