Ir al contenido principal

A Catedral de Vigo está en Tui



Logo de varios dias de descanso leo, con sorpresa, que o Alcalde de Vigo reclama para a súa cidade que a actual con-catedral de Santa María pase a posuír a condición de Catedral. Unha teima que xa enunciou, hai agora dous anos, cando reclamou diante do anterior bispo de Tui-Vigo que a denominación da diocese fose exclusivamente como “diocese de Vigo”.

Posiblemente estes “desatinos” do alcalde vigués non son merecentes de consideración pois, ata certo punto, o mellor sería non darlles aprecio. Pero non me resisto a un comentario dende “Tudensia” para evidenciar o seu despropósito, un anceio de “cesaropapismo” que invade, de cando en vez, ao alcalde vigués. Como alguén afirmou hai dous anoa: “Tui-Vigo: a primeira diocese con alcalde?”.

Crear unha polémica localista e “paleta” como a que promove o Alcalde de Vigo é unha irresponsabilidade pois en aras a un recoñecemento do papel estratéxico de Vigo pretende anular a singularidade dunha vella cidade como Tui que ten na súa condición episcopal unha das súas principais sinais de identidade.

Estas manifestacións xorden, en primeiro lugar, da ignorancia da historia e da tradición da Igrexa na nosa terra. A denominación da diocese, e consecuentemente da ubicación da cátedra do seu bispo, non compete a este senón que atinxe, en exclusiva, á Santa Sede. Tampouco compételle á autoridade civil determinar a actividade da Igrexa, pois a propia laicidade, que a mesma Igrexa preconiza, garante esta independencia. Resulta sorprendente que un alcalde dun partido que anuncia unha inmediata lexislación sobre liberdade relixiosa para afondar no laicismo e mesmo que a vida relixiosa fique para a intimidade persoal reducindo a súa proxección pública, se entremeta deste xeito na vida eclesial, pretendendo usurpar as atribucións da Igrexa en materia de culto e fe.

Tamén cómpre lembrar que na vida da Igrexa a tradición ocupa un lugar preeminente, pois é consustancial a súa propia existencia, xunto coa Escritura e o Maxisterio, expresións da Revelación de Deus aos homes. O mantemento da Tradición, como proba da continuidade da transmisión da fe, require o mantemento da Catedral de Tui para testemuñar o carácter apostólico da fe que profesamos os católicos, pois a tradición sinala a San Epitacio, discípulo do apóstolo Santiago, como primeiro evanxelizador e bispo tudense e a historia amosa a continuidade deste sede de Tui dende o século VI. A Igrexa non pode esquecer esta tradición sen renunciar ás súas raíces, ás súas características consustanciais, á súa propia identidade.

Estas tradicións, máis próximas á lenda que a realidade histórica, sinalan que foi o Apóstolo Santiago quen no decurso da súa predicación nestas terras miñotas nomeou ao primeiro bispo de Rates e logo de Tui. Será no século VI cando atopamos documentada a existencia dun bispo de Tui coa súa correspondente xurisdicción territorial ou diocesana. Ata o ano 1959 mantívose esta nomenclatura, de diocese de Tui, como expresión desta tradición histórica milenaria. A propia existencia da Catedral como monumento histórico-artístico e coma expresión da fe dun pobo testemuña esta condición. Coa correspondente bula pontificia dende aquela data mudouse a súa denominación pasando a ser “diocese de Tui-Vigo” mantendo entre ambas cidades os diversos servizos e ministerios diocesanos.

Foi daquela unha dolorosa ferida para a cidade de Tui que sentiuse especialmente denigrada por aquela transformación, tanto polo fondo do asunto como, especialmente, polas formas en que foi levada adiante. Hoxe logo de 50 anos está xa asentada esta organización diocesán, aínda que a saudade daqueles tempos non poida ser completamente esvaecida.

Conservar a Catedral na vella acrópole tudense testemuña para todos cantos se achegan ata a súa portada unha historia, unha tradición, unha vida de fe que atopa nestas pedras labradas a sua máis fermosa expresión. Arrincar da memoria da igrexa diocesán de Tui-Vigo esta proba da súa confesión de fe colectiva ao longo dos séculos sería privala dunha parte sustancial da súa mesma personalidade..

A cidade de Vigo tense caracterizado pola súa condición de cidade de acollida, onde o traballo de xentes chegadas de toda Galicia e doutros lugares teñen contribuído á creación e progreso da principal cidade de Galicia. O propio Abel Caballero, é exemplo desta condición, natural de Ponteareas estableceu a súa residencia en Vigo, como tantas outras xentes, moitas tamén procedentes de Tui. Esta condición viguesa de sumar, de acoller a todos, ráchase cando pretende realizar o seu propio progreso a costa dos outros, dos veciños máis achegados, cando a preeminencia de Vigo téntase a expensas, neste caso, de vella cidade de Tui.

Neste momento en que Vigo quere liderar un Área Metropolitana, que abrangue a numerosos concellos do seu entorno, para ofrecer aos cidadáns mellores servizos públicos, resulta sorprendente que o liderado de Vigo, que todos admiten, teña expresións tan irrespectuosas como esta petición do Alcalde vigués. O liderado da cidade olívica non pode ser contra ninguén nin a costa de ninguén, o respecto á diversidade, as peculiaridades de cadaquén é imprescindible para traballar nun proxecto común.

Trátase dun caso con evidentes paralelismos coa pretensión de certos sectores vigueses co seu Alcalde ao fronte, que levaron adiante a “invención” do camiño portugués da costa, reclamando o seu recoñecemento oficial que, por certo, aínda non se produciu. Importantes campañas nos medios de comunicación, declaracións moi “altisonantes”... e aínda hoxe en Vigo non está sinalizado o camiño nin existe un albergue para acoller aos posibles peregrinos...

Conservar a nosa historia, asumir a súa memoria e pervivencia é imprescindible para que os nosos pobos poidan progresar dende bases sólidas, manter a súa identidade e sentirmonos como parte de Galicia. En consecuencia, a conservación da actual situación, tanto no que atinxe ao nome da diocese como a ubicación da súa Catedral, patentiza o respecto pola historia e a tradición como valores consustanciais para a nosa afirmación colectiva e o recoñecemento da situación actual que ten evolucionado co paso do tempo, e onde Vigo ocupa o lugar preeminente que Tui ocupou en tempos pretéritos. E así certamente a Catedral de Vigo está en Tui do mesmo xeito que o o bispo de Tui reside en Vigo.

Rafael Sánchez Bargiela

Comentarios

  1. Eu estou con Tui. É máis, non me gustan as dióceses con dous nomes. Neste caso, cando se fixeron cadrar os lindeiros políticos (das provincias) cos dos bispados (perdendo daquela Tui a terra de Ribadavia), debera manterse a denominación antiga de "bispado de Tui". Clodio González Pérez.

    ResponderEliminar
  2. Parabéns polo excelente blog. A rigurosidade dos datos, o interés histórico dos temas, o ameno dos textos, e o nivel dos colaboradores, fan del un blog que todas as semanas consulto na procura de novos artigos.
    José Luís Alonso

    (Os que non sabemos e queremos aprender,tamén nos fixamos na gramática, por iso, ademais de felicitalo por escribir en galego, pediríalle que cuidara a colocación do pronome "tampouco compételle" por "tampouco lle compete", ou "que sentiuse" por "que se sentiu" no último artigo) Grazas.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall