Logo da época abondosa en
episodios bélicos que foi a Idade Media na cidade tudense, coa chegada dos Reis
Católicos ábrese unha época de estabilidade na vida de Tui que posibilita o seu
desenvolvemento urbano. A monarquía dos Austrias impulsará un traballo de
mellora dos sistemas defensivos do reino, encargando inspeccións aos enxeñeiros
militares, realizando planos do estado da muralla e o deseño de novos elementos
defensivos que solucionen a práctica indefensión da cidade que conta cun
sistema amurallado basicamente de época medieval e que non responde aos novos
métodos militares no caso dun ataque.
O feito referencial é a unión
dinástica dos reinos de Castilla e Portugal na persoa de Felipe II en 1580 ata
o reinado de Felipe IV en 1640, cando se inicia a guerra da “Restauraçao”
promovida pola nobreza portuguesa que finalizará en 1668. A declaración de
independencia de 1640 supón o inicio das hostilidades e Tui, pola súa posición
estratéxica, sufrirá dende primeira hora as consecuencias do conflito. Por
conseguinte, resulta máis urxente proceder a unha remodelación e modernización
do sistema defensivo da cidade que se adapte ás novas necesidades da guerra
procurando transformar a Tui nunha praza fortificada segundo os tratados de
arquitectura militar moderna.
Así haberá diversos proxectos de
fortificación da cidade ao longo dos séculos XVII e XVIII co trazado de novas
plantas e alzados que non chegaron nunca a realizarse. Cabe citar os seguintes
informes ou propostas:
- Juan Bautista Antonelli,
enxeñeiro italiano ao servizo do rei de España, avalía en torno a 1579 o estado
das defensas na fronteira con Portugal.
- No ano 1644 o Capitán Xeral de
Galicia, Marqués de Távara, encarga ao enxeñeiro militar, capitán Juan de
Villarroel e Prado, unha descrición do estado da fortificación tudense logo do
inicio da guerra con Portugal: es notorio estar en un alto a tiro de cañón de
Valencia, su forma es albal u en círculo de mala forma para la parte de tierra
que tiene cinco torres de treinta pies en cuadro, sesenta de alto, no se puede
pelear muy bien desde la muralla.
O mesmo Villarroel elabora o
proxecto de ampliación e mellora do sistema abaluartado tudense con catro novos
baluartes: na Praza do Arco, na Corredoira, en Río Muíños, e outro entre este
lugar e a porta do Carballo, cun orzamento que acada os 4.000 reais. Ao ano
seguinte, 1645, se lle asignan 3.636 escudos para a construción dos tres
baluartes e o arranxo da media lúa que existía diante da Porta do Carballo.
Esta media lúa (ou luneta é un bastión illado
de forma semicircular situado diante dunha cortina ou entrada da muralla
para dividir a forza atacante, se este bastión ten forma triangular recibe o
nome de revellín) fora realizada recentemente por orde do Gobernador de
Galicia, Martín de Redín y Cruzat. Este rápido deterioro evidencia a escasa
calidade destes baluartes feitos de terra.
No reinado de Felipe IV
(1621-1649) o investimento realizado alcanzou os 40.000 ducados e o historiador
Benito VIcetto sinala que la ciudad de Tui se ha fortificado todo a lo moderno
y se hizo un fuerte real en la Corredera, capaz de 400 hombres con todas sus
fortificaciones.
Unha nova etapa ábrese co Marqués
de Buscayolo, Capitán Xeneral de Galicia, que no ano 1663 propón rodear o
perímetro da muralla medieval con baluartes modernos, establecendo un recinto
fortificado que abranguese o convento franciscano de San Antonio, pero deixando
fóra ao convento de San Domingos e mesmo recomendando o seu derribo. Pero esta
medida atopara a oposición do seu predecesor, o arcebispo de Santiago, Martín
de Redín y Cruzat que consegue que o perímetro amurallado comprenda tamén este
arrabalde de San Domingos, engadindo un novo baluarte. Desta forma a
fortificación tudense convértese nunha praza de grandes dimensións pero que
require un importante continxente de persoal militar para a súa
protección. Nese mesmo ano sabemos, por
unha carta do Prior dos Dominicos ao Rei, que no mes de xuño estaban reparando
os parapetos, instalando nos cubos artillería, creando nas portas principais
dúas medias lúas para incrementar a defensa da praza forte.
