
Onte sábado 15 de xaneiro abriuse ao público no Núcelo Museológico de Valença unha exposición titulada “Memorias de vida: trapicheiras e raianas”, de grande interese e moi recomendable visita. Previamente houbo no Salón de Actos da Cámara Municipal unha sesión de homenaxe ás trapicheiras e raianas de Valença e Tui que foron agasalladas polo Presidente da Cámara valenciana en recoñecemento ao seu esforzo e a súa achega á vida local. Previamente nunha sesión académica os investigadores Manuel A. Pinto Neves e Ernesto Iglesias Alemida xunto á realizadora Diana Gonçalves realizaron diversas achegas ao mundo do contrabando e trapiche no noso territorio.
Parabéns á Cámara Municipal de Valença por esta iniciativa e especialmente á responsable do Núcleo Museológico, Isilda Salvador, e a súa equipa polo amplo traballo desenvolvido. Esperamos facer un percorrido calmoso polos numerosos obxectos integrantes desta mostra, que recupera un elemento ben importante do noso pasado. Dende Tudensia nos sumamos á proposta formulada nestes actos polo estudoso M. Pinto Neves en que solicitaba á Camára valenciana a realización dun monumento en memoria das trapicheiras. Oxalá esta inicitiva poda ser partillada por ambas localidades pois este recoñecemento non é completo senón abrangue ás dúas cidades, Valença e Tui, pois os fenómeno do contrabando atinxe a ambas.
Para esta exposición fomos convidados a elaborar un pequeno texto que achegamos de seguido, que non é máis que unha pequena reflexión ou cavilación encol deste fenónemo que hoxe reivindicamos, e onde o filme “Mulleres da raia” de Diana Gonçalves actuou como revulsivo deste proceso.
“CONTRABANDEANDO” NA MEMORIA
A fronteira entre Galicia e Portugal comeza a definirse co recoñecemento da independencia de Portugal no século XII pero funcionará a efectos meramente políticos ata a Idade Moderna, onde a implantación dos Estados Nacionais necesita a creación dunha fronteira definida tamén nos ámbitos económicos e, especialmente, mentais.
Na Idade Media a circulación ao longo da fronteira miñota é intensa, ata a punto que o propio monarca portugués Afonso V, contradicindo outras das súas decisións, outorga en 1462 cartas de vicindade ás xentes do territorio tudense para que poidan mercar sen trabas e con liberdade nas feiras do Minho lusitano, sen pagar tributos como se fosen portugueses. Mesmo en 1485 o Concello de Valença e o Bispo e señor de Tui, nun acordo sobre as barcas de pasaxe, sinalan que “compre a boa vezinages de uns e dos outros” considerando “estrageyro” aos que non eran tudenses ou valencianos. Pero a pesares da consolidación das “raias” fronteirizas , cada vez menos permeables, as comunidades que habitan nestes territorio continuaron a compartir as súa vida en veciñanza de xeito ininterrumpido.
O comercio ilícito, as transaccións comerciais que procuraban subtraerse da fiscalidade, é unha constante dende a creación da fronteira pero aumentará na medida en que esta se consolida. Tui e Valença pola súa propia complementariedade histórica e funcional serán escenario privilexiados para este comercio ilegal. Un comercio que segundo as necesidades de cada época mudara de obxectivo: o sal na Idade Media, o gando en época moderna, a fariña, o café, o tabaco, as armas, os cartos e mesmo as personas en tempos máis recentes serán protagonistas deste tráfico, sempre intenso que atopa no río Miño un obstáculo pero tamén un aliado nesta circulación ás escondidas.
A creación de forzas policiais no século XIX (os “guardinhas” portugueses e os “carabineiros” españois) significa un novo capítulo neste tráfico, ao incrementarse de xeito sustancial o control do territorio, reducindo a permeabilidade da fronteira, aumentando o risco, mesmo físico, dos propios contrabandistas que agora teñen de burlar aos controis que, ao longo do espazo fronteirizo, establecen as forzas de seguridade, con garitas, patrullas, etc.
