Ir al contenido principal

Rosendo Salvado, nova lectura como precursor dos dereitos do home

Hai unha semanas o Concello de Tui celebrou un oportuno ciclo de actividades dedicado á figura de Frei Rosendo Salvado co gallo da presentación do disco “Salvado Piano Works” da pianista tudense Andrea González en que recupera diversas composicións do bispo tudense.

A nosa cidade ten rendido diversas homenaxes a este esgrevio beneditino, xa nas súas visitas en 1853 e 1884 ou, posteriormente, noutras efemérides: centenario e bicentenario do seu nacemento, centenario da súa partida a Australia, centenario da súa morte, etc. Actividades diversas, exposicións, conferencias, publicacións, etc. foron dedicadas a Salvado ao longo deste dilatado período. Pero lamentablemente a súa personalidade segue estando ligada, mellor dito condenada, por unha anécdota, como foi o envío de sementes de eucalipto aos seus familiares e amigos, de tal forma que boa parte da opinión pública relaciona a Rosendo Salvado coa introdución do eucalipto en Galicia e, por conseguinte,  é practicamente responsabilizado da actual “eucaliptización” da nosa terra.  Se hai un maior grado de coñecemento da súa traxectoria chega ser considerado como un misioneiro español en Australia que se ocupou dos nativos daquelas terras. Dúas perspectivas que limitan e reducen a figura de Salvado.

Monolito conmemorativo da fundación de Nova Nursia
Un achegamento mais rigoroso á traxectoria de Frei Rosendo Salvado nos ilustra sobre as súas capacidades e os seus recursos persoais certamente singulares, como sinala Albino Prada: un monje bendictino y misionero que se hizo, al mismo tiempo, agrónomo, zootécnico, ingeniero y albañil, músico experimentado, auxiliar médico y enfermero, experto mecánico, agrimensor y cartógrafo, escritor y antropólogo. Tamén estudoso da lingua “yuit”, comunicador. Sirva como exemplo que encarga ao seu irmán Santos a adquisición dun equipo de fotografía que documente todo o labor que desenvolve a misión beneditina por el fundada. Pero aínda con todo, a figura poliédrica de Rosendo Salvado ofrece novas perspectivas que o converten nunha referencia para toda a humanidade.

Se unha conclusión podemos tirar do ciclo celebrado en días pasados é que Rosendo Salvado é unha personalidade de dimensión mundial, un auténtico coloso, un adiantado aos tempos, un “profeta”, que partindo da súa profunda vivencia evanxélica foi quen de cuestionar os procesos de colonización impulsados polos imperios europeos pero non só con palabras ou escritos senón creando unha comunidade, Nova Nursia, que expresaba as súas ideas e conviccións.

Rosendo Salvado escribe nas súas memorias, cuxa primeira edición en italiano datan de 1851: Para nosoutros católicos, apostólicos romanos, que cremos firmemente todo canto nos ensina a eterna verdade nos libros sagrados, o xénero humano componse dunha soa e única especie, a cal foi creada por Deus (...) partindo deste principio fundamental, é preciso admitir que algúns homes, ou pola súa cor ou por algunhas pequenas diferenzas na forma, non son enteiramente semellantes aos outros, e tamén que, ao se transmitiren de estirpe en estirpe as principais variacións que ofrecen e sen interrupción, esta especie única que é a humana dividiuse en razas ou variedades (...) Mais si se quere dicir que as faccións dos australianos non presentan os caracteres que comproban a mesma orixe ca o resto do xénero humano, nisto oponse abertamente a Sagrada Escritura que nos di que “Deus creou dun só a proxenie enteira dos homes que habitan toda a extensión da terra”.

Como acertadamente sinala o profesor Giulio Cipollone, da Universidade Gregoriana de Roma na súa conferencia pronunciada neste ciclo, esta afirmación, en torno a 1850, de cuestionar a existencia de razas e a superioridade da cultura occidental sobre outras expresións culturais como a desenvolvida polos aborixes australianos, é o gran servizo ofrecido á humanidade por Rosendo Salvado; (ser) un tenaz impulsor da igualdade e a dignidade entre os humanos, anticipándose, máis dun século, ás sucesivas cartas, declaracións, preámbulos de tratados sobre os dereitos humanos, nun momento en que había unha tendencia xeral a subliñar as diferenzas entre as ”razas humanas” ata o punto de establecer un innegociable e inmutable nivel de valores.

Atopámonos ante unha evidencia que sorprende por moitas razóns. A literatura do século XIX baséase nunhas “categorías” fixas e inmóbiles, como a de concibir e dividir a humanidade en varias “razas” e, a outra, a de dividir en “brancos e negros” aos que habitan o continente australiano no século XIX. De aí a constatación que produce sorpresa e admiración: Salvado non fala nunca de razas, senón dunha soa raza humana, e non escribe nunca sobre brancos e negros na súa “Relazione” senón de salvaxes (que para Salvado é home da selva ou do bosque, nunca con significado despectivo) e nativos ou australianos e europeos. E só unha vez menciona a “raza”, mais referíndose aos cabalos.

