Ir al contenido principal

Parlamentarios tudenses X: Manuel Lago González

En 1914 accede ao Senado, en representación da provincia eclesiástica de Burgos o tudense  Manuel Lago González, daquela bispo de Osma. Lago será de novo senador nos anos 1918 e 1919, sendo xa bispo de Tui en representación da provincia eclesiástica de Santiago. Lago é unhas das personalidades mais egrexias na historia da nosa cidade, sentido por todos os tudenses como propio.


Manuel Lago nacera en Tui o 26 de outubro de 1865. Fillo de José Lago Maceira e de Carlota González Fernández, que vivían nun pavillón da finda “das augas”, en Randufe, por estar alí instalados os depósitos para o subministro da cidade, propiedade dos seus parentes, os Maceira (dos que xa falamos nun anterior post). Posteriormente os pais adquiren unha parte do pazo “San José” ou de Vista Alegre, tamén en Randufe, que fora reconstruído por D. Francisco Pérez Escudero.

Placa na igrexa de Santa María da Guía, parroquial de Randufe

Estudiou no Seminario tudense para posteriormente licenciarse e doutorarse en Teoloxía en Santiago no 1893. Xa no ano 1887 é nomeado catedrático de Hebreo e Grego no Seminario tudense, antes de ser ordenado presbítero, que terá lugar no ano seguinte asi como a súa designación como Secretario de Estudios do Seminario, onde era de sempre un activo animador. En 1881 publica en “El Eco del Miño”, que promovía o seu admirado Antonino Cerviño, os seus primeiros poemas.

Lago González foi, de novo un activo militante dos movementos políticos de herdanza carlista, que tras a súa derrota militar, crean novas expresións políticas como é o caso do Partido Integrista que defende un ideal católico. Naquela altura en Tui había un grupo de sacerdotes cunha sólida formación intelectual e de marcada tendencia integrista, salientando Florencio e Antonino Cerviño e o propio Lago, que dinamizan a vida da cidade e abordan numerosas polémicas dende a prensa, un medio de acción política moi en boga daquela. A presenza do bispo Hué Gutiérrez na sede tudense reforzou esta liña. Os xornais “El Eco del Miño” e, dende 1888, “La Integridad” son os voceiros deste grupo. Lago colabora especialmente no segundo xornal como responsable de varias seccións. En 1891 ten lugar o famoso episodio da súa expulsión do Salón de Plenos do Concello polo alcalde Hipólito Padín e a súa posterior detención, que provoca unha onda de solidariedade en Tui e na prensa de Galicia, medrando enormemente a súa sona en todo o país.


Lago e os seus compañeiros integristas encontran os valores católicos na tradición e na cultura de Galicia e así converxen, en contacto con Alfredo Brañas, co movemento rexionalista como quedou patente no seu importante papel no desenvolvemento dos Xogos Florais de Galicia celebrados en Tui en xuño de 1891. Manuel Lago, como representante da Xunta Rexionalista de Tui, pronunciará o seu discurso “Gabanza da lingua galega” no que testemuña o seu compromiso coa lingua e a cultura de Galicia que manterá ao longo da súa traxectoria.

En 1893 este grupo integrista tudense apoia decididamente nas eleccións a Cortes a un deputado alternativo ao sinalado polos conservadores de Ezequiel Ordoñez que controlaban politicamente o distrito. Vendo ameazada a vitoria recorren a diversas artimañas, ata que se retira o candidato integrista. O desafío estivera a punto de saír vitorioso. Consecuentemente os liberais e os conservadores, con Ordoñez e González Besada á cabeza, inician unha ofensiva contra este grupo e especialmente contra “La Integridad” como o seu voceiro. Coa chegada do novo bispo Menéndez Conde este grupo desfáise, e Lago ten que marchar a Lugo.

Naquela cidade oposita á praza de Cóengo Maxistral que non logra, pero o bispo lucense Murua “compensa o seu fracaso” nomeándoo como o seu Secretario de Cámara. En Lugo será catedrático no Seminario, reitor da Igrexa do Carme e en 1899 logra a dignidade de Lectoral da Catedral lucense, “traballa na xunta de Reparación de Templos, na fundación de sindicatos agrarios e caixas de aforros, dirixe o boletín eclesiástico, realiza traducións do alemán, dedicase ao estudo das Ciencias Naturais, relacionase coas personalidades máis destacadas da cultura galega e xunta xa os escomezos da súa formidable biblioteca de erudito nas letras e na historia de Galicia (...) edita un “Manual de Estudios Bíblicos” adaptación do Bibelkunde...” acreditando tanto o seu labor apostólico como a súa alta capacidade intelectual. Goza de xeral recoñecemento ata o punto que o Concello de Lugo o nomea como “fillo adoptivo” daquela cidade.