O contrabando, en España, logo da II República, é designado, ás veces, co nome de “estraperlo” en alusión a un escándalo de subornos que afectou a altos membros do Partido Radical no poder en 1934. Pero o estraperlo fai especialmente referencia ao comercio ilegal dos artigos sometidos ao racionamento nos tempos da posguerra española ou daqueles outros que o seu comercio estaba intervido polo Estado.
Contrabando é un término moito mas amplo e definitorio dun tránsito comercial que pretende sustraerse dos aranceis fiscais. Un fenómeno constante neste territorio de fronteira que está inxerido na propia identidade dos raianos. Pero actualmente na construcción do imaxinario colectivo é ás veces reivindicado e asumido cunha aureola de certo romanticismo nostálxico. Cómpre lembrar que, na realidade, o contrabando fai referencia a dúas realidades contrapostas. Por unha banda, é un fenómeno que atopa a súa explicación, e mesmo xustificación, nunha economía de subsistencia que imperaba nos pobos da ribeira do Miño, cunha poboación que vivía na miseria, tantas veces con “fome”, que impulsa a que os nosos labregos e, especialmente, as súas mulleres se dediquen a este tráfico ilícito de varios quilogramos de café, de peixe, de fariña, de aceite... arriscando a súa propia persona e integridade para achegar ao fogar un pouco de diñeiro que mitigase as dramáticas condicións de vida nas que tantas familias miñotas vivían en tempos pasados.
Pero o contrabando foi tamén unha fonte de riqueza, ás veces de moita riqueza, para outros sectores da poboación, de caracter vilego ou urbano, que comerciaban ilegalmente a grande escala, ás veces explotando a moitos “pequenos” contrabandistas, e que amasaron grandes fortunas sen arriscar e, nalgunhas oportunidades, incluso en connivencia con determinadas autoridades. Tanto en Tui como en Valença este comercio ilegal supuxo unha importante achega económica para as economías locais en determinados momentos do noso pasado.
O paso do tempo, que todo o transforma, muda tamén a percepción deste fenómeno que evidenciaba a intensa comunicación que sempre existiu entre os habitantes de ambas beiras do Miño, pois a colaboración entre os contrabandistas de ambas fronteiras foi ampla. E o contrabando era un importante medio de vida para amplos sectores da poboación. Tan importante socialmente, tan intensamente sentida polas xentes de Tui e Valença que ata o goberno franquista español que, por exemplo, non permitía a instalación de industrias nas zonas inmediatas á fronteira, tiña un pase especial para as “raianas”, tentando as mulleres que transitaban e traficaban diariamente pola ponte internacional pois este comercio garantía unha estabilidade social.
Rememorar o contrabando, o estraperlo, o trapiche é recuperar a memoria de auténticos héroes anónimos que salvaron tantas vidas nos duros tempos da Guerra Civil española, de mulleres valentes e emprendedoras, que, amáis de traballar na casa e no campo, arriscaban a súa libertade para alimentar aos seus fillos, daqueles carabineiros e guardinhas que ollaron para outro lado na súa ronda diaría polo camiños ao carón do Miño... é lembrar a fronteira da ponte internacional que pechaba a media noite e non se podía cruzar ata as oito da maña, os exhaustivos controis policiais na aduanada tudense e na alfandega valenciana, amosar o pasaporte, trocar as pesetas en escudos.... que nos facían presente que eramos dous territorios independentes e mesmo enfrontados...
Pero as poboacións raianas seguían sentíndose parte dunha mesma realidade, seguian namorándose sen preocuparse das fronteiras, participaban nas mesmas festas xa fose con treboadas ou “zes-pereiras” coa sua concertina, pescaban ao tempo o sable e as lampreas, traballaban onde houbese un mellor salario... e, como non, procuraban os alimentos que non tiñan no seu fogar, procuraban aqueles ingresos que precisaban nas febles economías domésticas tanto a un lado como ao outro do río, que algúns chamaban fronteira.
Rafael Sánchez Bargiela
Comentarios
Publicar un comentario