Ir al contenido principal

Reflexión sobre Rosendo Salvado, un bispo nas "antípodas"



Conmemoramos o pasado 1 de marzo o bicentenario do nacemento na rúa de Riomuíños do bispo Salvado. Nestas xornadas temos rememorado alongadamente a súa traxectoria vital, a creación da abadía de Nova Nursia, a exemplar obra desenvolvida por Salvado naquelas terras a prol dos seus nativos, dos aborixes. Pero cómpre abordar unha mínima contextualización histórica daquela época na que o noso frade beneditino arriba a aquelas terras nas nosas antípodas. 

A revolución industrial, xurdida en Inglaterra nas últimas décadas do século XVIII, se estende progresivamente por Europa e conleva, entre outras medidas, unha revolución dos transportes e un crecemento económico que impulsa a numerosos países á procura de materias primas para as súas industrias e mercados para os seus produtos. É o que chamamos colonialismo, que daba un novo pulo á antiga expansión colonial de época moderna que lideraran España e Portugal. Pero agora son as novas potencias industriais e económicas (Inglaterra, Francia, axiña Alemania) as que realizan esta anovada expansión considerable pola súa amplitude, polo seu carácter sistemático e polo seu universalismo.

Ao tempo xunto a estas necesidades da propia dinámica económica capitalista, os diversos gobernos utilizan esta expansión colonial como un elemento político de prestixio; as nacións que tiñan a capacidade e a vontade de expandirse se sentían xustificadas para exercer o dominio sobre estes territorios, ocupados por pobos considerados inferiores, non desenvolvidos social e economicamente, por tanto subsidiarios das respectivas metrópoles. 

Xorden pensadores que falan da “conciencia da misión” destas metrópoles que teñen a obriga de “civilizar” aos outros pobos inferiores, cambiando o seu sistema social, político, económico, desenvolvendo novas estruturas de acordo cos seus “superiores” intereses, propagando os seus costumes, concepcións filosóficas, crenzas relixiosas, costumes, moda, etc. para tentar conducir estes pobos, no mellor dos casos, a un novo nivel de vida e civilización. A mentalidade mais estendida entre os colonizadores basease na súa superioridade racial; a inmensa maioría dos científicos e antropólogos da época consideraban as outras razas inferiores e mesmo se afanaban e demostralo cientificamente.

Neste contexto, nesta mentalidade colectiva, propia dos europeos, viaxa Rosendo Salvado cara a Australia. Para algúns da súa época estes habitantes do bush australiano non eran nin homes, para outros non eran europeos e por coseguinte non merecentes doutra expectativa que renderse á nova civilización ou converterse en elementos marxinais da nova sociedade implantada nas colonias.

Asi o recolle o propio Rosenso Salvado: “Ellos se limitan a la toma de posesión del territorio, a situar cierto número de individuos, con frecuencia el escollo de la sociedad, y a dotarlos de la protección y de los medios precisos para una racional explotación de la tierra y de sus habitantes indefensos, con vistas a la comodidad de la metrópolis. Para estos colonos, la población indígena es cantidad despreciable; es como una execrencia en los proyectos de expansión; es una contingencia incómoda y eliminable, sobre todo si los indígenas resultan de una altivez inasimilable como los Pieles Rojas, o cuando, por su constitución psicofísica, carecen de interés para el mercado

Rosendo Salvado aposta, dende o primeiro momento, pola súa dedicación aos aborixes pero cunha visión certamente extraordinaria naquela altura. Sen renunciar en ningún momento á súa finalidade evanxelizadora, único e irrenunciable guieiro de toda a súa actividade, aposta por unha vía “non colonizadora” senón rexeitando a implantación dunha transculturización hexemónica e mesmo sen procurar unha aculturación dos pobos aborixes promove unha inculturización do Evanxeo na cultura dos pobos australianos, inxerindo a fe na vida dos nativos australianos.

Pero esta obra que promove Salvado inxirese tamén nas propias dinámicas da Igrexa Católica pois xa no século XVIII a Congregación Proganda Fide, creada en 1622, publicaba no ano 1659 unha Instrucción, coñecida como a Carta Maga de Propaganda, que establecía unhas verdadeiras regras de inculturación: “Non poñades celo algún nin presentedes argumento algún para convencer a eses pobos de que muden os seus ritos, os seus costumes e formas de vivir, a non ser que vaian claramente en contra da relixión e da moral. ¿Qué mais absurdo que transportar aos chinos a Francia, España, Italia ou algun outro país de Europa? Non introduzcades a eles aos nosos países senon a fe, esa fe que non rexeita nin lesiona os ritos e os costumes de ningún pobo, con tal quen sexan detestables senón que, pola contra, quere que se lles garden e protexan”. Por mágoa en moitos casos os misioneiros europeos, tanto católicos como doutras confesións cristiáns, asumiron mais directamente o papel de colonizadores que de evanxelizadores na liña destas Instrucións da Congregación pontificia, ou como máximo a súa preocupación era atender espiritualmente aos europeos que estaban lonxe da súa metrópole desbotando de plano a súa dedicación ás comunidsades indíxenas.

