Ir al contenido principal

Tui, 1893 de Juan Miguel González Fernández


Temos a honra de contar, nunha nova oportunidade, coa colaboración en Tudensia do historiador Juan Miguel González Fernández que enriquece este blog cunha nova achega de investigación sobre o pasado tudense. Agradecemos a Juan Miguel González -que nestes días ven de presentar unha recopilación da bibliografia sobre a historia de Vigo editada pola Instituto de Estudios Vigueses- a súa colaboración froito da amistade e da súa incansable labor de pescuda do noso pasado.                                                 



     Tui, 1893

Houbo un tempo, poñamos un cento de anos atrás, que dispoñer dun aparato telefónico era un privilexio do que moi poucos podían disfrutar. Para  solventar a necesidade de información e comunicación entre distintas (e distantes) localidades de España a empresa “Bailly-Bailliere e Hijos” con sé na capital do estado editaba un “Anuario de Comercio”. Nos comezos do século XX pasa a chamarse “Anuario General de España”, incorpora un novo socio: Riera, convértese en Sociedade Anónima e a praza de edición  muda a Barcelona. Cada volume dividíase en provincias, partidos xudiciais, municipios e cidades -no seu caso- e parroquias. Aceptaban pequena publicidade  e resaltados no texto.
Hoxe en día estes “Anuarios” convertéronse en auténticas fontes históricas, que permiten obter unha ampla radiografía sobre a administración, economía e cultura de cada localidade. Recorreremos, pois, a este “Anuario” para facer un percorrido polo Tui de antano ao editado en 1893, cando a centuria chegaba ao seu ocaso (non constan Pazos de Reis e Randufe).
O concello de Tui, é dicir, a capital e as 10 parroquias rurais dependentes sumaban daquela 12.039 habitantes, tendo a cidade ao redor de 5.000 moradores. Como se pode apreciar nin o núcleo urbano era demasiado grande nin o agro estaba densamente poboado, froito sen dúbida da difícil topografía de boa parte do terreo. Algunhas freguesías tiñan un moi marcado carácter rural, sendo o caso máis significativo o de Malvas, que apenas dispoñía duns poucos muíños fariñeiros.
Como cabeza de partido Tui contaba, ademais de co seu concello, dun xulgado municipal, outro máis importante de primeira instancia  (con xuíz, secretario e fiscal), unha administración de correos, e outra de aduanas (con xefe e interventor) dada a súa proximidade á raia lusitana. O xulgado motivaba que houbese un bo número de profesionais vencellados á curia; así, tiñan aberto bufete 12 avogados (Arines, Ruibal, Sarmiento, etc) e 5 procuradores de causas (Bargiela, Lorenzo, etc).
Entre esta elite socioprofesional tamén daban servizo 2  notarios (Menéndez e Otero) e nada menos que 7 administradores de fincas, algúns procuradores ao mesmo tempo; este elevado número pode deberse  á demanda que xeraba a emigración entre as xentes do rural.
As finanzas estaban nas mans de 2 banqueiros: M. Maceira -ilustre apelido- e A. Gregores. É de supoñer que levaban un alto nivel de vida e tiñan bos contactos.
No ámbito administrativo relixioso era sé do bispado sufragáneo do arcebispado de Santiago, rexentado por don Fernando Hue y Gutierrez; o cabido catedralicio dispoñía dun secretario e un mordomo. Para esta clientela traballaban en exclusiva 2 “casulleros”.
En canto ao ensino salientaba o Seminario Conciliar de San Francisco -o único do distrito-, rexido por don Manuel Vallejo Rodríguez, co seu vicedirector, secretario e mordomo, amais dun plantel de 28 catedráticos, quen impartían, en 1º e 2º curso , ademais das linguas (hebreo, grego, latín) asignaturas  tan específicas como disciplina eclesiástica, hermenéutica, teoloxía dogmática e metafísica, etc. No que á instrución pública se refire, tódalas parroquias contaban cunha escola rexentada por un mestre (sempre varón), agás Malvas e Rebordáns.
O mundo da cultura mostrábase, por unha banda, na edición de xornais: o inevitable “Boletín Eclesiástico de la Diócesis”, o ultra católico “La Integridad”, “La verdad” e o semanario “La Novedad”.  Estes vían a luz na imprenta “Viuda e hijo de L. Pérez Hermida”, sita no Cantón de Diómedes, nº 5, a cal tamén era librería, en competencia coa de  J. M. Iglesia; o primeiro tamén se ocupaba da encadernación,o mesmo que V. Junquera.
Os servizos públicos da sanidade estaban representados pola consulta de 5 médicos (Gil Ruibal, Temo Spuch) e 3 establecementos farmacéuticos (Areses, quen tamén era director municipal de sanidade). Curiosamente aínda quedaban 2 vendedores de sambesugas, utilizadas de sempre para as  sanguías.
Como non podía ser doutro xeito, a actividade mercantil concentrábase no caso urbano. En relación co tamaño e para satisfacer as necesidades básicas de alimentos Tui contaba con 11 tendas de ultramarinos, 12 panaderías (a metade levadas por donas) 4 tablaxerías de carniceiros, 2 salchicheíras, 2 provedores de aceite, 1 pesadeira e 1 vendedor de sal.  A demanda de vestido estaba satisfeita por nada menos que 18 almacéns de tecidos, aparte de 5 xastres para traxes á medida; pero a modernidade comezaba a asomarse e xa había 2 negocios de roupa feita. Para a  menaxe da fogar  dos menos podentes podíase recorrer a algunha das 9 quincalleirías, rexentadas case todas por mulleres. Había tamén  un pequeno sector do mercado máis elitista, no que se contaban 3 confiterías, 2 reloxeiros (J. Losada) e 4 perruquerías para un público máis interclasista. Para o inveterado vicio do tabaco a Compañía Arrendataria do produto tiña como representante a J. Besada.
A industria de Tui e os seus arredores era moi escasa e de pequenas dimensións. O máis grande empresario era M. García, quen tiña na cidade unha fábrica de aserrar madeira, un muíño de cortizas e unha factoría de curtumes. Do primeiro tipo había tamén en Paramos e Pexegueiro -zonas montañosas- e 2 de tellas e ladrillos en Guillarei, propiedade dos Besada, xunto con outras tantas na propia cidade.
O artesanado viña sendo o mesmo que en calquera lugar da Galicia, con algúns traballadores manuais tamén no rural: ferreiros, xastres, zapateiros, canteiros... e ata un especializado broncista (J.F. Barreira). Como en Galicia nunca fallan festas, o pirotécnico de Paramos debía estar moi demandado.
As comunicacións públicas estaban presididas polo ferrocarril de Ourense a Vigo cun apéndice ao Miño que atravesaba  pola ponte internacional enlazando co seu correspondente comboio portugués. A nivel local, contaba con dous barcos de pasaxe en Tui  e outros tantos en Caldelas que cubrían o transporte á ribeira portuguesa por vía fluvial. Para os que dispoñían de certo caudal económico na cidade había tres “alquiladores” de carruaxes (2 deles tamén exercían de cocheiros) e 4 -quizais de carros- en Caldelas debido á demanda do balneario.
A só 9 quilómetros da cidade, na limítrofe parroquia de Caldelas, atopábase un coñecido balneario.  Del indica brevemente o “Anuario”: las aguas de los baños de su nombre son de naturaleza cloruro-sódicas, débilmente sulfurosas, abiertos en la temporada del 1º de julio al 30 de septiembre, bajo la dirección de don César García Teresa, con apeadeiro de tren. En torno a elas xiraba un pequeno asentamento presidido polas instalacións do hotel balneario, dispoñendo asemade de 4 fondas, 3 tendas de ultramarinos e, como xa sinalamos, 4 “transportistas” e 2 barcos de pasaxe. 
Tanto na cidade -sobre todo alí- como no rural non fallaban os muíños fariñeiros, indicativos dunha importante explotación agrícola  dedicada preferentemente ao cultivo de cereais (millo, etc).  Para medir as fincas (cuestión a miudo delicada) contaban con 3 peritos agrimensores con residencia na urbe. Non podían fallar no agro os colleiteiros viño con suficiente capacidade como para xerar excedente comercializable (mesmo había un cubeiro en Ribadelouro), atopándose sobre todos terras chas e ben regadas (Guillarei, Paramos...). Outro sector importante na contorna era o da gandería; tamén nesa última parroquia había un tratante de porcos e na de Guillarei e na urbe outros de gando sen especificar, imaxinamos que vacún; na cidade J. Rodríguez posuía unha “vaquería”.  Para coidar da  saúde dos animais  debía recorrerse aos dous veterinarios (C. Rivero) que vivían na cidade.      

Juan Miguel González Fernández

Comentarios

  1. MUY INTERESANTE! Gracias

    ResponderEliminar
  2. Muy interesante, gracias.
    M.Pilar.

    ResponderEliminar
  3. Una maravilla que se lee de un tirón y con ganas de más

    ResponderEliminar
  4. pimpinela eslalata22 de marzo de 2013, 15:33

    Dice el autor que, en aquella época, Tui no era demasiado grande. Como todos los tudenses desean que Tui crezca, ¿qué dimensión máxima debería tener Tui para que no llegue a ser demasiado grande?

    ResponderEliminar
  5. Gracias por un trabajo bien documentado y bien "comunicado". Lo que interesa a los









    Gracias por un trabajo tan bien elaborado y tan bien "comunicado". Yo creo que lo que realmente nos interesa a los buenos gallegos de Tui, Tuy, TUdae, o como se le haya querido o podido denominar en cualquier época, es que todos nos sintamos orgullosos de pertenecer a esta localidad y la amemos como se merece.





    ResponderEliminar
  6. Un trabajo bien hecho me gusta soy tudense.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Lembranza agradecida a Xabier Añoveros

Onte á tarde, nos comezos de setembro, cando xa as horas diúrnas minguaron, o aire nos anticipa a proximidade do outono e as conversas se centraban nestas intranscendencias, recibín a triste noticia do falecemento, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, de Xabier Añoveros Trías de Bes, navarro de berce, barcelonés de vida e traxectoria e tudense de corazón.   “ Tuy (con i grego como adoitaba a escribir pois con este arcaísmo semellaba reflectir mellor a antigüidade da nosa cidade) es una ciudad de la que estoy enamorado desde hace muchos años ” e, como é propio dun noivo, a esta vella cidade lle ten dedicado horas, estudos, e moi especialmente un agarimo permanente centrado na súa querida “Casa da Canicouba”. O seu noivado e posterior matrimonio con Julia García-Valdecasas Salgado, filla da tudense Julia Salgado Peñarredonda, o ligou dende 1968 a este outeiro pétreo sobre o Miño, que é Tui. Non sei se foi a longa tradición tudense da familia de Julia, o rico arquivo da Casa da Ca...