Ir al contenido principal

Algunhas reflexións sobre o pasado Ano Santo Compostelán


Rematado o Ano Santo 2010 aparecen nos medios de comunicación noticias sobre os balances que as diversas administracións públicas e institucións vencelladas ao fenómeno xacobeo realizan atendendo ás cifras rexistradas de peregrinos que percorreron os diversos camiños de peregrinación ao longo do ano xa rematado.

Non é a nosa pretensión retomar a polémica, que foi suscitada hai agora un ano, sobre a “pertinencia” da creación dun novo trazado da peregrinación, o chamado “camiño portugués pola costa” que cruzando o río Miño por Camiña continuaba pola Guarda, Rosal, Oia, Baiona, Nigrán e Vigo, uníndose de novo ao camiño portugués en Redondela.

Neste mesmo blog denominamos a este pretendido camiño coma “un camiño sen pegadas” pois carecemos de noticias históricas que documenten o paso común de peregrinos por esas terras. É máis, os documentos de viaxes conservados reflicten que a maioría dos peregrinos que chegaban a Caminha, non cruzaban á inmediata vila gardesa, senón que ascendían polo Miño ata Tui para retomar o camiño terrestre na nosa cidade. O mesmo Nicola Albani, un afamado peregrino que nos deixou o relato das súas viaxes a Compostela en 1743 e 1745. No texto da viaxe de retorno desta última peregrinación fala do seu paso por Vigo, Baiona, A Guarda, Caminha, etc. O relato deste italiano é recurrentemente mencionado polos defensores deste itinerario como argumento a prol das súas teses. Pero se lemos a súa narración comprobamos coma Albani cando fai este camiño o realiza non como peregrino, pois tiña retirado as súas vestimentas como peregrinos para entrar ao servizo dun cabaleiros, evidenciando que percorre esta ruta como viaxeiro e non por mor do seu periplo de retorno do sartego apostólico.

O pasado lúns 17 de xaneiro publican diversos xornais unha nota de prensa da benemérita Asociación de “Amigos de los Pazos” anunciando que continuaran traballando pola promoción deste roteiro pola costa e, nunha nova ocasión, proclaman que este camiño xa foi recoñecido oficialmente pola Xunta de Galicia como “Camiño de Santiago”. E esto non é certo, pois, ata o momento, non se produciu tal recoñecemento oficial.

O único que existe é unha “proposta non de lei” aprobada polo Parlamento de Galicia na anterior lexislatura instando a este recoñecemento, pero o decreto correspondente en que oficialmente se outorga esta denominación, ata agora, non se ten realizado. Por tanto, cómpre non realizar estas afirmacións que, cando menos, confunden á opinión pública. Non hai tal recoñecemento oficial. Outra cousa distinta, que tamén debatible, é a decisión da Consellería de Cultura e Turismo e da S. A. De Xestión do Plan Xacobeo de incluír este itinerario na súa programación e nos seus soportes informativos sen ter o respaldo legal preciso. Cando menos é unha irresponsabilidade.

Abrir este debate en Galicia como teñen feito os promotores deste “camiño pola costa” é promover que xurdan moitas outras iniciativas similares que reclaman tamén o seu recoñecemento: o camiño do Ribeiro, da Raiña, do inverno, da Ribeira Sacra, etc. Pois certamente por toda Galicia houbo peregrinos que acudían, polo camiño máis curto e doado, á recibir as perdoanzas do basílica compostelá. Pero outra cousa é que exista un fluxo continuado ao longo dos séculos que acredite a existencia perdurable dun itinerario de peregrinación, recoñecido hoxe como Camiño de Santiago.

Tamén se repetiron neste pasado ano en numerosas oportunidades afirmacións de que ata 1982 non había peregrinos polo camiño portugués, que había séculos que ninguén se lembraba do mesmo, etc cando tampouco a realidade é así. Cómpre matizar para ser xustos e verídicos. A Asociación de Amigos de los Pazos e a Asociación de Amigos do Camiño Portugués iniciaron en unha campaña de sinalización e promoción de camiño lusitano que é responsable, en boa medida, do actual éxito deste roteiro, do seu actual trazado, etc. Non recoñecer este mérito sería unha inxustiza. Aínda que habería que lembrarlle á Asociación de Amigos do Camiño Portugués que o itinerario tudense non comezaba no porto de Lavacuncas, como reiteradamente teñen escrito, pois este era o porto de mercadorias ou cabotaxe, namentras que as barcas de pasaxeiros tiñan o sue lugar no porto de Santa Baia (no que hoxe chamamos “A Fábrica) ou preto da desembocadura do Louro onde tiña o seu porta a barca valenciana.