Dende 1906 forma parte da Real Academia Galega, fundada no ano anterior participando no seu acto inaugural como membro fundador. Posteriormente será nomeado membro da Academia Literaria de Mont-Réal, de Toulouse, e académico correspondente da Real Academia de la Historia e da Real Academia de la Lengua Española.

Escudo episcopal de Manuel Lago, tomado de G. Santiso, A.: 
Los obispos de Tui y sus armas. Heráldica eclesiástica. Tui, 1994.

En 1909 é designado bispo de Osma, adopta no seu escudo o viril de Galicia, na parte superior, e o brasón de Tui, no inferior e nunha banda, que lembra á bandeira galega, as sete cruces das vellas capitais galegas co seu lema “Nobiscum Deum” (lembrado o Emmanuel, Deus con nós, do profeta Isaías).  Filgueira Valverde na biografía que edita en 1934 en Pontevedra escribe a propósito da súa consagración episcopal, na Catedral de Tui, unhas liñas que expresan a personalidade de Lago: Na prensa galega debúllanse unánimes gabanzas. Intre de exaltación patriótica: a xeneración dos “continuadores” ofrece una verdadeira coroa poética ao poeta que é ergueito á cadeira episcopal. Lago é tamén acaroado tamén polo fervor das moitedumes, que o acompaña dende entón. É curioso anotar que a súa modestia, que padecía na presenza alabeeria dos políticos, ou nos ditos gasalleiros dos cregos, ou nas gabanzas da prensa, non sofría nas acramacións populares. Polo contrario, foron dende entón ben acollidas do seu esprito. Lago tiña paixón de moitedumes e interpretaba as acramacións do pobo como recoñecemento da súa participación da potestade divina. Nas súas conversas tenme confesado como gozaba neses intres, desdobrando a súa persoalidade sin sentirse el como individuo, ouxeto das manifestacións. Os seus mellores discursos foron improvisacións inmediatas a un desbordamento da simpatía fondísima que despertaba no pobo”.

En 1917 foi trasladado á sede tudense, tomando posesión o 15 de agosto e o 26 de agosto entra en Tui. Tui recibe ao seu fillo cunha emoción formidable. Na catedral pronuncia Lago unha das súas mais fermosas oracións. Lembra a súa homilde nacencia, a súa estancia en Lugo, as súas viaxatas pola terra castelán.< Creo modestamente tener un título a vuestro afecto: en Castilla, en la Corte de España, en Levante, en Barcelona yo nunca tuve empacho en confesar mi tierra natal. Gallego soy y me he declaro con noble orgullo en todas partes, no ocultando a nadie, antes buscando la ocasión de cantar a mi viejo solar..>. Neste mesmo sermón ofrece unha definición do que quere sexa o seu episcopado: Un obispo eucarístico y social quiere ser entre vosotros el que ahora inaugura su pontificado.

Permanece seis anos na cátedra tudense onde publica diversas pastorais e sobre todo as súas “Circulares” que edita en case todos os números do Boletín da diocese de Tui. En moitos destes escritos glosa os acontecementos buscando neles o seu sentido espiritual.  No seu mandato mellorou as instalacións do Seminario, acometeu obras na Catedral, en numerosas parroquias e reitorais, etc. promoveu os sindicatos agrarios católicos e as asociacións de segrares e as novas ordes relixiosas asi como a visita pastoral a todas as parroquias.


O 24 de xullo de 1923 é preconizado arcebispo de Santiago, aínda que a súa toma de posesión se retrasa ata o 1 de abril de 1924. A súa chegada suscita un grande apoio, especialmente dos sectores do galeguismo, que viron nel unha esperanza para a Igrexa galega.

Recollemos de novo as palabras de Filgueira: Ninguén como é acolleu a mitra compostelán ca prenitude da responsabilidade que entrana. A súa conciencia hestórica do cargo, formada na máis fina coñecencia da gloria compostelán e do seu rol no futuro galego, pesáballe no esprito como unha obsesión (...) Porque Galicia recibeu esta nova cun fervor unánime. Si algún intre de íntima solidaridade galega houbo na hestoria, si Galicia recoñeceu en plenitude os seus propios vínculos , adheríndose  voluntariamente a unha autoridade moral, si algunha vez a unidade galega encarnou nun prestixio en quen todo o pobo se vise representado, foi na preconización e na entrada do bispo Lago a Compostela. Esas eran as expectativas que o nomeamento de Lago González á sede compostelá suscitaba na sociedade galega, o primeiro arcebispo galego dende Sebastian Malvar e Pinto, morto en 1795.

Entrada como arcebispo en Santiago de Compostela, 1 de abril de 1924

No 4 de maio Lago ingresa no Seminario de Estudios Galegos sendo nomeado Presidente honorario e organizándose unha Exposición Castelao, que inaugura o arcebispo xunto co artista rianxeiro. Eu son cabo de vós un soldado mais e carón voso traballarei como un mozo nos estudos galegos (...) temos de anovar o noso espiritu. Tornemos o noso ollar á estrela que brilou sobor das carballeiras de Solovio e anunciou ás xentes o lugar do sartego de Santiago. Aquela é a estrela da nosa fe, i-a nosa fe é a nai do tesouro espiritoal de Galicia, da nosa cultura.

Por mágoa a súa prematura morte, o 18 de marzo de 1925, impediulle levar adiante os seus proxectos. Neste breve período temporal, acometeu o acondicionamento do claustro da Catedral e aprobou e publicou os Estatutos do Cabido, cun texto redactado por unha comisión de capitulares, e que consta de 191 artigos. O seu médico afirmou logo na prensa que as súas últimas palabras foron: “Hay que unirse para defender a Galicia”.

O seu testamento da conta da súa personalidade: Declaro que no poseo dinero ninguno, si no es la escasa cantidad que se haya en poder de mi mayordomo o las más escasas que se encuentren en mis muebles o en la ropa de mi uso. En cambio estoy gravado con deudas que conocen mis familiares, las cuales deseo satisfacer enajenando mis libros y ornamentos y los demás objetos de mi propiedad”

Ao coñecer a opinión pública este testamento xorde una campaña para evitar a enaxenación da biblioteca de Lago promovendo que a Universidade de Santiago adquira, coas achegas das xentes de Galicia, esta biblioteca coa finalidade de saldar as débedas do bispo Lago González.  Unha grande resposta levou que os sete mil volumes formasen a denominada “Biblioteca Lago” na Universidade compostelá, sendo inaugurada o 26 de xullo de 1929 nun solemne acto.

Filgueira Valverde no libriño editado en Pontevedra no ano 1934, co gallo do traslado das cinzas de Lago á Capela do Sacramento da Catedral compostelá, escribiu o seguinte:

Vivo e perenne, como a lembranza dos seus feitos, queda na escolma das súas lecturas o maxisterio deste home exemprar. A apoloxia parcial de cada unha das facetas do seu esprito é cousa cativa. Nin a súa obra literaria, nin mesmo os seus actos de goberno, lle farían acadar este fervor galego que semella inmorredoiro. É que Lago foi mais que nada, e así sagazmente o sinalaron L. García e Mons. Tedeschino nos seus póstumos alaudos “como unha encarnación de Galicia”, como o “prototipo cultural” da nosa Terra.


Pero Manuel Lago salienta tamén pola súa obra de creación, especialmente poética. Da páxina web da Real Academia Galega recollemos a súa semblanza como autor:

Lago González foi un importante teólogo, gran coñecedor de linguas, orador, arqueólogo e, especialmente, un destacado poeta. Era un creador formalista, que puña freo á súa creación coa rixidez da norma e do canon. A formación bíblica e clásica recibida ao longo da súa vida levouno ao uso das amplificacións, reiteracións e estruturas paralelísticas. Os principais eixes temáticos da súa obra son a natureza, algúns motivos histórico-narrativos e relixiosos, así como as lembranzas da mocidade, da cidade natal e das súas xentes. A lingua empregada oscila, dependendo do poema, entre un amplo repertorio de ornamentos literarios e os xiros da fala familiar aldeá.

O conxunto dos seus sesenta e dous poemas galegos foi recollido en 1967 por Filgueira Valverde, ao quedaren moitos deles manuscritos ou espallados en publicacións da época, como La Integridad, El Norte de Galicia ou Galicia Diplomática. Tamén é autor dalgúns poemas e obras eruditas en castelán.

En recoñecemento a súa achega á cultura de Galicia foille dedicado o Día das Letras Galegas no ano 1973.

Unha aproximación á súa obra é a seguinte:

-        El renacimiento de la escolástica en España: Discurso leído en la inauguración del curso académico de 1901-1902 en el Seminario Conciliar de Lugo. Lugo: [s.n.], 1902.

-        Manual de estudios bíblicos. Friburgo, 1911.

-        El catecismo y la civilización: Discurso pronunciado en el Congreso catequístico de Valladolid por el Excmo. Señor D. Manuel Lago y González el 23 de Junio de 1913.  Tui: Tip. Regional, 1914.

-        El régimen espiritual: carta pastoral. Tui: Tip. Regional, 1917.

