Vimos de comezar
o novo ano 2016 e ao abrir esta nova páxina temporal podemos ollar tamén como
no pasado ano cumprironse 1100 anos da restauración da sede tudense polo
monarca leonés Ordoño II no ano 915. Posiblemente o escaso coñecemento da
historia altomedieval de Galicia e consecuentemente tamén do territorio tudense
xunto ao desleixo con que os tudenses ollamos para o noso pasado histórico,
entendido tantas veces como un acervo idealizado e non como unha potencial fonte
de riqueza (cultural, social e mesmo económica).
Nas diversas
publicacións existentes sobre a historia de Tui este acontecemento é obxecto
dunha somera cita ou directamente ignorado. Recuperar esta páxina do noso
pasado, procurando contextualizar e revelar a dimensión deste acontecemento é
unha forma non xa de coñecer o noso pasado histórico senón de dotar á nosa cidade e as súas xentes de referentes e
recursos para a recuperación do relato do noso patrimonio.
Ordoño II nunha miniatura da Catedral de León
No alongado
período histórico entre a Antigüidade tardía e a irrupción árabe, Tui, como
polo administrativo, comercial e episcopal tanto no Baixo Imperio como na época
sueva, se conforma como o epicentro do territorio da Gallaecia, constituíndo o
punto de unión entre as terras septentrionais e meridionais do Noroeste
peninsular. Unha posición que o curto período visigodo pretendía ampliar coa
instalación de Vitiza, como herdeiro asociado ao trono, na nosa cidade que asi
desprazaba a Braga como capital da Gallaecia.
A invasión
musulmán do ano 711 prodúcese logo do acceso ao poder de Rodrigo que orixina un
conflito civil contra os tres fillos de Vitiza e os seus partidarios, chegando
as tropas árabes en apoio deste último sector. Tradicionalmente se mantiña que
a chegada dos musulmáns significaba unha conquista do territorio peninsular,
agás a zona cantábrica, pero as evidencias históricas obrigaron a recoñecer que
a presenza dos invasores en Galicia resultaba esporádica e reducida. Sen
embargo a historiografía recente prantexa novas hipóteses. Se os musulmáns
veñen en auxilio dos vitizianos e antirrodriguistas resultaban innecesaria, nun
primeiro momento, a súa intervención nesta provincia que controlaba este sector
dos visigodos, que en connivencia cos invasores, manterían aquí o seu poderío.
Da información acreditada, que hoxe se
acepta pola historiografía, so podemos afirmar que no sur da actual Galicia a
presenza musulmán foi pouco duradeira. Tradicionalmente se adoitaba aceptar que “ademais das
incursións militares da primeira época dirixidas por Tarik, Muza e Abdelaziz,
tivo lugar, entre o Douro e o Miño, o asentamento de continxentes berberiscos.
Pero permanecerán alí moi pouco anos, porque no 714 vémolos abandonando estas
posicións norteñas para reclamar a súa instalación nas márxenes do Gualdalquivir”.
Este xeneral Abdelaziz, antes mencionado, conquistou Lisboa, Coimbra, Porto e
Braga, chegando ata Tui. Apunta Ávila y Lacueva que os tudenses buscaron
refuxio nos cumes do Aloia. Os árabes se apoderaron da cidade “causando en ella
y su país grandes estragos y ruinas con que lo redujeron todo a un estado de
suma miseria”. Como comprobamos moitas conxecturas e escasas realidades
contrastadas.
Con todo, esta fuxida e ruptura parece
afectar mais aos cumes do poder que reflectir unha despoboación real da nosa
bisbarra. Cómpre lembrar que o sistema viario herdado de época romana segue
completamente operativo e que Tui segue sendo lugar de paso obrigado neste
itinerario; amais pese á desorganización, que as escasas fontes documentais
existentes traducen, se manteñen minimamente as estruturas organizativas; así
P. David documentou como os límites diocesanos de Tui mantéñense perante
séculos a pesares da ocupación musulmán. Abofé que algún magnate local
seguiría, en base ao seu poder territorial ou a súa forza militar, detentando
un feble poder sobre a cidade, moi afectada pola breve ocupación árabe, e a súa
comarca.
A presenza dos invasores musulmáns e do conseguinte clima bélico provoca
a fuxida da poboación, cos conseguintes danos sobre o tecido produtivo, o
abandono dos cultivos, etc pero sobre todo, provoca a desintegración das
estruturas de goberno. O bispo, un dos referentes da organización de poder,
-que algunhas tradicións sinalan era San Adelfio (que aparece como asinante no
XV Concilio de Toledo no ano 688 e no seguinte concilio no ano 693)- fuxe cara
a Iri –a única que permanece “allea” a estes acontecementos- onde é acollido
polo seu bispo que lle concede unha dotación territorial para o seu sustento.
