Ir al contenido principal

Corenta anos da primeira Corporación Municipal da democracia


Conmemoramos neste días os corenta anos da celebración en toda España das primeiras eleccións democráticas no ámbito municipal, concretamente o 3 de abril de 1979; cando se aproximan de novo estes comicios lembrar este aniversario é unha oportunidade para reivindicar o funcionamento democrático da vida local e lembrar como os municipios teñen experimentado ao longo destas catro décadas unha inxente transformación: o amplo abano de servizos que hoxe oferta calquera concello e a calidade dos mesmos supoñen unha espectacular mellora na vida dos cidadáns.

En Tui  daquela era alcalde Alejo Núñez Pascual que fora nomeado polo Gobernador Civil de Pontevedra o 17 de setembro de 1973. Cabe reseñar que daquela Corporación Municipal, formaba parte a primeira muller que ocupara una posto como edil en Tui, a mestra Julia González Rodríguez, popularmente coñecida como Doña Julita. Houbo que agardar ata a segunda corporación municipal da democracia, en 1983, para que fora electa por Alianza Popular outra mestra, María Luisa Giraldez Rodríguez, vinculada amplamente ás actividades deportivas da nosa localidade.

Se celebraron os comicios o 3 de abril de 1979 e supuxo a vitoria, a nivel nacional, do partido Unión de Centro Democrático (UCD) liderado polo presidente do Goberno Adolfo Suárez que acadou o 30,6% dos votos. En segundo lugar, o Partido Socialista Obrero Español (PSOE) co 28,2% dos votos, namentres que o Partido Comunista de España (PCE) logrou a terceira posición co 13,1% dos sufraxios e a agrupación de dereitas Coalición Democrática (CD) obtivo o 3% dos votos emitidos.
No caso tudense, os resultados desas eleccións foron os seguintes:
Participación

Censo
10.120

Votos emitidos
5.647
55,80%
Abstencións
4.454
44,01%
Votos en branco
0
0
Votos nulos
83 19
0,82%

Resultados por partidos:

Partido
Concelleiros
Votos
porcentaxe
Unión de Centro Democrático – UCD
8
2.606
46,61%
Agrupación Municipal de Tui -AMT
4
1.391
24,88%
Coalición Democrática – CD
3
1.012
18.10%
Bloque Nacional Popular Galego, BN-PG
2
582
10,41%

En consecuencia, resultaron electos os seguintes concelleiros:

Pola Unión de Centro Democrático (UCD)
Ángel Luis Álvarez Durán
José Campos Medina
JoséLuis Gómez Núñez
Antonio Sánchez Franco
Raúl Vázquez Arias
Antonio González González
Manuel Alonso Fernández
José Antonio Fernández Martínez

Pola Agrupación Municipal de Tui
Luis Márquez Núñez
José Alfonso Pérez Piñó
Manuel LandeiraTroitiño
Daniel Emilio Domínguez Pérez

Por Coalición Democrática (CD)
Alejandro Martín Reija
José Carlos Moroño Rebellado
José Rendo Costas

Polo Bloque Nacional-Popular Galego (BN-PG)
Raimundo Martínez Rodríguez
José María Romero Solla

Unha primeira comparativa cos últimos comicios locais de 2015 é o incremento substancial da participación dos electores, pois namentres no ano 1979 o número de votantes acadaba os 5.647 votos (55,8 % de participación), nas eleccións de 2015 os participantes eran 9.621 cidadáns (72,63% de participación). Evidenciase a consolidación dos procesos democráticos e a participación política nestes anos, o que contrasta co aparentemente amplo desleixo da poboación sobre a participación na vida política municipal.

Reseñar dous datos significativos naquela nova Corporación. Por unha banda, unicamente dous concelleiros electos con UCD ocuparan anteriormente cargos en Corporacións franquistas: Raul Vázquez Arias e Manuel Alonso Fernández. En segundo lugar a concentración das forzas de esquerda na Agrupación Municipal de Tui que reunía a persoas vinculadas cos movementos opositores ao Réxime franquista e o sindicalismo.

