Ir al contenido principal

O Paseo da "Corredera", unha hipótese



Participei hoxe nunha agradable tertulia no programa matinal da Radio Galega, celebrada en Tui, sobre o propio Palco da Música, no céntrico “Cantón de Diomedes” para falar do Paseo da Corredera tudense, nun percorrido que realizan polas máis emblemáticas rúas de cidades e vilas de Galicia.
Falar do Paseo da Corredera é falar do centro da vida social da nosa cidade, dese longo rueiro que é escenario dos principais acontecementos no devir colectivo tudense. É a ampla rúa para o paseo, para a tertulia, para o xogo dos cativos, para enterarse de canto acontece, para ver e ser visto (ou para mirar pois cos tudenses nunca se sabe)... un espazo público excepcional pola súa centralidade e amplitude, polo seu caracter peonil, que promove o encontro, a charla, o paseo... en definitiva un espazo único para crear comunidade, identidade, cidade. Amáis a súa propia configuración é case unha metáfora por leva aos seus paseante dende o interior da cidade histórica a unha ampla panorámica da veiga da Miño, e das terras galegas e portuguesas, en definitiva lembra perennemente aos tudenses que o camiño non remata na nosa vella cidade senón que cómpre sempre ollar ao horizonte
A participación neste programa ofreceume a ocasión de revisar notas e apuntes sobre esta rúa tudense e agromou de novo unha vella teima persoal sobre a orixe deste topónimo da “Corredera”, pois o nome oficial de “Corredoira” diría que case ninguén o emprega, nin aínda os galegofalantes.
Segundo Ávila y Lacueva xa tiña este nome no ano 1290 designando a unha congostra existente xunto á muralla medieval, entre os camiños reais que partian dende a Porta da Pía cara Baiona e dende a Porta Bergán cara Porriño. Ou era unha corredoira que nacía no postigo das Estrabancas –única porta da nosa muralla medieval que se conserva, ocultada polo edificios do Cantón de Diomedes.
Por outra banda, en moitas cidades da Península atopamos este mesmo nome para nomear rúas: Corredera. en castelán, e Corredoura, en portugués. Lembro agora exemplos como Vitoria, Jérez, Córdoba, Murcia..., ou Caminha no inmediato Minho portugués. Estas correderas ou corredouras teñen a súa orixe vencellada á presenza de feiras de gando e a existencia inmedita ás mesmas dun espazo amplo e, especialmente, longo onde correr aos cabalos, onde probar as súas condicións físicas nos días do mercado. Co tempo acolleran espectáculos públicos ou de pasatempo social. Velaí o significado das Correderas ou Corredouras.
O diccionario etimolóxico Maria Moliner defiene unha das acepcións de “Corredera” como “sitio destinado a que corran por él los caballos. Algunas calles que lo fueron llevan ese nombre como propio”. Tamén en portugués enténdese por corredoura unha dupla acepción: lugar de passagem, mais ou menos largo ou lugar nas feiras, destinado às cavalgaduras (esta última coma veba propio do Alentejo).
E sabemos que na nosa “Corredoira” celebráronse dende finais da Idade Medias as tres grandes feiras anuais con que contaba Tui: a de San Telmo, San Bartolomeu e Santo André (as dúas primeiras aínda hoxe conservadas como feiras de cabalos, cada vez con máis éxito e participación). Resulta pois consecuente que houbese un lugar ou espazo para “correr” as cabaleirias. A propia estructura da rúa, ampla e recta, resultaría desta funcionalidade.
Non teño investigado verbo deste tema pero penso que esta hipótese non debe desbotarse; aínda que existise un topónimo medieval “corredoira” non é improbable que, andando o tempo, fose identificado con esta verba que designa unha función asociada ás feiras de animais, nomeadamente, de cabalos como as que se celebraban neste enclave. Se así fose ao noso principal paseo poderíamos chamalo con máis propiedade “Corredoura” en lugar de “Corredoira”.
No século XVII este lugar, ata daquela fora do recinto amurallado quedou abranguido dentro das novas defensas urbanas levantadas con motivo das guerras con Portugal, existindo ao fondo da “Corredera” a porta de San Francisco, pola que accedía o camiño real que ía ao Porriño, Vigo e Santiago, e no século XVIII tamén a ruta cara Ourense e a Meseta.
Houbo nesta rúa longa casas de fidalgos como os Correa, os Alemparte, estivo a Cátedra de Gramática (na zona dos soportais), o Hospital Real, o covento dos franciscanos, etc. Aínda hoxe conserva edificios egrexios como o antigo pazo dos marqueses de Mos (hoxe Xulgado), o seminario menor, o edificio do antigo casino (do arquitecto francés de asecendencia polaca afincado en Vigo Michel Pacewicz), o palco da música, as esculturas do Bispo Salvado (de Alfonso Quinteiro) ou os Cabalos de Xoán Oliveira.
Nada mellor que rematar estes comentarios cos versos de Manuel Lago González nun poema titulado “Lembranzas da terra”:
Tui, a dos vellos amores,
na memoria lle surdía,
toda de flores cuberta,
toda de groria vestida,
coa súa gran Corredoura
donde a xente andaba e viña
antre regueiros de luces
y-antre mares de alegría
,

Rafael Sánchez Bargiela

Comentarios

  1. Non andarías desencamiñado. Durante a baixa idade media Tui contou con dúas importantes feiras anuais, a de Pascoa e a da Virxe de Agosto. Feiras como estas, que serían de alcance rexional (non esquecemos o preito que moveu a sentencia de Fernando III en 1250, sobre os "abusos comerciais" do bispo e cabido, e a resposta violenta do concello). Estas feiras nalgún lugar se producirían, e o espazo máis acaido é certamente a Corredoira. Nela ubicaríase o mosteiro de San Domingos en 1272, e aínda era chamada así (Corredoira) a mediados do século XVI na documentación de foros do Convento da Concepción. Outra cousa é que se aplicase o adxetivo "extramuros" para diferenciala da Corredoira interior, aquela que ía por debaixo da igrexa de Santa María da Oliveira e que si puido ter unha orixe "rural", xa que puido indicar unha corredoira ao exterior do recinto murado altomedieval.
    Pola contra para afondar a probable utilización da nosa Corredoira como campo de feiras, non só haberá que ver o seu emprego en séculos modernos (que tampouco é moita proba) senón que algúns indicios poderían levarnos por ese camiño.
    Un primeiro é que o nome corredoira, en galego, non pode aplicarse ao noso espazo emblemático, xa que é perceptible que era un espazo aberto desde a baixa idade media e polo tanto non aplicable o valor semántico (practicamente único que se lle da en galego pero o seu significado medieval puido conservarse no portugués e no castelán). Ademais hai que ter en conta os achádegos romanos (alto imperiais e tardorromanos) no Casino Vello e mais baixo a mesma Corredoira, o que traza unha compoñente ben diferente ao significado que puido ter na idade media este espazo "urbano"? de Tui.
    Por último sinalar o comentado no propio post, a porta das Trabancas e a súa Torre (aínda conservadas) e que por analoxía con Pontevedra significaría os postos de comercio que se instalaban nos mercados (en Pontevedra tamén existía unha porta das Trabancas e que se abría ao mercado.
    Polo tanto, e dito isto, será bó analizar coa información que posuimos a importancia da Corredoira, e quizais desterrala dese espazo semirural ao que a documentación nos levava.

    Un saúdo e felicidades por este marabilloso blog.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le