Ir al contenido principal

Cuarto centenario do titulo de "Moi nobre e moi leal" á cidade de Tui: preguntas e hipóteses

 Hai unhas semanas o amigo Carlos Pérez-Fonterosa, afervoado seguidor deste blog e a quen lle dedico este artigo, escribiume un whastapp reclamando que dende Tudensia nos ocupásemos da conmemoración do cuarto centenario da concesión por parte do Rei Filipe IV á nosa cidade do título de “Moi nobre e moi leal cidade” que segundo a información achegada foi o 13 de outubro do ano 1623. Celebrariamos por tanto estes días de outubro o catrocentos aniversario desta distinción honorífica.

A condición de cidade de Tui figura xa na documentación medieval e asi no documento do ano 1071 de Dona Urraca que concede diversas doazóns a recentemente restaurada diocese tudense atopamos a expresión “Tudensis sedis ipse episcopus... ipsam civitatem” e dende aquela todos privilexios concedidos á Tui fan referencia a súa condición de cidade.

Como afirma Pedro López: El concepto actual de ciudad hace referencia a una población grande tanto por su extensión como por el número de sus habitantes, pero esto no era así en el Antiguo Régimen, donde la utilización del término ciudad se relacionaba con un determinado estatus, que se alcanzaba por dos vías: la eclesiástica y la civil. La eclesiástica señalaba en toda Europa los núcleos con sede episcopal, y en el caso español la red episcopal española se organizó en la segunda mitad del siglo XVI, tras el Concilio de Trento, y muy pocas ciudades aparecieron en los siglos posteriores por esta vía, como Santander, en 1754. Por la vía civil se premiaban determinados servicios, habitualmente de tipo militar, como ocurrió con Fuenterrabía, en 1638. Pero ninguna de las dos vías alteraba sus competencias jurisdiccionales, políticas o administrativas[1]

Queda constatado como é a condición de sede episcopal a que lle outorga a Tui a condición de cidade que manterá ata os nosos días, cunha permanencia de máis de mil anos.

A principal noticia que documenta esta designación á nosa cidade atopeina primeiro nun breve artigo do investigador Aquilino González Santiso, que no libro programa das festas de San Telmo de ano 1997,  escribe: fue Felipe IV quién, el 13  de octubre de 1623, oficializó el titulo al concederles a las siete capitales del reino de Galicia la distinción de Muy Nobles y Muy Leales ciudades[2]. A información non vai acompañada de referencia documental algunha que permita unha verificación desta afirmación e a localización do documento desta designación.

Como sempre para afondar no coñecemento da nosa historia local cómpre consultar a Francisco Avila y La Cueva que na súa monumental obra “Historia civil y eclesiástica de la ciudad de Tuy y su diócesis” recolle o seguinte: El Rey don Felipe 4º en 13 de octubre de 1623 concedió a las siete ciudades capitales del Reyno de Galicia titulo de MUY NOBLES Y MUY LEALES espresando que atendiendo á los muchos y grandes servicios hechos por los gallegos no podía dejar de concederle dos votos de representación en Cortes en vez de uno que le usurpaba la ciudad de Zamora[3].

Resulta evidente que para Ávila y La Cueva esta distinción honorífica está ligada á concesión de voto en Cortes ao reino de Galicia representado pola Xuntas do Reino. O proceso de creación destas Xuntas non está clarificado. Non son un órgano administrativo, nin xudicial senón unha “asemblea representativa” e teñen como precedente as Xuntas da Irmandade conformadas cos procuradores das principais cidades e vilas de Galicia nos tempos finais da Idade Media. Os procuradores do Reino de Galicia se reúnen, primeiro, en representación das cinco cidades cabeza de provincia que dende 1530 serán, finalmente, sete ao separarse, en datas non coñecidas, tanto Coruña e Betanzos como Santiago e Tui, creándose esta dúas novas cidades, Betanzos e Tui, como cabeceiras provinciais, xunto a Santiago, Coruña, Lugo, Mondoñedo e Ourense.

O proceso de institucionalización destas Xuntas culmina en 1621 cando votan un servizo de 100.00 ducados para a escuadra de Galicia que abre as portas a que Felipe IV lle conceda a Galicia, mediante unha Provisión de 13 de outubro de 1623, o voto en Cortes (ata daquela representada pola cidade de Zamora). Este voto foi concedido ao Reino de Galicia, a quen se lle asignan dous votos, que se repartían entre as sete cidades cabezas de provincia, independentemente da súa condición reguenga ou señorial. Ao ser sete establécese unha quenda que favorecía a Santiago, que entraba na primeira e na última quenda; temporalización recollida nunha Real Provisión de 5 de abril de 1625.

Cómpre indicar que lamentablemente non se conserva a Real Provisión de 13 de outubro de 1623, senón que o seu contido o coñecemos por que se reproduce na Provisión sobre as quendas para a representación de Galicia en Cortes de 1625[4]. Neste documento non figura mención algunha ao tratamento honorífico a conceder as sete cidades, cabaceiras das provincias, que representarán ao Reino de Galicia con voto en Cortes.

