lunes, 1 de septiembre de 2008

Cincocentos anos das"Encerradas" tudenses

Polo seu interese reproducimos o artigo editado no suplemento "Baixo Miño" do Faro de Vigo do pasado sábado 30 de agosto de 2008.


CINCOCENTOS ANOS DAS “ENCERRADAS” TUDENSES
Nunha data indeterminada do ano de 1508 dez mulleres de Tui xuntánse para comezar a vivir en comunidade a súa vocación relixiosa, poñendo en común as súas pertenzas e posesións. Eran aquelas mulleres, segundo recolle o benemérito historiador tudense Avila y La Cueva, as seguintes: Ana de la Cruz, Leonor de Cristo, María Francisca, Inés Pérez, María González, Blanca de Cristo, Isabel Agustina, Ana de los Santos, María Vázquez xunto con Dona María Suárez Sarmiento, Vigaria desta comunidade.
Andando os anos anos esta grupo de mulleres adoptan a regla de San Francisco, acadando do Papa León X unha bula de 13 de novembro de 1515 pola que se lles concede vivir segundo a Orden Terceira de Penitencia Claustral do mesmo santo, ficando baixo a xurisdicción e obediencia dos bispos de Tui. Fúndase deste xeito definitivamente o Mosteiro da Nosa Señora da Concepción ubicado daquela nunha casa, que aínda se conserva, na propia rúa das Monxas (ou rúa da Oliveira, como era denominada daquela), case fronte a actual igrexa monasterial. Unha vivenda do século XV, aínda hoxe propiedade das Monxas, e que conserva unhas mensulas decoradas na súa fachada que adoiban de xeito máis evidente este histórico solar. Posteriormente, o bispo tudense Miguel Muñoz dóalles a igrexa de Santa María da Oliveira e solares anexos, comezando pois en 1544 a edificación do que chegaría a ser o actual mosterio.
As fundacións monásticas protagonizadas por mulleres son unha constante naqueles séculos de transición da Idade Media ao Renacemento, pois xunto a función social que realizaban –acoller a moitas fillas de familias fidalgas e burguesas- expresan tamén unha vitalidade dos sentimentos religiosos, expresadas naqueles anos na “devotio moderna” e as reformas que emprenden as diversas ordes relixiosas na procura dunha maior autenticidade.
A primitiva fundación que recolle Avila y La Cueva: “unas devotas señoras que resolvieron recogerse en una casa a vivir en forma de comunidad y se juntaron hasta diez, haciendo alli un oratorio para oír misa, comulgar, rezar y ecomendarse a Dios” corresponde co fenómeno extendido nos seculos XV e XVI de creación de beateiros. Estes beateiros son comunidades de mulleres leigas que deciden vivir xuntas unha vida piadosa, austera e ríxida, sometidas únicamente ás normas de convivencia que elas mesmas impóñense, sen adherirse a unha regla religiosa, levando en moitos casos unha vida máis dura que se estivesen nun convento. Son mulleres santas pero que ansían vivir a súa aspiración de santidade máis libremente. A xerarquia eclesiástica non pode pronunciarse directamente en contra pero non os promociona en absoluto. Este é un fenómeno estendido por toda Europa e que atopa nos beateiros das beguinas de Belxica a súa expresión máis coñecida.
Tamén o camiño que seguirá no tempo este beateiro tudense é parello ao que sucede neutros moitos lugares, co tempo acaban converténdose en mosteiros de clarisas, que serán os centros regulares onde a espiritualidade feminina se exprese con máis libertade e plenitude como comprobamos nos senlleiros nomes que xordirán desta e doutras clausuras.
Tamén este centros cumpren unha importante función social de acoller as fillas na nobreza local que evita así unha excesiva fragmentación do seu patrimonio (a dote para o convento é menor que a dunha boda) e apoiarán con doazóns este mosteiro dotamdoos dun patrimonio que garante a súa existencia, xa a primeira vigaria posúe uns apelidos vencellados as elites do poder local.
Consecuentemente neste ano 2008 celebramos cincocentos anos de presenza das Monxas “Encerradas” na nosa cidade, ata o punto que podemos considerar a esta comunidade monástica como unhas das referencias más senlleiras da identidade tudense. Aínda hoxe logo de cinco séculos as campás das “Encerradas” marcan o discurrir diario da vida desta vella cidade, os seus peixiños de amendoa seguen sendo o principal expoñente da gastronomia tudense, a exposición permanente do Santísimo Sacremento todas as mañans na igrexa monástica congrega a moitos tudense naquel recinto, o esplendor arquitectónico do conxunto conventual e de xeito especial do tunel que comunica a rúa das Monxas coa rúa do Ouro… converten ás nosas Monxas “Encerradas” nunha das referencias máis queridas da existencia tudense.
Ao mesmo tempo a presenza ao longo de tantos séculos, dunha comunidade de mulleres dedicadas á vida de oración, de contemplación, de traballo, de estudio… amosando a plenitude da existencia conventual coma un testemuño perenne dunha vida de fe, de experiencia trascendente, de radicalidade evangélica que a ninguén deixa indiferente, especialmente ao contemplar a súa debilidade actual que non resta un ápice de vixencia a súa misión senón que a dota de máis cercania ao Evanxeo.
Estou certo que as nosas clarisas, as monxas “Encerradas” son unha parte da ialma de Tui, elas que están abertas na súa existencia diaria á vida de todos os tudenses a través das súa oracións, son merecentes do noso recoñecemento e gratitude ao cumprirse os cincocentos anos da súa existencia.
Rafael Sánchez Bargiela

No hay comentarios:

Publicar un comentario