Ao lembrar a vida de Salvado agroma aquel pasaxe da Carta a Diogneto, unha exposición apoloxética da vida dos primeiros cristiáns, dirixida a certo Diogneto—nome puramente honorífico, segundo a opinión máis difundida—e redactada en Atenas, no século II e que investigacións recentes identifican coa Apoloxía de Cuadrato ao emperador Adriano: Os cristiáns non se distinguen dos demais homes, nin polo lugar en que viven, nin pola súa linguaxe, nin polos seus costumes. Eles, en efecto, non teñen cidades propias, nin utilizan un falar insólito, nin levan un modo de vida distinto (…) Viven en cidades gregas ou bárbaras, segundo cúpolles en sorte, seguen os costumes dos habitantes do país, tanto no vestir como en todo o seu estilo de vida e, sen embargo, dan mostras dun tenor de vida admirable e, a xuizo de todos, incrible (…) Obedecen as leis establecidas, e co seu modo de vivir superan estas leis…

Salvado nun momento de expansión colonial e de impulso das misións asume a herdanza dunha tradición alongada no tempo, nunha liña de fidelidade evanxélica, posúe unha sensibilidade, da que nestes meses nos fala o Papa Francisco, pois asume que cómpre primeiro sandar as feridas para construír posteriormente unha vida cristiá. Velaí o programa da su actividade misioneira. Como sinala Gulio Cipollone no seu impresionante estudio sobre o noso bispo: “Salvado faise aborixe cos aborixes, nómade cos nómades. Un modo de facer en total acordo cunha regra de absoluta seguranza que é a de participar e compartir facéndose iguais e no lugar deles (…) a discreción dunha delicada aculturación: caminar xuntos, para vivir xuntos, para presentar outro modelo de sociedade".

Segue apuntando Cipollone: O mundo hoxe móvese na percepción de ser unha soa raza humana e espreme esta percepción na saudable tensión de ser e/ou intentar ser unha soa familia humana. Os textos de Rosendo Salvado, no século XIX sobre a Australia, amosan, anticipándose nun século e medio unha “profética” dimensión, pois Salvado se achega a unha certidume: a existencia dunha soa raza humana, coa concesión aos principios da xustiza e da estima polo que non é como os europeos. Non fala de razas humanas, non fala de brancos e negros… fala de nativos na Australia ou na Europa (…) Ao longo da historia da humanidade cada avance que logramos acadar leva aparellada unha dicotomía; este progreso contribúe a crear “espazos para a inclusión ou para a marxinación”.

Nova Nursia, cos seus éxitos e fracasos, é un testemuño desta vocación, dunha experiencia inclusiva do que era “outro”, totalmente “outro”, como era o lonxano aborixe do bush australiano. “Pedín, escribirá Salvado, que se me recoñecese como salvaxe daquel país e, así, feito débil cos débiles, puidese conquistalos mellor para Deus e defender os seus dereitos”. Certamente Rosendo Salvado estaba nas antípodas xeograficamente pero tamén nas antípodas do pensamento predominante no seu tempo, abrindo novas canles para achegarse aos marxinalizados naquela sociedade australiana. 

Para acadar este obxectivo evanxelizador Rosendo Salvado ofrece xenerosamente todas as súas capacidades, toda a súa existencia. “Ademais das nosas labores de labranza, relata o bispo tudense, que mirabamos como cousa secundaria, ocupabamonos con todo o ardor no estudio da lingua, leis, costumes e crenzas dos salvaxes, co fin de podelos instruír pouco a pouco nos principios da nosa relixión, asistilos nas súas enfermidades e pacificar os seus conflitos”. Con esta finalidade constrúe a abadía de Nova Nursia, cunha intuición autenticamente herdeira de San Bieito, unindo o mosteiro, co seu “ora et labora”, cunha comunidade de familias de aborixes como semente entre aqueles pobos.

Un home, un eclesiástico do século XIX coas súas dimensións culturais, sociais e eclesiolóxicas, non certamente as mesmas que na actualidade, foi quen de abrir un novo xeito de relación entre a fe e a cultura, entre o cristianismo e a cultura local, nun diálogo enriquecedor que abriu e continua abrindo novas perspectivas. Velaí a transcendencia da figura de Salvado máis aló das xestas épicas que desenvolveu no bush australiano, da súa tenacidade por levar adiante o seu proxecto, da súa capacidade artística, do seu valor como emprendedor de novos vieiros, e da súa permanente morriña por Tui, a súa terra e as súas xentes.


Comentarios

  1. Interesante aportación sobre a figura do Pai Salvado, un personaxe que contribuiu cunha azarosa vida o coñecimento do continente Australiano. Me tomo a licencia de engadir algún dato a maiores sobor da súa obra. Unha aperta. Xesús.

    http://largandolastreyletras.blogspot.com.es/2011/02/historias-de-tuy-tuy-stories-memorias.html

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Gracias amigo Xesús polas túas palabras. Só un comentario Salvado trouxo as sementes do eucalipto como unha curiosidade científica ou polo seu carecter exótico a Galicia, pero para nada é o responsable da reforestación realizada posteriormente no noso país en base a esta arbore. Como tampouco é o único introdutor do eucalipto en Galicia. Por eso me parece inxusto que se repita tantas veces este comentario sobre Rosendo Salvado ocultando a súa portentosa obra con esta anécdota.
      Unha aperta

      Eliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le