Ir al contenido principal

Tui na revista "Nós"

 

Galicia está a conmemorar o centenario da fundación, na cidade de Ourense, da revista “Nós” e, por extensión, da denominada xeración ou grupo Nós. Un feixe de creadores e dinamizadores da vida cultural, social e política de Galicia entre 1920 e 1936. Vicente Risco (1884-1963), Ramón Otero Pedrayo (1888-1976), Antón Losada Diéguez (1884-1929), Florentino López Cuevillas (1896-1958), Ramón Cabanillas (1876-195) e Castelao (1886-1950) son algún dos nomes máis relevantes da historia da cultura galega e os principais representantes deste grupo.


En xuño de 1920 unha xuntanza deste fato de intelectuais realizada no Café Méndez Vigo, de Pontevedra, foi o xerme dun fito histórico e cultural en Galicia: o nacemento da revista Nós, o 30 de outubro dese mesmo ano na cidade de Ourense, verdadeira cerna deste grupo. A revista será impresa en Pontevedra dende 1923, ata que no número 18, coa ditadura de Primo de Rivera, suspéndese a publicación. En 1925 volvería á imprenta na Coruña e logo en Santiago de Compostela ata o derradeiro número, que viu a luz pouco antes da sublevación militar de 1936.

Creada e editada por este grupo de intelectuais desde 1920 ata 1935, con Risco como director literario e Castelao como director artístico, a revista insírese dentro do proxecto de modernización e europeización da cultura galega que esta xeración proclamaba, combinando así dunha maneira novidosa tradición e innovación. Vinculada estreitamente ao pensamento nacionalista, a revista Nós pretendía defender e normalizar o uso do galego, utilizándoo integramente, incluso nos anuncios publicitarios e nas ilustracións que presentaba. Con contidos literarios, lingüísticos, artísticos, etnográficos, filosóficos e de pensamento político, o seu carácter multidisciplinar tivo unha profunda pegada na cultura galega, non só pola renovación e a vangarda que supuxo, senón por reforzar a nosa identidade como comunidade.  Foi unha aposta por un discurso cultural e moderno desde Galicia en diálogo coas correntes innovadoras daquel momento. Como afirmaba Vicente Risco: “Ser diferente é ser existente”.

Xa neste blog nos temos ocupado dunha das máis relevantes achegas realizadas dende esta revista en relación con Tui, como é a tradución, por vez primeira, a unha lingua romance do “Quod nihil scitur”, a gran obra filosófica do humanista tudense Francisco Sánchez.

Na arela multidisciplinar da revista no seu número 12, de 25 de agosto de 1922, publica o artigo “O filósofo de Tuy  dedicado á figura do tudense Francisco Sánchez, que, tras esta primeira entrada, cunha introdución á obra e biografía do filósofo, continuará coa tradución ao galego da principal obra de Francisco Sánchez, “Quod nihil scitur”.  A tradución se publica nos seguintes números: 14-15, 19-23, 26-27, 30, 35-37, 40, entre 1922 e 1927. A tradución da obra e a introdución é realizada polo profesor de filosofía Xan Aznar Ponte, que naquel ano 1922 exercía a docencia no Instituto de Ourense. Os coñecementos de Xan Aznar da filosofía moderna e da historia da filosofía consolidados na súa estadía en Europa, como bolseiro da Juan de Ampliación de Estudios, encaixan perfectamente co espírito que Risco e os seus compañeiros en “Nos” pretendía darlle á revista para normalizar e internacionalizar a cultura galega. Neste sentido a figura do médico e filósofo Francisco Sánchez resulta sumamente pertinente para este obxectivo.

Máis información deste tema en: http://tudensia.blogspot.com/2020/05/francisco-sanchez-traducido-ao-galego.html

O único tudense que figura como colaborador nas páxinas de “Nós” é o egrexio investigador Manuel Fernández Costas (que dende 1947 asinará como Manuel Fernández-Valdés Costas). Dedicado profesionalmente ao mundo administrativo (era administrador de Aduanas) a inquietude intelectual levouno, dende moi cedo, ao ámbito da prehistoria e a arqueoloxía, chegando a ser un reputado especialista nas industrias líticas. Foi membro do Seminario de Estudios Galegos e de numerosas institucións culturais e científicas (máis información en:  http://tudensia.blogspot.com/2018/02/manuel-fernandez-valdes-costas-unha.html ).

Na revista comeza a súa colaboración en 1926 cun traballo titulado “Unha nova vía romana” que asina con Manuel Fuentes Canales onde estudan os restos arqueolóxicos deste antigo camiño no val do Támega. Fuentes Canales, tamén como Fernández Costas, un profesional administrativo, neste caso da banca, que investiga sobre o noso pasado, morrerá paseado nos inicios da Guerra Ciivil.

