Ir al contenido principal

O Camiño de Santiago en Tui (IV): peregrinos medievais

Retomamos neste post a serie sobre o camiño de Santiago e Tui, recuperando as referencias a peregrinos da Idade Media


Imaxe de Tui no "Livro das fortalezas" de Duarte D'Armas
que acompañaba ao rei D. Manuel na súa peregrinación

Posiblemente o primeiro peregrino que do que temos noticia en acudir a Compostela foi o bispo de Porto, D. Hugo, morto no 1156. Xa en 1219 o rei D. Afonso II acudiu a Santiago a implorar a curación dunha doenza, cruzando o Miño por Tui. Foi o primeiro monarca portugués en desprazarse ata Santiago de Compostela, continuando esta ruta de peregrinación posiblemente Afonso II (1220), tal vez Sancho II (1244), Afonso II (1253), a viuva do monarca D. Dinis, a raíña Santa Isabel, don Fernando I e don Manuel I. Destas peregrinacións as que temos máis documentadas son as da Raíña Santa e don Manuel.

Santa Isabel de Portugal peregrinou a Compostela en 1325, ao ano de enviuvar. Existen numerosas tradicións no Norte de Portugal e mesmo no Sur de Galicia sinalando o seu paso por diferentes lugares. Sen embargo, os historiadores certifican que a Rainha Santa seguiu o que hoxe coñecemos como camiño portugués dende Coimbra. No ámbito tudense “logo de pasar San Bento da Porta Aberta, en Cossourado (Paredes de Coura), a tradición indica o lugar de Reguengo, na freguesía de Fontoura (Valença do Minho), como a localidade na que santa Isabel pasaría a noite” continuando logo por Tui. A tradición sinala outra peregrinación aos dez anos, en 1335, desta volta sen os atributos rexios senón como unha simple romeira, pero ten máis sesgos de lenda que de historia. De todos os xeitos a figura da Rainha Santa ilustra dous ambitos de peregrinacion: un de caracter institucional e rexio e outro relixioso e anónimo, que se manterán ao longo da Idade Media.

Pola súa banda, Don Manuel I, o Venturoso, partiría “por terra direito a Tuy, aonde foi recebido... de Tuy foi à cidade de Santiago” no ano 1502. Tamén o seu retorno foi polo mesmo roteiro, pois cando chegou a Valença enviou unha carta ao Deán da Catedral de Braga, anunciándolle a súa visita. Cómpre lembrar que formaba parte do seu cortexo, como escudeiro, Duarte D'Armas, que deseña por orde do rei a nova fortaleza de Valença, e que nos deixou no seu Livro das Fortelazas as máis antergas imaxes das cidades de Valença e Tui.

Será nos finais da Idade Media cando á motivación exclusivamente relixiosa do itinerario de peregrinación engádese o interese polas grandes viaxes e o coñecemento de novas terras e culturas. Está documentado, na Idade Media, a viaxe de retorno dun anónimo peregrino inglés que antes de entrar en Portugal, por Valença, tivo de cambiar os seus maravedies casteláns polos reais portugueses.

Unha das primeiras noticias sobre viaxeiros vencellados ás rutas xacobeas son os senllos relatos de dous cruzados británicos, Osborne e Arnolfo, que no ano 1147 no seu camiño a Terra Santa visitan a tumba do apostolo e continuan camiño cara Portugal colaborando con Afonso Henriques na toma de Lisboa, na carta de Osborne lemos: Habeat autem litus maris, ab insula usque ad Portugalam, fluvium Onnem super quem quivitas Tud. Post hunc fluvius Caduva, supra quem civitas Braccara.

Outra noticia vencellada a viaxeiros polo camiño portugués é a viaxe a Portugal, en 1448, de dous embaixadores de Federico III de Alemania, Lanckmann e Motz, que os envia xunto a un pintor para iniciar as negociacións para un posible casamento cunha infanta portuguesa. Tras visitar Compostela, foron a Padrón, e alí uníronse a un grupo de peregrinos irlandeses achegándose ata Fisterra. Logo un guía levounos ata Tui para continuar o camiño cara Portugal.

En 1466 o barón bohemio León de Rosmithal, señor de Blatna, viaxou por Portugal camiño da tumba apostólica, segundo a testemuña escrita dos seus criados Wenceslaus Schaschek e Greorg Tetzel. Entrando por Freixo de Espada á Cinta, chegou a Braga dende onde percorreu a antiga vía romana por Ponte de Lima e Tui, en Orbenlle ten de desviarse por atopar anegados os camiños. No seu regreso entrou en Portugal por Valença.

Aos poucos anos, en 1484, o polaco Nicolau Poielovo, de Silesia, ou Popplau foi a Santiago. A viaxe ata Compostela fíxoa en barco dende Lisboa, pero regresou a cabalo entrando por Tui e Valença cara Ponte de Lima nas terras lusas.

De 1495 deixa o seu testemuño escrito do xeógrafo e astrónomo alemán Xerónimo Münzer, de Nüremberg, que atravesou Portugal a cabalo; no seu camiño comeu nunha pousada situada entre Ponte de Lima e Cossourado (Paredes de Coura) onde pasou a noite antes de continuar ata Valença “o último lugar do reino de Portugal”, cruzando no 11 de decembro o río Miño, que sinala era tan caudaloso como o Rhin en Basilea.

Comentarios

  1. Muy interesante. Al igual que Cosme III de Médici que lo hizo en 1669, no se le ocurrió ir por el "Camino de la Costa" sino que de Tui, directo a Santiago.El turismo de mar, playa y gastronómia marina... no existía. Non se enteran. O Camiño é O Camiño, e o resto turismo.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Lembranza agradecida a Xabier Añoveros

Onte á tarde, nos comezos de setembro, cando xa as horas diúrnas minguaron, o aire nos anticipa a proximidade do outono e as conversas se centraban nestas intranscendencias, recibín a triste noticia do falecemento, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, de Xabier Añoveros Trías de Bes, navarro de berce, barcelonés de vida e traxectoria e tudense de corazón.   “ Tuy (con i grego como adoitaba a escribir pois con este arcaísmo semellaba reflectir mellor a antigüidade da nosa cidade) es una ciudad de la que estoy enamorado desde hace muchos años ” e, como é propio dun noivo, a esta vella cidade lle ten dedicado horas, estudos, e moi especialmente un agarimo permanente centrado na súa querida “Casa da Canicouba”. O seu noivado e posterior matrimonio con Julia García-Valdecasas Salgado, filla da tudense Julia Salgado Peñarredonda, o ligou dende 1968 a este outeiro pétreo sobre o Miño, que é Tui. Non sei se foi a longa tradición tudense da familia de Julia, o rico arquivo da Casa da Ca...