Primeiro proxecto do marqués de
Buscayolo 1663
Segundo proxecto do Marqués de
Buscayolo, 1663
Da muralla tudense no ano 1669
temos unha imaxe realizada por Pier María Baldi, debuxante que acompañaba ao
Conde Cosme de Médicis na súa peregrinación a Santiago de Compostela e que pasa
pola nosa cidade nese ano deixando un debuxo dende Portugal que ilustra o
sistema fortificado tudense.
Sen embargo, non debeu
completarse o proxecto pois no ano 1670 o Conde de Humanes presenta un proxecto
coa pretensión de definitivo, que tamén consistía nunha fortificación que
rodeaba a muralla medieval comprendendo os conventos de San Antonio e San
Domingos. Pero a inicios do século XVIII unicamente tiñan comezado as
cimentacións de varios tramos.
Proxecto do conde de Humanes,
1670
En 1706 o gobernador da cidade de
Tui, D. Francisco Antonio Maestrenuncio, alerta ao Rei das deficientes
condicións da defensa de Tui e do perigo diante de posibles ataques dende
Valença pois por todas partes se puede entrar en ell y ser las fortificaciones
Exteriores de tierra y casi sin foso de lo llano que está y sin estrada
cubierta y el casco de la ciudad solo tiene huna simple falsabraga alrededor de
huna muralla antigua sin tener esta terraplén por estar pegado a dicha muralla.
O último e definitivo proxecto
corresponde ao enxeñeiro militar Juan de La Ferriere y Valentín, destinado a
Galicia en 1731 centrando a súa actividade na zona de Ferrol ata que en 1733 se
lle encarga organizar o sistema de defensa da cidade de Tui. Asume os proxectos
anteriores e introduce como novidade tres estreitos baluartes na zona que da ao
río. Elabora un proxecto moi completo e definido, que pese a non completarse na
súa integridade podemos afirmar que é o que conforma en boa medida a
fortificación tudense do século XVIII.
En 1735 xunto con outro
enxeñeiro, Fulgencio Ximenez, reformulan a proposta dos anos anteriores
introducindo a creación do baluarte de San Francisco, para substituír ao medio
baluarte anterior denominado “del fuerte”.
Proxecto de La Ferriere y
Valentín de 1735
No século XVIII Tui estivo a
piques dunha invasión portuguesa en 1730 no decurso da Guerra de Sucesión
española e outra en 1750 nun pretendido acordo de permuta de territorios entre
España e Portugal. Tamén en 1735, con motivo do enfrontamento con Inglaterra e
con Portugal se procede a unha ordenación dos sistemas amurallados e para elo,
segundo Francisco Llobet, se escarparon os terrapléns e os baluartes foron
revestidos naquelas partes onde o terreo era mais frouxo e coroando a obra
cunha empalizada.
Non entraremos agora na evolución
dos equipamentos públicos que implica a ampliación do perímetro amurallado
tudense ao longo dos séculos XVII e XVIII: almacén de pólvora (na Porta Nova
que substitúe á Porta Bergá medieval), refinador de pólvora (no baluarte de San
Francisco), almacén xeral de pertrechos (na Praza da Catedral), Hospital do Rei
(que se despraza de lugar na Corredoira, instalándose agora na zona da actual
rúa Ordoñez) e o cuartel de cabalería (que ocupa o anterior lugar do Hospital).
En definitiva, o sistema
abaluartado da cidade de Tui foi recollendo estas aportacións pero é debedor
especialmente do deseño do enxeñeiro militar Juan de La Ferriere y Valentín,
aínda que os diversos proxectos se interferiron mutuamente.
A fortificación finalmente
engloba ao recinto amurallado de época medieval así como aos arrabaldes de San
Domingos e San Francisco. Está realizado con muros de terra e empalizada, aínda
que con diversos tramos de mampostería, con grandes perpiaños graníticos. A súa
configuración é irregular, cun tramo alongado na fachada contra o río Miño onde
contaba con dous semibaluartes, catro baluartes (del Olmo, San Telmo, San
Francisco e San Domingos), un revellín diante da porta de San Domingos e un
foxo que rodeaba a todo o conxunto. Podemos engadirlle a falsa braga, do século
XV que cinguía a muralla medieval, e o sistema defensivo da Porta do Carballo.
Podemos visualizalo no plano de Miguel de Hermosilla de 1777 e noutro datado en
1800.
Plano de Miguel de Hermosilla,
1777
Plano do ano 1800
Abordaremos, de seguido, unha
pequena descrición dos diversos tramos desta muralla e as pegadas que
conservamos na actualidade.
Comezamos na parte suroeste, coa
Porta do Carballo, onde á construción medieval se lle adosa un ángulo saínte
para unha mellor protección desta entrada da cidade, realizado en muros de
mampostería de gran tamaño con ángulos en perpiaños. Aínda que con algunha
modificación segue visible na actualidade na rúa Piñeiro. Nos socalcos
existentes perpendiculares á rúa Martínez Padín, se conservan restos tanto da
muralla medieval, como da falsa braga como dos reforzos de época moderna.
O seguinte baluarte, cara ao
Oeste, era o baluarte do Olmo, que defendía a porta que comunicaba co arrabalde
de Riomuiños e o camiño a Baiona. Este baluarte que podemos coñecer a través
das fotografías (como a que acompaña a este texto) foi desmantelado a
principios dos anos oitenta do pasado século para a construción dun edificio e
aparcamento anexo. Foi unha gran desfeita e aínda hoxe este lugar reclama unha
actuación que arranxe aquel atentado ao noso patrimonio.
Neste espazo urbano lembramos a
existencia da rúa Foxo que testemuña a funcionalidade deste enclave no sistema
defensivo da cidade. Continuando cara ao Norte estaba o baluarte de San Telmo,
tamén hoxe desaparecido. Foi desmontado a finais do século XIX para a apertura
das rúas Martínez Padín e Colón (que daquela chega ata a Corredoira) e para a
construción da nova Praza de Abastos da cidade.
Para a defensa e protección do
casarío desta zona foi igualmente construído, no norte da cidade, o baluarte de
San Francisco. Coincide a súa localización cos actuais muros exteriores do
Cuartel da Garda Civil (entre as rúas Calvo Sotelo e Betanzos); o aliñamento da
súa cara Norte nesta rúa Betanzos e o ángulo que forma coa parte traseira do
monumento a Calvo Sotelo coinciden cos planos do século XVIII.
O seguinte baluarte é o baluarte
de San Domingos (hoxe xardíns de Troncoso) que defendía a porta homónima e que
se conserva integramente, construído en terra e posiblemente no seu momento con
empalizadas. Igualmente se conserva todo o tramo de muralla entre os arredores
do baluarte de San Francisco ata a antiga horta do convento de San Domingos
(hoxe Alameda) no que se coñece popularmente como paseo dos xardíns ou co nome
oficial de Paseo Familia Álvarez Blázquez. Esta amplo tramo de muralla de terra
conforma un espazo de grande interese patrimonial pois xunto ao testemuño do
seu carácter defensivo está o posterior uso público como espazo de lecer cidadán,
realizado en torno á metade do século XIX, e que respectou a fisionomía deste
enclave que ten chegado ata nós en excepcionais condicións de conservación.