O Pleno de constitución do novo Concello democrático desenvolveuse  ás 17,00 horas do 19 de abril. Tras a constitución de mesa de idade, presidida por Raul Vázquez e por Daniel Domínguez, como concelleiros de maior e menor idade respectivamente, foi realizada a votación para a elección de alcalde que contou co seguinte resultado:
-          Ángel Luis Álvarez Durán: 9 votos
-          Luis Márquez Núñez, 4 votos
-          Votos en branco, 4
Resultando proclamado como primeiro alcalde democrático logo da ditadura, Ángel Luis Álvarez Durán da Unión de Centro Democrático.



Nesta mesma sesión se nomea a Comisión Permanente integrada, segundo a normativa legal daquela altura, por representantes de todas as forzas políticas presentes na Corporación Municipal proporcionalmente aos seus concelleiros. Os seus integrantes son designados por cada un dos grupos municipais. Logo, no seguinte Pleno, o Alcalde distribúe as Tenencias de Alcaldía entre os membros da Comisión Permanente, cuxa composición foi:
-          Raúl Vázquez Arias (UCD) e primeiro Tenente de Alcalde.
-          Antonio Sánchez Franco (UCD) e segundo Tenente de Alcalde.
-          José Luís Gómez-Núñez (UCD) e terceiro Tenente de Alcalde
-          Daniel Dominguez Pérez (AMT) e cuarto Tenente de Alcalde
-          Alejandro Martín Reija (CD) e quinto Tenente de Alcalde
-          Raimundo Martínez (BN-PG) e sexto Tenente de Alcalde

Nas actas municipais se recolle que o concelleiro Landeira Triotiño, logo da elección de Alcalde, solicita un debate para a explicación de voto ao que a Alcaldía responde que non corresponde ao ter sido unha votación secreta, pero admite que poida manifestar aquelas suxestións que estime pertinentes, polo que procede á lectura dun escrito no que solicita, entre outros temas, un maior protagonismo do pleno na xestión municipal, a elección popular dos alcaldes de barrio, que os veciños teñan voz nos plenos e a creación dun boletín informativo. O alcalde recolle unha copia deste escrito e realiza unha intervención cun convite á colaboración e o traballo en equipo para resolver os problemas do municipio con independencia das distintas ideoloxías que representa cada candidatura. O pleno finaliza coa imposición das medallas corporativas ao concelleiros.

A configuración da vida municipal queda establecida definitivamente na segunda sesión desta Corporación Municipal celebrada o 9 de maio na que acordan, entre outros, as seguintes cuestións:
-          Os plenos serán os últimos xoves de cada mes ás 19,00 horas e a Comisión Permanente se reunirá semanalmente, tamén os xoves, ás 19,00 horas agás no último de mes en que se anticipa ás 18,00 h.
-          Cada grupo municipal designa ao seu voceiro no Pleno: Raul Vázquez, pola UCD, Daniel Domínguez, pola Agrupación Municipal de Tui, Alejandro Martín Reija, por Coalición Democrática, e Raimundo Martinez polo Bloque Nacional-Popular Galego.
-          O Alcalde informa das comisión que propón crear e dos seus integrantes. O voceiro de Coalición Democrática expresa as discrepancias coa proposta da Alcaldía que solicitara a cada grupo que comisión prefería dándolle a todos o solicitado agás a Coalición Democrática, á quen lle ofrecía Urbanismo e Obras fronte a súa pretensión de “Acción en el Rural, Montes y Patrimonio” así como “Educación y Cultura”, renunciando a formar parte das comisións por non ver respectado os seus dereitos.

As Comisións creeadas foron as seguintes (figura primeiro o nome de quen ocupa a presidencia):
·         Comisión de Gobernación: Raul Vázquez (UCD), José Luis Gómez (UCD) e José Romero Solla (BNPG).
·         Comisión de Facenda: José Luis Gómez (UCD), José Campos (UCD) e Alfonso Pérez Piñó (AMT)
·         Comisión de Urbanismo y Obras: Antonio Sánchez (UCD), José Campos (UCD), Manuel Alonso (UCD) e Alfonso Përez (AMT).
·         Comisión de Educación, Cultura e Deportes: Daniel Domínguez (AMT), Antonio Sánchez (UCD) e José LUis Gómez (UCD).
·         Comisión de Saneamento e Servicios: Manuel Alonso (UCD) que na seguinte sesión será substituído, por incompatibilidade ao non ser membro da Permanente, por Raúl Vázquez Arias, logo que decline o ofrecemento Alejandro Martín Reija, Luis Márquez (AMT) e Manuel Landeira (AMT).
·         Comisión de Acción no Rural, Patrimonio e Montes: Raimundo Martínez (BNPG), Antonio González (UCD) e José Antonio Fernández (UCD).

Finalmente o Alcalde designa as delegacións de competencias nos membros da Corporación Municipal que foron as seguintes:
-           Tráfico e Policia, Raúl Vázquez Arias (UCD)
-           Alumbrado público, José Luís Gómez Núñez (UCD)
-          Cemiterio: José Mª Romero Solla (BN-PG)
-          Turismo e festexos, Jose Carlos MoroñoRebellado (CD)
-          Deportes, Antonio Sanchez Franco (UCD)
-          Educación e cultura, Luis Márquez Núñez (AMT)
-          Parques e xardíns: José Antonio Fernández Martínez (UCD)
-          Alcantarillado e augas: Alfonso Pérez Piñó (AMT)
-          Limpeza: Daniel Domínguez Përez (AMT)
-          Mercados e Matadoiro: ManueLandeiraTroitiño (AMT)
-          Patrimonio Histórico-artístico, Alejandro Martín Reija (CD)
-          Vías públicas, Manuel Alonso Fernández (CD) e José Campos Medina (UCD)
-          Acción no rural: Antonio González González (UCD)
-          Montes e Patrimonio: RaimindoMartínez Rodríguez (BN-PG)

Non é obxecto deste post entrar na valoración da actuación daquela primeira Corporación Municipal nin do seu Alcalde, Ángel Luis Álvarez Durán (“Gelucho”) que mantivo a alcaldía ata o 31 de xuño de 1987, dous mandatos completos, sendo substituído por Juan Miguel Díz Guedes de Unión Tudense, senón unicamente lembrar este aniversario da conformación dos concellos democráticos e de recoñecemento ao seu papel da consolidación dos procesos democráticos na vida municipal tudense. Para todos eles o noso recoñecemento.

Por mágoa non foi posible atopar fotografía algunha desta Corporación Municipal, nin na prensa accesible online nin mesmo solicitándolla a algún daqueles protagonistas que aínda viven. 

Comentarios

Entradas populares de este blog

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...

Bo Nadal cun texto de Manuel Lago González: “Noite Boa” (1892)

Felicitamos hoxe aos seguidores de Tudensia estas festas do Nadal recuperando un breve texto, non o chamaría nin relato, sobre como se celebraba a Noiteboa nas aldeas de Tui nas últimas décadas do século XIX, nun momento en que os labregos galegos vivían nunha economía de subsistencia e nunhas moi duras condicións de vida. Anxo no capitel do arco triunfal da igrexa de San Domingos de Tui, sec. XV Trátase dun texto de Manuel Lago González publicado o 24 de decembro de 1892 no xornal tudense “La Integridad”. Daquela Manuel Lago era un presbítero que formaba parte do claustro de profesores do Seminario tudense e que tiña unha activa participación como xornalista e na vida social en Tui. Ao xornalismo entregouse Lago con verdadeira ardentía e a tarefa que se impuxo foi querer incorporar a defensa das tradicións e os intereses de Galicia ao ideario católico de signo integrista (oposto radicalmente ao liberalismo). Este texto, que non foi publicado posteriormente a súa edición en “La Int...