As datas do Nadal e o Aninovo son propensas á formulación de desexos, de bos desexos, que enchen páxinas de xornais, emisoras de radios e os nosos teléfonos móbiles con numerosos “sms”, pelexando por unha difícil orixinalidade. Ao rebufo deste ambiente xeralizado dende este blog quereriamos formular unha proposta de cara ao vindeiro ano, a piques de comezar, para que fose, alomenos, considerada polas instancias correspondentes.
Semella que neste novo 2009 podería iniciarse a construcción do novo centro de saude de Tui, a ubicar na parcela que ocupou a Praza de Abastos na rúa Casal Aboy. Sen entrar a valorar a idoneidade da súa ubicación, en absoluto óptima pero posiblemente a única posible no centro urbán tudense, gostaríamos dende este blog formular unha iniciativa ao respecto. Pero cómpre realizar un doble prantexamento incial, sen esquecer que estamos xa en período de adxudicación deste proxecto por parte da Consellería de Sanidade.
Por unha banda, este edificio de carácter público ou institucional ocupará un lugar privilexiado na nosa cidade, cunha finalidade asistencial; un espazo público tanto no seu ámbito exterior como interior cómprelle unha arquitectura funcional ao servizo desta finalidade e que artelle o espazo público circundante, especialmente pensando na futura praza ou parque público inmediato e na presenza do antigo edificio “San Paio” (hoxe biblioteca e teatro municipal).
Paralelamente non podemos esquecer que este novo edificio ubícase nunha cidade declarada Ben de Interese Cultural na súa categoría de conxunto histórico, e o patrimonio cultural é a principal sinal de identidade da nosa cidade e, paralelamente, o seu máis importante recurso económico. Pero o patrimonio tudense no soio debe ser conservado e posto en valor; na nosa cidade é imprescindible “crear” patrimonio, novos elementos que polas súas características enriquezan, dende prantexamentos contemporáneos, o noso conxunto patrimonial, para que andando os anos figuren nas guías turisticas ou nos roteiros culturais tudenses.
A construcción do novo centro de saude é unha oportunidade neste sentido que é imprescindible non desbotar. Non é de recibo realizar nunha cidade coma Tui un novo centro de saude semellante ao “adefesio” actual, na Praza de Galicia, que cando menos no seu aspecto exterior é un exemplo de feismo arquitectónico. A propia Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia ten realizado edificios similares recoñecidos con diversos premios, como exemplos de boa arquitectura. Poderiamos citar exemplos coma o Centro de Saude de Miño (A Coruña) de Irisarri e Piñeira Premio FAD 2005, ou dos mesmos arquitectos o Centro de Saude de Domaio (Moaña) seleccionado para o premio europeo Mies Van der Rohe 2001, o de Viveiro de Manuel Gallego Jorreto, ou o do barrio de Coia (Vigo) de Alfonso Penela, etc. Exemplos extraidos dunha sinxela búsqueda a través de google, evidenciando a posibilidade de levar adiante esta proposta.
Resultaría unha feliz iniciativa que a construcción deste novo centro asistencial tudense contribuise a unha mellor atención aos cidadáns do seu ámbito e que, paralelamente, promovese o enriquecemento do singular conxunto arquitectónico de Tui. Non é unha utopía cómpre únicamente vontade dos responsables institucionais desta obra.
Totalmente de acordo con todo o proposto. O que non me convence é a nova ubicación do centro de saúde, xa que a mesma adoece de espazos de circulación e accesibilidade, quitando a Área Panorámica e a rúa Casal Aboy dun lugar máis acorde con outros mesteres.
ResponderEliminar