Ir al contenido principal

Non deixemos de "cantalos Reises"!

Este blog dedicado a temas relacionados co territorio tudense non quere deixar pasar estas datas de final do ciclo do Nadal, coa festividade da Epifanía ou dos Reis Magos, sen lembrar nunha nova oportunidade unha alongada tradición, de grande presenza hai décadas nas parroquias tudenses, e da que paseniñamente imos perdendo á memoria. Na actualidade, as cabalgatas son a principal manifestación da celebración dos Reis,  pero estes desfiles son un costume moderno e burgués implantado ao longo do século XX nas cidades e vilas e que hoxe está consolidado como a principal expresión popular desta festividade chea de luz e ilusión.

Rondalla de Malvas, 1969. Tomada do libro "Memorias dun pobo Santiago de Malvas
e as súas xentes" de Raimundo Martínez

Tradicionalmente a principal manifestación festiva na cultura tradicional nesta xornada eran os cantos de reis que forman parte dun ciclo festivo máis amplo. Adoitaba ser habitual nas festas do Nadal ir cantar polas casas do barrio ou parroquia. Os mozos e mozas percorrían camiños e congostras cantando peziñas de literatura popular, transmitidas basicamente a través da oralidade. Ao cambio da interpretación destas cantigas se reclamaba o aguinaldo, sempre en especie (viño, chourizos ou lambetadas e doces) que logo estes grupos informais de mozos consumían xuntos prolongando a festa.  En Nadal cantábanse panxoliñas ou nadais, en Fin de Ano as Xaneiras, Manueis ou Aninovos e a véspera de Reis os cantares de reis ou aguinaldos.

Comenta o músico Rafael Quintíá  que “normalmente os temas das cancións estaban relacionadas co Nadal. No caso dos cantos de Reis a temática adoitaban xirar arredor da visita e adoración dos Reis Magos a Cristo, a fuxida da Sagrada Familia a Exipto, a viaxe de Nazaret a Belén de Xosé e de María e a procura dun lugar onde parir.

Estes cantos de Reis soian comezar cunhas estrofas de presentación dos “Reiseiros” na que se pedía permiso ou licencia para cantar na casa. A continuación viña o propio relato ou canto de Reis e adoitaban finalizar cunha de loubanza aos da casa onde cantaban, en caso de obter o aguinaldo desexado, pero tamén podía rematar dun xeito ferinte, e mesmo insultante, no caso contrario, facendo saber aos veciños quen estaba menos disposto a compartir os seus alimentos. De seguido tocábase unha xota ou muiñeira e convidaban a danzar aos da casa.

Rancho de Reis de Guláns (Ponteareas), circa 1920

Estes tipos de cantos son melodías longas e lentas, cantadas case sen respirar, con multitude de mordentes e adornos propiciados pola gaita. Conforman un estilo propio de canto, guturais, pisando os finais de estrofa cos comezos. Polas letras e melodías destes cantos percíbese que son de corte culto. Moitos deles teñen que ver con cantos gregorianos e cantares relixiosos dos séculos XV e XVI que foron adaptados e transformados polo pobo.

A meirande parte deles son en castelán ou castrapo, debido a súa orixe nos textos bíblicos ou eucarísticos, que eran sempre nesta lingua. Outras veces se a casa onde se cantaba era de “señoritos” entón trocábase nos cantos o galego polo castelán, para agrada-los anfitrións.

Rancho de Reis en Salceda

Os grupos de mozos e mozas que cantaban os Reis, denominados ranchos no sur de Galicia, estaban compostos por un gaiteiro e varios cantores e se incorporan outros instrumentos en especial de percusión, como pandeireta e outros de extracción doméstica como paos, cunchas, botellas de anís, etc.

Cando estes grupos estaban formados por un número superior de integrantes, na nosa zona, se denominan “rondallas”. A orixe da tradición vén xa de lonxe, existindo rexistros dende 1920. Os vellos din que logo de ir á leira collían os instrumentos que había na casa, moitas veces feitos a man, e ían de pasarrúas polos barrios.

Rondalla de Pexegueiro

Noutras ocasións estas tradicións populares dos cantos de Nadal e Reis estaban integrados nas celebración litúrxicas das parroquias. Neste caso os cantos se unían a danza, cos pasos clásicos, e co uso de elementos vistosos como arcos, paos de entrenzados, castañetas, etc. Aínda na parroquia de Guláns, en Ponteareas, na festividade de San Xián (7 de xaneiro) podemos asistir a estas tradicionais danzas, tamén conservadas noutras parroquias de Ponteareas, Salceda ou Mondariz. Hai unha coincidencia na indumentaria predominantemente branca, con adornos florais, exóticos ou chamativos como espellos, etc.

