jueves, 22 de septiembre de 2011

Na morte de Xosé Luis Méndez, "Lis"


Impactado aínda pola luctuosa noticia da morte, neste xoves 22 de setembro, do pintor tudense Xosé Luis Méndez “Lis” dende as páxinas de “Tudensia” queremos rememorar a este singular artista, participante asiduo na vida tudense ao longo das últimas décadas, con estas liñas de lembranza garimosa.
Xosé Luis Méndez Rodríguez, tiña nacido en Tui en 1958 e dende novo amosou a súa habelencia con lapis e logo cos pinceis.  Xa con 17 anos participa na I Mostra de Arte Popular no Baixo Miño en A Guarda e no ano 1980 realiza a súa primeira exposición individual na Casa da Xuventude tudense. Dende aquel numerosas exposicións colectivas e individuais enchen a traxectoria artística de “Lis”, que no ano 2008 expón na Casa de Galicia en Madrid e finalmente en xuño do pasado ano 2010 na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, na que sería a súa derradeira exposición individual, “A cor da música”. Estas dúas últimas mostras en compañía do escultor Raimundo Martínez “Rai”.


Na obra de “Lis”  color e a luz se converten en absolutos protagonistas e na súa mistura xorden as formas e obxectos, creando ao longo dos anos un estilo propio, unha xeito de composición moi propio que singulariza a súa producción. O seu interese pola composición, creada sobre a base do dominio do debuxo e dunha sabia combinación de cores, luces e apuntes de figuración creada a partires de liñas que definen as masas cromáticas era un tema recorrente nas súas conversas.
Como sinala o critico Silvestre Gómez, “A pintura de Lis é unha sinfonia e unha regueifa de cores e liñas fuxidías, metáfora de imposibles pentagramas que mostra a consolidación dun estilo persoal (...) que procura novas formas expresivas para sorprenderse e sorprendernos”.
Pero como autor, en boa medida autodidacta, tamén traballou noutros ámbitos artísticos, como foi o cartelismo –ao longo de varios anos foi autor, por exemplo, do cartel anunciador das festas de San Telmo- e compartiu labor con escultores do Baixo Miño, como é o caso de Antúnez Pousa. Esta polivalencia foi enriquecedora para a súa producción artística.


Perde Tui un singular artista que nos ten enriquecido coa súa aportación onde as cores, nas súas últimas series retratando músicos, son o elemento substancial do seu particular estilo. Posiblemente o máis esencial da achega artística de Lis sexa o seu peculiar estilo, certamente único, que identifica á súa obra, froito dunha alongada traxectoria de traballo e aprendizaxe.
Coas nosas condolencias para os familiares e amigos, sirva este post de sinxela lembranza á figura de Xosé Luis Méndez, “Lis”.

3 comentarios:

  1. Sumo desde "FERRUXADAS" mis condolencias a los familiares, pero también a toda la sociedad tudense por haber perdido un referente cultural. Si terecordamos, seguirás viviendo entre nosotros.

    ResponderEliminar
  2. Grazas polas túas palabras. Oxalá meu pai non nos deixara tan cedo...

    ResponderEliminar
  3. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

    ResponderEliminar