Ir al contenido principal

No aniversario dos Xogos Florais de Galicia de Tui




Cumprese un novo aniverario da celebración na nosa cidade dos Xogos Florais de Galicia; naquel 24 de xuño de 1891 Tui converteuse no primeiro lugar de Galicia que tivo a honra de acoller o primeiro acto público realizado integramente en lingua galega, recuperando as verbas dun idioma que levaba séculos esquecido da ágora pública.
Desde os discursos de Murguía, Cabeza de León ou Brañas ao propio texto do menú do banquete oficial. A intencionalidade era ben clara: tratábase dun acto de afirmación nacionalista (rexionalista naquela altura) e revitalización lingüística, ao estilo do que un ano antes Murguía presenciara en Barcelona. O galego accedía a parcelas de prestixio ata agora vedadas.
Agora cando se cumpren CXIV anos deste acontecemento é preciso reivindicar o papel de Tui no desenvolvemento da nosa cultura, da nosa conciencia como pobo, da recuperación da nosa lingua… como unha folla da alongada historia tudense que necesitamos reivindicar como un dos elementos referenciais da nosa historia.
Naquela altura a nosa cidade contaba cunha Xunta Rexionalista, unha das primeiras constituídas en Galicia logo que Murguía formase, en novembro de 1890, o Comité Central Regionalista. Xorden en Lugo, Coruña, Ourense, Pontevedra, Vigo, Tui e posteriormente Pontedeume.
A Xunta Rexionalista tudense creada en abril de 1891 está integrada por Manuel Fernández Herba (avogado), como presidente. O seu vicepresidente era o médico Eduardo Caballero Canals, como secretario estaba o estudante de Dereito e poeta, Martín Díaz Spuch e como vicesecretario o avogado Vicente García Rivera, contando como vocais con: Juan Álvarez Cordero (farmacéutico), Juan Areses (farmacéutico), Antonino Cerviño González (coengo), Leoncio Comesaña González (avogado), Justo Fortes Domínguez (director do xornal “La Integridad”), Manuel Lago González (coengo e director do Seminario) e Indalecio Rodríguez de Córdoba (presidente do Casino).
Esta Xunta foi creada o 15 de abril de 1891 con el único fin de trabajar por la prosperidad y engrandecimiento de la hermosa región gallega, nuestra segunda patria, fomentar sus intereses materiales y morales y promover el perfeccionamiento de nuestra dulce habla y nuestra literatura tan rica y original como desconocida por desgracia fuera de la región (...) y ofrecer la presidencia honoraria al señor don Manuel Murguía, Presidente de la Junta de Santiago. O seu principal obxectivo el engrandecimiento y prosperidad de la tierra gallega, y por modo especial el fomento de su lengua y de su literatura.
Esta Xunta organizará con grande éxito e brillantez estes Xogos Florais que, segundo o historiado Xusto G. Beramendi emiten unha mensaxe á sociedade dende o altofalante de Tui que insistía en: fundamentación da nacionalidade de Galicia, conseguinte dereito á descentralización e a regaleguización do país, rexeitamento tallante ao separatismo, crítica do centralismo e do caciquismo, imprecisión programática case total, etc. O único matiz diferente foi a considerable carga católico-tradicionalista –inevitable polo lugar e o caracter da maioria dos oradores- e a ausencia do sector federalista.



Reproducimos de seguido algun párrafos do discurso pronunciado por Manuel Murguía naquel evento, celebrado no Teatro Principal, e que acadou grande sona e repercusión pola encendida defensa de Galicia e a súa identidade.
Lembramos con este post estes Xogos Florais de Galicia de 1891 fronte ao desleixo da cidade de Tui que omite a lembranza deste acontecemento que nos sitúa na cerna da recuperación da conciencia colectiva de Galicia.




DISCURSO DE MANUEL MURGUIA no acto central dos Xogos Florais de Galicia celebrado no Teatro Principal de Tui na tarde do 24 de xuño de 1891

Miñas señoras e meus señores,
Se noutros tempos me houberan Dito que habia de cegar este día, se me dixeran que habia de ser o que dende a cima da vella acrópolis de Tyde habia de gritar hosanna! Eu nono creeria. Mais por eso foi,,
Que alegría!, que felicidade! Que doce momento este en que sentindo tan preto de nos o romor y as frescuras das augas ben amadas, dentro do recinto dobremente sagrado da cidade que leva un nom que soio ten significado na lengua dos nosos progenitores, levantámonos no medio dos nosos, e lles falamos naquela fala que anque casique morta, torna a vida doutros tempos e promete durar por siglos na vida dun pobo que a pon sobre o alta diante do que se queiman e arrescenden os perfumes sagrados (…) Pois ben, ainda non saidos das tebras da noite, cando xa chega a nos a luz do novo dia. Somos de onte e xa estamos no hoxe. Vede que milagre. Ca festa deste día ponselle o sello á victoria alcanzada!.

Pero antes deixade, meus señores, deixade que saude a vella cibdade en que ten lugar por pirmeira ves a que de hoxe en diante será a festa da nosa nacionalidade; e que ao mesmo tempo a cantos están aquí presentes, lles diga: -Tende ánimo e confiade nas vosas forzas, que non é mester máis para sair coa nosa (…) sobre da aira da antiga acrópolis, no medio da colina dúas veces sagrada onde os nosos pais oraron e combatiron pola patria, é bo gritar: orade e combatide pois é chegada a hora!
Chegou en verdade dabondo o sabedes que tamén é pasado o tempo dos queixumes, non hai outro remedio –se nós somos homes e queremos ser povo- que lembrarnos do que os alleos nos magoaron cos seus ditos e cos seus feitos. Tempo é xa, de que este Lazaro saia da sepultura en que o puxeron, e volva, ao que foi seu. Pouco fai falla para elo pois todo está feito.
(…)
O noso idioma! O que falaron nosos pais e vamos esquencendo, o que falan os aldeáns e nos hachamos a ponto de non entendelo; aquel en que cantaron reis e trovadores; o que, fillo maior da patrea galega, nola conservou e conserva coma un don da providencia; o que ainda ten nos nosos labres as dozuras eternas e acentos que van ao corazón; o que agora oides como se fora un himno religioso, o hermoso, o nobre idioma que doutro lado dese río é lengua oficial que serve a millóns de homes e ten unha literatura gloriosa (…); o galego, en fin, que é o que nos da dereito a enteira posesión da terra en que fomos nados, que nos di que porvir somos un pobo distinto e debemos selo; que nos promete o porvir que procuramos e nos da a certeza de que ha de ser fecundo en bens para nos todos. Nel coma en vaso sagrado en que se axuntan todos os perfumes, háchanse os principaes elementos da nosa nacionalidade, de novo negada e ainda máis escarnecida. Doulle o celta a súa dozura e a maor parte do seu vocabulario; o romano afirmouno, ten do suevo as inflexións, do noso corazón o acento aflagador e os brandos sonos e os sentimentos das razas célticas (…)
Vede, meus señores, si podemos decir con verdade que nunca, nunca, nunca pagaremos aos nosos irmáns de Portugal o que nos haxan feito do noso galego, un idioma nacional (…) Coa lengua temos así mesmo unha literatura e sobre todo unha poesía particular. Hai quen di que non é certo. Por qué, eles o saberán; pois en canto a nos, fartos estamos de sabelo contrario. A nosa poesia ten por musa o sentimento, mentras que a da España central e meridional, soio a imaxinación. Vede que diferencia tan esencial. En todo sucede o mesmo. A nosa poesia ten a nota humana, a nota moderna, e tena de antes de agora. (…)
Sinto na ialma que en momentos coma este e en outros feitos tan so para falar de cousas apracibres, teña que molestarvos con taes refrexions (…). Máis que facerlle?. Ven do alto a ameaza e non era para deixala pasar. Dende a tribuna que hoxe nos da o amor que sentides polas cousas da terra, estas miñas palabras teñen máis eficacia. Vaian pois a decirlles que non estamos dispostos a soportalos hastra o dia do xuicio. (…)
E dito esto calemos xa, e non pensemos sinon no que nos compre. Abramos as nosas almas os novos pensamentos e deixemos chegar o aire que trae as mudanzas certas. Pensemos que non en valde temos en Galicia os restos daquel celeste guerreiro… Homes europeos, homes de Cristo, a victoria está por nos…

Máis información sobre estes Xogos nos seguintes post deste mesmo blogue:

Comentarios

  1. Es compromiso programático del nuevo gobierno celebrar por todo lo alto OS XOGOS FLORAIS DE TUI. El hecho de que en esta ocasión no tenga lugar se debe a la falta material de tiempo para llevar a cabo dicho evento con la altura y dignidad que corresponde.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

A lenda do túnel baixo o MIño

As lendas ou narracións populares, transmitidas oralmente, relatan xeralmente acontecementos ficticios que se teñen por reais, en moitas ocasións mesturados con feitos históricos. Pola súa capacidade de evocación, pola súa transmisión xeracional as lendas conforman un acervo do que chamamos patrimonio inmaterial que cómpre recoller e preservar. Na nosa cidade conservamos varias lendas vencelladas ao caracter histórico da nosa localidade, ao seu caracter fronteirizo e consecuentemente a súa fortificación fronte aos posibles invasores. A máis asentada no imaxinario colectivo tudense é a relativa ao “túnel” que comunica Tui coa outra beira do Miño, coas terras de Valença. Resulta moi significativa esta lenda pois testemuña como na mentalidade dos tudenses a fronteira e a súa condición de limite, de aillamento fronte ao estranxeiro era superada polas nosas xentes que a través do túnel escapaban destas “imposicións” e mantiñan a comunicación coas terras irmáns que as estructuras políticas t…

A Semana Santa tudense e as súas posibilidades

Ricardo Blanco Cicerón

O pasado martes 15 de decembro foi inaugurada no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, unha exposicion que co titulo de “Olladas dunha época” recolle unha escolma das fotografias do chamado “Fondo Blanco-Cicerón” que se custodia no devandito Museo. Como podemos comprobar na portada do catálogo que acompaña a este “post” a cidade de Tui é unha das protagonistas desta mostra que amosa unha selección das fotografías que conformaban a colección de Ricardo Blanco-Cicerón (Tui 1844 – Santiago 1926). Son na súa meiranda parte instantáneas da época do cambio de século, entre 1890-1910, e que respostan ao interese coleccionista de D. Ricardo que conformou ao longo da súa vida a, posiblemente, a máis ampla colección de caracter cultural que teña existido en Galicia: obxectos prehistóricos, artísticos, etc. que nutren hoxe en boa medida os museos da nosa terra. Esta mostra organizada conxuntamente polo Museo do Pobo Galego e o Centro Galego de Artes da Imaxe poderá ser visitada na nosa…