Nas parroquias tudense conservase a memoria destas tradicións como xa temos recollidos neste blog e as tradicións de cantar os Reis, tantos nos diversos barrios como de achegarse ata a cidade para obter mellores aguinaldos. Nos traballlos de Manuel Fernández Valdés ou nos libros de Alberto Romer recóllense estas tradicións dos ranchos de Reis: http://tudensia.blogspot.com/2010/01/os-bandos-de-reis-tudenses.htm

Mais recentemente Raimundo Martínez no seu libro "Memorias dun pobo Santiago de Malvas e as súas xentes" recolle ata dez cantos de Nadal e Reis procedentes da tradición oral de Malvas.

Un exemplo deste labor de recuperación foi o realizado polo director do arquivo catedralicio e diocesano de Tui e párroco de San Bartolomeu de Rebordáns, o cóengo Avelino Bouzón, que en decembro de 2010 publicou na folla parroquial de San Bartolomeu un destes cantos de Reis recollido na parroquia de Ribadelouro de Mercedes Domínguez González, irmá do lembrado maxistral tudense D. Basilio. Comenta D. Avelino que di a señora Mercedes que esta cantiga ensinouna D. José, natural de Tabagón e párroco de Ribadelouro polo ano 1934, e retocouno o Rvdo. D. Jesús María Fernández na última década do século pasado.

https://aboga.wordpress.com/2010/12/05/romances-de-ano-nuevo-y-de-reyes/

Transcribimos de seguido este canto do Reis como testemuña desta tradición popular da nosa terra:

 

Boas entradas dos Reis

teñan vosas señorías,

camiñando vai Xosé,

camiñando vai María.

 

Camiñan para Belén,

máis de noite que de día;

cando a Belén chegaron,

aquela xente durmía.

 

Aquela xente tirana,

aquela xente dicía:

para Xosé non hai pousada

e menos para María.

 

– Abre a porta porteiro,

porteiro de portería.

– Eu a porta non a abro

mentres que non chegue o día.

 

Vinde aquí todos señores,

acompañade a María,

que nos deu a luz do mundo,

que nos deu a luz do día.

 

A media noite iba dando,

e a porta aberta iba,

que abriu un anxo do ceo

para que entrara María.

 

Pasou alí un pregoeiro

preguntando por María.

María pariu esta noite,

antes que nacera o día.

 

Pariu un neno tan fermoso,

todo o mundo relucía;

tanta era a súa pobreza,

que nin os pañales tiña.

 

Vinde aquí todos señores,

acompañade a María,

que nos deu a luz do mundo,

que nos deu a luz do día.

 

Botou a man a cabeza,

tirou un pano que traía,

partiuno en tres pedazos

e envolveu o Neno María.

  

Baixou un anxo do ceo,

ricos pañales traía;

deles uns eran de holanda

e outros de holanda fina.

Outros de seda bordada,

para a Virxe María.

 

– Reis Magos, Reis Magos,

¡que boa estrela vos guía!,

nunca houbo estrela no ceo

que brile como ela brila.

 

Os cabalos que levaban

relucían coma o día,

que os señores que iban neles

coma o sol do mediodía.

 

Vinde aquí todos señores,

acompañade a María,

que nos deu a luz do mundo,

que nos deu a luz do día.

 

Lle ofreceron os seus cofres

con ouro, incienso e mirra;

nestes presentes dos Reis

cantos misterios había.

 

O ouro porque era Rei,

por ser Deus danlle o incienso;

a mirra porque era home,

a mirra pro seu enterro.

 

– ¿Que lle ofreceremos nós,

Señores desta casiña?

– Ofrécelle o corazón

que ten ouro, incienso e mirra.

 

Vinde aquí todos señores,

acompañade a María,

que nos deu a luz do mundo,

que nos deu a luz do día.

 

Podemos escoitar este canto no seguinte enlace.

https://aboga.files.wordpress.com/2011/01/boas-entradas-dos-reies-a-tono.mp3

Estes cantos de Reis, cos seus ranchos e rondallas, forman parte do noso patrimonio cultural que reclaman unha maior atención tanto na recollida e documentación dos mesmos como na adopción de medidas que incentiven a súa conservación e difusión. Son tradicións moi características do noso territorio que constitúen de por si un elemento de gran riqueza cultural e patrimonial que axeitadamente promovidos amais de contribuír a súa conservación, constitúen elementos singulares de ampla capacidade de atractivo. En diversas parroquias tudenses, como Pexegueiro ou Ribadelouro, temos constancia de iniciativas de interese nesta temática.

Rondalla de Pexegueiro na Cabalgata da Eurocidade Tui - Valença

Temos botado de menos que no programa de animación do Nadal tudense non participase este ano ningunha rondalla (en anos anteriores foi a rondalla de Pexegueiro a que ten participado en desfiles pola Corredoira e na Cabalgata de Reis). Finalmente, recollemos neste blog unha suxestión que temos escoitado en diversas oportunidades ás xentes relacionadas coas tradicións populares da nosa contorna, que ao igual que existe un festival de rondallas, se promova a creación dun evento anual que reúna ás diversas agrupacións de ranchos de Reis existentes para incentivar a súa conservación e a súa difusión entre a veciñanza e amosar a ampla diversidade das tradicións musicais da nosa cultura popular.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miñ...