En concreto, se trata dos territorios de “Nemitos, Faro, Brecantinos e
Somnaria” que se atopan situados na zona norte da diocese. Todos estes
acontecementos agravan o baleiro de poder na cidade e en todo o territorio
circundante, pois era a estrutura eclesiástica quen unificaba estas entidades
territoriais e administrativas dun xeito máis efectivo.
Consecuentemente o probábel é que ao longo de máis dun século o territorio do
Miño ficase como unha terra de ninguén que non significa o mesmo que non
houbese ninguén nesta terra. Foi un territorio que ficou sen un dominio
político claro nin por parte do nacente reino austur nin do lonxano estado toledano ou cordobés, sometido aos poderosos
locais, herdeiros da sociedade hispano-goda.
Afonso I de Asturias por Juan Procel (1765)
Acceso ao Palacio Real de Madrid
De aí o interese
da expedición, que citan algunhas crónicas, de Afonso I, no ano 739, a
“primeira reconquista” de Tui, que non tivo outro obxectivo que a defensa do
seu reino, garantindo a inexistencia de enclaves musulmáns de carácter fixo
neste territorio fronteirizo. A crónica Rotense sinala que recupera as cidades de Lugo, Tui, Porto,
Braga, etc Pero o
que vimos afirmando significa tamén que Tui e a súa bisbarra non estivo
despoboada en momento algún e que non tivo necesidade de reconquista senón,
como veremos de seguido, de integración efectiva na nova realidade política do
reino astur namentras que o poder local estaría en manos de poderosos
territoriais.
Haberá que
agardar case un século para que con Ordoño I (850-866) a monarquía astur estea
en condicións de integrar este territorio tudense na organización do reino, mesmo
os diplomas apuntan a que o monarca tiña reforzado as súas defensas
amuralladas. Esta tarefa “repoboadora” é encomendada a persoas da confianza do
rei que reciben amplos poderes para distribuír terras, organizar os poderes
locais... estes persoeiros reciben o nome de “comes” lembrando as vellas
institucións godas; no caso tudense levaran adiante este labor dous
aristócratas do mais alto rango: Ermenexildo Gutiérrez (a súa filla Elvira casa
con Ordoño II) pero especialmente Afonso Betote. Cómpre lembrar que neste
momento a aristocracia galega ocupaba o vértide do poder social e político do
reino astur-leonés. E como testemuño da importancia do territorio tudense a súa
“repoboación” é levada adiante por os dous magnates máis poderosos da época.
Asi pois a “repoboación” de Tui será o
fito máis importante desta xeira que promove Ordoño I. Ermenexildo Gutiérrez e
Alfonso Betote levan adiante a recuperación
do vello territorio tudense, asi está documentado como Alfonso Betote se
apropia, entre outras, da vella poboación de “Borbene”. Tamén ambos nobres
aproveitarán a estratéxica situación de Tui para iniciar a ocupación do
territorio ao sur do Miño (o actual Minho portugués), labor que continuarán os
seus fillos, antecesores do posteriores monarcas portugueses.
Paga a pena lembrar a personalidade
deste aristócratas, que tan importante papel desenvolven na historia tudense.
Ermenexildo Gutiérrez, casado con Ermesinda Gatóñez (filla do conde Gatón
repoboador de Astorga e “comes” do Bierzo) proven da zona meridional da actual
provincia de Lugo e aparece citado na documentación como “comes” ou conde de
Tui, Coimbra e Caldelas (territorio da zona meridional ourensá) asi como
doutras xurisdiccións de Galicia; está emparentado coa familia real pois a súa
filla Elvira casará con Ordoño II, e él mesmo aparece citado na documentación
como maiordomo real no no ano 883. En torno ao 895 aporta as súas tropas para
acabar coa rebelión do conde Witiza e recibas as posesións do derrotado.
Anteriormente, no ano 878 conquista e repoboa as terras de Coimbra. Os seus
descendentes formarán un dos grupos aristocráticos máis poderosos da Galicia do
século X, por exemplo o seu fillo Guiter Menéndez é o pai de San Rosendo,
namentres que outros dos seus fillos acadarán o condado portucalense.
Pola súa banda, Alfonso Betote tamén
tomará parte nestas tarefas figurando como conde do territorio do Deza e logo
tamén de Tui. Actúa como representante dos intereses do bispo de León, aspecto
que coñecemos por un diploma do ano 878 do bispo Mauro, que lle encomenda as
igrexas que lle foran concedidas por Alfonso III entre os ríos Eo e Masma, no
norte de Galicia, así como os posibles dereitos desta sede leonesa no bispado
de Tui e en toda Galicia: “sive etiam et fe omn(ia)… a plebe ubicumque
inveneris sancte Maie Tudensis sedis”. Posiblemente estamos diante dun intento
de integración da diocese tudense, e outros territorios galegos, na sede de
León, pero que non debeu perdurar no tempos pois carecemos doutra noticia
algunha ao respecto. Os descendentes de Alfonso Betote estarán tamén
intimamente ligados ao goberno do condado de Porto, en concreto o seu neto
Menendo González, e foron repoboadores doutras zonas do norte do actual
Portugal.
