Un
catro de febreiro de 1915, fixo onte cen anos, no Paseo da Corredeira tudense, daquela chamada rúa Elduayen, naceu un
rapaziño que recibirá os nomes de José María Amalio Gerardo Ignacio Álvarez
Blázquez. Na casa familiar da rúa El Pilar, no arrabalde do Rollo –a que se
trasladou ao pouco tempo a familia do médico Dario Álvarez Limeses e a súa dona
María Blázquez Ballester-, transcurríria a nenez de Xosé María e os seus cinco
irmás (varóns todos Darío, Emilio, Alfonso, Celso e Álvaro). Naquela casa e naquela
horta, ampla e con numerosos recunchos,
situada xa nos límites urbanos da cidade tudense, nun enclave
privilexiado para vivir conxuntamente o mundo da sociedade burguesa tudense,
nunha época de decadencia, e o mundo labrego e popular, das tarefas do campo,
dos oficios tradicionais… será onde Xose María e os seus irmáns descubran
paseniñamente os recodos da vida, personal e colectiva. Como lembrará co tempo
o seu irmá Emilio “toda a curiosidade non lle cabia no peito”.
A terra estaba virxe e nós, os nenos,
lle imamos poniendo nome, a brincare.
A cousa máis cativa tiña un nome
da nosa fantasia
Será
en Tui onde escriba os seus primeiros versos, con doce anos de idade asina o
poema “Queixas” nun 24 de decembro de 1927, e nos que amosa xa súa querencia
pola lírica popular como naquel outro poema titulado “A campana da miña igrexa”
de 22 de xuño de 1928.
Tras
os seus estudios tudenses en Pontevedra, onde residía a familia paterna,
completará a súa formación académica – rematando o Bacherelato e cursando os
estudos de Maxisterio-, aquí comeza a súa andaina política na Federación de
Mocedades Galeguistas –chegando a pronunciar un vibrante discurso conmemorativo
do aniversario dos Mártires de Carral- e onde inicia a súa carreira literaria,
especialmente lírica, coa publicación do poemario “Abril” e doutros poemas na
revista “Cristal”.
En
Tui realiza as súas prácticas como mestre, na escola de nenos da rúa Sanz, e
posteriormente ocupará, no curso 1935-36, a praza de mestre titular na escola
das “Olivas”, a poucos pasos da casa familiar do Rollo.
Foi
en Tui onde Xosé María Ávarez Blázquez encetou o seu labor de arqueólogo e
prehistoriador. Así no ano 1935 acompañará aos rapaces do grupo “Ultreya”
tudense, que dirixia o erudito local Manuel Fernández-Valdés Costas, nas
campañas de escavacións arqueolóxicas no xacigo do castro de Cabeza de Francos,
ou logo no de Cotarel en Randufe… con eles organizara o primeiro museo tudense,
instalado nas dependencias do Instituto recen creado en Tui no antigo convento
de San Domingos… A estas terras miñotas adicoulles as súas pescudas polas
terrazas fluviais, xunto co seu amigo Fermín Bouza Brey, na búsqueda de
materiais paleolíticos.
O estoupido da Guerra Civil racha radicalmente
esta traxectoria vital mesmo a súa propia vida: o seu pai é fusilado, él é
expedientado como mestre e debe incorporarse ao exército; en 1941 morre pola
tise o seu irmá Celso, aos poucos anos a familia vende a súa casa tudense e
instálase na cidade de Vigo, anguriados polas penurias económicas e, sen
dúbida, que tamén, polas lembranzas:
Nada xa me
conmove,
o que me
fire e me doi, o que me inqueda,
é aquil
neno que eu fun, sempre perdido
Sen
dúbida, que estes mouros acontecementos marcan a sua relación con Tui dun xeito
moi intenso, pero a esta cidade e as súas terras adicoulles, andando os anos,
outros moitos traballos de historia, de arqueoloxia, de literatura, mesmo foi
pregoeiro das festas de San Telmo en 1977…
San Pedro González Telmo:
caballero de los mares
sin armadura ni yelmo.
As
paisaxes tudenses, especialmente o rio Miño, estarán presentes en moitas
páxinas da súa producción literaria. Cabería lembrar que foi finalista, xunto
con Carmen Laforet, da primeira convocatoria do “Premio Nadal” no ano 1945.
Pero
estes traballos en relación con Tui son testemuña, primixenia pero mínima,
dunha adicación integral a prol da cultura de Galicia, dun compromiso inxente
pola posta en valor da nosa cultura propia
¡Ouh, terra, pois xa tanto me traspasas
que, por ti, teño o peito en pedra viva!
Dende
as terras que bica o Miño, sirvan estas liñas, de humilde serodio e solitario homenaxe desta cidade, “vella e gris” como él dixo, para neste aniversario recoñecer en Xosé María
Álvarez Blázquez, un “rico tesouro”, un egrexio tudense, e que a decisión da Real
Academia Galega nos permitiu recuperar no ano 2008 a súa memoria coa
dedicatoria do “Día das Letras Galegas” ficandio dende aquela o seu nome no acervo colectivo de Galicia.
Comentarios
Publicar un comentario