Ir al contenido principal

Historia da Eurocidade (III)

A consolidación de la monarquía leonesa permite que no ano 1071 o rei Don García e a súa esposa Dona Urraca restauran de novo a sé episcopal tudense co  bispo Xurxe que se instala no  mosteiro de San Bartolomeu. O apoio rexio se traduce no 1095 na concesión ao bispo do señorío temporal da cidade de Tui e o seu couto, que abrangue ambas ribeiras do río Miño, boa parte do actual territorio da Eurocidade.

San Bartolomeu de Rebordáns


O nacemento do reino de Portugal establece unha nova dinámica. Os intentos de ambos monarcas por controlar o territorio tudense provocará que, durante varios séculos, sexa escenario de sucesivos episodios bélicos. Con todo, o río Miño se consolida como a fronteira entre ambos reinos –a fronteira máis antiga que existe na actualidade en Europa- sen impedir a vida común entre as súas poboacións e que a diocese tudense ata o século XV se extenda dende o Verdugo ao Limia.

Asi en 1121 y 1126  Dona Teresa, raíña de Portugal, ocupa Tui sendo rexeitada primeiro pola súa irmá a raíña Dona Urraca e posteriormente polo seu fillo Afonso VII. De novo en 1131 e 1137 Afonso I de Portugal invade Tui, asinándose entre este monarca y Afonso VII o 4 de xullo de 1137 a chamada Paz de Tui, que é un dos precedentes do recoñecemento definitivo da independencia do reino de Portugal.

Afonso VII de León, no Tumbo A da Catedral de Santiago

Afonso VII foi un monarca que apoiou decisivamente á cidade tudense, á que dotou en 1142 dunha torre defensiva, próxima ás obras da Catedral –cuia construción comezara unhas décadas antes- no lugar que hoxe ocupa o Concello Tui.

Unha nova ocupación lusa de D. Sancho I en 1169 rexeitada por Fernando II leva a este monarca a que en 1170 conceda á cidade de Tui os seus foros y ordene levantar unha muralla e mesmo o traslado de toda a poboación, tratando de crear un núcleo fortificado e fiel fronte ás pretensións portuguesas ao que decide chamarlle “Buenaventura” aínda con escaso éxito.
De novo en 1186, D. Sancho I toma a cidade de Tui, á que concédelle importantes doazóns. Aos dez anos estallan novas las hostilidades entre D. Sancho y Afonso IX. Así se xustifica que, en 1200 o Rei D. Sancho I mandase construír os primeiros muros defensivos en Valença, entregándolla ao Bispo de Tui, D. Paio Carramondo, para que este a poboase e edificase unha igrexa. En 1212, a recen fundada Contrasta é arrasada polo exército de Afonso IX. En 1217, D. Afonso II mandou repoboala, reconstruír as súas murallas e outorgoulle un foro o “foral”. Será en 1262, por diploma de 2 de Agosto, cando D. Afonso III confirme o foral outorgado, a favor de Contrasta, polo seu pai, pero cambiándolle o nome por Valença. Estas denominación traducen xa as dúas principais funcións desta cidade ao longo dos séculos: militar e comercial.

Sancho I de Portugal

Tui se consolida como un importante núcleo urbano e centro económico e comercial cun dinámico porto fluvial. Os burgueses tudenses se rebelaran en varias ocasións contra o poder temporal de bispo: xa no propio ano 1170 houbo conflitos, en 1211 e finalmente en 1248 que resolve o rei Fernando III en 1250 cunha sentenza que condena ambas partes,  tanto o bispo como os lideres burgueses, e restablece os foros de 1170. Se repetiran estas loitas concellís en 1286 (preito das chaves).

Se no século XII a fidelidade do bispo tudense basculaba entre as dúas coroas, na seguinte centuria estamos xa diante dunha decida aposta castelá. No sécuo XIV, aproveitando a crise política que vive o reino de Castela, as tropas portuguesas intentaran a conquista de Tui en diversas oportunidades. Nas loitas pola sucesión de Afonso XI entre partidarios de Enrique de Trastámara (a quen apoia o bispo) e de D. Pedro I os tudenses se suman a este partido que ao ser derrotado apoian  as pretensións ao trono do monarca portugués Fernando I que en 1369 recibiu unha entusiasta acollida polos tudenses. A vitoria dos “enriqueños” reforzará o papel do bispo como señor da cidade ata o punto que xa no haberá más conflitos cos burgueses tudenses.

Fernando I de Portugal

Estas loitas políticas se unen a unha profunda crise motivada por las malas colleitas que provocan fame e a chegada da peste, cuxa presenza témola documentada en Valença en 1348. Na segunda metade deste século  XIV  e no seguinte serán momentos de crise e dificultades para Tui y de consolidación do papel de Valença na organización da monarquía portuguesa, que reforza as súas estruturas defensivas, en tempos de D. Dinis, con altas torres con balcóns, portas e barbacanas.

A raíz do chamado “Cisma de Occidente” que enfronta ao Papa Clemente VI, refuxiado en Avignon, con Urbano IV que está en Roma, o monarca luso Joao I anima a un grupo de cóengos tudenses partidarios deste último pontífice e fundan col apoio real e dos arcebispos de Braga e Compostela a Colexiata de San Estevo de Valença, iniciándose o chamado “cisma de Valença” ou dos “chamorros”. Haberá que esperar a 1444 cando o monarca portugués consegue a aprobación papal definitiva para a separación do territorio da diocese tudense en terras de Portugal atribuíndo a la recen creada diocese de Ceuta, dependente daquela do reino de Portugal. Testemuño deste momento histórico é a fermosa cátedra que se conserva na antiga Colexiada de Santo Estevo de Valença.

Cátedra da Colegiada de Santo Estevo - século XV |

A perdida da metade do territorio y das súas rendas supón un durísimo golpe para a diocese e para a súa sede tudense que agrava a crise que se vive nestes anos da cabalo entre os séculos XIV e XV.


Comentarios

Entradas populares de este blog

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Lembranza agradecida a Xabier Añoveros

Onte á tarde, nos comezos de setembro, cando xa as horas diúrnas minguaron, o aire nos anticipa a proximidade do outono e as conversas se centraban nestas intranscendencias, recibín a triste noticia do falecemento, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, de Xabier Añoveros Trías de Bes, navarro de berce, barcelonés de vida e traxectoria e tudense de corazón.   “ Tuy (con i grego como adoitaba a escribir pois con este arcaísmo semellaba reflectir mellor a antigüidade da nosa cidade) es una ciudad de la que estoy enamorado desde hace muchos años ” e, como é propio dun noivo, a esta vella cidade lle ten dedicado horas, estudos, e moi especialmente un agarimo permanente centrado na súa querida “Casa da Canicouba”. O seu noivado e posterior matrimonio con Julia García-Valdecasas Salgado, filla da tudense Julia Salgado Peñarredonda, o ligou dende 1968 a este outeiro pétreo sobre o Miño, que é Tui. Non sei se foi a longa tradición tudense da familia de Julia, o rico arquivo da Casa da Ca...