Ir al contenido principal

Parlamentarios tudenses (I): entre absolutistas e liberais


A cidade de Tui pola súa condición de capital de provincia, ata 1853, pola súa posición como sede episcopal, e como cidade que contaba cunha burguesía acomodada e un conxunto de funcionarios públicos será, perante numerosos anos, un fornecedor de parlamentarios que representarán a este distrito ou outros e que amosan as diversas circunstancias políticas polas que transitou o noso país a longo do século XIX.

Vista de Tui de George Vivian, 1838

A relación que hoxe ofrecemos non é, dende logo, completa e baseámola na consulta de diversas fontes documentais e bibliográficas co que, de seguro, haberá omisións e valeiros.

Coa invasión francesa iniciase o século XIX; diante da falta de poder se constitúe unha Xunta Provincial contra os invasores, que envía un represente a Xunta Superior do Reino de Galicia, con representantes das sete provincias, creada o 5 de xuño de 1808, na que a cidade tudense estaba representada por Manuel María Avalle. Aínda que evidentemente non era un parlamento a Xunta funciona como máximo órgano de goberno. Avalle era fidalgo, rexedor do Concello de Tui, señor de Fiolledo e Salceda (onde residía). Xunto ao conde de Ximonde representará a Galicia na “Xunta Central”, constituida en Aranxuez o 25 de setembro de 1808. A ameaza napoleónica obrigou ao traslado desta Xunta a Badaxoz, Sevilla e finalmente Cádiz. Aínda que Avalle foi acusado de afrancesado e de pasarlle información ao goberno de José I, co retorno de Fernando VII mantivo sempre un apoio explícito ás ideas absolutistas, como logo sinalaremos. 

Tras a expulsión dos franceses no 1819 foi constituída na Coruña a Xunta Superior de Galicia con representación das sete provincias, formaba parte da mesma en nome de Tui: Cosme Seoane e o cóengo Antonio Umbría.


Cosme Rodríguez Seoane, estudara leis en Compostela e fora xuíz en varias xurisdicións do Conde de Salvaterra, cando a entrada dos franceses era xustiza da cidade de Tui, e dende primeira hora percorrerá o territorio provincial animando e promovendo a cooperación entre todos para a loita contra o francés; el mesmo será o responsable dun dos campamentos de asedio á cidade perante o cerco de Tui. Logo, tras a saída dos franceses de Galicia, terá un importante papel como membro da Xunta Superior de Galicia en representación da provincia tudense. Posteriormente será oidor da Real Audiencia de Galicia en el 1827 será nomeado polo Rei cóengo da Catedral de Santiago.

Pola súa banda, Antonio Umbría Alcalde, colexial da Universidade de Salamanca, era cóengo penitenciario da catedral tudense, foi electo polo Rei como bispo de Valladolid en 1821 aínda que non obtivo o placet de Roma, ao existir acusacións que o consideraban membro dunha asociación secreta de caracter liberal, denominada “Los comuneros”.



Nas denominadas Cortes de Cádiz, convocadas en 1810 diante da invasión francesa e a usurpación do poder, representan ao distrito tudense as seguintes persoas:


Agustín Rodríguez Vaamonde (ás veces figura como Bahamonde), avogado dos Reais Consellos foi deputado nas Cortes Constituíntes de Cádiz en 1810, ocupando a súa Secretaria. En posteriores comicios ocupará de novo escano de deputado. De tendencia liberal pertence a unha familia con longa traxectoria política. A súa figura ocupara a seguinte entrega desta serie de artigos.


Antonio Durán de Castro, cóengo e avogado da Audiencia de Galicia, alcalde maior e rexedor decano do Concello tudense, defensor das teses absolutistas. Temos o dato que dende Santiago de Ribarteme en 1812 pediu unha primeira prorroga para non asistir ás sesións en Cádiz e finalmente comunicou que estaba sumamente enfermo.

Tamén representa á provincia tudense, como suplente, o vigués Manuel López Araujo, oficial da Secretaría de Facenda e que foi Ministro de Facenda (interino no ano 1813 e titular no ano 1816).

Formaba parte da representación do Reino de Galicia outro rexedor do concello Benito María Mosquera e Lira, que unicamente participa no primeiro mes. Este Mosquera e Lira era un fidalgo con casa nas terras de Mourentán.

No ano 1813 convócanse un novo proceso de eleccións, neste caso de carácter censitario e excluíndo explicitamente a reelección dos integrantes das Cortes de 1810.

Representaran á provincia tudense Manuel María Avalle, rexedor da cidade e que fora integrante da “Xunta Suprema Central e Gubernativa” entre os anos 1808 e 1810, de tendencia absolutista moi marcada dende a volta de Fernando VII. Avalle será un dos 69 parlamentarios asinantes do coñecido como “Manifiesto de los persas”, de 12 de abril de 1814, no que pedía a supresión da Constitución de Cádiz e o regreso ao réxime absolutista, como decretará Fernando VII o 4 de maio de 1814.

O outro representante da provincia tudense Policarpo Rodríguez Correa, abade de Vide – Arbo, fora catedrático de Filosofía da Universidade de Santiago nos anos finais do século XVIII promovendo a súa reforma e modernización e logo cóengo penitenciario na catedral tudense e membro da Xunta Superior de Galicia no ano 1811.

Como suplente figuraba Francisco Arines Troncoso, que non chegou a tomar posesión. Era segundo comandante do Batallón do Miñor en 1823 e formaba parte dunha familia orixinaria de Redondela e asentada en Tui había poucas décadas.


Coma curiosidade cómpre citar que  bispo tudense, Juan García Benito, foi elixido nestes comicios como deputado por Extremadura, aínda que a elección fora anulada posteriormente por diversos defectos.

Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall