Ir al contenido principal

Ezequiel Ordoñez González


A vila e concello de Ponteareas foi lugar de nacemento de numerosos persoeiros que no mundo da política acadaron importantes e significativos postos xa no mundo parlamentario ou no goberno de España. Unha familia, os Bugallal, lograron instaurar no distrito de Ponteareas e noutros lugares do sur de Galicia, nas últimas décadas do século XIX e primeiros anos do XX, un control intenso da vida política e, sobre todo, dos procesos electorais no que Enrique Hervés nomeou como “unicato bugallalista”.
Saturnino Álvarez Bugallal, Gabino, Isidoro ou Dario Bugallal Araujo, Senén Canido Pardo, Luis Usera, Manuel Fernández Barrón, son representantes desta ampla “familia” política. Pero dende outras liñas políticas non podemos esquecer nomes Antonio Domínguez Prieto, Emiliano Iglesias Ambrosio, Alejandro Viana Esperón ou Amado Garra Castellanzuelo, que ficou sempre as portas do Parlamento non acadando, a pesar da sua fama, acta de deputado nos comicios aos que presentouse.
Pero nesta longa relación non é habitual facer mención doutro importante político que foi nado na vila de Ponteareas: Ezequiel Ordoñez González. Era seu pai José Ordoñez Domínguez, que sendo capitán retirado foi nomeado como Comandante de Armas da vila do Tea. Casado coa tudense Teodora González Aznaga tivo en Ponteareas, no ano 1843, ao seu primeiro fillo, Ezequiel. Rematado o mandato retornaron á vella cidade episcopal onde no ano 1847 naceu outro fillo, Leoncio.
Seguimos o relato do polígrafo tudense Manuel Fernández-Valdés Costas para ilustrar os incios da vida pública de Ezequiel Ordoñez: “Moi novo pasou a Madrid para estudiar Dereito e para ser menos gravoso aos seus pais, entrou como amanuense ao servizo do poeta Campoamor. Cóntase que un día estalou en Madrid un pronunciamento, tan frecuentes no século XIX, e había unha dura loita polas rúas. Non era posible circular, tras o toque de queda, sen un salvoconducto especial. Pero naquela noite, como todas, Ordoñez non fallou á súa cita na casa do poeta das “Humoradas” e este ficou tan agradecido a esta proba de adhesión, que converteuse no seu protector, ata a punto de casalo cunha rica orfa que era a súa pupila”. O poeta Campoamor dedicoulle o mellor do seus “Pequeños poemas”, o “Don Juan”. Pola súa banda, Ordoñez escribiulle o limiar a unha edición do poema “El drama universal”.
De seguro que, como froito desta relación co poeta asturiano Ramón de Campoamor, Ezequiel Ordoñez comezou tamén a escribir colaboracións en diversos medios periodísticos, entre eles o “Boletín Diplomático”.
Ezequiel Ordoñez foi, de sempre militante do Partido Conservador; andando os anos sería do sector de Romero Robledo, a quen lle unían lazos políticos e familiares, así o seu fillo Mariano Ordoñez García (que foi Ministro de Gracia e Xustiza e logo de Facenda) casou coa filla de Romero Robledo.
Accedeu ao Congreso dos Deputados no 1876 resultando elexido polo distrito de Cuenca, nas seguintes eleccións de 1879 saira elexido polo distrito de Tui repetindo a súa elección en once oportunidades ata 1901. O seu fillo Mariano Ordoñez continuará a “tradición familiar” e será elexido deputado polo distrito tudense entre 1903 e 1923. Podemos comprobar coma a familia Ordoñez exerceu un ferreo control político na cidade de Tui e na bisbarra do Baixo Miño ao longo de máis de cuarenta anos. Un control evidenciado tamén na vida municipal e na vida política local.
É curioso comprobar como nos anteriores comicios de 1863, xusto antes do parentese da I República, outro pontearean accederá ao Congreso polo distrito tudense, Saturnino Álvarez Bugallal, nun intento deste grupo familar por acceder ao control político deste distrito que ao fracasar deixou o camiño aberto a Ezequiel Ordoñez.
Entre outros cargos públicos foi vocal do Consello de Sanidade, Director Xeral de Correos e Telégrafos, de Obras Públicas e de Beneficencia e Sanidade así como Subsecretario do Ministerio de Ultramar, en 1892. No Congreso dos Deputados foi durante varios anos secretario e finalmente vicepresidente, entre os anos 1876 e 1883.
De seguro que a experiencia acumulada nos cargos políticos desenvolvidos posibilitoulle a base de coñecementos para a edición dun libro titulado “Guia del ferrocarril del Norte”.
No ano 1903 foi nomeado polo Rei de España, senador vitalicio ocupando a vacante producida polo pasamento de Antonio Abellán Peñuela, marqués de Almanzora. Finou en Madrid o 20 de outubro de 1918, sendo soterrado na Sacramental de San Isidro.
A figura de Ezequiel Ordoñez está vencellada, ao longo das últimas décadas do século XIX, a múltiples iniciativas de obras públicas e desenvolvemento social e económico do sur de Pontevedra: construcción da vía ferrea, da ponte internacional de Tui, etc. Paralelamente a súa figura é un exemplo sobranceiro da vida política da Restauración, amosando coa súa traxectoria política o funcionamento do sistema, especialmente o férreo control que algunhas elites sociais e políticas mantiñan sobre a vida politica do noso distrito electoral. Namentras os Bugallal controlaban os distritos de Ponteareas, Bande, etc. Ordoñez, primeiro Ezequiel e logo o seu fillo Mariano, dominaron a vida política do Baixa Miño ao longo de case cinco décadas.

Rafael Sánchez Bargiela
Editado en "Pregón, revista da festa do Corpus Christi de Ponteareas" 2008, pp. 58-59.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Lembranza agradecida a Xabier Añoveros

Onte á tarde, nos comezos de setembro, cando xa as horas diúrnas minguaron, o aire nos anticipa a proximidade do outono e as conversas se centraban nestas intranscendencias, recibín a triste noticia do falecemento, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, de Xabier Añoveros Trías de Bes, navarro de berce, barcelonés de vida e traxectoria e tudense de corazón.   “ Tuy (con i grego como adoitaba a escribir pois con este arcaísmo semellaba reflectir mellor a antigüidade da nosa cidade) es una ciudad de la que estoy enamorado desde hace muchos años ” e, como é propio dun noivo, a esta vella cidade lle ten dedicado horas, estudos, e moi especialmente un agarimo permanente centrado na súa querida “Casa da Canicouba”. O seu noivado e posterior matrimonio con Julia García-Valdecasas Salgado, filla da tudense Julia Salgado Peñarredonda, o ligou dende 1968 a este outeiro pétreo sobre o Miño, que é Tui. Non sei se foi a longa tradición tudense da familia de Julia, o rico arquivo da Casa da Ca...