Fernández-Valdés publica logo, nos números 64, 65 e 66 (de abril, maio e xuño de 1929), un artigo por entregas sobre “As Industrias líticas d'a Guardia” que aborda o estudo do material desta industria achelense, denominada naquel momento como “camposanquiense”, cos debuxos de C. Padín (que completa as ilustracións nunha nova entrega no número 69 de 15 de setembro de 1929).

Este ilustrador C. Padín é, practicamente seguro, o tudense Eduardo Padín, familiar e amigo de Manuel Fernández. Alvaro Caramés, experto coñecedor da obra de Padín, comenta que nese tempo o debuxante de Tui empregaba como sinatura unha “e” maiúscula que ben puido ser confundida cun “c”.




No ano seguinte Manuel Fernández continuará afondando no tema cunha nova aportación: “Notas en col do asturiense na bisbarra d'A Guardia : campaña de 1929” cun artigo no número 83, de 15 de novembro de 1930. Será este o último traballo de Manuel Fernández-Valdés na revista “Nos” pero non a última mención ao seu labor, pois aparecerá citado posteriormente na revista ao referirse á sección tudense do grupo xuvenil “Ultreya” nos números de xullo e agosto de 1933.

As mencións ao historiador tudense se completan cunha cita do investigador portugués Afonso do Paço que nun artigo sobre “pesos de rede e chumbeiras” sinala: Informame o Rev. P. Jalhay que está em preparaçao um trabalho do Sr. Manuel Fernandez Costas sobre pesos de rede. Esperando que o ilustre arqueologo resolva o assunto ou sobre ele nos traga grande conhecimentos, faço votos por un feliz éxito da súa obra. Publicado no número 78 de xuño de 1930. Non me consta que o agardado traballo de Manuel Fernández chegase a ser editado.

O seguinte autor vinculado á esta revista foi, serodiamente debido a súa idade, Xosé María Álvarez Blázquez. A primeira referencia ao polígrafo tudense data de 1933; no número 109 de 15 de xaneiro, Vicente Risco asina un breve que recolle unha referencia á edición de “Abril, versos”, o primeiro libro editado por Álvarez Blázquez, con portada deseñada por outro tudense, José Castro Arines, que daquela, compartía con Xosé María Álvarez militancia nas Mocidades Galeguistas e daba os primeiros pasos como ilustrador, aínda que sería logo coñecido pola súa condición de crítico de arte.

JMAB seica é de Tui, qu’esta antr’o mar e a terra e antre Galiza e Portugal. Cecais como fronteirizo, home da raia, escribeu este libro en castelán. A critica de Risco incide neste aspecto de obra aínda inmadura e de escaseza literaria.

“Nós” editaba, aínda que sen unha periodicidade concreta, unhas separatas ou auténticos libros sobre diversas materias, desde teoría nacionalista a obras literarias. Así no ano 1935 nunha destas separatas foi publicada “Os ruíns (novela)” de Xosé María Álvarez Blázquez, que amais de ser a primeira obra narrativa do autor tudense evidencia como a súa calidade literaria incrementarase superando as reticencias de dous anos antes.

Un persoeiro tudense ao que “Nós” presta ampla atención é Manuel Lago González. No número 17, de 1 de marzo de 1923, saúdan con entusiasmo ao novo arcebispo de Compostela: Dempois de mais d-un seculo en que ningún galego rexia a groriosa Eirexa Compostelán, co-a mais grande ledicia vemos hoxe nomeado pr-o mais outo posto relixioso de Galiza ó siñor Manoel Gonzalez Lago, bispo de Tuy, galego de nacimento e de corazón, grande teólogo e filólogo, sentido poeta galego e de tantas virtudes como cencia: un verdadeiro prestixio da Eirexa e da Nosa Terra. Creemos con toda fe que este feito siñificativo marca un novo tempo y-un froitoso camiño pr-á vida relixiosa y-espiritoal de Galiza. NOS leva ó Dr. Gonzalez Lago a mais forte noraboa chea de quentura e de fondas esperanzas.

O falecemento de Lago, o 18 de marzo de 1925, non é recollido pola revista pois entre xullo de 1923 e agosto de 1925 estivo suspendida pola Ditadura de Primo de Rivera. Pero a estima polo arcebispo tudense non esmoreceu e así en febreiro de 1934, cando o traslado das súas cinzas na catedral compostelá, edítase unha separata co titulo “Homaxe ao arcebispo Manoel Lago González” con palabras emocionantes sobre a figura de Lago e unha escolma de poemas.

Xa anteriormente no número 75, de 15 de marzo de 1930, Xosé Filgueira Valverde dedica un artigo á recentemente creada “Biblioteca Lago” tras a adquisición pola Universidade de Santiago da biblioteca persoal do egrexio prelado: “Biblioteca Lago é decir galeguidade e universalidade, ampria longanza científica, investigacións das orixens e degoro das novedades, aficións de botánico, bibliófilo e poeta, alicerce de rexa formación relixiosa, e practica de moitas linguas, como medio de traballo (...)