Salvado por temperamento persoal, pola súa profunda fe en Cristo e no seu evanxeo, modelado pola regra de Bieito de Nursia, quixo ser aborixe cos aborixes, nómade cos nómades.

Os catro signos dos tempos contemporáneos, é dicir, a socialización, a emancipación das clases traballadoras, o acceso da muller á vida pública, a liberdade dos oprimidos, foron, moito antes, amplamente interpretados e practicados polo monxe beneditino. Trátase, en poucas palabras, dunha acción misioneira entendida como evanxelización para unha consecuente promoción humana

Cunha  visión inclusiva de todos os humanos, alén da propia etnia, da cor da pel, da relixión, da identidade comunitaria ou de grupo.

Cando aínda moi recentemente a comunidade científica ten acordado a superación do concepto de raza como a ferramenta para entender a diversidade xenética humana, Frei Rosendo Salvado na metade do século XIX proclamaba esta superación.

O catedrático da Universidade de Santiago, Ramón Maiz, sinala: a critica radical do racismo -isto é, a trasposición de forma cultural, intelectual e espiritual sobre a forma somática- que desenvolve Salvado nos seus escritos e nomeadamente nas súas “Memorias históricas sobre Australia...” non deixan dúbidas e erguese como auténtico arco de bóveda de todo o seu proxecto:

O carácter físico e moral do australiano, escribe Salvado, foi pintado con cores tan falsas que os máis o consideran como o ser máis degradado da especie humana. Polo xeral, crese raquítico e mal conformado, e moi parecido aos mesmos brutos. E algúns chegan a asegurar que non hai a menor diferenza entre un australiano e un orangután. Ata houbo, e non un só senón moitos, quen negou que o indíxena da Australia estivese dotado dunha alma racional (Salvado, 1852, p. 345).

Para entender máis atinadamente a dimensión excepcional de Rosendo Salvado resulta esclarecedora a seguinte cita que contextualiza historicamente o seu pensamento e a súa conseguinte actuación (porque Salvado non só estableceu una reflexión senón que, insisto, esta levouse á práctica na cidade-misión de Nova Nursia):

En el siglo XIX dominaron las ideas “raciales” heredadas del cientificismo de la Ilustración. El perfecto ejemplo de ello es el auge que tuvo el poligenismo que acertaba en que las “razas eran permanentes, tipos separables de los seres con cualidades innatas que eran transmisores de generación en generación” (Banton en Wade, 1997). Se trató entonces de aseverar “científicamente” que los seres humanos tenían orígenes diferentes, y, por ende, diferentes tipos de seres humanos eran especies separadas. Los diferentes tipos raciales fueron considerados entonces como etapas en la escala de la evolución. En ese orden de ideas, esos tipos raciales “eran ordenados jerárquicamente, como habían sido antes los linajes raciales, pero ahora se pensaba la base de la jerarquía en términos de las diferencias biológicas innatas” (Wade, 1997). Estamos en la época del racismo científico, donde científicos (naturistas, médicos…) como Lamarck, Cuvier, entre otros, tomaron la antropología por etiqueta en sus investigaciones en ciencias naturales. Wade señala, por último, la decisiva contribución del pensamiento utilitarista en ese período del ascenso del imperialismo euroccidental (la expansión del capitalismo en Asia y África). En ese período, se dará el matrimonio entre las ideas de la filosofía moral y las de la teoría racial. De modo tal, que los europeos se adjudicarán el derecho de buscar el bien colectivo (para ellos), sujetando a los pueblos considerados “menos racionales” o decidiendo qué era bueno o malo para esos últimos.

Neste ambiente cabe inxerir as afirmacións e a practica exercida por Rosendo Salvado procurando a non discriminación, en función da raza ou da cor, senón colocando en igualdade tanto á cultura occidental como á aborixe e, por conseguinte ás persoas, para, dende o mutuo diálogo e confrontación, establecer un equilibrio ou punto de encontro que garanta a supervivencia de ambas culturas ou realidades e non o asoballamento ou eliminación da cultura “inferior”, neste caso a dos australianos.

Cando fronte aos aborixe so cabía ou a superioridade destrutiva ou unha condescendencia pasiva diante  da súa aniquilación, Rosendo Salvado fala dunha única raza humana e por tanto da necesidade de respecto e valorización da cultura e civilización aborixe… Rosendo Salvado está expresando o respecto á dignidade e dereitos das persoas e das comunidades humanas, un século antes da sinatura da Declaración dos Dereitos Humanos, está denunciando o racismo, a xenofobia, a falta de respecto aos diferentes, a non integración de persoas e poboacións, especialmente das minorías e os marxinados.

Todo está fundamentado, para Frei Rosendo Salvado, non nos principios racionais dos ilustrados, que daban certificado de cientificidade e racionalidade ao racismo e ao imperialismo -véxase, por exemplo, o que opina Darwin, e os defensores naquela altura do evolucionismo, sobre as razas onde unha era superior e outras inferiores por non ter evoluido-. Tampouco a excepcional actuación de Rosendo Salvado xorde, coma ás veces se afirma, da súa heterodoxia coa institución eclesiástica. O pensamento e actividade desenvolvida por Salvado nace dunha auténtica fidelidade ás ensinanzas de Cristo, dun auténtico espírito evanxélico que, tanto nos tempos de Cristo, como nos de Salvado ou na actualidade, é sempre novidoso, transformador e sorprendente. Afirma G. Cipollone no seu libro que Salvado pretende ser “aborixe cos aborixes” e que isto nace da mensaxe do Evanxeo de Cristo, que busca, antes que a conversión ou asimilación dos aborixes o respecto a súa dignidade e o amor que lles é debido pola súa condición de persoas, de fillos de Deus, para dende esta nova realidade ofrecerlles o Evanxeo de Cristo, lonxe das imposicións, das normas, dos formalismos e dos fundamentalismos sufocantes:

Si, á imaxe de Isaias 61 e Lucas 4, a evanxelización debe absolutamente referirse ao modelo do servo de Iaveh, encarnado en Cristo, entón a misión non pode senón confrontarse coherentemente mais que coa inclusión total do pobre e do pecador, que coloca o balance nun plano de universalidade e de xustiza, que hoxe diremos no plano dos dereitos do home: polo simple feito de pertencer á raza humana. Si este é o único paradigma do misioneiro cristián, se debe dicir que Salvado manifesta unha extraordinaria coherencia evanxélica e testemuña unha luminosa actuación en estreita conexión co paradigma Cristo. (...) O fai con estremo respecto. Faise aborixe cos aborixes, nómade cos nómades. Un modo de facer en total acordo cunha regra de absoluta.

Este tudense que sempre mantivo acesa esta condición así como o seu amor á lingua galega, á que tantas veces recorría nas súas cartas e charlas, realiza nos seus escritos e na cidade-misión de Nova Nursia unha xenial aportación á Humanidade, anticipando en case un século as ideas e conceptos expresados na Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Velaí a súa impresionante dimensión e consecuentemente a necesidade de repensar e reposicionar a figura de Rosendo Salvado con estas novas lecturas da súa traxectoria que o colocan como un auténtico xigante, coma un tudense, galego e español que proclamou e anticipou o valor do respecto aos dereitos e a dignidade dos homes e o seu conseguinte labor de integración (nunca asimilación) das minorías e dos marxinados. Estas liñas queren actualizar a achega inxente que Rosendo Salvado ten aportado á historia da humanidade e que tivo na cidade misión de Nova Nursia a súa materialización, efémera no tempo pero testemuña unha nova visión do home e das colectividades, que hoxe segue poñendo en cuestión a nosa ollada sobre os “outros”, sobre os diferentes.

Sartego de R. Salvado en Nova Nursia


Bibliografía:

Cipollone, Giulio e Orlandi, Clara: Aborigeno con gli aborigeni per l’Evangelizzaziones in Australia. Libreria Editrice Vaticana, 2011.

Cipollone, Giulio: “Salvado e o indíxena australiano: da mesma raza humana. Igualdade e dignidade ante litteram” en Maiz, Ramón e Shellam, Tiffany (ed.): Rosendo Salvado e o mundo aborixe de Australia. Rosendo Salvado and the Australian aboriginal world. Santiago, 2015, pp. 141- 160.

Kakozi Kashindi, Jean Bosco: “Revisión histórica del concepto de “raza” en Max Hering Torres y Peter Wade” en Anales de Antropología, Volumen 50, número 2, julio–diciembre de 2016 , páginas 188-198. (https://www.sciencedirect.com/science/article/pii/S0185122516300133)Consulta 27.06.2022

Maíz, Ramón: “Civilización e cultura en Rosendo Salvado” en en Maiz, Ramón e Shellam, Tiffany (ed.): Rosendo Salvado e o mundo aborixe de Australia. Rosendo Salvado and the Australian aboriginal world. Santiago, 2015, pp. 185- 208.

Prada, Albino: Crónica desde el país de los sin alma. Rosendo Salvado en Australia, 1846-1899. Biblioteca Gallega. La Voz de Galicia, 2014.

Salvado, Rosendo: Memorias históricas sobre a Australia. Santiago, Xunta de Galicia et al., 2014.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis