Ir al contenido principal

O outro Calvo Sotelo de Tui: Leopoldo


Se algunha vez escoitamos falar sobre a figura do tudense Calvo Sotelo, todos acostumamos a referirnos á José Calvo Sotelo, nado na nosa cidade en 1893, avogado e político, ministro de Facenda en tempos do Directorio de Miguel Primo de Rivera, lider do grupo monárquico "Renovación Española" na II República  e asasinado o 14 de xullo de 1936, nun acontecemento que para moitos apurou o levantamento militar que desencadeou a Guerra Civil.
Sen embargo, é amplamente descoñecida a figura de Leopoldo Calvo Sotelo, tamén nado na nosa cidade o 15 de novembro de 1894. Ambos eran fillos do xuiz Pedro Calvo Camina que exercía por aqueles anos esta función na nosa cidade. Pedro Calvo era natural de Meneses del Campo (Palencia) onde nacera en 1855 e logo de exercer a avogacia en Peñaranda de Bracamonte (Salamanca) xa como xuiz residiu en, entre outros lugares, Bilbao, Huelma (Jaen), Castropol ou Lucena. En Ribadeo casou en 1887 con Elisa Sotelo Lafuente. Deste matrimonio ven a estreita relación que a súa familia manterá con esta vila galega.
En Tui nacen pois os dous primeiro fillos desta familia que posteriormente en A Coruña alumbrou en 1905 un terceiro descendente, Joaquín, avogado pero sobre todo recoñecido pola súa dedicación literaria
Leopoldo Calvo Sotelo, pai do político do mesmo nome que ocupo a Presidencia do Goberno de España nos anos 1981 e 1982, nace no Paseo da Corredoira tudense, nunha cada que hoxe presenta un lamentable aspecto. Fará os seus estudos nos Institutos de A Coruña, Lugo e Zaragoza, cidade onde comeza a súa carreira de dereito que culminará en Madrid, acadando premio extraordinario. Foi oficial letrado do Consello de Estado, onde ingresou por oposición co número 1 en 1920; oficial do Consultorio Jurídico do Consello de Traballo e secretario xeral da Cámara Oficial do Libro, de Madrid, por concurso.
Entre as súas publicacións de tipo xurídico cabe reseñar: “Apuntes de Derecho Político y Administrativo” (1920-27); “El libro español en América”, memoria premiada polo Ministerio de Traballo e publicada pola Cámara Oficial do Libro de Madrid en 1927.


Pero foi tamén autor de diversas obras de creación literaria: “Don Severo. Meditaciones de un jefe de negociado”, novela curta; “Ribanova, una vez era un pueblo” (1928).“Ribanova” é a súa obra máis afamada; trátase dunha novela ambientada en Ribanova (Ribadeo) onde o autor con grande capacidade descritiva relata “con exactitude e gracia humorística, os costumes, recelos, envexas e intrigas provincianas, con sinxeleza e notable axilidade servíndose dun fío narrativo interesante e pintoresco”
Ao ano seguinte en 1929 sae do prelo “Historias de suicidas”, un conxunto de dez relatos humorísticos cun “estilo xenuíno, un estilo ondulante, gracioso, xentil, que gosta dos finos matices tanto como do vivo choque da antíteses e do contraste”.
Leopoldo Calvo Sotelo casou en 1923 con Mercedes Bustelo García, filla de Ramón Bustelo González, deputado a cortes e senador. Tiveron cinco fillos: Leopoldo, enxeñeiro de camiños e presidente do goberno en 1981-82; María Luz Carlos, casada co diplomático Fernando Moran López, ministro de Asuntos Exteriores en 1982 e 1985; María de las Mercedes Elisa Rosario que casou con Jorge Ignacio Cabrera Sánchez, pais da Ministra de Educación entre 2006 e 2009.Mercedes Cabrera Calvo-Sotelo; Ana María del Pilar, casada co fundador de Ferrovial, Rafael del Pino e Moreno; e María Rosa Enriqueta.
Leopoldo Calvo Sotelo morreu en Madrid en 1933. Sirvan estas liñas para recuperar o nome destoutro Calvo Sotelo que reclama a súa lembranza na memoria da nosa cidade.

Comentarios

Entradas populares de este blog

A lenda do túnel baixo o MIño

As lendas ou narracións populares, transmitidas oralmente, relatan xeralmente acontecementos ficticios que se teñen por reais, en moitas ocasións mesturados con feitos históricos. Pola súa capacidade de evocación, pola súa transmisión xeracional as lendas conforman un acervo do que chamamos patrimonio inmaterial que cómpre recoller e preservar. Na nosa cidade conservamos varias lendas vencelladas ao caracter histórico da nosa localidade, ao seu caracter fronteirizo e consecuentemente a súa fortificación fronte aos posibles invasores. A máis asentada no imaxinario colectivo tudense é a relativa ao “túnel” que comunica Tui coa outra beira do Miño, coas terras de Valença. Resulta moi significativa esta lenda pois testemuña como na mentalidade dos tudenses a fronteira e a súa condición de limite, de aillamento fronte ao estranxeiro era superada polas nosas xentes que a través do túnel escapaban destas “imposicións” e mantiñan a comunicación coas terras irmáns que as estructuras políticas t…

A Semana Santa tudense e as súas posibilidades

Xa na noite do Venres Santo xorde de novo unha reflexión sobre a Semana Santa tudense, pois quizais na nosa cidade non chegamos albiscar as súas potencialidades como elemento que forma parte do noso acervo patrimonial que temos a responsabilidade de conservar, sen privala da súa dimensión relixiosa, e dende esta valorización é tamén un posible recurso turístico para Tui, pois poucos lugares de Galicia teñen unha riqueza similar nestas xornadas.


Neste mesmo blogue temos sinalado que inmediata celebración das festas patronais de San Telmo distorsiona a visión destas xornadas de celebración do misterio pascual de Xesús, configuradas como un preludio das festas e, consecuentemente, infravaloradas non xa na súa dimensión espiritual senón na súa significación cultural. Cómpre valorizar as actividades litúrxicas ou para-litúrxicas destas datas, pois, independentemente da súa significación relixiosa ou espiritual, conservan requintadas expresións da nosa historia colectiva da que somos custodi…

O grupo "Ultreya" tudense (I)

A comezos do ano 1932 o daquela profesor do Instituto de Noia, Álvaro de las Casas, funda con varios rapaces alumnos seus os Grupos Ultreya que terán un curto pero activo papel no desenvolmento da nacionalismo entre a mocidade galega.
Alvaro de las Casas (Ourense, 1902 – Barcelona, 1950) é unha persoalidade apaixoante (o estudo de Uxio Breogan Dieguez asi o documenta). Tras os seus estudos de Filosofía e Letras (especialidade de Historia) en Valladolid, trasladouse a Madrid sendo nomeado secretario particular do conde de Vallellano, alcalde de Madrid. Mantivo de sempre grande relación con intelectuais galegos especialmente con Vicente Risco.
Pero en 1930 da un xiro a súa actividade, adoptando unha actividade galeguista e republicana, incorporándose ao ensino público. Chega en 1930 como profesor de Xeografía e Historia ao Instituto de Noia, posto no que continuará ata a súa destitución polos sublevados en agosto de 1936, cando xa tiña fuxido para Portugal. Tivo unha traxectoria ás veces …