Tumba de Ordoño II na Catedral de León
Esta vaga
repoboadora garantiu unha estabilidade, consolidada no reinado de Afonso III,
que levou ao seu fillo e sucesor o rei Ordoño II (914-924), que acorda, tras o
reforzo da cidade a as súas defensas, o restablecemento da sede episcopal, no
915, instalándose na cátedra Hermoxio. Da estadía dos bispos tudenses nas
terras de Iria temos escasas referencias nominais. Diego (en torno a 890-901)
que figura como participante na consagración da nova basílica compostelá de
Afonso III no ano 899 aínda que sen asinar o diploma. En torno ao 912-914
aparece citado o bispo Branderico.
Hermoxio ocupara
anteriormente a sede de Porto é, segundo Ávila y Lacueva, sobriño do bispo de
Coimbra Naustio. Un sobriño seu, Vimara,
tamén ocupara a sede tudense en torno ao ano 949. Todos eles formaban parte da
aristocracia galaica e a súa familia posuía importantes propiedades e ocupaba
altas dignidades.
A primeira
referencia documental que posuimos de Hermoxio como bispo de Tui é a súa
intervención da doazón que o rei Ordoño II e a súa esposa Elvira fan á sede de
Lugo do mosteiro de San Cristobo de Labruxe, nas terras de Arcos de Valdevez,
que fora fundado por Hermoxio nunha heradede rexia. Este bispo, como membro da
alta nobreza, acompaña ao monarca na batalla de Valdejunqueras (Navarra) onde é
capturado polos musulmáns que o levan prisioneiro a Córdoba.
Aos poucos meses
sae da cadea a cambio do pago dun rescate e deixa a seu sobriño, o mozo Paio,
como refén, retornando a Galicia para conseguir a forte suma económica á que se
tiña comprometido.Na Idade Media os prisioneiros eran, ante todo, unha
oportunidade de negociar un rescate económico e, ás veces, tamén político. Paio
permanece ata tres años en prisión esperando que se completen as negociacións
do seu rescate, sendo finalmente martirizado no ano 925 espallando
posteriormente o seu culto polo reino leonés. Hermoxio acabara os seus días no
mosteiro de Labruxe.
A recuperación da sede episcopal na
cidade do Miño é un paso máis no proceso de normalización e revitalización da
vida política, social e económica deste territorio ao abeiro da consolidación
da monarquia leonesa que inaugura Ordoño II. Este monarca que establece a corte
na cidade de León, fora anteriormente “rei” de Galicia e salientou polo seu
apoio á basilicia compostelá, a onde peregrinou, e á que dotou amplamente. Cabe
lembrar que estaba casado con Elvira, filla do “comes” tudense Ermenexildo
Menéndez. Asentados os representantes do monarca no territorio miñoto agora se
garante a presenza eclesiástica no proceso de revitalización de Tui. Esta duplicidade
de poder civil e eclesiástico perdorou no tempo pois cando a conquista de Tui
polos viquingos de Olaf, en torno ao 1008, continuaba a existir un conde e un
bispo como principais autoridades na cidade.
Sen embargo esta vida é efémera, pois
novos ataques musulmáns unidos ás continuas incursións dos viquingos, levan a un
novo esmorecemento da cidade, tendo que retirarse os bispos en varios períodos
ao mosteiro de Ribas de Sil (Vimara en
torno ao 940/950, ou Viliulfo nas últimas décadas do século X). Pero o agravamento
das incursións normandas provocan que de novo Tui perda a súa condición
episcopal sendo agregada á de Compostela por Alfonso V no ano 1024.
Escasamente un século perdurou a sede
tudense pero a restauración do ano 915 evidenciou o intento da monarquia de
revitalizar a cidade tudense como lugar estratéxico no proceso de consolidación
do reino, como unha das cidades referenciais do mesmo.
Conservamos na actualidade unha
tradición que explica as armas heráldicas da nosa cidade, conformadas por tres
estrelas e unha media lúa, como símbolos esta última da ocupación árabe e as
estrelas como lembranza das vagas “reconquistadoras” de Afonso I, Ordoño I e
Fernando II que no ano 1170 abre unha nova etapa para a cidade. Tamén neste caso
a acción revitalizadora de Tui promovida por Ordoño II fica no esquecemento.
Moi interesante. Clodio González Pérez
ResponderEliminar