-        Poesía galega. Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos, 1966

-        Escolma de poesías. A Coruña: Real Academia Galega, 1973.

Escolmas, homenaxes e obras sobre o autor

-        La inauguración de la Biblioteca Lago. Coruña, Tip. El Ideal Gallego, 1929.

-        Homaxe ao arcebispo Manoel Lago González. Santiago de Compostela: Nós, 1934.

-        FILGUEIRA VALVERDE, X. (ed.): Lago González, arcebispo galego. Pontevedra: Antúnez, 1934.

-        FILGUEIRA VALVERDE, X. (ed.): Lago González: biografía y selección de su obra gallega. Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos, 1965.

-        Algunhas características do galego de Lago González. Santiago de Compostela: Universidade, 1973.

-        Lembranza de Lago González. Vigo : Galaxia, D.L. 1973

-        Homaxe ó Arcebispo Lago González. Día das Letras Galegas: 17 de maio de 1973. Bos Aires: Centro Gallego de Buenos Aires, 1973.

-        El pensamiento jurídico del arzobispo Lago. Discurso pronunciado el día 28 de abril de 1979, en la solemne sesión celebrada en el Seminario Conciliar de Tuy por el Académico de Honor, Ilmo. Sr. D. Manuel Cela Diz, y contestación del Ilmo. Sr. D. Rafael Areses Pérez. Coruña, Academia Gallega de Jurisprudencia y Legislación, 1979.

Tui e as súas xentes sentiron sempre, pola súa proximidade a todos, unha grande admiración por este singular persoeiro. No ano 1923 a Corporación Municipal, presidida por Venancio Lorenzo Álvarez, acorda darlle o nome do recen  nomeado arcebispo de Santiago á rúa Nova. Nomenclatura que continúa na actualidade cunha fermosa placa en mármore obra do tudense Gumersindo Juncal, placa financiada pola comunidade tudense en Vigo. 


Na actualidade esta fermosa placa está parcialmente oculta pola irrespetuosa colocación dunha sinal de tráfico e un espello que alteran a visión desta fermosa placa. Dende este blog rogamos o cambio de ubicación destes sinais para que esta homanexe dos tudenses a Lago recupere a visión completa.

Tras o falecemento de Lago o Pleno do Concello, presidido daquela por Estanislao Ferreira Martín de Argenta acorda colocar un retrato seu no Salón de Sesións, que será realizado posteriormente por Antonio Medal Carrera.

Por último, no ano 1984, sendo alcalde Ángel Álvarez Durán, acordouse adquirir á viuva do escultor Xoan Piñeiro a estatua que realizara do arcebispo Lago. Será o escultor Antúnez Pousa quen remate a peza e a prepare para a súa instalación na praza da rúa Ordoñez tudense.

No Museo Diocesano tudense se conservan numerosos obxectos de Lago doados polos seus familiares e que, en parte, podemos contemplar nunha vitirna do primeiro andar do Museo.

Actualmente, aproximándonos ao centenario do seu falecemento, segue sendo para os tudenses unha personalidade referencial conservándose unha agarimosa lembranza da súa figura. Este post recolle unicamente algunhas referencias fundamentais sobre Lago, que segue reclamando unha biografía que posibilite o coñecemento da súa traxectoria e o recoñecemento da súa achega.

 

Comentarios

  1. Gustpume moito o artigo. Tamén chamoume a atención a detención de Manuel Lago no pleno do concello de Tui en 1891. Non topei referencia nos periódicos da época.
    Cales son as fontes de ese curioso episodio?
    Moitas grazas

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall

Unha visión de Tui e as fortalezas da fronteira en 1764 por José Cornide

Un dos aspectos normalmente esquecidos na conformación da nosa cidade é a súa condición de praza forte, de emprazamento militar, de cabeceira dun sistema fortificado organizado ao longo do río Miño. Carecemos de noticias documentais ou arqueolóxicas sobre a posible existencia dun muro defensivo no outeiro tudense antes de 1170, cando Fernando II ordena a súa construción ao abeiro da reconfiguración urbanística da cidade que promove este monarca. De seguro que algún tipo de defensas tivo a vella Tude en época sueva e visigoda e especialmente nos primeiros tempos medievais pero o estado actual do noso coñecemento non nos permite superar o ámbito das hipóteses. Neste blog nos temos ocupado no seu día sobre o sistema amurallado tudense en tres post aos que remitimos a quen desexe achegarse a este aspecto do noso patrimonio e historia [1] Reproducimos hoxe un texto do erudito coruñés José Cornide que forma parte do seu libro: Descripción circunstanciada de la costa de Galicia, y raya