Ir al contenido principal

Nomes tudenses nos Xogos Florais de 1891



Medalla conmemorativa dos Xogos Florais de Galicia de 1891 batida en Vigo polo xoieiro Enrique Pérez en 1891, nunha das caras reprodúcese unha ave fénix agromando das chamas, acompañada da lenda "SURGE ET AMBULA"; érguete e camiña. Na outra cara, pode lerse a lenda: "TUY PRIMEIRA CONVOCATORIA ANO MDCCCLXXXXI - CONSISTORIO DOS XOGOS FRORAIS-GALICIA". Tomado de www.realacademiagalega.org



O 24 de xuño de 1891 a cidade de Tui acolleu un singular acontecemento de grande transcendencia tanto para a cultura como para a vida socio-política de Galicia, nesa data celebráronse no Teatro Principal os Xogos Florais que salientar por ser o primeiro acto público celebrado en Galicia e realizado integramente en idioma galego. Cábelle pois á nosa cidade a honra de comezar unha andaina na que aínda na actualidade estamos como é a normalización do noso idioma. Os nomes senlleiros de Manuel Murguia, Alfredo Brañas, Salvador Cabeza de León, Eladio González… resultarían xustificación para lembrar este acontecemento como un dos fitos máis senlleiros da nosa cidade ao longo dos anos.

Pero neste xogos participaron de xeito destacado diversos persoeiros tudenses que se sumaron con entusiasmo á iniciativa e traballaron arreo na súa organización.

O núcleo tudense que naquela altura colaboraba coa Asociación Rexionalista Galega tiña chegado ata estas posicións de exaltación da patria galega dende os prantexamentos carlistas e mesmo reaccionarios, que atopaban na defensa dos valores tradicionais de Galicia un freo aos ventos reformistas da Restauración. Converxen, pois, de xeito conxuntural, nesta agrupación este sectores católico-tradicionalistas cos grupos rexionalistas, tanto de orixe liberal como federal; entre todos teñen comezado o camiño para a recuperación da conciencia de Galicia como pobo, ou andando os anos, nación diferenciada.

Manuel Murguía xunto con Alfredo Brañas crearan, en 1890 en Santiago de Compostela, o Comité Central Regionalista que promove no ano seguinte a constitución de comités locais, agora xa baixo o nome de Agrupación Regionalista Gallega. O xornal “La Patria Gallega” de Santiago foi o seu voceiro.

A práctica totalidade dos protagonistas tudenses destes xogos fundaran o 15 de abril de 1891 a “Xunta rexionalista” de Tui coa finalidade, segundo recolle La Integridad, de “trabajar por la prosperidad y engrandecimiento de la hermosa región gallega, nuestra segunda patria, fomentar sus intereses materiales y morales y promover el perfeccionamiento de nuestra dulce habla y nuestra literatura”. Esta xunta estaba integrada polos seguintes persoeiros:

Presidente: D. Manuel Fernández de Herva, “Doctor en derecho, Caballero de la Orden Portuguesa de Santiago, del mérito científico y literario e individuo, de la Sociedad de Geografia y de la Academia de Medicina”.

Vice-presidente: D. Eduardo Caballero Canals, “médico y exdiputado provincial.”

Secretario: D. Martín Díaz Spuch, “alumno de sesto año de la Facultad de Derecho” de Compostela.

Vogais: D. Antonino Cerviño González, “canónigo magistral e individuo de numero de las Academias de Ciencias Naturales de Madrid y Barcelona”.

D. Juan Areses Alonso, “Dr. En Farmacia e Teniente-alcalde”

D. Justo Salvador Fortes Domínguez, “director de La Integridad”

D. Indalecio Rodríguez de Córdova, “presidente de la Sociedad Casino”

D. Manuel Lago González, “catedrático del Seminario”

D. Juan Álvarez Cordero, “Licenciado en Farmacia”

D. Leoncio Comesaña González, “abogado”.



Certamente neste listado ficaron varios nomes no esquecemento e doutros son escasos os datos que posuímos. Mesmo de Manuel Fernández de Herba carecemos doutros datos que as súas palabras pronunciadas un interesante discurso no banquete conmemorativo destes Xogos florais celebrado o 26 de xuño na súa condición de presidente da Xunta rexionalista tudense: “que seamos gallegos antes que políticos, que nos alistemos, en fin, sin vacilaciones y desalientos en la gran cruzada del regionalismo (…) al grito de ‘Dios lo quiere, han vencido ellos’; al grito de ‘Galicia lo demanda’ venceremos nosotros si la protección de Dios no nos falta, y la protección de Dios no falta nunca a las causas justas y nuestra causa es justa; es santa, es bendita, porque es la causa de la libertad y el derecho.”

Escasos datos temos tamén de Eduardo Caballero Canals, este médico tudense posuía unha dilatada traxectoria política, pois nos inicios da I República asina, xunto a outros tudenses, un manifesto de apoio a candidatura a Cortes do tudense Severino Martínez Barcia, que resultará electo nos tres comicios convocados polo réxime republicano.

Outro nome, case esquecido en Tui, é o de Martín Díaz Spuch, nado na nosa cidade no 1865, licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago e doutor en dereito cun tese titulada 'Modificaciones introducidas por el Código Civil en la legislación anterior sobre hijos naturales'. Acadou praza na carreira diplomática, sendo vicecónsul en Buenos Aires e logo cónsul en Tanger, finando en Cádiz en 1912. Participou na conferencia de Algeciras, publicando en “La Integridad” as crónicas deste cumio co seudónimo de “Abdallah”. Colaborou en numerosos xornais e revistas especialmente “La Integridad” tudense (dende a que mantivo unha famosa polémica con “El Pensamiento Galaico” de Santiago), “Galicia Moderna”, etc. Autor de diversas pezas poéticas, foi un galardoados nos Xogos florais tudenses coa súa obra “O derradeiro trovador”. Martín Díaz Spuch foi logo membro non numerario da Real Academia Galega.


Antonino Cerviño, cunha biografía mais coñecida, era daquela cóengo maxistral do Cabido tudense. Foi numerario da Real Academia Galega e asiduo colaborador nos xornais do seu tempo. Con sona de gran orador pronunciou un famoso “sermón rexionalista” en 1891 na Catedral tudense na función de San Telmo, celebrada aquel ano o 24 de xuño, no que clama pola redención e a emancipación de Galicia e a defensa do idioma propio. No prólogo con que introducía a súa publicación en “La Patria gallega”, órgano oficial da Asociación Rexionalista de Galicia, fai esta declaración de principios: “Ningún pueblo es tan desgraciado como el gallego y ninguna clase más digna de lástima que el labrador de nuestros campos. He aquí la primera causa de mi regionalismo… Queremos ahora curar nuestras llagas y para eso que nos dejen en paz los que hasta ahora nos han chupado la sangre…Llevamos en el corazón un espina que debe interpretarse por un ansía de una nueva existencia, por un deseo de que Galicia se emancipe y viva una vida libre e independiente… El castellano expresará muy bien lo que allá se siente, lo que allá se piensa, pero no puede expresar lo que sentimos y pensamos los gallegos; eso solo puede expresarlo nuestra habla, que es brote de nuestra naturaleza, expansión de nuestra alma y manifestación viva de nuestros sentimientos”.





Febles son os datos sobre Juan Areses Alonso, que era daquela tenente de Alcalde no Concello tudense. Natural de Oleiros – Salvaterra, dotoruse en Farmacia cunha tese titulada “Estudio de las solanáceas y sus alacaloides, hecho en las especies más importanes y comunes en Galicia”, amais era un notable químico e analizou numerosas augas medicinais galegas. Casado coa sobriña de Manuel Amoedo, que fora alcalde de Tui, e con quen se asociara na botica que posuían entre a Praza do Concello e a rúa das Monxas –nunha casa actualmente en rehabilitación- e da que logo ficou como único propietario. Finou no ano 1935.

Tampouco son amplas as noticias sobre Indalecio Rodríguez de Córdova, fillo do farmacéutico vigués asentado en Tui Juan Antonio Rodríguez Bustillo, emigrou a Cuba como os seus irmás e formou parte do Corpo de Aduanas, regresando a Tui cando comezou o seu proceso de independencia.


Outro dos tudenses protagonista daquela xornada foi o presbítero Manuel Lago González, daquela profesor no Seminario tudense, e voceiro naquel acto dos Xogos Florais da Xunta Rexionalista da nosa cidade. O seu discurso titulado “Gabanza da lengua galega” comezou cunha cita do poeta Francisco Añón: “Ai, esperta, adourada Galicia / dese sona en que estas debruzada” engadindo que Galicia a tiña escoitado e tíñase levantado para dar testemuña do que vale a súa lingua e publicar as fazañas dos seus fillos.

Lago, tras abandonar forzosamente “La Integridad” no 1896 trasládase ao Seminario de Lugo, acadando posteriormente unha praza de cóengo na Catedral lucense. Foi logo bispo de Osma, Tui e arcebispo de Compostela. As súas posturas ideolóxicas teñen suscitado mais dun debate historiográfico pois procedendo do carlismo mais integrista mantivo un activo galeguismo, basicamente de carácter cultural, gozando así de favorable acollida entre o mundo galeguista. Acadou unha das primeiras cadeiras da Real Academia Galega e foi membro de honra do Seminario de Estudios Galegos. A Lago debémoslle unha frase que pronunciada no seu discurso de recepción na Universidade compostelá fará historia: “Amando a Galicia amaremos a Deus e seremos profundamente relixiosos”. Cunha ampla e coñecida biografía omitimos agora outras noticias ao respecto.

Este 24 de xuño de 1891 pasa á historia de Galicia pola reivindicación que se facía do galego e do seu uso público e por ser unha das escasas oportunidades que os diversos sectores rexionalistas converxen neste evento. Aos poucos meses as diferenzas entre tradicionalistas e liberais impedirán a consolidación do movemento rexionalista. Sirvan estas breves liñas para lembrar o protagonismo dun feixe de persoeiros tudenses neste acto que colocou a Tui como avangarda de Galicia e da recuperación da súa cultura e, nomeadamente, da súa lingua.



(Publicado parcialmente en Faro de Vigo, suplemento Baixo Miño / Louriña de 24 de xuño de 2006)

Comentarios

Entradas populares de este blog

A lenda do túnel baixo o MIño

As lendas ou narracións populares, transmitidas oralmente, relatan xeralmente acontecementos ficticios que se teñen por reais, en moitas ocasións mesturados con feitos históricos. Pola súa capacidade de evocación, pola súa transmisión xeracional as lendas conforman un acervo do que chamamos patrimonio inmaterial que cómpre recoller e preservar. Na nosa cidade conservamos varias lendas vencelladas ao caracter histórico da nosa localidade, ao seu caracter fronteirizo e consecuentemente a súa fortificación fronte aos posibles invasores. A máis asentada no imaxinario colectivo tudense é a relativa ao “túnel” que comunica Tui coa outra beira do Miño, coas terras de Valença. Resulta moi significativa esta lenda pois testemuña como na mentalidade dos tudenses a fronteira e a súa condición de limite, de aillamento fronte ao estranxeiro era superada polas nosas xentes que a través do túnel escapaban destas “imposicións” e mantiñan a comunicación coas terras irmáns que as estructuras políticas t…

A Semana Santa tudense e as súas posibilidades

Xa na noite do Venres Santo xorde de novo unha reflexión sobre a Semana Santa tudense, pois quizais na nosa cidade non chegamos albiscar as súas potencialidades como elemento que forma parte do noso acervo patrimonial que temos a responsabilidade de conservar, sen privala da súa dimensión relixiosa, e dende esta valorización é tamén un posible recurso turístico para Tui, pois poucos lugares de Galicia teñen unha riqueza similar nestas xornadas.


Neste mesmo blogue temos sinalado que inmediata celebración das festas patronais de San Telmo distorsiona a visión destas xornadas de celebración do misterio pascual de Xesús, configuradas como un preludio das festas e, consecuentemente, infravaloradas non xa na súa dimensión espiritual senón na súa significación cultural. Cómpre valorizar as actividades litúrxicas ou para-litúrxicas destas datas, pois, independentemente da súa significación relixiosa ou espiritual, conservan requintadas expresións da nosa historia colectiva da que somos custodi…

O grupo "Ultreya" tudense (I)

A comezos do ano 1932 o daquela profesor do Instituto de Noia, Álvaro de las Casas, funda con varios rapaces alumnos seus os Grupos Ultreya que terán un curto pero activo papel no desenvolmento da nacionalismo entre a mocidade galega.
Alvaro de las Casas (Ourense, 1902 – Barcelona, 1950) é unha persoalidade apaixoante (o estudo de Uxio Breogan Dieguez asi o documenta). Tras os seus estudos de Filosofía e Letras (especialidade de Historia) en Valladolid, trasladouse a Madrid sendo nomeado secretario particular do conde de Vallellano, alcalde de Madrid. Mantivo de sempre grande relación con intelectuais galegos especialmente con Vicente Risco.
Pero en 1930 da un xiro a súa actividade, adoptando unha actividade galeguista e republicana, incorporándose ao ensino público. Chega en 1930 como profesor de Xeografía e Historia ao Instituto de Noia, posto no que continuará ata a súa destitución polos sublevados en agosto de 1936, cando xa tiña fuxido para Portugal. Tivo unha traxectoria ás veces …