Pedro López, que tampouco aporta o documento orixinario desta designación, apunta o seguinte: Parece que el título de Muy Noble y Muy Leal ciudad quedaba reservado para cada una de las siete capitales de las provincias menores del Reino de Galicia: Coruña, Betanzos, Mondoñedo, Lugo, Ourense, Tui, y Santiago[5]

Por tanto, temos de procurar a confirmación deste uso protocolario na documentación municipal tudense que se conserva. As actas capitulares do concello de Tui máis antigas conservadas corresponden ao ano 1597 e nelas sempre se menciona “la ciudad de Tuy” e con esta sinxela denominación figuran tantos os documentos elaborados polo concello tudense como nas cartas e escritos dirixidos ao mesmo nas primeiras décadas do século XVI.

Teremos que agardar ata 1648 cando figure por vez primeira esta denominación no encabeza do libro de acordos da cidade: Año de 1648. Libro de esta M. N. y M. L. de Tuy”. O texto desta portadiña dos documentos é o seguinte:

Libro de Aiuntamiento de esta M. N. Y M. L. Ciudad de Tuy, de el año de 1648, en que se yncluien los autos de Aquerdo, y hordenes que se executaron eneste presente año, por los Sres. Justicia y reximiento de dicha Ciudad.

Sr. Juez, D. Lope de Espain y monte

Señores Regidores

Don Francisco de Caldas Vacelar

Don Juan Teijeira de Zuñiga

Don Diego Fernandez

Don Fernando Fernando Ibañez Carvajal

Procurador General, Sevastian de Lias

Escribano Fernando Rodríguez

Estamos por tanto a vinte cinco anos da suposta concesión deste privilexio que aínda hoxe segue conservando a nosa cidade. Resulta evidente que non foi un proceso inmediato a incorporación deste tratamento á documentación municipal. Tendo en conta que as cuestións de protocolo naquel momento histórica tiñan unha singular relevancia, como se pode constatar no proceso que leva a concesión do voto en Cortes e á consolidación das Xuntas do Reino de Galicia[6], non parece lóxico que se o privilexio dese tratamento honorífico foi concedido en 1623 o Concello tudense demorase tanto tempo en empregar este tratamento que fortalecía a súa posición de cabeceira provincial. Pero non é mais que unha hipótese da que carecemos de apoio documental.

Sobre este tema das distincións honoríficas da cidade tudense como estamos comprobando é preciso afondar na investigación na documentación municipal ou eclesiástica que poderá clarificar este proceso, pois ata agora como queda de manifesto unicamente podemos constatar unha hipótese baseada na citas atopadas na documentación.

Pero, os títulos que acompañaban ao nome da nosa cidade non eran unicamente os de Moi Nobre e Moi Leal, senón que nun traballo de grande interese do prestixioso profesor e arquiveiro, Pedro López, sobre as festas que organiza o concello tudense en 1732 pola reconquista da praza de Orán, no Norte de África figura o seguinte documento: Relación puntual de las fiestas executadas por esta M. N. Leal y Antigua Ciudad de Tuy, por la feliz milagrosa Restauracion de la plaza de Orán y su castillo, a la obediencia de el Rey nuestro señor (Dios le guarde) en este mes de Jullio de 1.732[7]

O propio autor nos informa que este titulo de “Antiga” tamén foi empregado pola cidade de Lugo, no ano 1746[8] e como no caso tudense deixado de empregar do decurso do tempo. Outras cidades españolas como Toro, Ávila ou Calahorra continúan na actualidade empregando esta titulación.

En conclusión, dende o século XVII e paralelo a súa condición de capital da provincia, con voto en Cortes como representación do Reino de Galicia, a cidade de Tui ostenta este título honorífico de “Moi nobre e moi leal cidade”, pero sen que poidamos establecer con precisión unha data concreta deste privilexio.

 



[1] López Gómez, Pedro: “Las relaciones de sucesos como tipología documental. La relación de las fiestas de Tui por la reconquista de Orán en 1732” en Boletín ANABAD. LXVIII (2018), Núm. 3-4, Julio-Diciembre, pp. 164-206.

[2] González Santiso, Aquilino: “Tui, ciudad y no villa” en Tuy. Fiestas a San Telmo patrón, 29 marzo – 7 abril, 1997.

[3] Avila y La Cueva, Francisco: Historia civil y eclesiástica de la ciudad de Tuy y su obispado. Tomo I: a cidade de Tui e a súa terra. Edicion facsimilar. Santiago, Consello da Cultura Galega, 1995, p. 407.

[4] Eiras Roel, Antonio: “Las Juntas del Reino de Galicia: orígenes y proceso de institucionalización” en Ohm : Obradoiro De Historia Moderna, (4) 1995. https://doi.org/10.15304/ohm.4.638

[5] López Gómez, Pedro: Op. Cit. p. 177.

[6] Euras Roel, Antonio: Op. Cit.

[7] López Gómez, Pedro: Op. Cit. P. 177.

[8] López Pérez, Pedro: Op. Cit. p. 177-178.

Comentarios

  1. Me satisfizo, me siento m'as ciudadano de ml CIUDAD.Enhorabuena y me uno a tu homenajeado. Desde Ferruxadas un saludo.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le