É pois unnha omisión inxustificada non lembrar que, por exemplo, ao longo do século XX sempre que houbo un Ano Santo existiron peregrinacións da diocese tudense e doutras agrupacións eclesiais e sociais que acudían a Compostela; que nos anos sesenta recolles os xornais congresos turísticos sobre o chamado daquela “camiño bracarense” cunha preocupación pola súa potenciación... non era todo ermo.

O que asistimos nas últimas décadas é a unha transformación do fenómeno xacobeo, transformado agora, para moitos, nun fenómeno de turismo. Velaí os datos sobre os 33 peregrinos que iniciaron en Tui o seu percorrido xacobeo e os cinco ou seis mil que ocuparon os albergues tudenses ao longo do pasado ano. Existe un dificil equilibrio que cómpre manter. O Camiño de Santiago é un patrimonio cultural recoñecido en diversos ámbitos pero o que converte a este Camiño nun patrimonio vivo é a existencia de peregrinos; estes camiñantes cara a Santiago danlle vitalidade e actualidade a este itinerario, en consecuencia é imprescindible coidar aos peregrinos para que exista un turismo cultural arredor deste fenómeno patrimonial, pero sen que este fenómeno afogue ou solape completamente á peregrinación que está indisociablemente vencellada á fe, á devoción, á relixiosidade, En consecuencia, paga a pena investir na acollida e no apoio aos peregrinos porque son eles os que promoven o turismo, sen ser eles mesmo turistas.

Unha longa cita do profesor Xose Luis Barreiro Rivas publicada hai uns meses na revista Grial introduce un importante elemento de debate sobre o que reflexionar neste longa década en que estaremos á espera dun novo Ano Santo Compostelán: Compre lembrar tamén que as motivacións que tiveron os peregrinos para faceren o camiño foron sempre plurais e, na maior parte dos casos, compatibles entre si (...) O único que non cabe é desnaturalizar a peregrinación nin o seu destino, e no canto de manter as raíces históricas e culturais dun feito nacido ao abeiro da formación da cultura occidental –que era tamén unha cultura cristiá-, instaurar no seu lugar unha panoplia de ocorrencias que, abeiradas ao éxito secular do Camiño, van facendo esquecer que a autenticidade da peregrinación a Compostela –o que lle dá singularidade e pervivencia secular- é un feito relixioso que non pode nin debe ser adaptado ás esixencias dun turismo masificado que depreda ou destrúe os símbolos e virtudes do Camiño (...) Porque iso equivalería, incluso para os que cren na andrómena do PIB milagroso, a matar á galiña dos ovos de ouro ou, dito en termos máis solemnes, a collermos unha grandiosa herdanza da historia dos nosos pais, para transmitírllela aos nosos fillos convertida nunha confusa feira de bixutería e autobús.

Ultreia!

Rafael Sánchez Bargiela


Comentarios

  1. O problema ven cando se mistura promoción turística e un destino espiritual/relixioso. Por unha banda temos 9.000.000 de teóricos visitantes que acudiron por esa promoción, por outro temos case 250.000 peregrinos. Esta contradicción é a que pon en perigo a autenticidade do camiño, porque este se transformará en turismo de masas (mal obxetivado) e abandonará o carácter relixioso e espiritual que tiña, pasandose a converter nunha feira coma calquera outra. Ademais de que é pouco beneficioso no económico. Pensade que o monumento máis visitado de España é a Alhambra, con máis de dous millóns de visitas que tiveron que mercar previamente a entrada con bastante anticipación. Pois con estos rexistros, os 9 millóns do 2010, Galicia e en concreto Santiago debería nadar na abundancia económica, e non acontece así, algo falla e se deberá correxir para evitar o desastre turístico futuro e protexer a imaxe e sentido do camiño para as vindeiras xeracións.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le