Na noite de Tuy, deitada en fondas venelas, como auga en pousados canles, a luciña da cámara do bispo remexía as tebras deica o rayar do sol, e na noite compostelán, temerosa sempre d’un espertar das arquitecturas barrocas, aquel cuartiño de estudiante en que durmía, acenaba sempre roitas de traballo, c’unha limpa rayola, testemuño do ser ergueito viaxar. Aínda aquela doorida mañán de marzal en que, denantes que soaran as bateladas da i-alba, viñeronme chamar pra acompañar o seu Viático, o mellor adobío da espida habitación eran uns libros, pechados de días, sobre calquera mesiña, uns pobre libros que agardarían aínda agora un mán cariñenta se non estiveran cabo de nós. O busto romanizante posto no medio da Biblioteca, do seu nome, non é o do brando pastor do pobo fiel senón o de un xerente de pobos.

Completan as referencias a Tui dous artigos de Ramón Otero Pedrayo. No número de decembro de 1928 e no seguinte, xaneiro 1929, publica o “Itinerario facultativo del viage a Galicia que el Sr. Conde de Guzman, del Consejo de S.M. en el de Hacienda, Intendente del Exercito, Inspector General de Caminos y Canales de Navegación... emprendió en este año de 1799 con motivo de inspeccionar la carretera que solicitan las tres provincias de Santiago, Orense y Tuy”. Nesta visita que realiza achega unha breve descrición da nosa cidade con pouca estima pola mesma: Ningún edificio antigo meresce atención. Catedral: unha mole gótica que aún ni en esta especie de arquitectura se le concede mérito.

Nun novo artigo, publicado no número 116, de 15 de agosto de 1933, Otero Pedrayo describe a viaxe de John Milford por Galicia, en 1814, con referencia a Tui, cunha opinión máis benigna sobre a nosa cidade: “vila ben edificada, coa súa Catedral soilo notable pol-antiguedade, disfroita de ditosos paseos e da vista do val”.

Referenciar outra breve referencia de Marvin Chauncey Ross que analiza nun traballo sobre “O bággo en forma de Tau na Galiza” con referencia ao bágoo, ou báculo, atribuído a San Telmo que xa cita Ambrosio de Morales e que se conserva na catedral tudense (no número 120, de 15 de decembro de 1933).

Finalmente, completa esta panorámica a importancia que dende “Nós” outórganlle á relación entre Galicia e Portugal. A presenza de autores portugueses é habitual, pero especialmente a información sobre novidades literarias e editoriais portuguesas, ou coa publicación de textos literarios de autores portugueses ou galegos que abordan esta relación. Como é este poemiña do Marqués de Figueroa, Juan Bautista de Armada y Losada, titulado “Falares miñotos”, publicado no número 15, de setembro de 1925:

 

D’unha n-outra beira o rio,

como os paxariños saltan,

dan ôs aires váreos sons,

e tan soyo un amor cantan!

 

Eu, miñoto, de ribeira

cámbeo sen mudar meu ser;

as ribeiras dan no río,

a él vai todo o meu querer.


Sobre este tema mantiven, no programa de actividades do festival “Música no claustro” do pasado ano 2020, unha conversa dixital co director do festival, Samuel Diz , que os interesados poden visionar no seguinte enlace: http://www.musicanoclaustro.com/2020/07/revista-nos.html

Comentarios

  1. Nada que engadir logo de darche grazas pola túa laboura investigadora e por poñer o teu "traballón", as túas horas de sono de xeito altruista a nosa disposición.
    Graciñas Rafael.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Lembranza agradecida a Xabier Añoveros

Onte á tarde, nos comezos de setembro, cando xa as horas diúrnas minguaron, o aire nos anticipa a proximidade do outono e as conversas se centraban nestas intranscendencias, recibín a triste noticia do falecemento, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, de Xabier Añoveros Trías de Bes, navarro de berce, barcelonés de vida e traxectoria e tudense de corazón.   “ Tuy (con i grego como adoitaba a escribir pois con este arcaísmo semellaba reflectir mellor a antigüidade da nosa cidade) es una ciudad de la que estoy enamorado desde hace muchos años ” e, como é propio dun noivo, a esta vella cidade lle ten dedicado horas, estudos, e moi especialmente un agarimo permanente centrado na súa querida “Casa da Canicouba”. O seu noivado e posterior matrimonio con Julia García-Valdecasas Salgado, filla da tudense Julia Salgado Peñarredonda, o ligou dende 1968 a este outeiro pétreo sobre o Miño, que é Tui. Non sei se foi a longa tradición tudense da familia de Julia, o rico arquivo da Casa da Ca...