Poucos lugares hai en Galicia que conserven un tramo tan amplo do seu sistema
abaluartado. Curiosamente para a maioría dos nosos veciños esta referencia
histórica e patrimonial é inexistente. Existiría fronte a porta de San
Domingos, no inicio da actual rúa Cóengo Valiño e hoxe non conservada, un
revellín para a defensa desta porta, desmontado na segunda metade do século
XIX.
Na zona da Alameda se conserva
tamén un medio baluarte que pecha este arrabalde de San Domingos. A traza
defensiva continúa pola beira do Miño aproveitando a disposición do terreo e a
muralla medieval. Neste espazo existe outro baluarte, construído en perpiaño e
deficientemente conservado, que é o coñecido como baluarte do Diaño. Hoxe
podemos ollalo dende o paseo fluvial, cando este espazo está limpo.
Baluarte do Diaño, agosto 2011
Baluarte do Diaño, setembro 2019
Finalmente a fortificación
tudense neste espazo fronte ao Miño remata cun baluarte ao sur, tamén
construído en terra e posiblemente empalizadas, e conservado no solar do Teatro
Principal.
Rematamos esta visión cunha
valoración do conxunto fortificado tudense que tomamos do proxecto Cadivafor
(Catalogación, Digitalización y Valoración de las fortalezas defensiva de la
frontera Galicia Norte de Portugal, 2008):
Aunque en general la visión del
conjunto fortificado está desvirtuado por el crecimiento urbano de la ciudad,
permanecen vestigios de entidad bien por que se conserven, como es el caso de
la franja comprendida entre el semibaluarte del río y el de San Francisco, del
que se conserva buena parte, asi como parcialmente en el caso del baluarte del
Olmo y la totalidad de la basterias de la puerta del Carballo. Por otro lado,
en aquella partes donde no es visible su traza ha condicionado el desarrollo
urbano, tanto en el que se refiere a la disposición de las calles como a la
parcelación de los solares. Un ejemplo de ello sería la calle Foxo, que
coincide con el adarve de la cortina existente entre el baluarte del Olmo y el
baluarte de San Telmo. La forticación condiciona también el desarrollo urbano y
de manera específica los accesos a la actual ciudad que coinciden exactamente
con las puertas originales, lo que se puede constatar en el caso de a calle
Canónigo Valiño, Paseo de Calvo Sotelo, calle Ordoñez y calle Piñeiro. El
trazado de algunas de las calles principales , como es el caso de la calle
Martínez Padín, se adapta al perímetro fortificado coincidiendo en este caso su
primer tramo con el foso exterior.
Plano de Tui en 1856 de Francisco
Coello
Tomados de
https://docplayer.es/46784127-Transformacion-morfologica-del-espacio-urbano-de-tui.html
(En verde recinto amurallado medieval e liña vermella trazo da muralla moderna)
Este sistema fortificado tudense
incrementa ao seu valor histórico e patrimonial ao ser considerado dentro do
conxunto de fortalezas militares existentes na raia entre Galicia e Portugal
que conforman un destacado conxunto de arquitectura militar, que aínda podemos
contemplar en numerosos enclaves ao longo das ribeiras do Miño, construído ou
reforzado con motivo do conflito hispano-luso do século XVII e tras a paz de
Lisboa para garantir a defensa do territorio. Tui como capital da provincia era
o lugar de residencia do gobernador militar e tiña un papel de centro reitor,
de carácter estratéxico, administrativo e loxístico.
En definitiva, aínda son
numerosas as pegadas do sistema fortificado tudense na nosa cidade; un acervo
patrimonial que reclama unha posta en valor que permita recoñecelo sobre a
propia trama urbana e un proxecto integral de conservación e rehabilitación,
especialmente urxente en lugares como o baluarte do Diaño. Conservar e
“visibilizar” as estruturas defensivas, tanto de época medieval como moderna,
incrementa o valor patrimonial da nosa cidade e as súas potencialidades
culturais e turísticas.
Comentarios
Publicar un comentario