En febreiro de 2012 os municipios de Tui e Valença
asinaron o protocolo de creación da eurocidade marcándose o obxectivo de afondar
nun traballo conxunto en diversos ámbitos de actuación, que expresase tamén
neste nivel institucional o que dende sempre é a vida normal de valencianos e
tudenses que comparten un territorio, convivindo con intensidade, posúen unha
mesma identidade na que caben as normais diferenzas da súa diversas adscricións
institucionais.
Para afondar nesta vida compartida dende Tudensia
achegamos, en varias entregas ou “posts”, unha breve historia desta eurocidade
onde sinalaremos os principais acontecementos do seu devir temporal, aínda que
dun xeito en exceso resumido o que implica, en moitos casos, unha
simplificación dos acontecementos e unha renuncia explícita a unha análise
polo miúdo.
Historia eurocidade Tui-Valença
O territorio enmarcado polo val do río Miño e os seus
afluentes posúe unha axeitadas condicións para o desenvolvemento da vida humana
e facilitará, ao longo dos tempos, a presenza dunha continuidade na ocupación
deste territorio.
A tradición sinala que foi un heroi grego, Diomedes,
que logo de participar nas guerras de Troia, realizou unha longa travesía que o
levou ata estas terras onde fundo en homenaxe ao seu pai, o rei de Etolia,
Tydeo, unha cidade, “Tyde”. A fundación grega de Tui é xa referida por algúns
historiadores romanos e recuperada no século XVI e posteriores nun proceso,
amplamente estendido en numerosos lugares da Península, de procurar nestas
tradicións clásicas, mais próximas á lenda que a historia, un maior prestixio
local. O certo é que testemuñas arqueolóxicas desta presenza grega non existen
ata actualidade.
Os primeiros habitantes de Galicia se teñen
documentado en lugares moi próximos a Tui, no xacemento das Gándaras de Budiño
( O Porriño), ou mais recentemente, nas estacións de O Cabrón (Arbo) e Porto
Maior (As Neves), aproveitando as boas condicións naturais para o asentamento
humano. Tamén encontramos restos materiais paleolíticos en Baldráns, Guillarei,
Rebordáns, Ribadelouro, Pexegueiro, Areas ou Randufe que nos evidencian unha
ocupación humana desta comarca naquela
época.
Andando los séculos o home se sedentariza e convertese
en agricultor, no que se coñece como proceso de “Neolitización”, que en Galicia
se asocia é cultura megalítica, caracterizada pola construción de enormes
monumentos de pedra de carácter funerario. Estes monumentos figuran na
toponimia con nomes como mámoas, medorras… con exemplos como Anta, en Areas, onde
apareceron no camiño do Viveiro forestal varios machados pulimentados. “As Inquirições
de D. Afonso III” tamén aluden a edificacións do tipo dolménico en Valença.
Testemuño desta época é o machado de Carrasqueira (Paramos) cunha cronoloxía de
tres milenios antes de Cristo.
A aparición da metalurxia abre unha nova etapa no
desenvolvemento da sociedade humana, especialmente importante é a Idade do
Bronce (1900 a.C. ata o século VI a. C.) que acadou grande importancia en
Galicia pola súa riqueza mineira. Na zona tudense hai importantes achados
correspondentes a este momento histórico, destacando o casco de bronce (chamado
“celta”) atopado no leito do Miño na zona de Caldelas así como diversas hachas
da mesma época y lugar. Estes obxectos podemos contemplalos no Museo Diocesano.
"Casco celta" de Caldelas - Museo Diocesano de Tui
Quizás a manifestación máis coñecida desta época son os chamados petroglifos ou
gravados rupestres, insculturas realizadas ao aire libre. Son representacións
de variadas formas, desde deseños xeométricos a antropomorfos que tamén
encontramos no noso municipio, desde os de “Rozacús” en Randufe ou “Carneiras”
en Baldráns e en diversos xacementos das freguesías de Valença.
Gravados rupestres ou petroglifos de "Rozacús" - Randufe (Tui)
Esta cultura dos metais ten unha última fase, a idade
do ferro, que no Noroeste Peninsular se corresponde coa cultura castreña. Nas
fontes clásicas Tui aparece citada como capital dos grovios, grupo xentilicio,
que ocuparía o suroeste de Galicia. A este período histórico corresponden
diversos xacementos arqueolóxicos tudenses: Cabeza de Francos, A Guía, monte
Aloia, e incluso a acrópole tudense, evidenciando unha continuidade no hábitat
nesta área da cidade desde épocas remotas.
Sen dúbida, que é Cabeza de Francos -coñecido tamén
como Alto dos Cubos- o mellor estudado dos xacementos castreños. Situado nun
espolón nas abas do monte Aloia, na parroquia de Pazos de Reis, este castro foi
escavado en diversas oportunidades e recentes investigacións o sitúan como o
principal referente deste territorio en época prerromana.
"Alto dos Cubos" ou "Cabeza de Francos" - Pazos de Reis (Tui)
O paso por esta zona do Cónsul romano Décimo Junio Bruto,
no 137 a. C., que tras cruzar o río Limia –o famoso río Lethes ou do Esquecemento-
conduciu ás súas tropas ata o río Miño acampando, segundo algúns, na freguesía
de Gandra supón a incorporación deste territorio ao proceso de romanización.
As fontes clásicas apuntan a un posible “castellum” en Valença namentres que no caso tudense apreciamos dous núcleos de asentamento nesta época: o “Castellum Tyde” ubicado na cima do outeiro tudense, e no barrio de
San Bartolomeu (chamado tamén na documentación como Santa Eufemia) atopamos
numerosos restos arqueolóxicos, dúas necrópoles, un taller de vidro, etc. que
formaban parte da “Mansio” (núcleo con pousada, substitución de animais de
transporte, etc.) da Vía XIX, do Itinerario de Antonino.
Esta via XIX cruzaba o río Minho no noso territorio e
conservamos, actualmente no interior da fortaleza de Valença, un miliario
dedicado a Tiberio Claudio, marcando XLIII millas dende Bracara Augusta. Este
miliario, usado como pelouro, foi traslado a este lugar dende a súa ubicación
orixinal no lugar de “Airinhos” na ribeira do Miño, que algúns autores
localizan fronte o antigo porto tudense de Lavacuncas, na actual zona da
Mariña.
Miliario (usado como pelourinho) - Fortaleza de Valença
A medida que avanzamos na historia do Imperio romano o
núcleo tudense vai configurándose como un importante centro militar, relixioso,
administrativo e de comunicacións, como testemuñan as
importantes evidencias arqueolóxicas atopadas.
Como comprobamos,
dende os tempos máis remotos, a ocupación humana deste territorio patentiza
unha complementariedade que terá continuidade no futuro.
Me gusta. Sigue, sigue no te pares... tiene mucho que decir, como bien resumes, de la historia de nuestras dos ciudades hasta nuestrod días. Esperamos, pues otra entrada. Un saludo desde la estival Baiona.
ResponderEliminarMuy bien resumido, espero el siguiente relato donde averiguaré si hubo hostilidades entre ambas ciudades ahora hermanas
ResponderEliminar